\'A noite da aurora\' de Camilo Gonsar

September 11, 2017 | Autor: Manuel Forcadela | Categoria: Galician Studies, Galician Literature
Share Embed


Descrição do Produto

A NOITE DA AURORA DE CAMILO GONSAR Por Manuel Forcadela Universidade de Vigo A obra de Camilo Gonsar (Sarria, 1931) comeza a ser contemplada como un dos grandes procesos creativos da literatura galega contemporánea. Home pouco dado aos excesos e totalmente refractario ás exhibicións, resulta a súa unha figura insólita polo que ten de secreta, mesmo de clandestina, dentro dunha cultura que xa o é de por si, forzada como está a se manter nunha subalternidade que, en moitos casos, conduce ao anonimato dos seus protagonistas. Malia todo isto, a obra de Gonsar foi facéndose ao longo dos anos que median desde a publicación da súa primeira peza (Lonxe de nós e dentro, 1961) e a actualidade cun apaixonado e fiel grupo de lectores, entre o que nos incluímos, e, mesmo, de seguidores entre as xeracións máis novas de narradores, o que lle outorga, aos seus máis de setenta anos, unha posición de clásico vivo sobre o que a crítica máis académica debera deitar a súa ollada analítica, toda vez que se trata dun autor clave dentro do proceso modernizador das nosas letras contemporáneas. Queremos, por tanto, instar desde aquí a unha indagación seria e fonda sobre a súa obra, indagación que nestes momentos comeza a se botar en falta, do mesmo xeito que se botan en falta perspectivas analíticas das obras dos seus compañeiros de xeración, conformadores dos procesos que levan, desde os anos sesenta, a definir a narrativa galega actual e sen os cales deixa de ser intelixible o fluír desa tradición. A recente publicación de A Noite da Aurora (Galaxia, 2003) vén culminar unha vida de dedicación á literatura ao tempo que reúne, mesmo como un resumo, moitas das características dos seus textos anteriores, regresando, se cadra, ás orixes dun modo de concebir o texto narrativo que xa ubicamos no seu día dentro da Nova Narrativa Galega. Libro que propende ao enigmático e ao sutil, precisa dun lector cómplice que saiba entender os trazos estilísticos que desde o mesmo inicio se nos van presentando diante da ollada, sempre desde ese “grao cero da escrita” que o seu autor se empeña en practicar, xustamente como un sinal de identidade do seu proxecto. Mais ese afán de escrita sen resaltes, sen aristas e sen protuberancias, resulta ser, paradoxalmente, moi significativo, sendo este un aspecto que parece redundar nunha continuidade de significado entre a ficción e a dicción do seu discurso, entre o que se nos conta e a maneira en que se nos conta. Queremos dicir que se unha das teses que formularía a novela (e Camilo insistiría en que as novelas non teñen teses) fose a da identidade, a de sermos ou non sermos en tanto que meras coincidencias, simples encrucilladas, do fluír do espacio e do tempo, o discurso que nos funda remitiría en última instancia a si mesmo de xeito que calquera vontade estilística, levada a cabo como proxecto persoal, de plasmación da “personalidade do autor”, sería va e inconsecuente. Seríamos, por tanto, meros cruces de camiños que o vento da linguaxe atravesaría, dando unha melodía peculiar en cada caso, do mesmo xeito que é característica a canción do vento en cada piñeiro, en cada souto, en cada praia. Neste sentido, a novela resulta unha fuxida da autoría, como se negase esa posible “novela á procura dun autor” que pretende ser, en realidade, moito texto novelesco. Curiosa, sen embargo, a perspectiva autorial, a maneira en que o fío discursivo se vai elaborando, como se ninguén estivese disposto a se facer responsable da súa enunciación. Máis que desde un “eu conto” a fluencia brota desde un “cóntase”, esa impersonalidade que xustamente pon o acento na linguaxe, a linguaxe metáfora do tempo e do río que impregnan todo o discurso da novela. O paradoxo brota xustamente de como ese “cóntase” acaba por se converter na marca peculiar do autor. Un “cóntase”, por certo, que Camilo Gonsar vén ensaiando desde os seus primeiros libros e que agora parece acadar unha suficiencia descoñecida grazas a unha escalonada disposición de voces narradoras

1

que, á súa vez, son voces de voces, narradores que contan o que escoitaron doutros narradores. Así este “sabemos o que dicimos” fronte ao “dicimos o que sabemos”, outorgándolle, xa que logo, plena prioridade ao discurso, facendo do discurso a raíz do coñecemento, convértese nunha das zonas temáticas que, de xeito alegórico, semellan percorrer o libro. Estamos, sen dúbida, perante o Gonsar máis filosófico, acaso máis profundo, que dá un salto na súa evolución narrativa, abandonando a etapa anterior de crítica do cotián, comezada a partir de Desfeita e continuada ata Ao redor do non, e na que o carácter referencialista do seu discurso, sempre enfocando a realidade galega do noso tempo, cede o paso a unha estructura de tipo parabólica, como se o verdadeiro afán, lonxe de pretender se incardinar no real, fose o de elaborar unha fábula de índole heraclitiana. Esta raíz pre-socrática do seu discurso non é, nin moito menos, un delirio do autor destas liñas, senón que brota a partir da “vila do interior con río” na que se desenvolve a parte central da novela e vén, indirectamente, sinalada polas citas que a anteceden. O centro espacio-temporal, vinculado ao núcleo fabulístico máis, chamésmolle así, realista, contrasta coa marxe espacio-temporal que resulta do encontro entre o presunto narrador e o personaxe que procede a relatarlle a novela: a cidade islandesa de Reikiavik. Islandia e Galiza, Reikiavik e P (unha Sarria outra vez transcendida), establecen así unha polaridade semántica de enorme transcendencia que ten que ver non só coa oposición espacial senón tamén coa temporal (agora-antes), enunciativa (autor-personaxe) e simbólica (marxe/centro), nun proceso de construcción de significado sumamente elaborado por quen (o autor) paradoxalmente descré de si mesmo como “verdadeiro” constructor do discurso. Esta polaridade simbólica mencionada desenvolve igualmente o tema da estranxeiría, do pertencer a unha terra e a un tempo, constituíndose a novela, neste sentido, nunha reedición da fábula do viaxeiro, daquel que regresado á súa terra de orixe encontra que esa terra xa non é a que era, de maneira que o seu percorrido de regreso foi, certamente, inútil. Tema que poderíamos denominar, sucintamente, falacia do regreso. Cremos, neste sentido, que a novela dialoga con outra das máis difundidas do seu autor. Referímonos, claro está, a Cara a Times Square, obra na que o tema da identidade se resolve a través do empurrón ao mar que o Belga (falsamente belga) recibe por parte do seu compañeiro de aventuras nocturnas. Se aquel personaxe era un galego falsamente desposuído da súa identidade (a falacia do apátrida), agora encontramos a un galego que non encontra a súa identidade por máis que se nos presenta coa vontade consciente de encontrala. Deste dobre xogo, o da forza centrífuga (de quen foxe da súa orixe sen poder obviala) e o da forza centrípeta (de quen regresa á súa orixe sen poder encontrala), nútrese a obra de Gonsar que, neste sentido, consegue fechar un círculo cognoscitivo e especulativo de evidente interese. Así, a novela constrúese sobre dúas citas iniciais que resultan de todo punto pertinentes. Unha, de Manuel Antonio, resume o fragmento heraclitiano, tan ausente no discurso como presente na fábula de Gonsar, sobre a imposibilidade de retornar ao tempo-río: “Un día fixo-se ao mar / c´a parola ceifada nos beizos / E xa nunca volve”. Outra, de Vicente Risco, que analiza o mito dos ríos como seres vivos, monstruosidades de orixe divina ás que os humanos deben entregar as súas víctimas propiciatorias. O sistema actancial establécese a partir do actante Evocador, personaxe que lle corresponde a Lor (río, como Ler, Lerez, sobre unha etimoloxía arcaica), que leva a cabo a (re)construcción dunha parte da súa existencia, reconstrucción á que, por veces, asoma tanto a sombra de Desfeita como a de Como calquera outro día, toda vez que se ubica nos anos cincuenta, por unha banda, e relata o vivir de mozos, por outra, máis ou menos alienados nunha pequena vila rural. Así, o discurso de Lor é o discurso do río, da fluencia, do verbo,

2

da linguaxe, do tempo, en definitiva, o eixo sintagmático que actualiza o paradigmático e que sinala o devir das cousas. Este Evocador rememora a súa mocidade xunto a personaxes como Cibias, Boro, Elsie, ou Amadeo. Correspondéndolle a este último o actante de Sentenciador, nun modelo de personaxe que nos lembra ao “profundador” de Risco (O porco de pé) e Castelao (Os dous de sempre). A relación entre o Evocador e o Sentenciador establece un diálogo de traxedia grega no que, mentres o primeiro sinala a particularidade dos feitos ocorridos e fai mención expresa á súa sorpresa sobre o cariz que toman os acontecementos ao seren recordados, o segundo, a xeito de coro, establece a esencia do acontecer, do devir, nun conxunto de xoias que son, ao mesmo tempo, verdades de Perogrullo e verdadeiras emanacións do Oráculo: “Estarás, pero non estarás”. E velaí que asoma unha das peculiaridades que sempre foron unidas ao facer de Gonsar en tanto que narrador: o de saber extraer os matices filosóficos da realidade, mesmo da máis anodina, que el sempre se empeñou en retratar, como se o obxecto da súa reflexión fose, verdadeiramente, o establecer o diálogo entre o presente e a eternidade que parece sinalar esta relación entre personaxes que vimos de mencionar. O home vulgar, alienado, que, sen embargo, non pode deixar de vivir no seu imaxinario, na súa peculiar maneira (sempre ideolóxica) de comprender a relación da súa conciencia co mundo real, un mundo real que permanece alleo e inaccesible, inalterable malia a vontade de incidir no seu devir. Un home que asoma regresado da súa ilusión, da súa fantasía, para comprenderse como mero obxecto, mesmo como se por esta vía se puidese regresar a unha nova formulación do obxectalismo que, dalgún xeito, segue latente no discurso de Gonsar, malia non o ter practicado dun xeito tan formal como, por exemplo, o Ferrín de Arrabaldo do norte. A Noite da Aurora é, neste sentido, un texto fundamental. Agranda e fai proliferar as claves de anteriores entregas, como se existise unha vontade por parte do autor de fechar un círculo, regresando de aventuras que fixeron oscilar a súa obra ao longo dos oitenta e dos noventa (a partir de Desfeita e continuando con Cemento e outras historias e Ao redor do non) e retomando modos narrativos e actantes (palabra que Camilo Gonsar rexeitaría) que nos recordan as súas primeiras ficcións. Se aquelas primeiras obras caracterizábanse por catro grandes trazos ficcionais: a itinerancia de personaxes anti-heroicos, a contención estilística, o conceptualismo e o minimalismo, a esas características Gonsar parece engadir agora unha máis: a que poderíamos denominar denuncia da falacia autorial. Tempo e identidade (Sein und Zeit) serían, así, as dúas polaridades dalgún xeito esenciais arredor das que se elabora todo este discurso. O tempo que un dos personaxes tenta definir na páxina 183, no inicio dun capítulo denominado xustamente O Tempo, cando comenta: Por unha parte era ben certo que nada existe fóra do tempo. Pero, por outra, nada existe tampouco dentro del. Pois o tempo é pasado, presente ou futuro, non hai máis. Pero o pasado xa non existe, o presente está continuamente deixando de existir, e o futuro aínda non existe. - Polo tanto ¿que queda? Nada. Tal é a conclusión á que chegaba Lor. - Xa sei que non digo máis que vulgaridades. Pero era un problema que o afectaba, que afectaba a todo o mundo, de sorte que, a non ser que fósemos verdadeiros xenios, non había máis remedio que pensalas e caer nelas.

E a Identidade do propio Lor que, consciente da falacia do regreso, comenta na páxina 193: - Direiche que nunca me sentín tan estranxeiro. E repetía a profecía de Amadeo: Estarás, pero non estarás.

Celebramos esta nova entrega de Camilo Gonsar e celebramos, igualmente, a sabedoría do seu discurso que nos segue abrindo camiños aos que, por fortuna, mantemos as

3

constantes (non só vitais senón tamén perceptivas) que nos permiten gozar cos seus oráculos. Que o río siga a fluír. Vigo, xullo do 2004

4

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.