A relación de Carlos Casares co mundo da infancia: os anos do pensador da cultura (1968-1985)

Share Embed


Descrição do Produto

A relación de Carlos Casares co mundo da infancia Os anos do pensador da cultura 1968-1985 MONTSE PENA PRESAS

S

e algo é evidente, é que Casares nunca compartiu o prexuízo anterior, porque precisamente esa falta de libros para nenos foi unha preocupación constante ao longo da vida do intelectual, mais sobre todo na etapa que se alonga entre 1967 (ano de composición, que non de publicación d’A galiña azul) e 1985, data en que comeza a considerar que xa se deron os primeiros pasos para a construción dunha literatura infantil e xuvenil (de agora en diante, LIX) futura1. Por este motivo, pero tamén porque ata o de agora a súa contribución ás letras para a infancia e a mocidade tense estudado analizando unilateralmente a súa produción autorial ou citando, se acaso, as súas traducións (cuxa listaxe esta aínda incompleta, como se verá), voume centrar neses escasos vinte anos. Porque neses anos Casares nunca deixa de ollar cara ao campo de produción da literatura infantil (moi incipiente nese momento) aínda que os espazos temporais entre as súas creacións semellasen, ata o de agora, indicar outros camiños. Porén, a primeira idea que cómpre deixar clara para abordar a relación de Casares co mundo da infancia é que a súa actividade en relación á LIX non se limitou a crear, senón tamen a traducir e a editar, mais sobre todo a formular, a pensar, en definitiva, a soñar os libros infantís e xuvenís galegos do futuro.

Casares escritor para a infancia Aínda que xa falei noutro lugar máis pormenorizadamente (Pena Presas, 2007) da actividade de Casares como escritor para nenas e mozos, con-

80

vén facer un sucinto repaso a todas as angueiras que levou a cabo durante este tempo. En 1968 comeza a súa implicación neste eido literario ao tirar do prelo A galiña azul. O conto, un canto á liberdade, á imaxinación e á necesidade de ser diferente, inaugurará unha narrativa fortemente vencellada aos elementos populares (en que os animais sempre teñen algo que nos ensinar), á maxia do absurdo e á fantasía. Axiña se converterá nun referente, xa que gaña o I Concurso de Contos Infantís convocado pola Asociación O Facho da Coruña, ao que seguramente se presentou animado por Ramón Piñeiro, como se verá máis adiante. O interese do escritor no ámbito da literatura infantil estará centrado sobre todo no seu compromiso co idioma e no seu compromiso coa cultura, e coñecedor da escaseza de textos en galego para o público máis novo. Nos cinco anos seguintes, a actividade literaria de Casa- res céntrase de cheo na dedicación aos escritos infantís e xuvenís. Este será o período máis compacto que o autor lle dedica a esta actividade e que só se verá interrompido en 1969 pola publicación de Cambio en tres. En 1972 traduce O principiño (aínda que dela nos ocuparemos máis tarde, ao falar das traducións), que se erixe nunha peza máis da poética e da obra cultural de Carlos Casares2, que comeza definitivamente a abandonar os experimentos formais e estilísticos para procurar a sinxeleza. A oración máis curta e cunha lingua máis accesible é xa visible nunha obra dramática (a única en toda a produción casariana) editada só uns meses

O ESPELLO DAS LETRAS

Montse Pena Presas Xxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxx

despois da tradución. En 1973 publícase As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, unha historia que garda o pouso do seu tempo, ao amosar que a sociedade se desenvolve mellor sen forzas que a repriman e tiranos que a satanicen. O feito de que Casares volva acadar con ela a primeira edición dun premio de literatura infantil (o de Teatro para nenos da asociación O Facho), fai que sexa evidente que, como el mesmo recoñeceu nalgunha entrevista (Outeiriño, 2002): “Quizá la escribí porque se convocó ese concurso”. Un grandísimo acerto se temos en conta que, ademais, como se pode apreciar nunha folla de liquidacion de dereitos que Galaxia lle remite a Casares en 19803, As laranxas… é a obra que máis beneficios lle reporta ao autor con diferenza: 824 exemplares vendidos, que lle supoñen naquel momento 16.840 pesetas (para que vos fagades unha idea A galiña azul só vende 122, seguramente debido a que As laranxas… era unha das poucas pezas teatrais que había publicadas en lingua galega naquel momento). Ata 1983 Casares non retoma o seu labor como autor para o público infantil, publicando unha sinxela narración, O can Rin e o lobo Crispín, que será o quinto volume da nova colección de Galaxia para os máis novos, A Chalupa, estreada ese ano como resposta ás novas necesidades xeradas. Nel volven aparecer os elementos característicos da escrita infantil casariana, aínda que adquire un relevo especial o pouso da cultura galega tradicional. Fóra das datas en que se enmarca este traballo, o noso autor iniciará en 1991 a serie de Toribio con Este é Toribio, prota-

Recordo na casa, unha estantería pequeniña, como de casa de bonecas, que fixera Carlos, na que gardaba uns contos que viñan cos paquetiños do azafrán. Tiñan un formato parecido aos minilibros de Galaxia. Na tenda de ultramarinos de José Ramón, que era onde mercaba a nosa nai, regalábanlle aqueles que sobraban. Estes libriños, xunto cos cómics da época, como Suchai, o Cachorro, ou os TBO, deberon ser as súas primeiras lecturas. Xabier Casares Mouriño

Creo que teño escrito aquí mesmo nalgunha outra ocasión que unha das moitas carencias da nosa cultura é a falta de libros para nenos. Hai nos escritores españois en xeral un prexuízo bas- tante estendido respecto deste tipo de literatura. Non ocorre así noutros países, onde é frecuente que grandes novelistas e poetas consagren parte da súa obra á creación para os pequenos. Como consecuencia desta actitude, en Galicia apenas temos produción propia, de xeito que os nenos e os seus educadores dispoñen dun número moi escaso de lecturas onde escoller. Carlos Casares. “A ledicia de ler”

1. 1985 é unha sorte de annus mirabilis para a LIX galega: comeza a publicarse Xabarín, colección de Xerais centrada en traducións de obras clásicas para o galego; Paco Martín dá ao prelo Das cousas de Ramón Lamote, que ao ano seguinte gañará o Premio Nacional de Literatura Infantil do estado; e comeza asentarse unha nómina de autores de literatura xuvenil. Para saber máis sobre isto, consúltese Pena Presas, 2008. 2. De feito, como é sabido, co texto de Saint-Exupéry manterá unha moi especial relación, que o levará a coleccionar edicións en diferentes linguas desta famosa obra. 3. Nota que se pode consultar no arquivo persoal do autor, na Fundación Carlos Casares.

81

gonizada por un rapaz inventor de oito anos, que xunto a científicos mundiais loita contra o profesor Smith, prototípico carácter que encarna o mal. A serie é de novo pioneira, xa que non existía ningunha destas características en galego. De novo, Casares pon a súa escrita ao servizo das súas tarefas como editor: achega a súa creatividade naqueles momentos en que os proxectos culturais vencellados a Galaxia o precisan. Entendo neste mesmo sentido a última obra con que Carlos agasalla as receptoras e receptores infantís, Lolo anda en bicicleta (1996), dado que serve para inaugurar a colección Bambán, que Galaxia comparte con Editores Asociados.

Unha poética para a infancia: o engado da fantasía cotiá Todas as obras de Casares comparten un elemento común, ao beber da fantasía sen deixar escapar a realidade. O propio autor ten claros, xa en 1973, cales son os elementos principais da súa poética para a infancia cando sinala que non lle agrada a literatura que se adoita facer para nenas e nenos, chea de fadas e de personaxes irreais porque a eles o que lles gusta é a “fantasía do real” (Outeiriño, 2002: 89). Esta fantasía do real combínase maxistralmente co humor, outro dos condimentos fundamentais da escrita casariana, que toma en boa parte das historias de tradición popular4. Porque como el mesmo recoñece, admira eses escritores anónimos que escribiron todos eses contos que durante anos contaban os maiores á beira do lume (Castiñeira et al., 1980). Unha breve ollada aos seus artigos xornalísticos permite xa constatar como esa fantasía realista e o humor se confunden, e que certos personaxes dos contos pasan aos artigos xornalísticos, como certos episodios da vida real pasan a formar parte da súa literatura. Así, Leoncio, o tolo da vila d’A galiña azul, inventor dun curioso idioma coñecido como “papapío” era tamén, na realidade, o toliño do Xinzo de Limia que viviu Casares. A el dedícalle unha columna de “A marxe” de 1999, porque se decata que a súa imaxe se está a borrar: Recordo del apenas un sorriso, unha maneira de andar característica, moi marcada, como cambaleando, e o xesto preocupado que puña cando se quedaba mirando, igual que se fose inspector, para os altos dos postes da luz. (Casares, 1999)

Noutras ocasións, é o propio autor quen recoñece abertamente como a realidade se coou na fan-

82

tasía, probablemente por ser igualmente sorprendente. Nunha visita a un centro escolar narrada nunha Marxe, Casares explica como lles contou unha anécdota real que introduciu nun libro infantil (posiblemente As laranxas…, en que estas froitas son contedoras doutros obxectos igualmente sorprendentes): O suceso ocorreu en Suecia, hai anos, e foi que un día, cando nos erguimos pola mañá, un dos pequenos estaba subido nun tallo diante da cociña, onde tiña a cocer unha pota enorme na que fora metendo todo canto atopara na alacena: fariña (un paquete), fideos (outro), azucre (igual), sal (outro tanto). E ademais, un bote de marmelada, un queixo e dez ou doce coitelas de afeitar. (Casares, 1998)

Segundo narra no mesmo artigo, as nenas e nenos riron ás gargalladas. Porque se algo resulta evidente é a enorme conexión que o escritor logrou con este lectorado, como acreditan as numerosas cartas de escolares que se poden atopar na Fundación que leva o seu nome e que el sempre contestaba, como lle confesa nunha entrevista a Viale Moutinho (2004), na que tamén se amosa consciente do seu éxito con este público. Esta certa predilección pola súa figura explícase nun duplo sentido: por unha banda, nesa idade a mestura de universos posibles non resulta chocante, senón desexable e, pola outra, como afirman algúns dos que o coñeceron, Casares tiña un verdadeiro neno dentro. Só así se entende o seu gusto polas linguas secretas, como o papapío —para entenderse coas formigas e os paxaros— e o lingú, especie de esperanto que lles permite aos heroes de Toribio comunicárense con todas as persoas do mundo. El deixábao ben claro, na entrevista realizada polo grupo de escolares en 1980, xa citada anteriormente: “A min gústame escribir para nenos por varios motivos que son os seguintes: primeiro, porque penso que ao escribir para nenos se escribe para o futuro, e segundo porque cando un escribe para nenos faise un pouco máis xove” (Castiñeira et alii, 1980).

Casares como mediador cultural: entre o gusto pola tradución e as necesidades dun campo literario incipiente Nun contexto social en que era evidente que faltaban todo tipo de títulos para a infancia, Casares vaise ocupar tamén de fornecer ao lectorado

Ilustracións de Luís Seoane para As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, 1973

en formación libros que el considera fundamentais na historia da literatura universal por un motivo primordial: a concepción de que a cultura galega debía incorporar clásicos de todos os tempos e de todas as tradicións para así estar no mundo, existir. Debido a isto, como xa se dixo anteriormente, en 1972 tira do prelo a tradución da obra de Saint-Exupéry Le petit prince, baixo o título d’O principiño. Pese ao éxito desta e ao gusto do intelectual pola tradución, este non volverá á angueira ata finais dos anos setenta, cando as necesidades de tradución se multiplican polas esixencias da introdución do galego do ensino. Así, en 19795 Casares retoma o seu labor como tradutor levado tanto polo entusiasmo da época en que a literatura infantil galega era unha empresa ilusionante coa misión de gañar lectores, coma, sobre todo, polas urxencias e requirimentos de diferentes editoriais. Nese momento, versiona tres libros da colección “Sendoa / Os primeiros libros dos nenos”, da autoría de José Luís García Sánchez e de Miguel Ángel Pacheco: Eu son un neno, Eu son un peixe, Eu son un paxaro, para a editora Altea. A partir de aí, durante a primeira parte da década dos oitenta, a súa tarefa de tradutor de LIX intensifícase6. Isto

4. Neste sentido, cumpriría explorar a pegada que a literatura de Álvaro Cunqueiro deixou na pro- dución casariana para a infancia, así como tamén noutras obras de LIX, especialmente na década dos oitenta. 5. Xustamente o ano en que se promulga o Decreto de Bilingüismo, mediante o cal a lingua galega pasa a ser materia de ensino.

83

débese a que, coa aprobación, da Lei de normalización lingüística en 1983 as urxencias de libros para nenas e nenos traídos dende outras linguas para o galego, aumentara. Mais non só iso: na Fundación que leva o nome do escritor, áchanse dous manuscritos que indican que Casares estaba traballando en dúas traducións que non lle foran encargadas, mais que tiña vontade de levar adiante, sen dúbida para contribuír ao enriquecemento das letras galegas. Como xa foi explicado polas profesoras Luna e Galanes (2012)7, trátase das versións galegas d’A illa do tesouro, de Robert Louis Stevenson, e de Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll. No caso do texto de Stevenson, o traballo estaba máis adiantado, xa que o manuscrito casariano abarca a totalidade dos capítulos IV “O cofre mariño” e V “O fin do cego”. En relación á obra de Carroll, a angueira era moito máis incipiente, xa que unicamente se atopa unha páxina do capítulo I “Polo toco do coello”. Ambos os manuscritos estan sen datar e foron situados “pola volta dos comezos da década de 1980” (Luna e Galanes, 2012: 45). Porén, nunha das páxinas do manuscrito d’A illa do tesouro atópase unha data en forma de selo que nos remite ao 23 de febreiro de 1980. Isto coincide coas opinións vertidas polo intelectual en diferentes entrevistas da época —especialmente na realizada por Castiñeira et al. (1980), na que Casares afirma que quedan moitas cousas por traducir para o galego, entre elas A illa do tesouro, Pinoc-

84

cio, as novelas de Xulio Verne, Tolkien e moitas outras—, polo que non semella ousado contextualizalas cun pouco máis de precisión no propio 1980. ¿Que propiciou que Casares non rematase estas traducións? Sen dúbida algunha as urxencias da vida diaria: o seu traballo como ensinante, as súas angueiras como escritor (a finais dos 70 estaba inmerso na redacción de Ilustrísima, novela que tira do prelo en 1980), as súas viaxes e todas as labouras para as que o requiría, en xeral, o mundo da cultura. O seu traballo como tradutor de LIX continuou, de xeito moito máis esporádico, e xa unicamente como paixón persoal, fóra da delimitación temporal á que me estou a referir. En 1989 traduce do sueco Os escaravellos voan á tardiña, de Maria Gripe. O ofrecemento para realizar este traballo faillo el mesmo ao editor de SM e Gran Angular, Manuel Barbadillo, tal e como este lle lembra nunha carta persoal que lle remite o 23III-19888. Semella que o plan inicial era traducir primeiramente esta obra para publicala en Gran Angular —colección xuvenil da editora—, para logo ocuparse d’Os fillos do vidrieiro, texto da mesma autora. Non obstante, o responsable desta última tradución acabou sendo Alexandre Pérez Rodríguez, de novo, seguramente, pola falta de tempo do escritor, pola imposibilidade de pechar todas as frontes abertas. A última contribución do Casares tradutor de LIX chegaría aínda en 1999 como un diver-

timento/homenaxe ao seu amigo Torrente Ballester, falecido nesa data. Nese ano publícase Domenica, a primeira e única obra infantil do escritor ferrolán, en SM. Resulta difícil saber se a tradución foi froito dun acordo entre os dous autores —a versión española tamén é do mesmo ano, ou se Casares decidiu facela impulsado pola súa perda (o cal resulta bastante lóxico, dado que Torrente non adoitaba ser traducido para o galego).

Casares soñador dunha literatura para a infancia: a preocupación polo futuro da lingua galega Tal e como veño explicando, Casares foi bastante máis ca un escritor pioneiro ao xeito convencional na literatura infantil, xa que tamén foi un divulgador da mesma nun tempo en que esta pasaba totalmente desapercibida. Por volta de 1973 —desafortunadamente non contamos coa data exacta, aínda que si podemos precisar que sucedeu despois da entrega do premio do I Concurso de Teatro Infantil Galego—, o autor imparte unha conferencia sobre LIX convidado pola Asociación O Facho. A conferencia consistiu nun repaso histórico deste campo literario, comezando no século das luces con Perrault, demorándose nos escritores do século XIX e presentando un estado da cuestión na Europa do tempo, para rematar co que ocorría na Galicia do momento. De novo atopamos aquí salientadas

Casares foi bastante máis ca un escritor pioneiro ao xeito convencional na literatura infantil, xa que tamén foi un divulgador da mesma nun tempo en que esta pasaba totalmente desapercibida

6. Dado que xa me referín polo miúdo a isto noutro lugar (Pena Presas, 2007), remito ás lectoras e lectores interesados a el para saber máis do Casares tradutor de LIX. 7. Cuxo traballo resulta referencial non só para coñecer o Casares tradutor, senón tamén para analizar a que outras linguas foron traducidas as súas obras e mediante que estratexias se levou a cabo este proce- so. 8. Este documento, coma outros de carácter persoal do autor, foron consultados no seu arquivo persoal, na Fundación que leva o seu nome.

85

Carlos Casares axente de acción da cultura galega estará atento ao xurdimento de novas coleccións e editoras, moitas delas de fóra do país, como consecuencia do movemento do sector do libro infantoxuvenil galego derivado da introdución da lingua galega nos colexios e institutos

dúas ideas que se repiten en moitos dos escritos do intelectual dos anos 70 e 80: é sorprendente que, nun país cunha tradición contística tan forte coma a nosa, houbese tan pouca dedicación á LIX e ao cómic, e os camiños que se deben procurar pensando nunha futura publicación periódica para este público. Nun traballo anterior escribín que: “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas dan paso a unha etapa de silencio, xa non do autor senón tamén do home de cultura total en relación ás letras para a infancia” (Pena Presas, 2009), aínda que existía un seguimento constante de textos literarios e didácticos destinados á infancia9. A través da análise da súa columna “A ledicia de ler”, esta idea vese poderosamente reforzada. Entre 1975 e 1985, o autor ocúpase ata en dez ocasións10 de materiais destinados ao público infantil e xuvenil, o que revela definitivamente a grandísima importancia que Casares lle outorgaba a este lectorado como depositario do futuro da lingua. A cuestión da escolarización en lingua galega era unha das problemáticas que máis lle preocupou ao autor neste tempo, pois sempre aparece nomeada dunha ou doutra maneira, e era unha das grandes incógnitas de futuro ás que se enfrontaba a sociedade de noso. A difusión da lectura en galego entre os máis novos era un dos seus obxectivos primordiais, como deixan patente os seus artigos xornalísticos. ¿Mais cal era a estratexia para chegar a un público que non tiña formación na súa lingua materna? Para conseguilo, unha revista infantil de periodicidade mensual parecíalle a mellor das ideas. Xustamente neste panorama xurdiu Vagalume, cuxo primeiro numero sae do prelo en xaneiro de 1975 tras diversos atrancos burocráticos11, creada por Xosé María Méndez Domenech, xunto con Agustín Bueno Rodríguez, Carmela Iglesias Pérez. Jacobo Rey Goldar e Eloy Isorna Artime. Escritores, como o propio Casares ou Neira Vilas, colaboraron esporadicamente nela, así como debuxantes como Siso, Oitalén ou Xiráldez. De novo pola

86

entrevista que Maribel Outeiriño lle fai a Casares en 1973, sabemos as expectativas que este tiña depositada nesta publicación. Preguntado polo futuro da nosa LIX, responde: Es un hecho muy reciente que se viene desarrollando en gran parte gracias a la promoción de O Facho. Antes de la guerra hubo intentos de hacer una revista infantil, pero me parece que no pasó de los dos números. Hay proyectos ahora mismo muy serios de editar un tebeo en gallego. Si la administracion se decide a dar entrada al gallego en la Enseñanza Primaria, habrá un problema de textos de lectura; será necesario escribir poesía, cuentos, teatro y novelas para niños, de lo que no hay practicamente nada. (Outeiriño, 2002).

Cómpre ter en conta como Casares confiaba entón no papel que podía xogar Vagalume como conformadora dun novo panorama para ese lectorado infantil galego que resultaba, por aquel 1973 no que se data a entrevista, un completo descoñecido. Así o demostra logo tamén nas sucesivas ledicias de ler que lle dedica á publicación: primeiro, celebrando a súa saída e sinalando que é unha achega “de calidade indiscutible”, feita “con grande atractivo e talento indubidable” (Casares, 1975). Dous anos máis tarde, cando se fan cargo da publicación Xosé Fortes, Moldes e Alfonso Pexegueiro, o autor volve dedicarlle unha columna para incidir na importancia da súa existencia (remarcando que resulta inescusable que ningún organismo se faga cargo dela) e na súa nova orientación, na que tamén teñen cabida os nenos (Casares, 1977). En 1978, debido aos problemas de financiamento que atravesa a revista e o desleixamento que certas institucións amosan con respecto a ela e a desidia doutras que outrora a apoiaran, Casares volve sobre ela. O seu ton, a súa linguaxe, entre outras cousas, convertérona para el “nun modelo do que debe ser unha revista deste estilo” (Casares, 1978). De novo,

As ilustracións de A galiña azul (1968) foron debuxadas coa ollada dos seus poucos anos, por Trichi, Ilda, Mima e Alberto García Alonso, fillos de Xohán Ledo

tras o seu interese está a preocupación de que vai pasar cando o galego chegue ás aulas, dado que tiña para si que a sociedade galega non estaba sendo consciente da problemática que ían atopar eses rapaces e rapazas que ían estudar unha lingua na que non había materiais. Por este mesmo motivo, moitas das súas outras ledicias de ler ocúpanas traballos de tipo pedagóxico ou formativo, como a saída d’A biblia dos nenos (The Bible for Young Christians) de A. M. Cocagnac e Rosemary Haugton, en versión de X. M. Pampín, Lois Rodríguez e Ánxel González Núñez, que celebra polas súas fermosas ilustracións e polas acertadas adaptacións das historias bíblicas para os rapaces (Casares, 1976); ou a publicación d’As nosas letras, un manual elaborado por Xoán Babarro para o ensino da literatura galega no segundo ciclo da EXB, que lle dá chanzo ao autor para falar de novo do problema que supón escolarizar nenos galegofalantes en castelán (Casares, 1978); ou a aparición do vocabulario elemental Choca, un traballo do profesor Xosé Xove que contaba con catro mil palabras e que para Casares constitúe “unha obra excelente, imprescindible como instrumento de traballo nun bo ensino do galego nas escolas” (Casares, 1982).

9. Isto podíase deducir do estudo de Vilavedra (2003) —que abarcaba unicamente 1975 e 1976— so- bre “A ledicia de ler”, a columna de pensamento e critica literaria que Casares mantivo semanalmente en La Voz de Galicia dende o 1 de xaneiro de 1975 e o 4 de xuño de 1992. 10. Pode non parecer moito, pero hai que ter en conta o número real de obras de LIX que saían do prelo neste período. 11. Dado que sobre Domenech, o seu principal impulsor, pesaba unha condena por propaganda ilegal, o que complicou bastante as xestions co réxime. De feito, a editorial constituíuse no ano 1973 en Santiago de Compostela e foi inscrita no Rexistro de Empresas Periodísticas en novembro de 1974.

87

No resto das ledicias, Casares céntrase principalmente en obras e coleccións que poden ser do interese da infancia e da mocidade, ocupándose sempre de facer unha valoración sincrética de como evoluciona o sistema. Así, en febreiro de 1975, o autor celebra a publicación de 2 viaxes, banda deseñada feita a dúas mans por Xaquín Marín e Raimundo Patiño, editada polo Grupo Brais Pinto en Madrid. De novo, vólvese resaltar a importancia de que a cultura galega continúe a sumar diferentes linguaxes artísticas. Sendo o cómic resultado dunha sociedade industrial, ao autor parécelle “curioso, sorprendente e interesante” que a cultura galega teña a necesidade expresiva de recorrer a el, incluíndo elementos característicos da Galicia do seu tempo. Por suposto, o Carlos Casares axente de acción da cultura galega estará atento ao xurdimento de novas coleccións e editoras, moitas delas de fóra do país, como consecuencia do movemento do sector do libro infantoxuvenil galego derivado da introdución da lingua galega nos colexios e institutos. Así, por exemplo, o autor saúda a colección Xabarín, para rematar afirmando que, por fin, a literatura infantil é xa posible en Galicia. Os autores, cada vez máis numerosos, xa non están condenados a repartir os seus textos manuscritos entre os mestres amigos para que fagan experiencias máis ou menos ilustrativas cos alumnos. Están nacendo coleccións novas, moitas delas realizadas incluso fóra do país, como consecuencia do dinamismo comercial dalgunhas editoras non galegas. As da casa, por outra parte, con propostas diversas, derivadas da filosofía propia de cada unha, están creando unha infraestrutura que non ha tardar en dar froito. (Casares, 1985)

A partir de aquí, o pensador da cultura podía descansar un pouco: as sementes, por fin, agromaran. Non obstante, este descanso é breve e serve tan só para tomar folgos. Só un ano despois, en 1986, Casares sería nomeado director xeral da Editorial Galaxia e aí emprendería un longo camiño no que a renovación das publicacións infantís e xuvenís da editora será constante12.

A xeito de conclusión. O grupo Galaxia e a literatura infantil: o papel de Carlos Casares Son aínda agora practicamente inexistentes os estudos sobre esta cuestión, mais a orixe do inte-

88

rese pola literatura infantil e xuvenil galega veu do outro lado do Atlántico. Foi precisamente Xosé Neira Vilas, o pai da obra canónica por excelencia da LIX galega, o que se decatou que sería fundamental que en Galicia se editasen obras para nenos e nenas, tras a experiencia observada en Cuba. Así, en 1965, escríbelle a Francisco Fernández del Riego, naquel entón xerente de Galaxia, para proporlle a idea13. A contestación deste non se fai esperar, ao ser consciente da relevancia das ideas de Neira Vilas, que influirían directamente na conformación dun público lector novo en lingua galega. Foi así como o círculo Galaxia, dentro do seu programa de galeguización social iniciado con maior forza nos anos 60 tiña entón un espazo reservado para a LIX. A primeira peza do mesmo sería Xohana Torres (Pena Presas, 2010), posiblemente por ser muller, nunha asociación xa clásica que provén do século XIX, que teima en unir literatura infantil e mulleres. Ela sería a encargada de traducir as primeiras obras para o galego, neste caso os textos cataláns O globo de papel (1966), de Elisa Vives, e Todos os nenos do mundo seremos amigos (1967), de Eulalia Valeri, publicadas por Galaxia en colaboración coa editorial La Galera. Porén, a pesar dos dous libros infantís ideados pola autora: Polo mar van as sardiñas e Pericles e a balea (1984), a súa laboura responde máis a un compromiso coa cultura galega ca a un interese constante polas letras dos novos. A segunda peza dese programa semellaba ser o propio Carlos Casares, por varios motivos: a súa mocidade, o seu recoñecido interese polo tema e, posiblemente, o seu labor docente. Tamén por esa teima constante en soñar o futuro do galego. Aínda que todo apunta a que por parte do círculo Galaxia houbo un interese cultural e empresarial (a torta dos libros infantís, unha vez instaurado o ensino regrado do galego, resultaba altamente apetecible), como amosan as diferentes notas, por exemplo, que entre 1979 e 1984 apareceron sobre LIX na revista GRIAL — case todas elas asinadas por Francisco Fernández del Riego—; a colección que entre 1978 e 79 traducen de La Galera (A Galea)14 ou a súa colaboración coa xente da asociación O Facho para pular polos premios homónimos, esta análise global de Casares como pensador de LIX fai pensar que o que en principio foi unha formulación global, acabou por se converter nunha auténtica teima individual. A preocupación constante polo futuro do galego, a insistencia na necesidade dun cómic na lingua autóctona, o labor tradutolóxico

Bibliografía inxente así parecen amosalo. Pola correspondencia privada entre Casares e Piñeiro (en carta datada en Compostela o 19 de agosto de 197415) sabemos tamén que a LIX ocupaba parte das súas conversas, xa que seguían a súa actualidade. Escribe Piñeiro: Os da Región siguen publicando o suplemento infantil en galego —as dúas páxinas centrais— e tiveron que lle trocar o tiduo inicial. Resulta que lle puxeron “Vagalume”, como o que ten entre mans o Domenech. Este reclamou notarialmente a propiedade do tiduo —que tiña rexistrado mercantilmente— e obligounos a cambialo. Agora chámanlle “Axóuxere”.

Ambos están atentos, pois, ás iniciativas que se adoptan en relación ao mundo da infancia. De novo se comproba como a necesidade dunha publicación periódica infantil en lingua galega era sentida como fundamental. Non obstante, aínda que Casares non se desvíe do que os homes de Galaxia, e nomeadamente Ramón Piñeiro, pensaran para el en relación aos libros infantís, por todo o que veño amosando semella que a súa inxente tarefa nace dun interese propio e auténtico, dun soño que —aínda que compartido— é quen o persegue con máis forza: escribindo, traducindo, editando e formulando ideas constantemente. Porque ten o convencemento de quen sen LIX non hai futuro para a lingua. El soña unha LIX de calidade para o sistema literario galego. E, finalmente, conségueo n

Casares, Carlos (1977) .“A revista Vagalume”. Sección “A ledicia de ler”. La Voz de Galicia, 22-V-1977. — (1978). “Salvar a Vagalume”. Sección “A ledicia de ler”. La Voz de Galicia, 16-VI-1978. — (1979). “A novela galega de protagonista infantil e xuvenil”. Sección “A ledicia de ler”. La Voz de Galicia, 29-VII-1979. — (1982). “Un vocabulario para nenos”. Sección “A ledicia de ler”. La Voz de Galicia, 22-IV-1982. — (1984). “Libros xuveniles”. Sección “A ledicia de ler”. La Voz de Galicia, 26-I-1984. — (1985). “Un futuro optimista”. Sección “A ledicia de ler”. La Voz de Galicia, 21-III-1985. — (1992). “As miñas primeiras lecturas”. Papeles de Literatura Infantil 15 (abril, 1992), pp. 6-8. — (1998). “Cociñeiros”. Sección “Á marxe”. La Voz de Galicia, 20-V-1998. — (1999). “Á marxe do tempo”. La Voz de Galicia, 8-V-199. Casares Mouriño, Xabier (2004). “Os lugares da infancia”, en Carballa, Xan; Villalaín, Damián (eds.). Carlos Casares: os amigos, as imaxes, as palabras. Vigo: A Nosa Terra, pp. 17-21. Castiñeira, Leonor; González, Xulia; Fernando, Raúl; Salgueiro, Xoán (1980). “Entrevista a Carlos Casares”. Catro Follas (Revista Escolar do Colexio Público do Reibón-Moaña), sen paxinar. Luna Alonso, Ana; Galanes Santos, Iolanda (2012). “As traducións inéditas de Carlos Casares”. GRIAL 196, pp. 38-47. Neiras Vilas, Xosé (2013). Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego, 1959-2007. Galaxia, Vigo, pp. 118-123. Outeiriño, Maribel (2002, data da edicion do libro, data da publicacion da entrevista 1973). “Carlos Casares, ganador del primer certamen de teatro gallego para niños”, en Valcárcel, Marcos. Carlos Casares, punto de encontro. Ourense: Concello de Ourense, pp. 89-90. Pena Presas, Montse (2007). “Carlos Casares: tradutor diverso e editor entregado de literatura infantil e xuvenil”. Anuario GRIAL de Estudos Literarios Galegos 2007: 68-73. — (2008). “Notas para unha tematización da narrativa infantil e xuvenil galega (1975-1985)”. Madrygal 11, 63-72. — (2010). “A muller contra a marea. Xohana Torres, pioneira da literatura infantil e xuvenil galega”. GRIAL 188, 44-51. Viale Moutinho, José (2004). “A alegria de o escoitar”, en Carballa, Xan; Villalaín, Damián (eds.). Carlos Casares: os amigos, as imaxes, as palabras. Vigo: A Nosa Terra, pp. 119-128.

12. Vid. Pena Presas, 2009. 13. A autora agradécelle a Malós Cabrera esta referencia. Pode consultarse a carta, do 23-II-1965, en Neira Vilas, 2013. 14. Debido ás urxencias impostas polo xa citado Decreto de Bilinguismo. 15. Consultada na Fundación Carlos Casares.

89

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.