Adeus ríos, ola océanos: as traducións de Rosalía de Castro

July 22, 2017 | Autor: María Reimóndez | Categoria: Translation Studies, Galician Studies, Galician Literature, Rosalía de Castro
Share Embed


Descrição do Produto

ADEUS RÍOS, OLA OCÉANOS: AS TRADUCIÓNS DE ROSALÍA DE CASTRO María Reimóndez Meilán Gustaríame expresar a miña débeda á hora de escribir este artigo con Iria González Liaño pola súa interesante tese de licenciatura sobre as traducións de Rosalía de Castro ao inglés

Os ríos son entes complexos. Están inscritos n aterra. Flúen sobre ela. Levan consigo o pasado e móvense cara ao futuro. Están habitados pola fauna, flora, remuíños e remansos. Dan lugar a sistemas de lagoas. A correntes subterráneas. Nos mapas simplifícanos como liñas azuis. Pero todas sabemos que son moito máis ca iso. Algunhas poetas son coma ríos. Pois cando falan fano nunha lingua que leva consigo todo o peso dunha sociedade enteira, do pasado e do presente. Mais cando unha poeta fala, coma un río que flúe, pode ignorar que esa lingua, esa sociedade e ese tempo poden superar fronteiras e chegar a novos lugares. Habitar novos corpos. Poden incendiar as mentes de persoas que fican lonxe e preto. Poden cambiar o futuro. Tocar outras costas. Como un río a desembocar no océano. Por doado que pareza a simple vista, o feito dun río fluír ata o océano non é unha tarefa doada. Sobre todo cando o río é tan complexo e cheo de significado coma Rosalía de Castro. Non falamos aquí dun regato ou riacho ordinario. É un sistema completo con vida propia. Un río que flúe coa forza do universal e do local. Porque ela foi capaz de combinar ambas cousas, de facer malabarismos coa nación, a clase e o xénero todo ao mesmo tempo. Foi adiantada ao seu tempo. Fixo tales cousas antes de poder ser lida con total consciencia do seu valor. Escribía para o futuro, aínda que o fixo de forma precisa e exacta sobre as cousas e acontecementos que a rodeaban. Esborranchou fronteiras, un concepto tan posmoderno, no século XIX. Enfrontouse ás súas identidades, algo tan típico do século XXI. Non usou as persoas pobres como un escenario senón que era consciente da súa propia posición e das desigualdades de poder. Reclamaba unha nación e como muller sentíase ao tempo excluída das definicións que desta facían outros, algo que está tan en vigor no debate da crítica feminista en Galicia na actualidade. Ela foi capaz de combinar todas estas cousas e de fluír. Ao seu arredor fixéronse ben de encoros mentres escribía, e por iso o tivo que facer de esguello, con ocultación... tamén unha cousa ben posmoderna! E despois do seu tempo seguíronse construíndo encoros nun intento constante de apropiarse dela, de acalala, tan incómoda segue sendo. Tal complexidade non viaxa con facilidade. Sobre todo porque temos que falar de procesos e estes

rara vez son asumidos pola crítica na súa totalidade. A tradución, esa viaxe, é máis que nada un proceso. Un proceso no que levan a voz cantante persoas, as tradutoras, e as sociedades, culturas e linguas. Durante moitas décadas este tema tan dificultoso foi explicado dunha forma simple: a lingua A entra por un lado e polo outro sae a lingua B. Como se nada pasase no medio. No medio, a caixa negra (Krings 1986). Mais en tempo recente e despois de estudos rigorosos, resultou que a caixa negra é unha persoa e de feito a máis relevante. A teoría da caixa negra era a mellor maneira de simplificar a complexidade e coa mesma lexitimar os valores dominantes (o patriarcado, o imperio). Cando a tradutora non admite a súa responsabilidade no proceso de tradución é claramente cómplice cos valores do poder. Só as tradutoras que son conscientes de tales marcos, do patriarcado, do imperialismo, do racismo, poden desenvolver un punto de vista diferente e loitar por el no seu traballo. Por desgraza, a teoría da tradución na actualidade segue moi ocupada con fidelidades e equivalencias. Por fortuna, a influencia da ideoloxía no sentido altuseriano, dos feminismos, poscolonialismo e outras teorías revolucionarias axudou a desenmascarar os xeitos en que os discursos dominantes nesta actividade. Actividade marxinal para uns. Para outras, unha forma de cambiar o mundo a través de algo que o permea todo, dende o paquete de flocos de millo ata as series da televisión, manuais de intrucións e por suposto tamén a literatura. Polo menos todo isto son feitos para as persoas que non vivimos no Imperio (anglófono neste momento), que pode permitirse ignorar o resto do mundo. Este novo corpo de achegas á tradución, a este proceso de levar os ríos aos océanos, tivo como resultado interesantes reflexións que son de aplicación sobre todo ao caso particular de Rosalía. A primeira é que a tradución é un proceso político e social. Dende o “xiro cultural” nos estudos da tradución tal e como o denominou Bassnett entendeuse que esta actividade transcendía as linguas e implicaba as “culturas” (por moi difuso que poida ser o termo). Rara vez viven as culturas en harmonía como amosa a propia poesía de Rosalía. Isto quere dicir a fin de contas que o que se traduce e a que idioma é unha cuestión política de primeira orde. Os enfoques feministas e poscoloniais no caso da tradución demostraron algunhas cuestións xerais para a tradución da literatura que se poden aplicar ao caso de Rosalía: 1) tradúcense homes (normalmente por parte de mulleres invisibles) 2) tradúcense textos de linguas “maiores” (ao ver certas series da televisión asáltame a pregunta de por que se supón que nos ten que interesar a vida de xente que vive, por poñer un caso, en Nova York e non en Nova Delhi). Estes dous puntos amosan como o patriarcado e o imperio interactúan para impoñer os seus significados e para proxectarse noutras culturas. As posibilidades, logo, de que se traduza unha muller que escribe nunha lingua minorizada son máis

que escasas. Mais aínda así sabemos que Rosalía é autora galega máis traducida coa excepción de Xosé Neira Vilas e polo tanto tentaremos explicar nas seguintes liñas o porque deste feito. Outra contribución interesante destas teorías á tradución é a importancia da tradutora. En moitos casos son as propias tradutoras quen comezan os procesos de tradución, quen presentan as súas propostas ás editoras e quen poden ter un poder (ben limitado, iso si) para abrir eidos novos. Pero alén disto ou se cadra de xeito máis significativo, as tradutoras teñen que reclamar o seu papel para opoñerse ás teorías da caixa negra. O proceso de tradución é sempre unha mediación e a tradutora sempre está presente no texto traducido. Daquela, ten que ser consciente do entorno cultural en que se produciu o texto, do entorno cultural en que se vai recibir o novo texto, ter un dominio excelente dos dous idiomas, estar familiarizada co “mundo” da autora e ademais ser consciente da súa posición no proceso de tradución. Calquera negación desta posición implica ser cómplice cos centros de poder que fixeron e fan todo tipo de esforzos para borrar á tradutora deste proceso (antes das leis da propiedade intelectual –e mesmo con elas- de xeito literal sen mencionar o seu nome nos textos) e tamén de desprezar o seu papel con metáforas sexistas ben xeitosas: as tradutoras adoitaban describirse como “as criadas do autor” ou ben, igualándoas coas mulleres, dicíase delas que se eran belas daquela eran infieis (belles infidels foron transformadas pola feminista Suzanne Lobtinière-Harwood en Re-Belle et Infidèle). Ademais, cando a tradutora non é consciente da súa propia ideoloxía é probable que elimine certas lecturas dos textos (Rosalía xa non necesitou da tradución para experimentar tal pois foron moitos os intentos de erradicar da lectura das súas obras a súa rebeldía e de crear a imaxe da “santiña” ou da “naiciña”). O resultado destas posicións tamén o esclarecen os estudos de Louise von Flotow ou Olga Castro sobre como a tradución de Simon de Beauvoir por parte dun tradutor patriarcal (quen por suposto nunca se viu como tal a si mesmo, só como unha caixa negra) creou unha fenda entre o feminismo anglófono e francófono grazas á eliminación do que el consideraba aspectos “superficiais” do texto (un exemplo disto: as referencias ás mulleres na historia!). Existen moitos exemplos deste tipo e aínda moitas máis implicacións se se adoptan estratexias de tradución máis sutís. Mais disto falaremos logo. Todo este contexto non semella moi optimista para o fluír de Rosalía cara ao océano da chamada literatura mundial a través da tradución. A autora e a súa obra son demasiado complexas, escribiu dunha nación sen estado, nunha lingua minorizada, en tempos pasados, dende un punto de vista feminista, como muller... os ventos non semellan favorables, serano?

Polo tanto, por que se traduciu a Rosalía? A primeira clave para a proxección de Rosalía no exterior ten moito que ver co proceso de fagocitación da súa obra por parte da “literatura española” (enténdase: escrita en castelán). O feito de que tamén escribise en castelán úsase moitas veces como escusa (en absoluto inocente) para ignorar o feito de que escribiu en galego e de que mesmo cando escribiu en castelán falou da súa nación. Como amosan exemplos recentes tamén, mesmo se non tivese escrito en castelán podería ter sido dixerida polo macrófago coñecido como “literatura española” (exemplos actuais disto son Manolo Rivas ou Teresa Moure, de quen non se presentan as obras como traducións do galego senón como obras orixinais en castelán). O feito de que se considerase a autora máis relevante do Romanticismo “español” provocou certo interese no estranxeiro, sobre todo xa no século XX. Aínda que hai algunha tradución antes deste período, as traducións da súa obra fóra do estado español producíronse principalmente a partir dos anos 50. Coa excepción das súas traducións ao catalán, por exemplo, onde se comparte un contexto xeral e un sentimento nacionalista, as traducións de Rosalía no exterior sempre se viron marcadas por un interese nela como obxecto de estudo. Este interese baseábase precisamente na imaxe que o sistema literario español proxectaba dunha Rosalía romántica, a muller sensible que sufrira e escribira poesía sublime. A idea que promovera as primeiras traducións era achegar ese período da literatura “española” a estudosas e estudosos en diferentes partes do mundo. O punto de partida, é dicir, vela como unha autora española (a mesma muller que berrou que Galicia nunca debía chamarse española!) non ofrece moitas esperanzas dun entendemento complexo do seu traballo, xa para empezar. Un exemplo claro disto témolo na tradución cara ao inglés de En las orillas del Sar por parte de S. Griswold Morley (1937). Morley describe a Rosalía como “unha mulleriña celta sabia e triste”, precisamente unha percepción semellante á que existía no sistema literario español. Sobra dicir que se o tradutor tiña tal impresión da autora e do seu traballo pouco podemos agardar da súa tradución. Un aspecto irónico destas traducións foi que Rosalía foi capaz de subverter os papeis de xénero e ser ela a autora e con moi poucas excepcións eles os tradutores. A ironía, porén, tivo pouca graza xa que foron capaces de eliminar moitas das estratexias feministas de Rosalía, como veremos nalgún exemplo máis adiante. Podemos declarar daquela que Rosalía foi fagocitada polo sistema literario “español” e que foi transmitida cal bolo alimenticio ao aparello dixestivo doutras literaturas. O río fora asignado ao sistema fluvial erróneo. Un feito que demostra isto claramente é que a maioría das traducións da súa obra, a excepción daquelas cara ao castelán e catalán principalmente, fixéronse das súas obras en castelán e só algunhas compilaron tamén os textos galegos. Sistema fluvial erróneo, océano erróneo. Este enfoque levou a Rosalía ao océano da literatura do pasado, da España do século XIX, e polo tanto encorsetou o interese na súa obra traducida aos círculos de hispanistas ou daquelas persoas

estudosas da literatura do romanticismo en xeral. Porén, existe aínda un océano diferente que agarda a Rosalía. Creouno de feito coa súa obra, co seu punto de vista feminista. É o océano da sororidade. A tradución feminista precisamente enfatizou a papel consciente das tradutoras feministas en visibilizar o traballo das autoras. Esta tarefa principal enmárcase no obxectivo feminista da sororidade (agora liberada das connotacións imperialistas grazas a Chandra Talpade Mohanty e outras teóricas). As feministas chamaron a atención cara á obra de Rosalía como unha muller que loitara polas demais mulleres, que fora relevante para a historia das mulleres, como unha autora que fora consciente das restriccións do patriarcado e que non só axuda a ver doutra maneira o pasado senón a entender a postura das escritoras no presente e no mundo. Rosalía tiña que ser compartida con outras mulleres. Finalmente atopara a súa nación – se ben parcial- coas feministas do mundo. Isto vese sobre todo nas súas traducións ao inglés dado que é precisamente no mundo anglófono (sobre todo en Canadá) ondea tradución feminista tivo maior impacto e mais posibilidades de ser publicada. En inglés, Rosalía foi traducida e incluída en diferentes antoloxías feministas, como as de Kate Flores (1986) de poetas feministas (velaí vai outra vez) española se noutras de mulleres poetas do mundo como as de Joanna Bankier (1976) e Cosman, Keefe e Weaver (1979). As tradutoras feministas non só buscan dar visibilidade á obra das escritoras. Tamén usan estratexias de tradución específicas que poñen en dúbida as nocións de obxectividade, fidelidade e outras, é dicir, do patriarcado. Estas estratexias inclúen: -O uso de introducións, notas ao pé, “asalto” e explicitación (Lobtiniere-Hardwood 1989): as tradutoras feministas non queren ser invisibles, queren amosar que están no texto e como ven o seu traballo. Por iso escriben introducións para explicar as súas escollas. Isto chámase honestidade. As estratexias como o “asalto” (que inclúe reescribir elementos de textos patriarcais na tradución, eliminando o sexismo, por exemplo) pode ser criticada como “agresiva” polo patriarcado, pero de feito é o que o patriarcado leva facendo dende sempre cos textos das mulleres, obviamente sen facelo explícito. Os tradutores e tradutoras patriarcais eliminaron e alteraron aquelo que lles parecía “innecesario”, como xa vimos con Beauvoir. Se tomamos como exemplo a tradución inglesa dunha selección de textos de Rosalía en Women Writers in Translation feita por Aldaz, Gantt and Bromley 1991, observamos precisamente estas estratexias, sobre todo o uso das introducións. Aldaz, Gantt e Bromley son as tradutoras feministas de Rosalía cara ao inglés por excelencia. Explican o contexto no que se escribiu a obra, a loita de Rosalía e a maneira en que o patriarcado apropiou a súa imaxe e obra. Tamén dan visibilidade ás súas estratexias. Estas tres tradutoras tamén hai que sinalar que

traducen as obras en galego de Rosalía: Cantares gallegos, Follas novas e logo tamén En las orillas del Sar. Outra tradutora feminista de Rosalía, Kathleen March, tamén inclúe interesantes limiares nas súas traducións da prosa rosaliana, claro que neste caso novamente son as súas obras en castelán. As tradutoras explican nunha introdución o tipo de escollas que realizaron e no caso de Aldaz et al. critican a masculinización que se deu noutras traducións da autora cara ao inglés. Os seus limiares son totalmente diferentes a aquel de Morley, que simplemente reproducía a apropiación patriarcal de Rosalía. Por suposto, no tempo de Morley case ninguén en Galicia se decatara de que había algo máis en Rosalía ca unha naiciña choromiqueira ou unha ruliña cantareira. -Visibilidade: facer patente o sexismo, facer patentes outros patróns de xénero diferentes e estratexias de lectura e relectura son tamén unha estratexia clave para as tradutoras feministas. E isto funciona nun dobre sentido, tanto cara á autora como cara á tradución. A relevancia desta estratexia é fundamental se pensamos en temas como a linguaxe sexista que adoita pasar desapercibida nos círculos dedicados á tradución. Cando traducimos substantivos do inglés ao galego (teacher, speaker, etc), debido á ausencia de xénero gramatical nesta lingua o/a tradutor/a patriarcal tende a traducir eses substantivos como masculinos se non hai un she ou her/s para indicar o contrario ou se os papeis sociais de xénero non indican “loxicamente” que ten que ser unha muller (nurse, por exemplo). Cando se traduce do galego ao inglés acontece o mesmo. Rosalía tiña grande mestría en manter o xénero da voz poética agochado en certos casos. Michelle Geoffrion-Vinci fala precisamente deste aspecto na súa comparación de tres traducións do poema de Rosalía “Cerrado capullo de pálidas tintas”. Comenta algúns aspectos como por exemplo que en galego o suxeito adoita estar ausente na frase, co cal é difícil saber quen fala, ou que súa/seu fronte a her/his non indica o xénero de quen posúe. Como podemos saber se é de xénero feminino ou masculino? Non podemos, e polo tanto temos que tomar decisións e estas adoitan estar determinadas polos valores sexistas e patriarcais, a menos que a tradutora sexa consciente deles. Ás tradutoras feministas gústalles explicar os porqués das súas escolles e desmantelar a linguaxe sexista tamén nesta práctica textual e política. No caso de Rosalía só Aldaz et al. e tamén Geffrion-Vinci adoptaron de forma clara estas estratexias. A comparación das tres traducións de Geffrion-Vinci amosa o sexismo de Morley nas súas escollas que o levaron a decidir que todo o que non estaba marcado polo xénero en galego e tiña que estalo en inglés tiña que ser (que se non?) masculino. Aldaz et al deciden facer o oposto e polo tanto visibilizar o sexismo da linguaxe e abrir lecturas de Rosalía totalmente novas para o público anglófono (a percepción do poema cambia de xeito radical se a voz que fala é a dun home ou a dunha muller, isto compréndese facilmente).

Aínda así estas estratexias soas pode que non sexan suficientes porque Rosalía escribía en galego, porque reclamaba unha nación ademais da das mulleres (onde tamén existen desigualdades e explotación, como Rosalía indicaba con agudeza nas súas descricións de aldeás fronte a santas ou ricas). Unha nación que falase galego e onde as persoas que a habitasen puidesen decidir sobre as súas vidas de xeito autónomo. Se estes aspectos non se consideran logo a empresa feminista de traducir a Rosalía será de novo parcial. O traballo de Aldaz, Gantt e Bromley é en lingua inglesa o único que combina estes dous aspectos e polo tanto engade o punto de vista do poscolonial á tradución ao feminista. Kathleen March, aínda que é consciente dos dous puntos de vista, traduciu principalmente a obra de Rosalía en castelán (dado que se concentrou na súa prosa) e isto pode que non axudase a que dese visibilidade á loita nacional nas súas traducións (aínda que o fixo noutros aspectos da súa investigación).As teorías poscoloniais usáronse no campo da tradución para falar sobre novamente os textos que se traducen, as dinámicas entre centro e marxe nese proceso e para revelar as estratexias que buscan “domesticar” (en palabras de Venutti) textos foráneos (é dicir, incorporalos totalmente na cultura de chegada eliminando os seus trazos de algo diferente) ou “allear” estes textos (é dicir, mantendo a representación do mundo diferente que pode ser estraña para a cultura de chegada). Isto non deixa de ser unha simplificación dado que ambas estratexias poden adoptarse con resultados diferentes dependendo do contexto cultural dos textos e linguas implicadas (cómpre ter en conta que Venutti fala do contexto de América do norte, que non se pode comparar en absoluto, por poñer un caso, co de Galicia). Para continuar co caso anglófono, porque a recepción ten que analizarse para cada sistema lingüístico e literario, podemos dicir que todas as traducións de Rosalía adoptaron estratexias de alleamento dado que precisamente o que tentaban era amosar a unha muller doutro país (na maioría dos casos ese país era identificado como “España” e non como Galicia). O obxectivo destas traducións (estudar a Rosalía) xa marcaba o tipo de estratexia. Podemos tirar como conclusión facilmente que as traducións de Rosalía son marxinais dentro do sistema literario anglófono (dado que non se publican para un público xeral) pero non por iso irrelevantes. Por suposto, os significados de Rosalía habían ser máis relevantes para outras literaturas (a catalá, a vasca, a tamil, a ucraína, e tantas outras) onde a loita de xénero e nacional van da man. Quedan aínda moitos pobos que agardan ler a Rosalía e o feito e que se traducir ao inglés e a outras linguas “maioritarias” pode axudar a chegar a eses públicos para os cales a súa obra pode ter implicacións maiores. Por iso que as súas traducións a estes idiomas sexan tan importantes, se as lecturas feministas e nacionalistas de Rosalía se ven minadas nas súas traducións ao inglés, francés ou alemán, o fluír cara a outras augas deterase; augas que poden ser máis acolledoras, máis ricas e cómodas para a obra da nosa autora. A combinación das teorías feministas e poscoloniais na tradución pode facer entón que Rosalía flúa

no océano. Poderíase pensar que os ríos están en vías de extinción e os océanos contaminados. Pero dende un punto de vista feminista e poscolonial cremos que poden rescatarse, desconfiando dos centros de poder e das formas en que se fan pasar por “universais”, “obxectivas” e, no caso da tradución “fieis e equivalentes” os seus valores. A propia Rosalía xa nos ensinou moitas destas leccións. Estamos en débeda con ela e é a nosa responsabilidade compartila co mundo con toda a súa complexidade, loitando contra a apropiación que quere facerse das súas lecturas. As tradutoras feministas e poscoloniais temos a tarefa de sobrepoñernos ás dificultades dun entorno claramente hostil ao noso traballo para facer que a voz de Rosalía se oia nas nosas diferentes interpretacións dela. O océano é bravo, a singradura, difícil, mais sabemos que podemos chegar a porto. Ela xa está agardando.

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.