As identidades no xogo dos espellos mediáticos

May 30, 2017 | Autor: Y. Martínez Suárez | Categoria: Género, Medios de Comunicación, Identidades
Share Embed


Descrição do Produto

 

As identidades no xogo dos espellos mediáticos S A L E TA

DE

S A LVA D O R A G R A

IOLANDA MARTÍNEZ SUÁREZ

S

on os suxeitos quen teñen a capacidade de nomear, de ordenar e de contar, os que poden, como na novela de Lewis Carroll, Do outro lado do espello e o que Alicia atopou aló, soñar as aventuras das súas personaxes, de si mesmos e vivilas coma reais. Esta posibilidade da autodesignación, de poñerlle nomes ao mundo, enmárcase nun sistema binario. A estudada dicotomía que separa o eu do outro agroma na base da construción das identidades. A separación entre quen pon nomes e quen os recibe segue a lóxica do pensamento racional que herdamos e que se sustenta nunha xerarquía de parellas de contrarios. Non será, polo tanto, o mesmo nomearse que ser nomeado, isto é: o “nome de veras” e como nos chamen, tal e como discute Alicia co Cabaleiro: —[…] A esa cantiga chámanlle “Ollos de robaliza”. —¡Ai, ben sei! ¿Ese é o título do cantar, non si? —dixo Alicia, facendo por se interesar no asunto. —Non, non entendes —dixo o Cabaleiro, un chisco amolado—. Así é como lle chaman. O título de veras é “O home vello, velliño”. —Daquela eu debía ter dito “así é como se chama o cantar” —corrixiuse Alicia a si mesma. —Non, non debía tal; iso é distinto. A cantiga chámase “Modos e maneiras”; pero iso é como se chama ¿entendes? —Daquela, ¿que cantiga é? —dixo Alicia, que xa estaba atorgallada de todo. —Iso é o que che quería dicir —dixo o Cabaleiro—. A cantiga é “Sentado na cancela”. E a música inventeina eu. CARROLL, 1985: 148



O “outro” é definido, polo suxeito que nomea o mundo, mediante unha heterodesignación. As

definicións negativas e, en último termo, a imposibilidade derivada de autodefinirse —de non atopar o teu nome como lle acontecerá a Alicia na fraga— prexudican os heterodesignados. Por iso, a reclamación da autodesignación é o primeiro dos obxectivos no camiño do recoñecemento. Neste sentido, a teórica feminista da igualdade, Celia Amorós (2005), alude á autodesignación como paso previo fundamental para a disolución do “espazo das idénticas” e a inclusión de todos os individuos, incluídas as mulleres, no “espazo dos iguais”. A filósofa, na súa crítica á lóxica dual, establece as categorías de “idénticas” e “iguais” para referirse aos dous polos do binomio, a saber: por unha banda, as mulleres, recluídas na esfera privada e caracterizadas por unha serie de trazos que as fan intercambiables, sen identidade, é dicir, as “idénticas” e, por outra banda, os homes que gozan da posibilidade de autodesignación e de libre movemento na esfera pública, onde gozan da igualdade co resto dos “socios” asinantes dos pactos sociais, en tanto suxeitos, isto é, os “iguais”. Pero acadar a autodesignación identitaria non é tarefa doada, como descubrirá Alicia a través das aventuras que lle acontecerán do outro lado do espello. Pertencer ao grupo heterodesignado implica estar relegados ao espazo privado. Os suxeitos minorizados, situados no polo connotado cos trazos da irracionalidade, a corporalidade, a naturalidade ou a tradición, entre outros, incorporan deste xeito os prexuízos, materializados en roles e estereotipos, en normas de comportamento que define o propio espazo heterodesignado. Pois, xustamente, a incorporación das calidades heterodesignadas é un dos trazos do oprimido, quen é condenado á alteridade, quedándolle vedados os espazos de visibilidade pública e de participación.

 

Invisibilizados e invisibles, igual que se sentía Alicia ao entrar no xardín das flores vivas. Sen nome —seguindo a alegoría do universo de Carroll—, como Alicia viviu na fraga. Alí, a nena descoñecía o seu nome e condición. Só ao saír foi quen de lembralo e a recoñeceron como humana de novo, é dicir, como suxeito con nome propio. —¿E a ti como che chaman? —dixo á fin o Cervelo. ¡Tiña unha voz tan mainiña e celmosiña! “¡Se o soubese!”, pensou a pobriña de Alicia. E respondeu, amorriñada: —Mesmo agora, nada. —Tes que pensar máis —dixo o animaliño—. ¡Iso non ten xeito! Alicia cavilou, pero de nada lle valeu. —Se me puideses dicir como che chaman a ti —dixo algo apoucada—, se cadra axudábame algo. —Heicho dicir, se te achegas un pouquiño máis aló —dixo o Cerveliño—. Aquí non me podo lembrar. CARROLL, 1985: 67

Saleta de Salvador Agra é licenciada e doutora en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Semiótica polo SUM-UNIBO. Actualmente é profesora visitante na Universidade de Vigo. . Iolanda Martínez Suárez é licenciada en Xornalismo e doutora en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é docente de Artes Gráficas no IES Calvo Sotelo da Coruña.

Ilustracións © Daniel Zerbst

O salto da heterodesignación á autodesignación implica o paso do obxecto ao suxeito. Só desde o status de suxeito se ten capacidade crítica, pois a autonomía dun individuo está intimamente ligada coa posesión —por parte deste— dun espazo crítico-reflexivo. Ou dito con Alicia: —A min os insectos contenta non me poñen nunca —explicou Alicia— porque lles teño algo de medo… polo menos aos grandes. Pero se quere dígolle como lles chaman a algúns deles. —E, naturalmente, cando os chaman, responden —observou o Mosquito, sen pararse moito a pensalo.

Yes We Camp II



 

A ideoloxía dos grupos dominantes imprímese nas narrativas dos medios de comunicación de masas (prensa, radio, televisión e web), proxéctase no espello mediático, e dilúese co café, como un terrón de azucre, nos corpos que están expostos a ela. Pero faino dende unha pretendida neutralidade

—Eu nunca souben tal. —¿E de que vale que lles chamen algo —dixo o Mosquito— se non responden? —A eles non lles vale para nada —dixo Alicia— pero á xente que lles chama dalgún xeito resúltalle útil, supoño. E, se non, ¿por que as cousas teñen nome? —Eu non sei —replicou o Mosquito—. Acolá máis endiante, na fraga de embaixo, non teñen nome ningún… […] —¿Ti non has querer perder o teu nome? —¡Que vou querer! —dixo Alicia, algo desacougada. CARROLL, 1985: 61-64



Entre as consecuencias que carreta perder o nome —como nos ensina o Mosquito que dialoga coa protagonista—, destaca a falta de historicidade, a imposibilidade de xerar un corpus de lembranzas comúns e propias. Esta circunstancia é especialmente relevante na construción das identidades dado que a conformación das mesmas esixe, así mesmo, de historia. É por iso que aos colectivos discriminados na súa carreira cara á autodesignación se lles nega o seu pasado. O resultado é un círculo vicioso no que se inserta o oprimido, neste caso as mulleres, que ven, así, trabado o seu empoderamento. Urxe, por tanto, pasar da heterodesignación á autodesignación na construción da identidade, á reformulación do “espazo dos iguais” e á eliminación da exclusión que, actualmente, cobra forma no “espazo das idénticas”. A identidade é así unha resposta política de futuro que parte dos grupos de poder da sociedade cuns intereses concretos. Non é unha esencia. A identidade está no discurso e, a día hoxe, condicionada por un en concreto: o mediático. É a tribuna mediática o escenario de novas formas de recoñecemento, de empoderamento?, ou estamos perdidas nunha nova fraga da Casa do Espello de Alicia? Isto é, unha copia virada que pretende ser un orixinal? É ben sabido que os medios de comunicación son a parcela do espazo público cun maior poder

de creación de ideoloxía, así como unha das principais plataformas para exercer a cidadanía e ser recoñecidos como suxeitos. Neste sentido, cabe lembrar como a Plataforma de Beijing, xa en 1995, recoñecía a súa importancia de cara á consecución da igualdade de xénero, e recomendaba aumentar o acceso das mulleres nas redaccións e corrixir a súa imaxe estereotipada en tanto “outras”. Tamén a Alicia dubitativa reflexionaba sobre as posibilidades que podería brindar acceder a esa Casa do Espello, a nosa alegoría da tribuna mediática. Será moi diferente a imaxe que reflicten os medios da de fóra do espello? Ou como lle dixo Alicia á gata. —¿Ti querías ir vivir na Casa do Espello, Kitty? Non sei se aló che darían o leite. Se cadra o leite do Espello non vale para beber… ¡olla, Kitty! Agora chegamos ao corredor. Podes ver xusto un pouquiño… moi pouquichiño… do corredor da Casa do Espello, se deixas aberta de todo a porta da sala nosa; no que se dá albiscado del, imítalle moito ao noso corredor, pero máis aló se cadra é ben diferente ¿non sabes? CARROLL, 1985: 28

A ideoloxía dos grupos dominantes imprímese nas narrativas dos medios de comunicación de masas (prensa, radio, televisión e web), proxéctase no espello mediático, e dilúese co café, como un terrón de azucre, nos corpos que están expostos a ela. Pero faino dende unha pretendida neutralidade. Dende ese espello supostamente obxectivo, o que finalmente atravesa Alicia, os medios de comunicación tradicionais producen e reproducen estereotipos e prexuízos de xénero, cun código pechado. Algo similar ao que nun espazo da Casa do Espello descubriu a nosa protagonista. Alicia sentou, e no canto que miraba polo Rei Branco […], virou as follas dun libro que estaba na mesa a carón dela para ver se atopaba algo que se dese lido, “… porque está todo nunha lingua que eu non sei”, díxose a si mesma.

 

Yes We Camp XIII

[…] Quedou intrigada e cavilando nisto por algún tempo, e ao cabo veulle unha idea lúcida. “¡Ai, ben sei! É un libro da Casa do Espello, así que se o levo diante dun espello as palabras viran para o dereito outra vez.” CARROLL, 1985: 34- 35

As representacións que fan os medios sobre as mulleres réxense polo xogo dos espellos, e néganlle a axencia e o recoñecemento da súa subxectividade. O que é especialmente preocupante en tanto a reclamacións identitarias se refire, tendo en conta a importancia da realidade mediática na construción das identidades e nos procesos de recoñecemento. Alicia, quen representa —na nosa proposta- o colectivo marcado, responde con gran resolución cando esquece o seu nome ao entrar na fraga.

—Pois entón é que foi de veras. E agora ¿quen son eu? ¡Heime de lembrar, se son capaz! ¡Estou resolvida a me lembrar! Pero estar resolvida non lle valía de moito, e todo o que conseguiu dicir, logo de andar enredando no maxín moito tempo, foi: —¡L! ¡Sei ben que empeza por L! CARROLL, 1985: 66

Os medios son, no contexto contemporáneo, a institución do espazo público onde mellor se pode examinar a produción e (re)produción das identidades. Desde o “lugar estratéxico de construción do discurso social” e, segundo Van Dijk, é de esperar que os grupos dominados “tenten conseguir máis poder aumentando o seu acceso aos recursos socialmente valorados” (Van Dijk, 1993: 525). “Ai, Kitty, que ben se puidésemos pasar para a



 

A identidade permítenos coñecernos e (re)coñecernos a nós mesmas, á par que permite que as outras e os outros nos coñezan. As identidades dannos sentido, e sitúannos nun contexto. A invisibilidade nos medios de comunicación implica a reclusión na realidade social. Somos o que os medios din que somos

Casa do Espello!”, dicía Alicia (Carroll, 1985: 2829). Pero sería?, é a Casa do Espello de Alicia un esperado novo mundo ou un engano, unha réplica grotesca do mundo real?, un lugar cómodo onde, como diría Alicia, non nos poden berrar?, un mundo semellante ao noso?, ou “moi diferente”?, un lugar no que reproducir os roles e estereotipos que nos foron heterodesignando ou un escenario para o recoñecemento, a autodesignación e o poder da creación? “Esta debe ser a tal fraga”, díxose a si mesma, cavilosa, “onde as cousas non teñen nome. ¿E que vai pasar co meu nome cando me meta nela? Perdelo non me chistaría nada… porque logo terían que me dar outro, e case seguro que había ser feísimo. O que si que daquela había ser ben chusco, andar buscando a criatura que collera o meu nome de antes. Igualiño que nos avisos cando a xente perde un can…” “entende por Raio. Levaba unha coleira de latón”… ¡Imaxina, andar chamándolle “Alicia” a todo o que atopas, deica que un deles responda. Non sendo que, con que fosen algo asisados, xa non habían responder. CARROLL, 1985: 65



Internémonos na fraga e profundemos un pouco máis na construción das identidades nos medios de comunicación. As identidades mediáticas son —como o resto das identidades culturais— unha construción simbólica, cuns límites sempre discutibles, froito dun código arbitrario. Utilizaremos o termo en plural: identidades mediáticas, para pór de manifesto a diversidade e diversificación da natureza das mesmas, trazo que non teñen en conta os heterodesignadores, afogando na uniformidade a diversidade que contén a alteridade. As identidades representan para os individuos o seu plano de situación no espazo. Os grupos minorizados séntense axustados nun non-espazo, ou nun oco excesivamente incómodo, deseñado polos grandes grupos de poder político e económico e esparexidos por aquí e acolá a través dos altofalantes mediáticos. As desigualdades do poder xeran desequilibrios representacionais. O discurso dos medios

ten a capacidade de definir que é “normal” —mediante a construción dunha identidade colectiva concreta, dado que as identidades son o que se conta delas— coa vantaxe de que esa aura de obxectividade, que rodea os medios de comunicación, depura toda posible sospeita de partidismo. A identidade permítenos coñecernos e (re)coñecernos a nós mesmas, á par que permite que as outras e os outros nos coñezan. As identidades dannos sentido, e sitúannos nun contexto. A invisibilidade nos medios de comunicación implica a reclusión na realidade social. Somos o que os medios din que somos. E cando non nos nomean, non existimos de todo. Esta circunstancia imposibilita que nos axustemos a un lugar, condénannos a vagar como sombras buscando un foco que nos alumee. Isto é, a deambular —como Alicia— ata atopar unha saída da anomia. Deixar atrás a fraga conducirá a protagonista a outro espazo dentro da Casa do Espello, un, onde ten nome e no que camiña cara a ser raíña. A busca de visibilidade, o reclamo de recoñecemento, ten no escenario web un novo campo de probas para as mulleres que, como Alicia a través do espello, fixeron o percorrido mediático ata saír da fraga, pasando polo acceso aos medios tradicionais, sufrindo a estereotipación e a anomia e recuperando de novo a axencia. Na nosa alegoría, Internet podería ser —a diferenza das tribunas mediáticas tradicionais— ese botarse fóra da fraga. Ese lugar onde lembrar de novo o noso nome e condición, aínda que este resultase “feísimo” e aquela incómoda. Un espazo onde probar a nomearnos, onde —como no universo de Carroll— non quedar aí parados, senón proclamar o noso nome pero, que nome sería ese?: —Non quedes aí parolando contigo mesma desa forma —dixo Roncho Rechoncho, ollando para ela por vez primeira— e di como che chaman e que te trae por aquí. —Chámanme Alicia, e… —¡Que nome máis torda! —interrompeu Roncho Rechoncho impacientemente—. ¿Que quere dicir?

 

Yes We Camp XII

—¿E logo un nome ten que significar algo sempre? —preguntou Alicia, dubidosa. —¡E non vai ter! —dixo Roncho Rechoncho, cun riso abruto—; o nome meu significa a forma que teño… ¡e unha forma ben feita que é! Cun nome coma ese que levas ti, podías ter case calquera forma. CARROLL, 1985: 104-105

A tribuna mediática online deu lugar a interpretacións que oscilan entre a netopía e a distopía, entre a esperanza dun espazo propicio para a autodesignación e a denuncia doutro onde volver ser heterodesignadas, reproducindo o vello mundo de estereotipos e roles da tribuna mediática de masas, pero agora en formato dixital. Esta disxuntiva, se ben xorde xa nos primeiros anos da vida no ciberespazo, segue vixente, pois a dúbida de que poida converterse nunha nova

fraga, agora online, non amoleceu. Aínda con todo, se cadra, como ben espera Alicia cando se enfronta por primeira vez á Casa do Espello, a ameaza (“inmediatamente”, engadiu “pásote para o outro lado”) pode converterse nunha esperanza (“¡Estou segura que ten tantísimas cousas lindas!”) ■

Bibliografía Amorós, C. (2005). La gran diferencia… y sus pequeñas consecuencias para la lucha de las mujeres, Madrid: Cátedra. Carroll, L. (1985). Do outro lado do espello e o que Alicia atopou aló. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. Van Dick, T. A. (1993). “Discurso, poder e acceso”, A Trabe de Ouro 16, pp. 523- 546.



Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.