\'Cardume\' de Rexina R. Vega
Descrição do Produto
Rexina R. Vega, talento e novidade Por Manuel Forcadela Universidade de Vigo A novela de Rexina R. Vega, Cardume, recentemente gañadora do premio Xerais de novela, vén sumar a súa autora, mesmo para situala en primeira fila, ao importante elenco de narradoras en lingua galega que, dun tempo a esta parte, están a renovar a escrita de ficción no noso idioma. Sendo como é a primeira obra de narrativa que a autora publica, convén advertir aos lectores que non se trata para nada dunha recén chegada ao ámbito das nosas letras. Pola contra, da súa man xa tiñan saído, antes da redacción desta novela, importantes contribucións no ámbito do ensaio, territorio polo que, ata agora, deambulou a escrita de Rexina con obras como Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación que fora merecedora do premio Ricardo Carballo Calero de investigación. Ademais a autora ten publicado un substancioso conxunto de artigos en diversas revistas literarias así como feito incursións no ámbito da lexicografía, da tradución, etc., de xeito que a súa presenza como autora, tanto na nosa tradición literaria como fóra dela, vén de bastante lonxe. Esta estrea como escritora de ficción, con todo, non podía terse realizado en mellores condicións. En primeiro lugar por resultar ser a gañadora dun dos premios con maior prestixio no ámbito das nosas letras, carecendo como carecía nese momento de producións anteriores que puidesen avalar o seu traballo; en segundo lugar, porque a calidade do seu discurso, á espera de novas obras que vaian configurando un camiño máis amplo, resulta, como axiña explicaremos, salientable de todo punto de vista, non só á hora de valorarmos o seu estilo senón tamén as peculiaridades temáticas da súa ficción. Eu diría que, en primeiro lugar, a autora foxe premeditadamente da “escrita de muller”. Non está entre as súas intencións a de construír un universo feminino fechado no que levar a cabo calquera proxecto de investigación arredor da entidade do feminino ou das condicións en que se desenvolve a vida das mulleres, tanto na sociedade contemporánea, que non é o caso, como no tempo en que se sitúa a súa ficción: a etapa da II República Española. Isto non empece que, ao longo das súas páxinas, poidamos asistir a máis de unha declaración en que, ben por boca dos seus personaxes, ben polas condicións ficcionais que van vertebrando este percorrido histórico, o lector poida percibir a presenza dunha ideoloxía poderosa que acompaña a elección dos feitos, a perspectiva das situacións, as coordenadas dos personaxes, mais tamén os silencios, as elipses, o que se cala. Fica claro, por tanto, que Rexina non procura un lector feminino reducido e illado que poida ser cómplice das súas especulacións. Antes ben, a condición de novela para todos e todas, parte da construción dun lector implícito culto pero non amaneirado, interesado pola historia, pronto a se deixar engaiolar polas aventuras vitais destes personaxes. Un lector que deberá aprender na lectura porque non poderá separar os feitos que se narran das súas consecuencias morais. Un lector que resulta convocado a un espazo ficcional aberto e nunca separado, segregado, arredado. Un lector, por tanto, dialogante, disposto a contemplar a novela como un xogo de dialoxías baktinianas, un camiño,
por tanto, aberto na linguaxe á procura de interrogacións e dúbidas, tanto como de certezas e verdades. Mais, con todo, e acaso por condicións específicas do mercado literario, é evidente que a súa obra vai saír connotada con este cualificativo, toda vez que a ficción feminina é, desde hai xa uns anos, un fenómeno sociolóxico ao que a industria editorial non é, en absoluto, allea. Trátase, claro está, de aproveitar un importante mercado de lectoras, ao tempo que de situar o numeroso grupo de novas escritoras no lugar que se merecen dentro do sistema literario. Mais cabe sinalar igualmente que o feito de que esta condición de “novela escrita por muller” non sexa, como digo, en modo algún determinante nas páxinas que a autora vai tecendo, nunha urdime na que se fan presentes, como axiña veremos, moitos outros factores, non evita que sexan as súas personaxes femininas, a avoa e a neta, as superviventes, as que sobreviven para contalo, aquelas que, en definitiva, se fan donas do discurso e do logos e gañan a perspectiva suficiente para comprender a historia. Así que os que poderíamos considerar tópicos condicionantes deste modelo de narrativa “de muller”, sendo este un feito máis de entre os moitos que cabe salientar tanto no plano temático como meramente estilístico, non se reducen a unhas poucas claves senón que, antes ben, poderán ser contemplados, polos que así o quixeren, como inscritos na propia concepción da trama. Así, dentro do conxunto de personaxes que a novela vai debuxando, só a narradora e a súa avoa, presentes no inicio e final da novela, dan conta desta presenza feminina nun discurso ficcional composto e ocupado fundamentalmente por homes. Ben certo é que este marco ficcional de avoa e neta a limpar as lápidas dun cemiterio, onde se encontran enterrados os protagonistas varóns, é máis que suficiente para condicionar esta perspectiva. Son elas, as que a través dunha especie de ladaíña inicial, que logo encontra ecos no interior do discurso, rememoran as vidas dos seres queridos e ausentes, familiares que o tempo foi levando, arrincados polo drama ao río do vivir. Son elas, as que, remexendo entre os recordos e os obxectos posuídos, reelaboran vidas, establecen conexións, descobren fíos que acaso os propios protagonistas non foron quen de coñecer. Son elas as que abren cartas, caixas, habitacións, casas, percibindo as fantasmas dos desaparecidos. Son elas, en definitiva, as que contan e dialogan, as que paran a describir ou aceleran os feitos, mais sempre co obxecto dos varóns como albo central do seu discurso. A novela é ademais unha novela republicana. Explicareime. Sitúase dentro dese conxunto de textos producidos de xeito común por todas as literaturas hispánicas nas últimas décadas, empeñados en recuperar a “memoria histórica” dos anos da República a través de personaxes de toda condición e procedencia que veñen salientar a ignominia do golpe fascista e as súas terribles e dolorosas consecuencias. Mais lonxe de converter esta condición en algo que afectaría o previsible da historia, a autora manexa con autoridade os seus recursos e sabe economizar a información que dispón perante os seus lectores de maneira que esta non resulta para nada previsible. Eu salientaría, ademais, a beleza e o lirismo da escrita. Rexina comprácese con cada expresión, con cada palabra, nun exercicio que impregna todo o seu discurso, de xeito que os lectores chegamos a nos sentir abrazados por estes brazos como capítulos, por estes tentáculos como parágrafos. Sen chegar ás condicións do poemático, que converterían a novela noutra cousa, Rexina establece, unha tras outra, frases de grande beleza, mesmo concluíndo, de cando en vez, con sentencias ponderativas nas que latexa a presenza calada
dunha voz autorial de fondo. O manexo alterno dos diferentes modelos de discurso (directo, indirecto e indirecto libre) evita a monodia e fai fuxir a nugalla lectora, sempre a procura dunha novidade que, ben pola vía do temático, ben pola vía do estilo, vainos batendo na conciencia unha vez tras outra ata chegarmos ao final. A predominancia da visión, nun modelo de escrita fundamentalmente cinematográfica, sería outro dos trazos deste modelo peculiar de escrita. Malia a importancia da palabra, a pantalla da conciencia ilumínase sen cesar a través de espazos ben descritos, personaxes nítidos ao que lles podemos dispor un rostro, mesmo unha voz. A forma de pensar o fluír da ficción resulta así derivado da incidencia da cinematografía sobre a literatura, aspecto este clave en toda a tradición contemporánea, mais tamén no carácter cinematográfico de moitos textos, como é o caso, de aí que a lectura gozosa da novela derive nunha sorte de proxección de película da que mesmo a música nos pode, nalgún momento, resultar suxerida. Non sería de estrañar, por tanto, que esta ficción puidese ser levada algún día á pantalla. Novela, xa que logo, disposta perante os lectores para ser gozada a través da escrita mais tamén a través da imaxinación, ficción e dicción de calidade, preséntanos unha autora para ser seguida a través de obras sucesivas, toda vez que esta súa primeira novela non é máis que o inicio dun percorrido que intuímos longo e fecundo. Vigo, novembro do 2007
Lihat lebih banyak...
Comentários