Fomos ficando sós, o mar, Manuel Antonio e nós. A óptica vangardista na literatura galega

Share Embed


Descrição do Produto

Edson Ferreira Martins Gerson Luiz Roani RUJDQL]DGRUHV

Memória da Poesia literatura e resistência

1ª Edição

Viçosa 2015

Copyright © 2015 Edson Ferreira Martins e Gerson Luiz Roani Capa Adelino Rodrigues Imagem de capa Musa com lira, Musée du Louvre, Lekanis de figuras vermelhas, circa séc. IV a.C. Projeto gráfico de miolo Senhor B Revisão linguística Edson Ferreira Martins Este texto foi revisado segundo o novo Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa.

Dados Internacionais de Catalogação na Publicação (CIP)

MARTINS, Edson Ferreira; e ROANI, Gerson Luiz (ORG.) Memória da poesia - literatura e resistência / Edson Ferreira Martins e Gerson Luiz Roani (org.) -- 1. ed. -- Viçosa, MG : Bartlebee, 2015. ISBN 978-85-64914-63-6 1. Poesia - crítica e interpretação 2. Literatura universal história e crítica I. Título CDD 800

Índices para catálogo sistemático: 1. Poesia - crítica e interpretação CDD 800

1 +/

Apresentação

Entre a memória e o esquecimento: imagens de Roma na poesia de Ovídio (GVRQ)HUUHLUD0DUWLQV

-3

Marcial entre panegírico e vitupério

0+

Camões e Gregório de Matos: intertextos do Brasil Colonial

/HQL5LEHLUR/HLWH

*HUVRQ/XL]5RDQL

1/

Fernando Pessoa: mais uma vez

3/

Voltaire, filósofo do Esclarecimento e poeta: Le Mondain

-RV«/XL])RXUHDX[GH6RX]D-¼QLRU

1LOVRQ$GDXWR*XLPDU¥HVGD6LOYD

+,1

Paul Éluard: do “hermetismo extra-lunático” ao engajamento político $QD/XL]D5HLV%HG¬

+.+

Fomos ficando sós, o mar, Manuel Antonio e nós. A óptica vangardista na Literatura Galega $LWRU5LYDV

+1+

Andaluzismo e Resistência em Federico García Lorca &ODUD3DMDUHV*LO

+21

Mario Benedetti y la poética coloquial

,*-

Clarice Lispector e João Cabral – um começo de conversa

,Y£Q$OHMDQGUR8OORD%XVWLQ]D

-RHOPD6DQWDQD6LTXHLUD

,,+

Poesia negra e/ou afro-brasileira: recortes sobre um percurso de resistência $G«OFLRGH6RXVD&UX]

Fomos ficando sós, o mar, Manuel Antonio e nós. A óptica vangardista na Literatura Galega

$LWRU5LYDV /LFHQFLDGRHQ)LOROR[¯D*DOHJDH 0HVWUHHQ&RQWDFWR/LQJ¾¯VWLFRH6R FLROLQJ¾¯VWLFD*DOHJDQD8QLYHUVLGD GHGH9LJR/HFWRUGHHVSD³RO0$(& $(&,'QR'HSDUWDPHQWRGH/HWUDV H$UWHVGD8QLYHUVLGDGH)HGHUDOGH 9L©RVDGHQGH2VHGLWRUHVH PDLVHXGHFLGLPRVTXHHVWHDUWLJR IRVHHVFULWRHQJDOHJRHUHVSHFWDVHD RUWRJUDI¯DJDOHJDDFWXDO%HL]µQSROR FRQYLWHDSDUWLFLSDUHSRODDFROOLGD

[141]

“Vendo-os assim tão pertinho a Galiza mais o Minho, são como dois namorados que o rio traz separados quasi desde o nascimento. Deixai-os, pois, namorar, já que os pais para casar lhes não dão consentimento.” (João Verde)

A xeito de introdución ou “Galiza non é España”? Cando me convidaron a participar deste libro sentín unha grande emoción e pensei que sería unha ocasión importante para que a literatura galega fose visíbel e estivese unha vez máis, canda as outras literaturas, nunha situación de normalidade, nunha das poucas cousas nas que Galiza é un país normal. Galiza é unha nación, con lingua e cultura propias, e mesmo con períodos históricos nos que foi un reino independente. Porén, hai moito tempo que Galiza forma parte do Estado Español, con características poscoloniais e a conseguinte perda de identidade. Como afirmara Bringas López (2011): “A teoría poscolonial é totalmente aplicábel no contexto galego (...) Os conflitos identitarios, a minorización lingüística, o autoodio, a deturpación da cultura e da historia propias... (...) E tamén, por sorte, os discursos de resistencia, claro está”. Por iso, para moitas persoas hoxe Galiza non é máis ca unha rexión de España ou unha Comunidade Autónoma. Para o lector ou lectora de Brasil que non coñeza a realidade europea ou non estea afeito a ler sobre ela, pode que sexa algo difícil de entender o sentido das linguas e literaturas nacionais, ao falarmos de nacións que non están arroupadas por un estado. Semella que as diferenzas entre estado e nación non fican moi claras a este lado do Atlántico. Nun mundo [143]

que nos vende continuamente a globalización e a perda de identidade como un feito positivo e de futuro, ás veces custa explicar que haxa persoas ao longo da historia que non se sintan identificadas coa nacionalidade que pon no seu pasaporte, que non se consideren parte dunha cultura maioritaria ou que non atopen a súa bandeira durante os Xogos Olímpicos. O autor que queremos homenaxear, Manuel Antonio, defínese en repetidas ocasións, inequívoca e claramente como galego. Por exemplo, no texto “Honni soit”, inédito até a publicación da súa obra completa (en 2012), deixa unhas verbas de plena actualidade: “Hespaña é o país do mundo que rexe piores gobernantes. (...) Conste que eu non son hespañol; son galego. E son galego, por que sinto a miña Raza. E coido que Descartes andaría máis afortunado si houbera dito: sinto, logo eisisto.” (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 207).           





Que é a literatura galega? De onde saíu Manuel Antonio? Entre os séculos XII e XIV a literatura escrita e cantada en galego (ou galego-portugués, se prefiren) foi a de maior prestixio en Europa. Nela escribíronse as cantigas e, máis tarde, tamén moitos grandes textos en prosa (libros de historia, haxiografías, tratados de xenealoxía denominados libros de liñaxes, libros de cabalarías coma a Demanda do Santo Graal, alén de traducións de relatos narrativos da materia de Bretaña e da materia de Troia, textos xurídicos, relixiosos e didácticos). Logo, coa mudanza da situación política no Reino de [144]

Galiza e en toda Península, a situación de lingua e literaria propias tamén mudou. Os principais cargos públicos foron substituídos por persoas de Castela e o uso do galego foi prohibido na administración. Así a lingua desapareceu dos textos escritos e da vida pública. Porén, continuou sendo a lingua do pobo no período que aprendemos como séculos escuros (fronte aos brillantes Séculos de Ouro das literaturas española e portuguesa). Despois deste silencio, teremos que agardar até o século XIX para asistir ao Rexurdimento da literatura galega grazas á obra dalgúns de tres grandes poetas: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Logo da excepcional calidade literaria destes tres autores, a literatura sofre unha certa decadencia nos últimos anos do século XIX e a comezos do XX. Nesta etapa intersecular non hai moito que destacar (agás algúns poemas de Noriega Varela e de Leiras Pulpeiro) e a aparición de Ramón Cabanillas, o poeta da Raza, renovador da poesía galega no século XX e, máis tarde, os autores do grupo Nós, contemporáneos de Manuel Antonio. Esta brevísima introdución á literatura galega é importante para entendermos o impacto da ruptura da obra e o pensamento de Manuel Antonio na literatura galega e na sociedade da época e, principalmente, a súa influencia en autores de finais do século XX e comezos do XXI. Quen foi Manuel Antonio? Manuel Antonio foi poeta, mais tamén mariñeiro, intelectual e revolucionario galego que traballou ao longo da súa breve vida na arela de conseguir unha República Galega. Orfo desde os catro anos – seu pai, dono dunha tenda de tecidos, morreu de tuberculose –, a súa infancia e adolescencia transcorreu en Iria Flavia e Padrón. Xa de moi novo Manuel Antonio era intelixente, observador e moi calado. Estudou en Compostela e logo comezou a escribir. Axiña tomou partido polos máis pobres, polas ideas galeguistas e pola resistencia de Galiza como nación. Escribiu en lingua galega toda a súa produción literaria, que apareceu asinada simplemente cos seus dous nomes, sen apelido ningún. [145]

Xa dende novo, Manuel Antonio soñaba con mudar o mundo. Nalgúns manuscritos recuperados recentemente aparecen rastros do seu carácter revolucionario, idealista e resistencia. Como comenta Daniel Salgado nun artigo co gallo da magnífica edición de Xosé Luís Axeitos da Obra completa. Prosa: Neses escritos mesmo queda rexistrada a peripecia do Manuel Antonio que viaxou á fronteira entre o País Vasco e Francia, en febreiro daquel último ano da Gran Guerra, para alistarse contra os alemáns. Animado por un artigo de prensa de Gómez Carrillo, e despois dunha consulta epistolar ao vicecónsul francés na Coruña. Non chegaría a ingresar no exército francés, pero á súa volta ao Barbanza aquela escapada xa era parte do folclore vilego (SALGADO, 2010).

Pouco e pouco a grandeza do autor rianxeiro vai medrando a medida que descubrimos a súa literatura inédita, os seus escritos ocultos até hai ben pouco, que reflicten o seu radicalismo político. Uns anos máis tarde, mentres estaba na Alameda de Santiago de Compostela, viu desfilar uns soldados franceses e comentou con saudade: “Eu estiven a punto de usar ese uniforme”. A súa soidade vital foise acentuando cada vez máis. Xa non enviaba tan a miúdo poemas á prensa e a súa produción literaria foise construíndo con máis vagar, máis coidada e persoal. Intensificouse o individualismo na obra e na súa vida, e cultivaba a súa particular imaxe externa, arredada dos convencionalismos burgueses, máis achegada ao mariñeiro que ao literato de cenáculo. Despois de rematar os seus estudos superiores de Filosofía e Letras, decidiu estudar náutica e converterse en piloto, actividade que exerceu en prácticas durante os anos de 1926 e 1927. Enrolouse no pailebote Constantino Candeeira como mariño mercante, unha pequena embarcación que navegaba polo Océano Atlántico e o mar Mediterráneo. O ano anterior recibira varias puñaladas que lle asestara outro mariñeiro, que estiveron a punto de lle custar a vida. Por que? Porque Manuel Antonio saíu a defender a unha moza humillada nunha romaría en Abanqueiro (Boiro, Galiza). Durante este longo periplo, dous anos de travesías, Ma[146]

nuel Antonio dedicouse a compor a única obra que deu ao prelo, unha recompilación de dezanove poemas titulados: De catro a catro, follas sin data dun diario de abordo, publicada en 1928, que editou “Nós” con debuxos de Carlos Maside. O éxito do libro na época foi modesto. Manuel Antonio sentíase moi só fronte ao mar, mais el entendía que o mar é así, e está cheo desa soidade. Como escribe nun dos seus textos inéditos: “Agora que estamos nós sós —sombras caladas, abaneando pol-o combés inseguro— n-o meio d’o oucéano, n-o meio d’o vento e n-o meio d’a noite, é cando mais preto de nós sentimos o Mar; mais preto e mais direito, máis en nós.” (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 123). Mais ficou absolutamente apaixonado polo océano e quixo seguir a súa derrota: en incorporouse despois ao buque holandés Gelria e viaxou ao Río de Xaneiro, Pernambuco, As Palmas, Montevideo ou Bos Aires. Nesa época comezou os libros Sempre... e máis despois, e tamén Viladomar. En 1929 efectuou novas singraduras no pesqueiro Arosa. A dureza das faenas só a aliviaba coa contemplación do mar: mírao, sóñao e quítalle imaxes, estados de ánimo, movementos ou luces. A súa poesía está chea de descricións do océano, de intuicións náuticas, de imaxes case abstractas ou cinematográficas. Mais entón reapareceu unha negra sombra: Manuel Antonio, como seu pai, era tuberculoso e cuspía sangue acotío. Levou a doenza en segredo. Estaba caracterizado por un estado xeral de abatemento físico e psicolóxico: comía y vestía mal, fumaba constantemente na súa cachimba e case non tiña cartos. Xa sabía que ía morrer. Daquela regresou á casa e finou por mor da tuberculose o 28 de xaneiro de 1930 na aldea de Asados, en Rianxo. Aínda non fixera os 30 anos, mais coas súas letras e actitude fronte á vida deixounos un ronsel de resistencia.

[147]

    



 



A obra “inédita” Por desgraza, unha gran parte da obra de Manuel Antonio estivo secuestrada durante máis de setenta anos, probabelmente por motivacións políticas, polo encargado de custodiala. A agresividade política, o antiespañolismo, o independentismo deste autor era algo que seguro que non gustaba a García-Sabell. Por iso foi un autor silenciado. Como di Axeitos na introdución da edición da prosa manuelantoniana “a realización do proxecto que se inicia con este volume sentímola como a culminación dun proceso sempre agardado e unha e outra vez frustrado polas circunstancias estrañas que concorreron na custodia dos papeis do escritor” (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 12). E a do autor rianxeiro era unha obra necesaria, imprescindíbel para os nosos lectores e autores da posguerra e de todo o século XX. Como comenta Axeitos máis adiante: Foi mágoa porque a nosa cultura pasou toda a longa posguerra necesitada do maxisterio do rianxeiro, que tiña capacidade e prestixio dabondo para certificar a compatibilidade entre mo-

[148]

dernidade e nacionalismo, lección que aínda hoxe non temos aprendida de todo. De calquera xeito, fracasados tamén outros intentos de todos coñecidos, retomamos a obra de Manuel Antonio como promesa de fecundo futuro (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 13).

Por que estivo oculta tanto tempo esa parte da obra manuelantoniana? Son ben ilustradoras as seguintes palabras de Regueira cando comenta os motivos do secuestro da obra de Manuel Antonio durante máis de corenta anos: De especial importancia é o declarado independentismo do poeta, que corrobora esa “futura República Galega” que xa aparecía no manifesto Máis Alá!, e que segundo a propia nova motivou o secuestro, atadura e amordazamento do que foi o poeta máis rompedor do século XX galego. (...) Esta censura e manipulación baséase no medo, medo terríbel ás ideas, moito máis grave se nos detemos a pensar en que Manoel Antonio foi esencialmente, e durante toda a súa curta vida, mariñeiro e poeta. É dicir, que nin sequera estamos ante un elemento político ou un líder sindical que puidese convocar ás masas á acción directa. (...) García-Sabell non nos rouba só uns cantos documentos que confirmen que Manoel Antonio era un dos nosos, arrincounos unha parte da nosa historia e do noso desenvolvemento (REGUEIRA, 2010).

Hoxe, con acceso a toda a obra de Manuel Antonio, podemos debuxar en trazos xerais o que significou, unha obra aparentemente inofensiva, pero que vai alén do que se pensaba. E iso deberon pensar as autoridades franquistas, cun medo terríbel á liberdade, cando mantiveron a censura sobre o “revoltario” rianxeiro. Resistencia política. Manuel Antonio, Álvaro Cebreiro e Máis Alá! Escribíronse moitas páxinas sobre a ideoloxía de Manuel Antonio e a súa orientación política. Mesmo sen falar abertamente nos seus textos das inxustizas, negando sempre a subordinación da arte á causa política concreta, os temas obrigados, o servilismo que esconde, segundo as súas palabras, unha ausencia de práctica real para acabar coas inxustizas, Manuel Antonio é un home de acción: “Arrenegamos d’os temas obrigados. É vergoñoso falar d’a escravitude d’a Terra, mentres non se teña feito todo o que cómpre por anulal-a” (MANUEL [149]

ANTONIO, 2012, p. 142). En 1922, xunto co pintor Álvaro Cebreiro, Manuel Antonio editou o manifesto Máis alá! onde reclaman unha poesía nova que fuxa do ruralismo e das gastadas voces de Lamas Carvajal, Rosalía, Curros Enríquez ou Pondal, os autores clásicos galegos e proclama a defensa e a necesidade do emprego do galego sen concesión ningunha. O manifesto Máis Alá! débese interpretar a carón doutros textos metaliterarios da época, mais tamén no contexto das polémicas estético-políticas nas que se debatía o galeguismo de entón. Cebreiro e Manuel Antonio non querían ficar cos brazos cruzados e decidíronse a escribir e enviar o seu manifesto Mais alá! a medio mundo, coa correspondente tradución en inglés e francés. Xa no encabezamento, o manifesto declara ser unha “chamada á Mocedade inteleutual d’a nosa Terra” (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 135), que converte o texto nun chamamento á mocidade galega feito polas Irmandades Nacionalistas a través da súa organización xuvenil, as Mocedades Galeguistas. Manuel Antonio e Cebreiro afirman que o seu texto non responde ás intencións acostumadas dos manifestos vangardistas, de alcance só estético, e ata critican a abundancia de ismos que non son capaces de superar a trivialidade. Máis Alá! pretende ser unha protesta contra os vellos, criticando desapiadadamente os artistas vellos, os ruralistas e os devanceiros. Porén implica unha ruptura coas Irmandades e a Xeración Nós. O certo é que todos pretendían a modernidade para a cultura galega, mais os asinantes de Máis Alá! foron moito máis explícitos. Queren “enterrar ós vellos en vida, baixo a lousa inmovíbel d’a sua vulgaridade, pol-a acefalia que supón o desexo de definir c’o pasado a hora de hoxe” (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 136) empregando un argumento galeguista que propugna a selección artística, en contra da práctica de amparar calquera cousa escrita en lingua galega. Noutro fragmento de Máis alá!, onde Cebreiro e Manuel Antonio soñan a construción dunha República Galega, din que renegan dos temas obrigados e defenden os poemas de exaltación patriótica só despois da existencia dunha Galiza independente: “Como bós cidadaos d’a futura República Ga[150]

lega, gardemol-os nosos cantos patrióticos pra o día en que deamos ó vento a sua bandeira e non poidan ser testigos d’a cobardía e d’a mansedume” (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 142-143). Por que e cando xorden os manifestos? Cales eran as intencións que tiñan Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro ao o escribiren? Sería só a vontade de provocar e darse a coñecer dos autores máis novos ou será algo máis? Ríos Panisse pensa que este manifesto, como reza o título, pretende ir “Máis alá!”: En efecto xa no comezo se presenta non só co afán de orixinalidade que domina noutros, senón coa intención de protesta artística verbo da sumisión que sofre a cultura galega. Iso fai (...) que este manifesto sexa especial, peculiar, pois non presenta só unha aspiración artística de orixinalidade individual senón que se centra na busca de novas camiños pra a arte de Galicia, camiños independentes da situación lingüística real, adiantándose así na arte a unha situación de lingua normalizada (RÍOS PANISSE, 1989, p. 77).

No epígrafe “A nosa razón”, Manuel Antonio e Cebreiro apelan á mocidade, a través das “Irmandades Nazoalistas”, cunha referencia política clara. Achamos despois unha longa reflexión que se alicerza nos presupostos do nacionalismo integral risquiano en oposición ás posturas da Irmandade da Coruña, preconizando un “arredismo artístico”. Xa no seguinte título, “O ruralismo”, aparece a necesidade dunha mudanza estética. O punto que máis reaccións adversas provocou foi o ataque ás tres figuras arredor das que o sistema galeguista construíra o seu Rexurdimento – Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez – mesmo por parte dos que en principio estarían de acordo co espírito do texto. Tamén no manifesto Máis alá! Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro van facer unha forte crítica a Valle-Inclán e aos que desertaron do galego para escribiren na lingua de Cervantes: “Pollitos bien” Comenzaremos invocando a Valle-Inclán. Maestre: chamamos-lle maestre por ser vostede o “maestro” d’a Xuventude imbécil de Galicia. Noso non; que, endebén, sabemos comparar a súa modernidade co-a cobardía d’o debre que tan só pode vivir facendo claudicantes concesións ó forte. Non tería o seu nome acolleita n-istas liñas si quixeramos tan só cha-

[151]

mar-lle aquilo. Pero ten que ser ó falar d’ise fato de cabezas focas, nenos “foulard e de rubí”, engayolados pol-o innegábel prestixo d’a prosa e d’a ridícula mintira d’unha epopeya aventureira que vostede, unha e outra, falsificou (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 139).

O seu compromiso máis radical consiste na defensa e no uso da lingua galega sen ningunha concesión. O ataque contra Valle-Inclán é furibundo. Póñenlle o ramo a ese apartado coa seguinte frase: “Madrí precisa-vos pra persoaxes d’a sua opereta” (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 140). Despois desta oposición frontal a Valle e aos “pollitos bien”, unhas liñas máis adiante, volven remarcar a importancia de escribiren en galego e o desprezo que senten por aqueles que escribían en castelán: “Hai os que teñen algún valor e desmínten-o expresándose en castelán. A istes só queremos recomendarlles que escriban en catalán, ingrés ou francés. Estranxeira por estranxeira, val máis unha fala d’Europa que a d’a Meseta” (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 140). O manifesto está escrito conforme as convencións dos programas de intervención dos ismos europeos, aínda que os autores se desvinculan de todo movemento existente: rexeitamento da tradición, retórica da negación, ironía, ton violento… “A proclama móvese dentro da teorización estético-política ou ortodoxa” (PENA, 1996, p. 149), pero sobrepasa as fronteiras do galeguismo oficial-risquiano. Contra o que podería parecer, o manifesto foi defendido, apoiado e aceptado por moitos dos galeguistas da época; Antón Villar Ponte escríbelle o 17 de abril de 1922 a Manuel Antonio para comunicarlle: “Limos e relímol-o seu manifesto. A min paréceme insuperábel. Coido que non precisa nin mais engádegas nin ningunha chatadura” (MANUEL ANTONIO, 1979, p. 164). Por outra banda Castelao tamén lle escribe a Manuel Antonio despois de ler o manifesto e dille: “Eu atopo moi ben o manifesto, moi ben, moi ben. Nin seguir retratando co-a inconsciencia d’unha máquina as cousas da Natureza nin sacar as cousas da cabeza como as arañas o fío do cú. Na interpretación debe estal-o noso cuño persoal” (MANUEL ANTONIO, 1979, p. 181). A reacción de Vicente Risco fronte ao manifesto foi ben [152]

diferente. Malia que o ourensán asinara un poema futurista, publicara recensións sobre Josep M. Junoy e Joan Salvat-Papasseit e mesmo fixera unha valoración positiva do manifesto Contra els poetes amb minúscula. Primer manifest català futurista, Risco acollerá con moitas reservas o Máis alá! No artigo publicado en La Zarpa, “De Máis alá! E mais do foulard”, cualifica o manifesto de “serodio”, debido a que xa transcorrera a etapa de maior vigor das vangardas: Nin o interese nin o afán didáctico e divulgador de Risco, amosan desexo algún de implantar os novos repertorios na Galiza. Para Risco a creación dunha arte nacional galega é xa per se un exercicio de vangardismo, por ser invención dun repertorio propio, completamente orixinal (AXEITOS, 1993, p. 22).

Risco só aceptou aqueles ataques de Máis Alá! contra os escritores galegos cuxo vehículo de expresión literario era o castelán, é dicir, considerou oportuno rexeitar os cultivadores modernistas do foulardismo que tentaban reproducir o estilo de Valle-Inclán. Mais probabelmente a Risco non lle gustaron as críticas políticas contra o nacionalismo galego da época, cando o rianxeiro afirmaba que o nacionalismo das Irmandades da Fala era pequeno para el. Neste sentido, na única afirmación do poeta que se conserva na súa correspondencia referida a unha ideal organización socioeconómica de Galiza, di: Eu considero-me fora d’ a Yrmandade, porque resulta estreita demáis prá cantidade e intensidade de Nazoalismo que eu sinto. Cada volta vexo-me máis afincado n-as miñas ideas sindicalistas: suprimindo o Estado, outra d’as ventaxas que s’arrecadan é a de suprimir a política; e a política, vou vendo que é a nosa gran doenza racial, a que máis axiña compre aniquilar. Hai que atopar a maneira de que o galeguiño non poida ter un mandiño, e a mellor maneira consiste en suprimir o mandiño: o Estado con todal-as suas orgaizacións (MANUEL ANTONIO, 1979, p. 299).

Porque el ten moi claro de onde vén, quen é e o que quere: “Cogito; ergo sum. Hespaña non pensa; logo non eisiste” (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 207) di Manuel Antonio no texto titulado “Honni soit...” teorizando e deixando constancia escrita da súa loita contra esa “crás de señoritos que denantes de mercar un sombreiro teñen que saber cantos [153]

centímetros de áa están de moda en Madrí” (MANUEL ANTONIO, 2012, p. 147). Resistencia poética explícita A pesar de declarar as súas ideas en textos na prensa da época, na súa poesía escolleu outros camiños. Manuel Antonio era unha persoa comprometida politicamente, mais non quixo comprometer nunca a arte da súa poesía. Vexamos un dos pouquísimos poemas cívicos que conservamos de Manuel Antonio, publicado na colección “Nós. Páxinas gallegas do diario da Cruña El Noroeste” en 1919: O SOL D’A LIBERTADE Cando o sol lostreguee tral-a outra montana colle a fouce sagrada e bota un forte aturuxo que se escoite n’a aldea e n’a cibdá lexana onde a servil Infamia seu negro trono puxo. Cando o sol alomée, lumioso e radiante, marcha ergueito e disposto pol-a ruta esquencida. Podes facer, si queres, a tual i-alma xigante Podes achar, si loitas, o que val máis que a vida. Cando, longo n’a tarde, voe a outro hourizonte, de xionllos recibe, dend’a cume d’o monte, a postreira raiola que revoe n’o val. E garda no teu peito o rayo derradeiro, e xura coma un vello i-andante cabaleiro, defendel-o hastra a morte, coma un Santo Graal. (MANUEL ANTONIO, 1992)

Neste poema podemos observar a chamada a empuñar a fouce e loitar pola da patria galega, ao tempo que recupera a tradición literaria medieval e a materia artúrica. Manuel Antonio colle emprestado o ton (e tamén algunha imaxe) do coñecido “Himno de Acción Gallega”, de Ramón Cabanillas: ¡Irmáns! ¡Irmáns galegos! ¡Desde Ortegal ó Miño a folla do fouciño fagamos rebrilar! (CABANILLAS, 1917)

[154]

As vangardas en Galiza A mediados da década dos anos 20 do século pasado, os diarios Galicia e El Pueblo Gallego de Vigo xuntan nas súas redaccións un fato de mozos que se moven arredor de ideais galeguistas: Rafael Dieste, Carlos Maside, Caramiñas, Blanco Torres, Euxenio Montes, Amado Villar etc. Alén diso é importante salientar o labor doutras revistas e xornais e a aparición das tertulias, en especial a do Café Derby en Vigo, na que participan Manuel Antonio. Outras revistas como Alfar (fundada en 1920) e Ronsel (que editou seis números en 1924) tamén formaron parte dos escenarios destas novas correntes estéticas. Dirixidos e orientados por Risco, tamén interveñen no proceso renovador outros autores como Euxenio Montes, Xavier Bóveda, Álvaro Cebreiro e Correa Calderón. A revista La Centuria, fundada en 1917 por Risco, acolle nas súas páxinas os primeiros apuntamentos sobre textos vangardistas. No seu “Preludio a toda estética futura”, Risco presenta a Walt Whitman, Boccioni, Severini e Marinetti diante dos lectores galegos. Entre 1919 e 1921 difúndense no xornal A Nosa Terra, textos explicativos (e algúns de creación autóctona) sobre o futurismo, o cubismo e outros movementos vangardistas estranxeiros, englobados no que denominaban “arte nova”. Á hora de definirmos o clima de pensamento e estética que achamos en Galiza nese tempo debemos ter presente que a súa situación xeográfica e cultural está incluída dentro do ambiente español xeral, que á súa vez, forma parte do ámbito dos movementos europeos. Galiza sería o centro duns círculos concéntricos dos que recolle, parcialmente, certas influencias pero que se diferencia nalgunhas achegas particulares. Dende esta perspectiva é máis fácil entender a interrelación dos diferentes “ismos”. Así, pois, en Europa son determinantes características como o ambiente entre guerras, o cosmopolitismo, as arelas innovadoras e a crise ideolóxica. Estes factores afectan á vangarda española que lle engade os seus peculiares: a crise do 98, a defensa da autonomía da arte imposta polo Modernismo e a actitude racionalista dos novecentistas. Todo isto inflúe na vangarda galega que lle acrecenta algunhas particularidades e características propias: [155]

1. A actitude nacionalista da xeración das Irmandades da Fala e da Xeración Nós, a incidencia do saudosismo portugués e o descubrimento dos cancioneiros medievais. 2. A relación con Portugal, concretamente con Teixeira de Pascoaes e o seu saudosismo. Isto influíu moito aos escritores galegos e, aínda que non callou en ningunha escola poética concreta, marcou unha liña de culto ao sentimento – á que lle deben os vangardistas galegos non se ter deshumanizado, á maneira dos cultivadores estranxeiros doutras vangardas. 3. O descubrimento dos cancioneiros medievais galego-portugueses, co que supuxo de revelación para uns escritores orfos de tradición escrita. Coñecen a lírica medieval grazas á edición de José Joaquim Nunes en 1928. Isto desemboca na creación dun “ismo” propio: o neotrobadorismo, ligado en certo modo co neopopularismo español. 4. O uso do galego como vehículo exclusivo para a creación literaria. 5. A ruptura coa dependencia dos grandes mestres do Rexurdimento. 6. O labor de actualización e modernización da lírica galega, que se universaliza poñéndose en relación coas correntes europeas. 7. Sitúanse nunha liña posmodernista, aínda que o vangardismo se manifesta de modo diverso en cada un deles. 8. O ríxido control do sentimental, pudor afectivo que corta con calquera xesto sentimentaloide. Todas estas características fixeron que as vangardas galegas puidesen traspasar as fronteiras. O gran poeta español Federico García Lorca manifestou en varias ocasións que coñecía a poesía galego-portuguesa do ciclo trobadoresco, lera a Gil Vicente, Sá de Miranda, Camões, Rosalía de Castro e tamén que lera a obra de autores vangardistas como Amado Carballo, Manuel Antonio, Euxenio Montes ou Álvaro Cunqueiro, entre outros. Este achegamento, sumado ás súas continuas viaxes á nosa terra, provocou que o propio Lorca se atrevese a escribir os Seis poemas galegos (de 1935), en lingua galega.

[156]

O creacionismo, Huidobro e Manuel Antonio Manuel Antonio confesa que coñeceu o ultraísmo e outros “ismos” grazas a Risco. Vexamos a definición de creacionismo que recibe nesta carta de Risco: Creacionimo: é o nome que Vicente Huidobro, poeta chileno, lle dou ó cubismo especial quil fai. De Huidobro: Horizon carré, Tour Eiffel, Hallali, Ecuatorial, Poemas árticos (MANUEL ANTONIO, 1979).

E estas son as primeiras obras vangardistas que vai ler Manuel Antonio e vai anosar nalgúns momentos da súa creación poética, sen esquecer as traducións que fai doutros autores como Metzinger, Poe, Rambaud, Apollinaire, Éluard, Judge, Kerdik, Lebesgue, Nazariantz, Péret, Tzara, Verhaeren, Verlaine ou Rimbaud e que van deixar pouso na súa obra poética. Manuel Antonio defínese como revoltario, porque cre que os seus primeiros poemas son demasiado “modernos”. Así explicaba Risco o creacionismo na obra de Euxenio Montes. El foi un dos primeiros puntos de contacto coas vangardas en Galiza, quen contribuíu á difusión da obra de Vicente Huidobro. Por exemplo, Gerardo Diego, coñeceu a obra do chileno grazas ao empréstimo de libros que lle fixo o autor ourensán: Os poemas galegos que hoxe pubricamos de Euxenio Montes están feitos na escóla creacionista, fondada polo poeta chileno Vicente Huidobro e polos franceses Cendrars e Reverdy. (...) hai que ter en conta -os que non estean ó día nestas cuestiós- que eiquí, as imaxes son creadas direutamente polo poeta e non tomadas do falar corrente, senón empregadas eiquí por primeira e derradeira vez (RISCO, 1919).

O creacionismo é, xa que logo, unha corrente vangardista que nace en París da man do poeta chileno Vicente Huidobro e que presenta certas afinidades co cubismo e coincide no esencial co ultraísmo. Para os creacionistas, a arte non debe imitar nin traducir a realidade senón que o poema debe ser unha realidade autónoma creada pola xustaposición de imaxes baseadas en relacións arbitrarias. O poeta debe “facer un poema como a natureza fai unha árbore”. O poema creacionista só pode existir na cabeza do poeta, e non é fermoso porque nos lembre outras realidades coñe[157]

cidas, senón que é fermoso de seu e non admite termos de comparación. Fronte ao surrealismo, no creacionismo as imaxes literarias deben ser produto da intelixencia e non froito da inconsciencia da persoa. Entre os principais representantes do creacionismo podemos citar a Apollinaire, Blaise Cendras, Huidobro, Reverdy ou Gerardo Diego. Este movemento de vangarda ten unha especial influencia na obra de Manuel Antonio. No seguinte poema de Vicente Huidobro recóllense as formulacións básicas deste ismo vangardista: ARTE POÉTICA Que el verso sea como una llave Que abra mil puertas. Una hoja cae; algo pasa volando; Cuanto miren los ojos creado sea, Y el alma del oyente quede temblando. Inventa mundos nuevos y cuida tu palabra; El adjetivo, cuando no da vida, mata. Estamos en el ciclo de los nervios. El músculo cuelga, Como recuerdo, en los museos; Mas no por eso tenemos menos fuerza: El vigor verdadero Reside en la cabeza. Por qué cantáis la rosa, ¡oh Poetas! Hacedla florecer en el poema; Sólo para nosotros Viven todas las cosas bajo el Sol. El Poeta es un pequeño Dios. (HUIDOBRO, 1989)

Como di Huidobro noutro texto, “el poema creacionista se compone de imágenes creadas, de conceptos creados; no escatima ningún elemento de la poesía tradicional, salvo que en él dichos elementos son íntegramente inventados” (OSORIO TEJEDA, 1988, p. 168). Pouco tempo despois deste poema, co que practicamente se inauguraba o creacionismo, en [158]

1925, Manuel Antonio escribiu un poema pertencente ao libro Foulas, que non vai ver publicado en vida, e que constitúe unha auténtica poética da obra do rianxeiro: VIDA NOVA Adeus poemas mortos! Adeus campas infecundas! As nosas flotas volven-se ó fume e ás áas de todol-os portos. Cada cruz d’os adros pretéritos ten outro nome pra min Debaixo teu outro suicidio que somentes eu conecín. E adeus tamén a elexía! E a lembranza e o remorso e o século e o día... Hai outra voz que rompe camiños novos: Adiante os nosos antropoides que saen d’os tobos! (MANUEL ANTONIO, 1992)

Neste poema despídese do pasado, das formas vellas, dos nomes antigos, das lembranzas e do tempo. A partir de aí, na última estrofa dálle a benvida a unha nova voz, a que o propio Manuel Antonio vai inaugurar e que levará ao máximo expoñente coa publicación da súa obra cumio: De catro a catro. Follas sin data d’un diario d’abordo, publicada en 1928. As principais características do creacionismo que adaptan os vangardistas galegos son as seguintes: vocación cosmopolita, con abundante utilización de estranxeirismos; grande uso de imaxes, autónomas e sen continuidade; creación dunha visión plural da realidade; utilización de termos da linguaxe técnica e científica (do chamado na década de 1920 linguaxe do mundo moderno); escaso emprego dos signos de puntuación, o que provoca interpretacións subxectivas; tentativa de crear textos carentes de ritmo, rima e musicalidade; creación dun coro de voces, de maneira que o poema deixa de ser a expresión dun único suxeito lírico; carencia de unidade e uniformidade espazo-temporal; o antisentimentalismo, mediante [159]

o cal o poeta narra obxectivamente o contado no poema. Manuel Antonio comparte moitas destas características, mais nunca chegará a prescindir totalmente do elemento sentimental. Como vemos no seguinte poema de Foulas, comezando xa polo título, o autor lévanos ao territorio da infancia. Para alén dun forte clamor contra a morte da infancia, podemos intuír algunhas ideas sobre a creación poética e a outra gran preocupación do rianxeiro: o paso do tempo: CANCIÓNS DE NENOS Xa non sei cantar cancións de nenos —Cantan os nenos n-a eira os seus poemas pequenos— Vicente d’o dente... Miñoto calzudo... Manolo carolo... Os meus vellos vinte anos veñen de volta de ningures queren dormir outra volta n-o colo. Xa non sei cantar cancións de nenos E n-os sete versos d’o voso poema atopei-me sete corazóns de menos. Eu fun cismando os poemas meus c’o retorno d’as vosas cancións —Porque as horas xa nunca se destecen— Retornade meus perdidos corazóns! —Porque as cancións d’os nenos nunca envellecen— (MANUEL ANTONIO, 1992)

Neste caso, faise patente a individualidade e o estilo característico do autor de Rianxo, como as imaxes contrapostas, as esaxeracións e a nudez do eu poético fronte ao poema. Porén, Manuel Antonio si que asume algunhas características formais do creacionismo xa en 1920, como podemos observar nos versos finais do poema Xornadario d’un estudante, onde rompe coa métrica tradicional e o aliñamento dos versos, cunha estrutura versolibrista: [160]

A ollada alleeira

pousando-se n-as liñas

Doemos unha coita pensamos mais alá Aluciñante lírica chuvisca tí adiviñas o que me dí o teu son cando m’atopa só? Unha opinión d’a Química: H2O (MANUEL ANTONIO, 1992)

A fórmula química inserida no final do texto provoca unha forte sorpresa que descoloca o lector. A percepción inocente do eu lírico, que ve na chuvia unha leve manifestación do cosmos, á que se une o seu estado sentimental, vese fortemente agredida pola interrupción da obxectividade, que cunha simple fórmula rebenta todo rastro de sentimento. Ademais, neste poema introdúcense outras características creacionistas: a ruptura da rima, a disposición dos versos e o emprego de fórmulas e palabras propias das ciencias, situándose próximo dalgunhas composicións de Huidobro de Poemas árticos como a seguinte: LUNA Estábamos tan lejos de la vida Que el viento nos hacia suspirar LA LUNA SUENA COMO UN RELOJ Inútilmente hemos huido El Invierno cayó en nuestro camino Y el pasado lleno de hojas secas Pierde el sendero de la floresta Tanto fumamos bajo los árboles Que los almendros huelen a tabaco Media Noche Sobre la vida lejana Alguien llora Y la luna olvidó dar la hora (HUIDOBRO, 1989)

Vexamos agora un dos poemas máis vangardistas do autor rianxeiro, escrito en maio de 1923 e publicado na revista [161]

Ronsel en 1924, no que o caligrama inicial, levado ao límite, rompe o absolutamente o discurso do poema, levando ao límite o recurso da ruptura dos versos:       

 

EXCELSIOR

[162]



Radiograma de pirotécnicos instintos (piroteinia de resoanzas) que pol-os vieiros d’os ecos xogarán ós laberintos. EU SON! O meu nome acenderá unha estrela nova en cada constelación. (MANUEL ANTONIO, 1992)

Na personalización destes últimos versos hai unha clara referencia aos versos de Huidobro que citamos antes: “Por qué cantáis la rosa, ¡oh poetas! / Hacedla florecer en el poema.” Mais Manuel Antonio aínda vai máis aló na súa capacidade creadora: o seu propio nome (un dos maiores símbolos das vangardas) servirá para acender unha nova estrela e abrirse ao universo todo. De catro a catro, o Manuel Antonio máis mariñeiro En 1926 comezou Manuel Antonio as súas grandes navegacións arredor do mundo e a experiencia a bordo no pailebote Constantino Candeira, sumada ás longas horas de vixilia, servíronlle para compoñer De catro a catro, publicado en 1928. [163]

O libro representou unha ruptura total coa musicalidade da poesía de Rosalía de Castro, que até entón dominaba o panorama poético galego e, como moi ben dixo o propio Manuel Antonio, introducía a Galiza, de cabeza e sen ningún complexo periférico, na modernidade. O poemario está inzado de múltiplas referencias a case todos os “ismos” vangardistas de moda naqueles tempos. Este poemario foi definido como a perfecta plasmación dos postulados creacionistas difundidos polo chileno Vicente Huidobro. Pero ademais, atento ás máis importantes manifestacións da estética literaria en Europa, Manuel Antonio non ocultou en De catro a catro as influencias doutros grandes poetas como Arthur Rimbaud, Jules Supervielle ou Guillaume Apollinaire. Son dezanove poemas nos que nos convida a vivir unha singradura. Ao comezo, en “Intencións”, o eu poético anuncia que vai comezar a singradura e amósase ilusionado ante unha nova experiencia de aventura. Continúan 17 poemas nos que se manifesta unha vivencia interna do mar, e unha experiencia íntima en contacto co cosmos que o rodea. No medio da navegación hai unha escala en terra, os poemas 8 e 9, “Recalada” e “Navy bar” que, como veremos máis adiante, representan un pequeno alto na travesía, onde o escenario se converte nunha cidade que depara os seus consabidos leceres ou o fume e o alcol da tasca dos mariñeiros. Entre este inicio, estas pausas e esta culminación da viaxe, encóntranse os restantes quince poemas que son os que nos sitúan nun mar á vez movedizo e hierático, un mar que é camiño, mais tamén chegada, que é refuxio e tamén fuxida. Todo o poemario, como o subtítulo revela, é un sentimental caderno de bitácora onde os avatares máis nimios se nos confesan e onde podemos intuír un corazón que medita, que lembra e que vibra en cada hora do periplo. No poema “Recalada” o acontecemento narrado é o divertimento en terra; o encontro coas prostitutas, o ánimo altivo dos fumadores de cachimbas, a rutina que se encontra nas zonas portuarias de todo o orbe, onde os nosos mariñeiros parecen idénticos aos xa vistos, onde os vasos, as botellas, os momentos da ruidosa bebida son sempre os mesmos. Mais, [164]

no medio deste esgotado discurso, o poeta deposita uns versos emblemáticos que plasman magnificamente o sentimento solidario do amor remunerado: Nos bordeis xa saben que a nosa moeda ten o anverso de ouro e o reverso sentimental. (MANUEL ANTONIO, 1992)

Por un lado aparece o frío metal co que se paga o amor, polo outro está a sentimentalidade do que se entrega ao amor, aínda que este sexa artificial, aínda que este sexa froito dun intercambio comercial. Detrás dese acto de compra-venda sempre aniña un corazón que necesita amar, que necesita ser compartido. Existe unha visión defraudada da vida, en Manuel Antonio, relacionada co adeus, coa saudade e coa monotonía, e que confirma o ton pesimista e triste de todo o libro. Trátase da idea do naufraxio, que é a culminación do extravío existencial. Finalmente, todo na vida leva ao naufraxio, que é o símil do fracaso, do desencanto, da decepción. Así, o poema “Navy Bar” remata así: No repouso dalgún vaso tódalas noites naufraga o Bar. (MANUEL ANTONIO, 1992)

Finalmente, remata a súa viaxe cunha volta á terra. O derradeiro poema do libro titulado “Adeus” tamén está escrito dende terra, é a despedida da navegación e representa o regreso á vila natal, que será o seguinte poemario: Viladomar. Este proceso axústase a unha estrutura mítica, o suxeito abandona o mundo coñecido e protector da beiramar -ao que volve rematada a navegación- pero a travesía ofrécelle un conxunto de vivencias que debe descifrar. O poeta, como Ulises, realiza unha navegación iniciática, percorrendo o mesmo itinerario: abandono do coñecido; aventura, abrirse ao novo; regreso renovado pola experiencia. O universo simbólico da aventura interior do suxeito vén manifestada por varios símbolos: o mar (simboliza a vida), o barco (representa o poeta, o eu lírico que comeza a viaxe), a proa (significa o futuro), o ronsel (simboliza o pasado), o [165]

mastro (dálle ánimos para continuar a travesía), o leme (representa o rumbo definido, o vento (simboliza o dinamismo) etc. De todos os xeitos, o máis orixinal do libro son tres cousas: 1. A introdución de cultismos inéditos na nosa literatura e léxico propio da navegación. 2. A presentación do mar dende o propio mar, ofrecendo unha paisaxe ata daquela descoñecida. 3. A innovación formal no tratamento do poema e nas imaxes vangardistas. Mesmo que a pegada creacionista do libro sexa grande, existen algunhas características propiamente manuelantonianas, como o carácter unitario do poema e a anulación da distancia entre o obxecto poético e o suxeito lírico.       

 

SÓS Fomos ficando sós o Mar o barco e mais nós. Roubaron-nos o Sol O paquebote esmaltado que cosía con liñas de fume áxiles cadros sin marco Roubaron-nos o vento Aquel veleiro que se evadeu pol-a corda floxa d’o horizonte

[166]

Este oucéano desatracóu d’as costas e os ventos d’a Roseta ourentaron-se ao esquenzo As nosas soedades veñen de lonxe como as horas d’o reloxe Pero tamén sabemos a maniobra d’ os navíos que fondean a sotavento d’ unha singladura N-o cuadrante estantío d’as estrelas ficou parada esta hora: O cadavre d’o Mar fixo d’o barco un cadaleito Fume de pipa Saudade Noite Silenzo Frío E ficamos nós sós Sin o Mar e sin o barco nós. (MANUEL ANTONIO, 1992)

Este é, probabelmente, o poema máis vangardista da literatura galega. A medida que avanza o poema, vaise facendo máis visíbel a ruptura discursiva e sintáctica. Ao final só fican as palabras, illadas nos versos, coma unha sucesión de imaxes cubistas que teñen sentido dentro do conxunto do poema e que provocan no lector unha fonda impresión de soidade. Este é un recurso tipicamente manuelantoniano. Outra das orixinalidades manuelantonianas é a manutención da rima, que é total nos libros iniciais e que en De catro a catro reduce o seu peso. A rima neste último poemario é como un rastro débil, pois a súa disposición é anárquica ou non sistemática, podendo ser asonante ou consonante. Así mesmo a distancia dos versos que riman pode ser tan grande que a percepción desa coincidencia se faga moi difícil. Con todo, o rianxeiro ten unha predilección consciente por este recurso poético no final das composicións (así acontece en “Travesía”, “Sós”, “… Ao afogado”, “Navy Bar”, “Balada do pailebote branco”, “O cartafol do vento” e “Lied ohne Worte”). [167]

Con Manuel Antonio Queremos rematar o noso texto cun gran berro de socorro... Porque Manuel Antonio foi revolucionario, resistindo, nós tamén resistimos: S.O.S. Todos presentiamos que a noite preparaba algún sofisma E o faro estraviado daba S-O-S n-o morse —clave Orión— d’as estrelas (MANUEL ANTONIO, 1992)

Podemos afirmar, para poñermos o ramo, que Manuel Antonio é o poeta vangardista máis orixinal e en toda a súa obra domina a constante preocupación pola lingua, que tratou de depurar na procura dun rexistro literario culto, dignificando a literatura galega e dándolle visibilidade a nivel internacional. Abonda de censura e de manipulación. Como dixeron os membros de Rompente no seu manifesto: “Fóra as vosas sucias mans de Manoel-Antonio!” (na realidade, o “sistema” tíñalle moito medo a Manuel Antonio). Nós queremos seguir lendo e investigando a súa obra. Pola súa calidade literaria, por colocar a literatura galega na vangarda europea e pola súa actitude de resistencia, o poeta rianxeiro está considerado o maior representante da vangarda histórica de entreguerras en Galiza e un dos mellores poetas do século XX. Por todo iso Manuel Antonio merece unha nova lectura e ser (re)coñecido no mundo enteiro como un exemplo de resistencia poética e social quer no contexto galego, quer na literatura universal. Hoxe, no século XXI, recoñecémonos como galegos, resistentes, modernos e herdeiros da tradición que en 1922 Manuel Antonio fundou contra a Tradición e pola República Galega. Sós, sen o barco, co mar e con Manuel Antonio, só nós.

[168]

Referencias bibliográficas AXEITOS AGRELO, X. L. A poética de Manuel Antonio. Vilaboa: Edicións do Cumio, 1993. ______. “Manuel Antonio, poeta de la libertad”. Zurgai: Euskal herriko olerkiaren aldizkaria: Poetas por su pueblo. Bilbao, 1993. p. 38-41. BRINGAS LÓPEZ, A. “A teoría poscolonial é totalmente aplicábel no contexto galego. Non hai dúbida”, Galicia Hoxe, 13-6-2011. HUIDOBRO, V. Obra selecta. Selección, prólogo, cronología, bibliografía y notas de Luis Navarrete Orta. Caracas: Biblioteca Ayacucho, 1989. MANUEL ANTONIO: Correspondencia (Edición, limiar e notas de Domingo García-Sabell). Vigo: Galaxia, 1979. ______. Manuel Antonio. Poesía Galega Completa. Edición de Xosé Luís Axeitos Agrelo. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1992. ______. Manuel Antonio. Obra Completa. Volume I: Prosa. Edición e notas de Xosé Luís Axeitos Agrelo. A Coruña: Clásicos da Academia. Real Academia Galega / Fundación Barrié, 2012. OSORIO TEJEDA, N. Manifiestos, proclamas y polémicas de la vanguardia literaria hispanoamericana. (Edición, selección, prólogo, bibliografía y notas Nelson Osorio T.). Caracas: Biblioteca Ayacucho, 1988. PENA, X. R. “Manuel Antonio e o anarconacionalismo”. In: Manuel Antonio. Embarcados nun cantar. Extra de A Nosa Terra. Vigo: A Nosa Terra, 1996. p. 48-61. REGUEIRA, M. “Manoel Antonio”. O porto dos escravos. 20 de novembro de 2010. Dispoñíbel en: [Consultado en 25-7-14] RÍOS PANISSE, M. “O rupturismo do manifesto ¡Máis [169]

Alá!”. Dorna. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 1989. RISCO, V. “Xente nova, Euxenio Montes”. A Nosa Terra, 96. A Coruña, 1919. SALGADO, D. “Manuel Antonio liberado”. El País. 19 de novembro de 2010. Dispoñíbel en: [Consultado en 25-7-14]

[170]

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.