FREIXEIRO MATO, Xosé Ramón: Lingua galega: normalidade e conflito, Santiago de Compostela: Laiovento - 5.ª edición, (2002 [1997])

May 23, 2017 | Autor: Silvia Busto Caamaño | Categoria: Galician language, Galician-Portuguese Language, Galician History, Galician Linguistics
Share Embed


Descrição do Produto

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2002 [1997]): Lingua galega: Normalidade e conflito, Santiago de Compostela: Laiovento (5ª ed.) Lingua galega: Normalidade e conflito comeza cunha introdución en que Freixeiro Mato explica a orixe e o significado da lingua galega. Expón que unha lingua é a obra de creación máis importante que ten un pobo e que, para alén diso, é o símbolo de identificación colectiva por excelencia, pois nela sintetízase a maneira de ser e de pensar dese pobo. Aliás, enfatiza que unha lingua non é só un medio de comunicación mediante o cal os membros dunha comunidade poden comunicarse; nunha lingua está recollida a historia e a personalidade dun pobo. Xa que logo, lingua e nación están ligadas e, polo tanto, o futuro da lingua galega está unido o futuro da Galiza. A lingua galega nace arredor do século IX d. C. como consecuencia da evolución do latín vulgar traído á Península Ibérica, aproximadamente no ano 197 a. C. polos soldados romanos, o cal acabou por se impor ás falas preceltas, celtas e paraceltas. Logo dunha historia longa, o galego vive actualmente nunha situación de dificultade, provocada, nomeadamente, pola imposición doutra lingua allea que provocou o desprestixio social da lingua galega e a perda de usos importantes creando certo complexo de inferioridade e mesmo orixinando o fenómeno do autoodio. Con todo, non se conseguiu acabar co galego, mais si desprestixialo socialmente. A seguir, Freixeiro Mato sinala que para conseguirmos unha recuperación e unha normalización da lingua é preciso coñecermos ben a súa orixe e evolución. A historia da lingua galega pódese dividir en tres períodos: galego antigo, galego medio e galego moderno. O galego antigo ou galego portugués comprende desde o século IX até fins do século XV, o galego medio abranxe desde o século XVI até o século XVIII, ambos incluídos, e o galego moderno, que abranxe desde o século XIX até o século XX. No galego medieval ou galego antigo pódense sinalar dúas etapas, unha en que o galego non é lingua escrita, mais si oral (séculos IX até XII), e unha segunda en que o galego se converte tamén en lingua escrita e que abranxe desde o século XI até o XV. O autor esclarece que ao longo da Idade Media o galego vai asumir as funcións propias dunha lingua normalizada: o galego será a lingua de identidade, familiar etc. sen facer 1

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 diferenciacións de clases sociais. Na altura, o latín presentaba unha variedade culta e era a lingua escrita, que se empregaba nos ámbitos máis formalizados. Porén, existía outra variedade do latín, o latín vulgar, que se utilizaba en contextos informais. Este feito de existiren dúas variantes dunha mesma lingua xera unha situación de diglosia interna. Durante os primeiros séculos de vida do noso idioma dáse tamén unha situación de diglosia, mais, neste caso, externa ou exodiglosia, xa que se trata de dúas linguas: a variedade culta ou formal do latín, e o galego, que era continuación natural do latín vulgar. Con todo, o galego tivo neses séculos a mesma situación de “normalidade” que as outras linguas que tamén naceran do latín vulgar. O latín era a lingua oficial e, polo tanto, a lingua oficial que empregaba a Igrexa, mais o galego era a lingua falada por todos os estamentos sociais, sen obxecto de diferenzas de clases. Deseguido, o autor sinala que a comezos do século X o galego era a lingua cortesá empregada polos monarcas, feito que é ratificado dous séculos despois por Afonso VI, rei de León, Castela e Galiza. Para alén disto, cabe mencionar, co obxectivo de entendermos como funcionaba a lingua galega como lingua cortesá na altura, que o infante herdeiro do trono de Galiza, Afonso Reimúndez, neto de Afonso VI, foi proclamado rei de Galiza polo conde de Traba Pedro Froilaz e polo arcebispo Xelmírez. Cando a súa nai fina, Afonso Reimúndez herdará os reinos de León e Castela, feito que facilitará a Gallaecia a súa hexemonía política na Península. Logo, en 1130, Afonso VII será proclamado rei, contando co apoio de Galiza, e, en 1135 será coroado Emperador na cidade de León. O poder político de que gozaba Galiza na altura fixo que a lingua galega tivese máis prestixio na oralidade, nomeadamente porque o galego era a lingua cortesá por excelencia. Na seguinte epígrafe, que leva por título “A constitución do galego en lingua escrita”, comézase afirmando que o galego se convertirá tamén en lingua escrita, nun primeiro momento nos documentos privados e logo en documentos públicos. O galego seguía a ser a lingua falada por toda a populación galega, e durante esa etapa do galego podíase facer unha división en dúas épocas: a trobadoresca e a postrobadoresca. A primeira engloba desde comezos do século XIII, cando apareceron os primeiros textos escritos, até 1350, cando “acaba” a 2

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 escola lírica galego-portuguesa. Esta etapa é considerada unha época de esplendor do galego medieval, xa que foi aí cando a escola lírica deu lugar ás cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldicer que se recollen nos Cancioneiros. A lingua empregada nas cantigas é máis depurada que a da prosa documental. No que respecta á identidade lingüístico-cultural, nas cantigas trobadorescas galego-portuguesas, non se encontran diferenzas entre os textos dun trobador de Lisboa e un de Compostela. A comezos do século XIII tamén se encontraron os primeiros textos en prosa tabeliónica conservados. A segunda etapa, denominada postrobadoresca, comprende desde 1350 até finais do século XV e é unha época de decadencia literaria, pois desaparece a escola lírica galego-portuguesa e substitúese pola escola galego-castelá, a cal pretendía imitar o estilo da galego-portuguesa. Freixeiro Mato enfatiza que, para alén desa decadencia, é importante coñecermos a evolución da situación política na Galiza na altura. A partir do reinado de Fernando III, o reino da Galiza viuse integrado na coroa de Castela-Toledo-León, comezando paulatinamente o camiño cara a decadencia, tanto política como económica, mais, finalmente, tamén cultural. A estes feitos hai que lle sumar outras circunstancias, tales como a consolidación de Portugal como nación e o inicio do proceso de substitución, por parte de Galiza, da súa nobreza por outra allea, impedindo a consolidación dunha burguesía mercantilista propia por mor do desenlace das guerras irmandiñas, entre outros feitos. Aliás, desde a segunda metade do século XIII, o galego-portugués comeza a se empregar na prosa literaria, nomeadamente na tradución das lendas artúricas (Libro de Merlín, A Demanda do Santo Graal, Libro de Tristán etc.). A seguir, o autor apóiase nun estudo feito por H. Monteagudo Romero para afirmar que é a comezos do século XIII cando aparecen os primeiros documentos en galego, mais tamén até o século XIV, momento en que o galego será empregado en documentos particulares e tamén nos públicos. Para alén diso, a comezos do século XIV, a Igrexa usará publicamente o galego, e, a pesar da forte presenza do latín, o uso do galego é rexistrado en moitas das actas dos Sínodos das dioceses de Mondoñedo, Ourense ou Santiago nos séculos XIV e XV. Pódese 3

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 afirmar, xa que logo, que, despois de observar eses datos, para alén de outros extraídos do exame da documentación medieval, que o galego foi a lingua oficial dos habitantes do país durante a Baixa Idade Media. O seguinte capítulo, titulado “A imposición dunha lingua allea”, constitúe unha síntese en que o autor chega á conclusión de que, baixo o reinado dos Reis Católicos, o galego verase afectado pola imposición do castelán. Galiza afronta o paso do reinado dos Reis Católicos ao dos Austrias sendo unha especie de provincia afastada e sumida nunha opresión e gobernada por xente forasteira, sen poder exercer a súa personalidade política nin cultural. Esa opresión será desencadeante nos séculos escuros da nosa lingua. Con todo, o pobo galego desenvolverá a súa vida en galego. Deseguido, fálase de “dous procesos de substitución lingüística diferenciados”. O primeiro é a substitución das linguas indíxenas faladas no noroeste peninsular polo latín e o segundo tenta desprazar o galego polo castelán. Estes dous procesos presentan bastantes diferenzas, xa que o latín non substitúe unha lingua, senón que substitúe varias. Freixeiro Mato conclúe este capítulo sinalando que o proceso de substitución dunha lingua romance por outra tamén romance non afecta do mesmo xeito a toda a Romania, mais si os países que perderon a súa independencia política e as linguas que non teñen un poder que as defenda, como o caso do galego. Xa que logo, non se pode estabelecer unha comparación entre ambos procesos nin argumentar que o latín se impuxo a outras linguas anteriores que desapareceron, pois tamén sería lóxico que o galego se substituíse polo castelán. A continuación, no capítulo titulado “Cinco séculos de conflito lingüístico”, exponse que, a fins do século XV e comezos do XVI, se vai producir na Galiza unha relación conflitiva entre o castelán e o galego como consecuencia da imposición do castelán no país; xa que logo, xerarase unha situación de diglosia, pois o castelán será a lingua do poder e, polo tanto, dominante, mentres que o galego se convertiría na lingua dos subordinados a ese poder. A lingua do poder invadirá os ámbitos da lingua propia da Galiza, que se tornará en lingua dominada. Entón, conflito lingüístico e diglosia están ligados, pois os dous fenómenos están presentes na Galiza desde comezos do século XVI. A seguir, o 4

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 autor afirma que non existe unha convivencia pacífica entre as dúas linguas, nin tampouco

había

bilingüismo

ao

comezo;

había

dous

grupos

sociais

monolingües, pois a maioría da populación galegofalante non sabía nin falar nin escribir en castelán e unha minoría forasteira castelán-falante non sabía nin falar nin escribir en galego. Logo, fálase da situación da lingua galega durante os séculos XVI e XVII, os cales son coñecidos como os séculos escuros. Neses séculos non existía practicamente un discurso literario propiamente galego, mais, con todo, consérvanse escasas mostras de obras literarias compostas en galego. Porén, o autor esclarece que a falta de datos que se teñen da altura non permite coñecermos a situación da lingua galega nesa época. Mais si había algunhas referencias en textos que, de acordo co autor, permiten estabelecer unha clasificación en tres sectores sociais na Galiza, no que respecta ao seu comportamento lingüístico: un grupo monolingüe en castelán, un grupo autóctono bilingüe e unha maioría monolingüe en galego. Algúns deses textos permitían observar as consideracións dos falares galegos como vulgares, rudos, lingua propia de ignorantes etc. No século XVIII, século da Ilustración por excelencia, a Ilustración galega está marcada por dous feitos, a modernización económica de que gozaba Galiza e, para alén diso, o descubrimento dos ilustrados de Galiza como os Padres Feixoo, Sarmiento ou Sobreira. Os tres ilustrados realizarán estudos co obxectivo de defenderen e dignificaren a lingua galega. Aliás, no século XIX, a lingua galega entrará nunha nova fase, feito que suporá unha mudanza destacábel se se compara coa situación que viviu nos séculos anteriores. Neste século, a lingua galega recuperará certa categoría literaria, nomeadamente obra das figuras do Primeiro Renacemento literario, Rosalía, Curros e Pondal, mais tamén grazas ao labor que fixeran os ilustrados no século XVIII, que propiciará a aparición do galeguismo como movemento cultural e político. Freixeiro Mato apóiase en autores como Carme Hermida para afirmar que o século XIX foi de reivindicación para a lingua galega. De acordo co autor, cómpre mencionarmos tres etapas ao longo do século XIX que serán chave para a evolución do uso escrito do galego. A primeira etapa abranxe desde 1808 até 1833 e caracterízase, 5

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 especialmente, polas manifestacións do diferencialismo político de Galiza, así como da súa singularidade. Na segunda etapa, que comprende desde 1833 até 1863, ano en que se publica Cantares Gallegos, prodúcese unha defensa da unidade política de Galiza como provincia, con dereito ao autogoberno. Esta primeira xeración está formada por Antolín Faraldo, Francisco Añón, Alberte Camino e Neira de Mosquera, entre outros, os cales devolven o galego ao ámbito da literatura culta, para alén de defenderen a dignidade da lingua. O autor menciona A Gaita Gallega, obra en que se exalta e promove a lingua galega. Logo, a terceira etapa, que se inicia en 1863 e se estende até fins de século, caracterízase pola loita co obxectivo de dotar á lingua galega de gramáticas e dicionarios. A primeira gramática galega, o Compendio de gramática gallegocastellana de Francisco Mirás non tivo consideración, nomeadamente, pola súa falta de rigor. Serán catro anos máis tarde cando Saco e Arce publique unha gramática que si se pode chamar “primeira gramática galega”, a Gramática Gallega. Nese mesmo ano (1868) publica un estudo titulado El habla gallega. Observaciones sobre su origen y vicisitudes. Cómpre mencionarmos que nesa época aparecen os tres primeiros dicionarios galego-casteláns, cuxos autores son Francisco Javier Rodríguez, Cuveiro Piñol e Marcial Valladares. Durante o século XX, ten lugar un avance destacado na lingua galega, co obxectivo de reivindicar a lingua de maneira que sexa o medio de expresión en todos os ámbitos da vida. Este avance provocará mudanzas, nomeadamente na evolución do movemento galeguista, o cal mudará do rexionalismo ao nacionalismo. Este nacionalismo xurdiu co nome de Irmandades da Fala, que naceron coa finalidade de defender e dignificar a lingua galega. Os seus compoñentes, entre os que destacan Vilar Ponte, Castelao, Risco ou Cabanillas, entre outros, levaron a cabo un plano de actuación política para conseguiren o autogoberno pleno para Galiza e para a súa federación coas demais nacións que forman a Península Ibérica. Entre as actividades que realizaron, importa mencionar a creación da revista Nós en Ourense, a cal serviu para potencializar e modernizar a cultura galega. Alén disto, un grupo de estudantes universitarios (Carballo Calero, Filgueira Valverde, Xaquín Lourenzo etc.) fundan en 1923 o 6

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 Seminario de Estudos Galegos, co obxectivo de potenciar e ampliar o uso da lingua galega, principalmente, na prosa científica e técnica e levando a cabo unha actividade investigadora que abranguía diversos campos (Filoloxía, Antropoloxía, Etnografía etc.). No ámbito editorial, publicáronse gramáticas e dicionarios entre os que destacan a gramática de Saco e Arce e o dicionario de Valladares. Aliás, leváranse a cabo outras propostas, sempre coa finalidade de dar á lingua unha norma escrita unificada. Porén, o número de falantes seguía a descender, pois as persoas adoptaban o castelán como lingua dos usos formalizados. Logo, outros sucesos como a Guerra Civil, van marcar e condicionar o uso do galego. O inicio da guerra supuxo unha parálise de todo o proceso galeguizador e a represión que ela causou tivo consecuencias nas linguas e nas culturas de expresión que non fosen castelás. Así, xerouse unha destrución de institucións, revistas, editoriais etc. que se conseguiran grazas aos esforzos anteriores. Alén diso, o centro da cultura galega desprázase a América, onde residirá Castelao, entre outros escritores. Este feito deu lugar a que a lingua galega tivese alá certo protagonismo cultural. Con todo, a ditadura franquista converteu a lingua galega nunha lingua clandestina, que só se empregaba no ámbito familiar e con un uso coloquial. O labor editorial en lingua galega desaparecería practicamente neste período (arredor de 1935). Xa en 1950, comezan a se albiscar algúns trazos de recuperación para a lingua e a literatura galegas e, consecuentemente, fúndanse editoriais como a Editorial Bibliófilos Gallegos en Santiago e, en 1951, un grupo de galeguistas, entre os que destacan Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo etc. fundarán a Editorial Galaxia, a cal foi chave para a recuperación do galego. Alén diso, intelectuais da altura, como Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor ou Carballo Calero, entre outros, consolidarán unha obra que xa fora iniciada; ademais, daranse a coñecer outros autores máis novos como Neira Vilas ou Celso Emilio Ferreiro, os cales dotarán de relevancia a lingua galega na literatura. Xa nos anos sesenta e setenta comezaron a se mostrar reivindicacións da lingua galega por parte de cantautores e poetas e, para alén diso, en 1963, a Real Academia Galega obterá autorización para instituír a celebración do Día 7

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 das Letras Galegas. Outas datas chave foron 1965 e 1971, en que a lingua e a literatura galegas se incorporaron aos estudos de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago e, para alén diso, foi creado o Instituto da Lingua Galega, respectivamente. Freixeiro Mato conclúe sinalando que nos últimos anos de ditadura se dan chanzos co obxectivo de que a lingua galega recupere ámbitos de uso, feito que promove a publicación de Informe-dramático-sobre la lengua gallega, de Xesús Alonso Montero, onde o autor fala sobre o perigo de morte da lingua galega. Antes da morte do ditador, é publicado un decreto que regula o emprego das linguas “regionales españolas” e despois da súa morte e pouco despois da publicación dese decreto, é iniciado o chanzo cara a transición a un réxime de Monarquía Parlamentaria, que suporá a aparición dun marco xurídico-legal para o galego. A Constitución Española de 1978 estabelece que o español é a lingua oficial do Estado, e o galego é a lingua propia da Galiza, mais tamén é lingua oficial xunto co español. Para alén diso, a Lei de Normalización Lingüística de 1983 sinala que todos os galegos e todas as galegas temos o deber de coñecer o galego e o dereito de usalo. En 1979, a Editorial Galaxia publicará máis unha edición da Gramática elemental del gallego común e en 1986 tamén sairá do prelo a Gramática Galega, escrita por profesores e membros do Instituto da Lingua Galega, institución universitaria que tamén leva a cabo a creación do Atlas Lingüístico Galego, de que Fernández Rei falará na súa obra Dialectoloxía da Lingua Galega. Alén diso, en 1988, publícase na Editorial Vía Láctea unha Nova gramática para a aprendizaxe da lingua, e en 1991, a profesora María Pilar García Negro le a primeira tese de doutoramento sobre lexislación lingüística do galego publicada co título d’ O galego e as leis. Aproximación sociolingüística. Será en 1995 cando vexa a luz a primeira Gramática histórica galega, de Manuel Ferreiro. Esa época foi de bastante éxito literario, pois houbo un aumento na edición de libros en galego, feito que se debeu ao traballo de creación de editoriais comprometidas coa nosa lingua. A seguir, Freixeiro Mato sinala que arredor de 1977 se fundaron entidades como a

8

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e asociacións culturais como a Alexandre Bóveda na Coruña, entre outras. No que respecta ao ensino, o galego ten unha presenza mínima fronte ao dominio do castelán, e a Igrexa non emprega habitualmente o galego, nin sequera no ámbito rural. En cuestións relacionadas coa Facenda de Galiza, os formularios son ofrecidos á populación en castelán e, no campo da xestión empresarial, o uso da lingua galega tamén ten un papel bastante reducido. No ámbito universitario, despois de se levaren a cabo estudos nas tres universidades galegas, chégase á conclusión de que o galego apenas é empregado por parte do profesorado. Cómpre mencionar que, na Universidade da Coruña, despois de loitaren para conseguiren que se implantase a titulación de Filoloxía Galega no ano lectivo 1998/99, finalmente será impartida esta titulación nas tres universidades galegas. O seguinte capítulo leva por título “O conflito normativo”, e nel, Freixeiro Mato comeza ofrecendo unha visión histórica en que sinala que no galego existe un conflito normativo que estivo presente mesmo antes de escribir en galego. Durante o período medieval, o galego-portugués escrito en Galiza recobrou máis presenza por mor da carencia dun poder político propio que levase a cabo unha función unificadora. Neste período, albíscanse varias mudanzas, tanto fonéticas, como morfosintácticas e léxicas. Carballo Calero sinalará unha etapa dialectal, a partir da lingua empregada na escrita, de maneira que cada autor escribiría tal e como aprendeu a falar na súa zona de procedencia. Alén diso, autores como Noriega Varela, entre outros, son fieis ao modelo dialectal, polo que B. Fernández e H. Monteagudo diferencian entre galego popular, galego enxebrista e galego estándar. Outro ano chave nesta altura foi 1970, en que a RAG aproba as normas ortográficas para a lingua galega, que serán completadas en 1971 con outras normas morfolóxicas, as cales serán publicadas baixo o título de Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Nese mesmo ano tamén se fundará o Instituto da Lingua Galega (ILG), organismo que exercerá un importante papel no que se refire á estandarización da lingua galega, e publicará manuais de aprendizaxe: Gallego I (1971), Gallego II (1972) e Gallego III (1974). 9

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 Para alén deses manuais, logo de reunírense filólogos/as e persoas interesadas na lingua galega, elaboraranse en 1977 as Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego e, en 1980, despois de que a Consellaría de Educación e Cultura da Xunta de Galiza forme unha Comisión Lingüística, presidida por Carballo Calero, á fin de elaborar unhas normas de carácter oficial, crearanse as Normas ortográficas do idioma galego de 1980. Xa en 1982, o ILG elaborará outras Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, as cales son presentadas entre o ILG e a RAG. O autor menciona tamén o reintegracionismo lingüístico co portugués, que tivo bastantes defensores, nomeadamente despois de que en 1979 se publicasen as Directrices para a reintegración lingüística galego-portuguesa, de Xosé Martiño Montero Santalla. Deseguido, fálase de sectores do nacionalismo como a Associaçom Galega da Língua (AGAL), de carácter reintegracionista, que publica en 1983 un Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (ILG-RAG). A partir da imposición das normas oficiais creouse un conflito entre os defensores das distintas posturas, o cal afectou, nomeadamente, o ensino. A seguinte epígrafe leva por título “Situación actual e perspectivas de futuro” e nela, Freixeiro Mato estabelece que, na actualidade, existen aínda consecuencias dun conflito que non acabou por se resolver para o futuro da nosa lingua. En 1982 prodúcese unha mudanza das normas oficiais, as cales se afastaban do modelo portugués e se aproximaban ao español, feito que xerou un enfrontamento entre a normativa oficial e a denominada normativa de “máximos”, quer desde o punto de vista ortográfico, quer ideolóxico-lingüístico. A normativa de concordia ou de “mínimos” será a única posíbel que, para alén diso, unha ampla maioría de especialistas coincidía nela e asinaría o “Manifesto por un acordo necesário” (máis do 80 % do profesorado de Lingua Galega, tanto do Ensino Medio como Universitario). Con todo, non se logrou o acordo, xa que nin sequera se tentou de o conseguir. A seguir, Freixeiro Mato advirte que para a conseguirmos unha normalización lingüística na actualidade é preciso que exista unha norma oficial que sexa estábel, garantindo, antes de máis nada, a supervivencia da nosa lingua. En síntese, o autor sinala que soamente semella 10

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 que existen dúas posibilidades que garantan esa posibilidade: a norma oficial e máis o portugués. No seguinte capítulo, titulado “Prexuízos sociais sobre o galego”, o autor sinala que continúa a haber perda de falantes da lingua galega, posibelmente por mor da falta de profundidade e coherencia con que se levaron a cabo a mudanza das leis e das actitudes do poder. Existen unha serie de tópicos que impiden conseguirmos a dignificación e a normalización da nosa lingua, tales como crer que por falarmos o galego somos inferiores, e por considerarmos a propia lingua inferior. Aliás, existe o tópico da lingua universal, cuxos defensores ven nas diferentes linguas un impedimento para comunicárense, cando realmente son vínculos da cultura universal e, nomeadamente, son o principal elemento identitario dun pobo. Mesmo hai quen afirma que o estudo do galego por parte das crianzas supón un atraso, pois é unha atranco no progreso; os propios pais dos/as nenos/as mesmo din estar en contra do galego no ensino. Ou sexa, é a propia sociedade galega quen rexeita a dignificación e a normalización da lingua galega. O autor afirma tamén que non falta tampouco quen diga que o galego vai “sobrevivindo” no ámbito cultural escrito grazas ás subvencións da Xunta e doutros organismos públicos, feito que todos os países levan a cabo. Finalmente, o autor menciona aquelas persoas que foron quen de dicir que o galego non lles dá de comer, sen lle negar certos valores. Por outro lado, Freixeiro Mato dedica un capítulo para falar da economía lingüística, pois afirma que unha lingua é un factor económico, e sinala que un pobo que é quen de defender a súa lingua é un pobo capaz de xerar riqueza. No entanto, un pobo que rexeita e despreza a súa propia lingua será incapaz de xerar confianza e progresar no seu futuro. O autor conclúe afirmando que un pobo que non se respecta a si propio non pode pretender que os demais pobos o fagan. Freixeiro Mato sostén que Galiza recuperará as súas potencialidades económicas se é quen de lograr expresarse con dignidade e orgullo na súa propia lingua. O autor conclúe este capítulo afirmando que o feito de defender a lingua propia é o máis rendíbel e económico que un pobo pode facer, pois dese xeito poderase medir a capacidade económica da comunidade á que pertence. 11

Historia da lingua galega e portuguesa Silvia Busto Caamaño 2016/17 Para finalizar, Freixeiro Mato conclúe advertindo que é obriga de todos os galegos e todas as galegas recuperarmos o orgullo e a dignidade da nosa lingua, pois, de non ser así, a nosa lingua e tamén o futuro de Galiza como pobo diferenciado, para alén do futuro dos galegos e das galegas como persoas dignas, libres e prósperas, correrán perigo.

12

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.