Os estudios queer

Share Embed


Descrição do Produto

Os estudios queer Por Rafael M. Mérida Jiménez Vieiros, 19/12/2002

http://www.vieiros.com/nova.php?id=26357&Ed=60

A edición de Sexualidades transgresoras. Una antología de estudios queer (Barcelona: Icaria, 2002) nace nunha encrucillada persoal que quizais conveña explicar antes de ir máis alá. En primeiro lugar, é producto da miña estadía nos Estados Unidos como profesor de literatura española en Rice University, en Houston, dende mediados de 1998 ata mediados de 2001. Como saberán Houston é a terceira ou cuarta cidade máis grande daquel inmenso país, posúe o maior centro hospitalario de todo o mundo e, ó carón, o centro de operacións da NASA. Sen embargo non é a capital do estado de Texas (rango que ostenta Austin), onde durante a meirande parte daqueles anos foi gobernador o actual presidente dos Estados Unidos (Bush junior): é dicir, que o azar laboral me levou a residir nun estado inxente e ser testemuña das últimas eleccións presidenciais -eleccións que, como lembrarán, foron especialmente curiosas e con resultados discutidos-. Houston é tamén unha cidade enorme pero, malia as súas dimensións, calquera cun pouco de sentidiño pode apreciar os efectos locais do seu sistema político e financeiro, ademais da moi precaria xustiza social (teñan presente que a creba empresarial máis grande de toda a historia dos Estados Unidos, o célebre caso Enron, tivo a súa sé nese Downtown). Como lles dicía, fun profesor nunha universidade de Houston, mais adiántolles que non en calquera universidade, senón nun dos centros de investigación máis salientables dos Estados Unidos, especialmente en áreas relacionadas coa Enxeñería, a Física ou a Química. Os centros académicos norteamericanos semellan o espello dunha sociedade tan xerarquizada como aquela: se un estudiante é licenciado por unha das universidades que forman o selecto grupo de

universidades de clase I (en total, non máis dun par de ducias, como Yale, Harvard, Stanford, Pricenton, Duke... ou a mesma Rice) poderá aspirar directamente ós mellores postos de traballo e ós mellores salarios. A valía dun mozo universitario médese, en primeiro lugar, pola orixe do diploma que exhibe. Estas universidades deberían ser, xa que logo, núcleos duros de investigación, na vangarda da teoría e modeladores da práctica. Segundo como se mire, tiven moita sorte de ir a parar alí. Así é que eu, de entrada, era un auténtico estraño naqueles lares: aprendéndolles o Libro del buen amor ou Celestina (e as cantigas de escarnio máis galegas) en medio dunha cidade do máis curiosa e nunha universidade que se define como rara pola súa excepcionalidade. E queer significa precisamente iso: "raro", "curioso", "estraño", como poderán comprobar doadamente en calquera diccionario bilingüe. Ou, tal vez mellor, deba avanzarlles que son dobremente raro, pois a miña sexualidade non resulta de todo "convencional" para algúns, que poidan pretender insultarme -cando en realidade están botando exabruptos contra si mesmos- proferindo a palabra marica. Queer, en segundo lugar, coloquialmente, tamén abrangue a devandita acepción. Tamén o din os diccionarios. De maneira que era -ou son- un raro ó cadrado. En Rice existe unha licenciatura de estudios sobre a muller e a sexualidade (sobre o xénero sexual, que lle din) e nela participei de moi diversas maneiras; tamén un "Centro para o estudio das culturas" que subvencionaba grupos de investigación e debate interdepartamentais. Un deles era de teoría queer e eu fun fedellar alí a ver qué andaban argallando. Ó final, supoño que pola condición de Q ó cadrado á que acabo de aludir, dei en ser o seu director durante un ano. E ó longo deste ano estiven lendo moitísima máis teoría queer e preparando a antoloxía da que lles estou a falar. Resumindo non pouco, pode afirmarse que esta modalidade de teoría nace gracias ó proceso de revisión metodolóxica que os estudios sobre a sexualidade veñen gozando dende a

década dos oitenta, e que debe moito ó pulo do movemento feminista, pois foi este o que abriu definitivamente ás portas cara a esa vía de comprensión do que, con posterioridade, se denominarían "estudios gais e lesbianos". A consolidación dun paradigma e a creación dunha xenealoxía contrapostas á orde patriarcal como mecanismo de identificación dunha historiografía das mulleres, propiciou que cando algúns membros dos grupos reivindicativos dos dereitos homosexuais tentasen tracexar a súa árbore xenealóxica botasen man do feminismo como o mellor dos referentes posibles, dada a proxectabilidade dos seus resultados. Tamén, por suposto, porque unha parte importante das investigacións se formou ou participou intimamente, durante unha primeira fase, nos debates dende dentro do movemento feminista, en especial a crítica lesbiana. E é que dende a evolución da teoría feminista cómpre entender o nacemento dunha categoría tan trascendental para o noso eido de investigación como a que significa a noción de xénero sexual (gender), desenvolvida a partir dos setenta e que representa na súa orixe unha derivación dos estudios sobre a muller. A diferencia foise consolidando pouco e pouco conforme se foi profundado nun elemento que afecta á constitución da crítica homosexual. Os estudios sobre a muller recollen uns testemuños que serven para alumear unha ideoloxía e un estatuto no seu contexto temporal, mentres que os estudios de xénero atenden fundamentalmente ás ordes morais da sexualidade e as súas representacións, masculinas e femininas, ambos os dous cunha clara vontade de revisión do canon histórico, artístico ou literario. Convén lembrar de novo que o termo "homosexual" posúe unha historia delimitable, pois foi acuñado a finais do século XIX e só ó longo do século XX foi adquirindo, de xeito firme aínda que paseniño, o emprego pleno actual. A súa orixe vinculada ó vocabulario médico non deixou de lastrar, ata mediada a centuria, a significación da que agora goza, por máis que suxeita a cambios. Na década dos oitenta este sería o punto de de partida dunha corrente historiográfica e filosófica

denominada "construccionista", segundo a cal a homosexualidade non nacería ata que unha morea de circunstancias (sociopolíticas e económicas, por exemplo) propiciaron a xénese desa nova autoconciencia erótica, individual e colectiva, que en absoluto pode asimilarse ás prácticas sexuais entre persoas do mesmo sexo que as fontes históricas e artísticas amosarían na Grecia clásica, nos reinos europeos e bizantinos do Medievo, nas cidades renacentistas italianas ou na Inglaterra isabelina. Fronte a aqueles que cren nunha "esencia" -mesmo xenética- da homosexualidade, unha serie de persoas, influídas polo pensamento de Michel Foucault e a súa Histoire de la sexualité, consideran que só a partir da segunda metade do século XIX converxerían aqueles requisitos imprescindibles que permitirían falar dunha conciencia homosexual. Se aceptamos, como suxire Foucault, que a sexualidade debe entenderse non a través do prisma tradicional da Natureza univalente do cristianismo, senón a través da dinámica que establece coas súas representacións e discursos (loucura, castigo, medicina, entre outros), á vez que dende os seus entornos socioculturais, estariamos recoñecendo implicitamente que a secular dicotomía biolóxica entre home e muller debe borrarse en beneficio do "xénero", pois sería este o ámbito dende o que se producirían subxectividades máis alá da hexemonía masculina heterosexual que ten ostentado o poder de control nas sociedades occidentais. O sexo, xa que logo, non sería xa un trazo innato, unha simple actividade ou unha dimensión máis do ser humano, senón unha identidade en construcción. Este sería o vieiro que, de maneira plural, foron transitando e ensanchado investigadoras formadas en diversas correntes do feminismo e do pensamento postestructuralista europeo e norteamericano. Dúas das teóricas que participaron máis activamente na reformulación do concepto de xénero e que propiciaron as súas derivacións cara á teoría queer foron Judith Butler e Eve Kosofsky Sedgwick, que profundaron nun novo paradigma que acolle e alenta a diferencia das diversas

identidades sexuais en contra das dicotomías restrictivas tradicionais. A partir do seu traballo pode entenderse moito mellor o rumbo que está a seguir parte da crítica: un home afeminado ou unha muller viril, un home disfrazado de muller ou cunha sensibilidade contraria á tipoloxía dominante, unha muller que se desprende do hábito da feminidade subordinada, por exemplo, representarían unha subversión do sistema binario tradicional á vez que a mellor pegada para rastrexar unha identidade que poida devir conciencia enfrontada á heterosexualidade institucionalizada que procurou restrinxir os comportamentos que tentaban escapar á súa norma. Deste xeito parece evidente que a revisión proposta polos estudios de xénero fora aquela que mellor se adaptase ás esixencias da meirande parte da crítica sociolóxica, literaria e historiográfica consagrada ó homoerotismo. Se, aceptando os parámetros máis estrictos da escola construccionista, non pode identificarse unha identidade homosexual con anterioridade ó século XIX, si que pode, cando menos, trazar unha lectura daquelas subversións e representacións que a noción de xénero permite e potencia en calquera circunstancia histórica. Non sen precaucións, pódese afirmar que a teoría queer emparenta cos estudios de xénero ó cuestionar as identidades en apariencia estables: cómo estes se afastan dun ámbito predelimitado (gais e lesbianas nun caso, mulleres noutro) co obxectivo de crear unha reformulación dos procesos de formación e diferenciación ó redor da sexualidade. A teoría queer aposta por un desciframento postmodernista da noción de identidade sexual que enlaza historicamente coa rota aberta polo feminismo, os estudios sobre a muller ou sobre o xénero pero que, á vez, alenta novos pulos e metodoloxías. As súas propostas reinterpretan, de maneira máis radical, os presupostos da crítica homosexual -tanto esencialista coma contruccionista-, pois aplican a análise desconstruccionista e postestructuralista francesa para esvaer (ou dinamitar) o binomio "hetero/homo". As persoas queer desestabilizan ós cánones universalistas, transgreden os patróns unívocos e subverten de forma

sistemática os seus propios lindeiros e códigos dualistas que definen os comportamentos heteronormativos. A lexitimación dos homosexuais como minoría normalizada non é entendida como unha victoria senón como unha perpetuación do réxime social que sustenta dominacións, xerarquías e exclusións. Cómpre lembrar, ademais, que esta teoría agromou ó abeiro da nova dimensións que adquiriron algúns movementos sociais emprazados nunha encrucillada na que deberon responder a cuestións inéditas tras a expansión da epidemia da sida e do (neo)conservadurismo que sufriu Norteamérica durante os anos oitenta. Dous exemplos poden servir coma mostras deste panorama: o primeiro, sería a sentencia do Tribunal Supremo dos Estados Unidos no caso Bowers vs. Hardwick (1986), polo que se condenaba a sodomía homosexual entre adultos; o segundo, sería o nacemento do movemento Queer nation (Nova York, 1990), vinculado á loita antisida do grupo ACT UP, que acadou un certo eco mediático pola súa estratexia de desvelar a homosexualidade de personaxes públicos que a mantiñan en segredo (outing). Non obstante, debe lembrarse que se trataba tamén dunha táctica que pretendía avivecer unha loita aletargada como consecuencia da aparente asimilación política dos homosexuais máis privilexiados, que empezaron a desentenderse da propagación da enfermidade entre grupos sociais ou étnicos desfavorecidos. De forma paralela, os estudios queer amósanse menos preocupados pola victimización sexual que polo desmantelamento das retóricas que fortalecen os discursos do verdugo -aqueles que, en definitiva, xustifican e lexislan as súas prerrogativas-. Como lles adiantaba, o termo inglés queer designa a idea de rareza e estrañamento e asemade, a nivel coloquial, pode converterse nun insulto sexual dirixido tanto contra homes como contra mulleres. Non existe un vocablo equivalente en español que recolla a mestura de acepcións nin que permita a súa natural transformación lingüística en substantivo, adxectivo ou verbo. Como sucede noutros idiomas -e dada a actual extensión do seu emprego-, preferimos manter o

orixinal inglés, aínda sabendo da incomodidade que pode provocar entre moitos/as lectores/as. Segundo Alberto Mira "os intentos de traducir expresións como queer theory como teoría maricona non son acertados de todo, xa que só reproducen o significado performativo do termo, non o etimolóxico. Non só consiste en identificarse cun termo que antes servía para insultar, se se elixe queer fronte a outros termos similares é porque ó mesmo tempo pretende resaltar a estrañeza coa que ten que observarse a sexualidade humana" [1]. Pero tan importante como a súa performatividade, ademais, sería a súa validez xenérica, pois como ten subliñado acertadamente Beatriz Suárez Briones, "en España os homes gai téñense apresurado a traducir moi alegremente e moi pouco informadamente (e moi sexistamente, por suposto) o vocablo queer como marica, cando queer foi unha palabra coidadosamente elexida pola nova unión gai-lesbiana por ser un termo que no seu abano semántico contén non só os maricas senón que tamén as bolleras, as e os transexuais, os travestis e todo o sexualmente raro, estraño, singular, que é o que, en primeira instancia, significa a palabra queer".[2] Nun proceso de cuestionamento constante por parte dos mellores traballos, tense intentado deseñar un mapa referencial que interpretase o pasado á luz dunha nova metodoloxía que, á vez, desestabilizase a herdanza crítica recibida e redefinise o presente. Trataríase de outorgar á sexualidade un lugar que fora arrebatado tradicionalmente ó tempo que se desprazan as súas expresións e matices. Por estes motivos resulta labor especialmente problemático a demarcación dunha teoría que se autodenomina cun termo en principio insultante e que, ó tempo, intenta crear unha dimensión vital e intelectual tan subversiva e transgresora como rebelde, orgullosa e reivindicativa [3]. Porque, por suposto, unha das características que poderían definir os estudios queer nos Estados Unidos sería esa vontade politizadora legada dende as súas orixes. En efecto, ademais da reivindicación colectiva inherente ós estudios gais e lesbianos, o movemento queer amplia o seu radio de acción a entramados sociais de novo calado ou a cuestións vinculadas,

por exemplo, á raza, á relixión, á ecoloxía e a grupos marxinados polo capitalismo globalizador de finais do século XX. Esta é unha das razóns que explican que na actualidade sexan moitos os universitarios que traballan coa teoría queer con independencia dos seus gustos sexuais- como consecuencia das novas perspectivas que lles abre para emprender novos modelos de investigación. Sexualidades transgresoras pretende bosquexar unha panorámica sobre as dimensións logradas pola teoría e os estudios queer en Norteamérica. O seu propósito é modesto como consecuencia da limitación de espacio e da extensión das discusións, pero como mínimo ofrece a oportunidade de achegarse a algúns froitos dos autores máis influíntes. A preparación da selección foi especialmente ardua -e inevitablemente discutible-, pois elixíronse textos dispares que informan sobre a orixe, a evolución e os debates durante a última década do século XX. A copiosa bibliografía que aporta cada un dos artigos constitúe boa proba diso. Polo demais, tamén se pretendeu que a súa procedencia mostrase o ineludible papel desempeñado por algunhas revistas, coleccións ou editoriais universitarias na súa impresionante traxectoria, ó tempo que se seleccionaban temas que puidesen suscitar o interés sobre unhas dinámicas sociais, políticas e culturais que non son transvasables por enteiro á realidade española ou dos moi diversos estados hispanoamericanos. O sumario xa advirte sobre as orientacións dos contidos deste volume: en primeiro lugar, a selección acolle as colaboracións de nove dos teóricos máis sobranceiros dos estudios queer norteamericanos: Eve Kosofsky Sedwick, Judith Butler, Diana Fuss, Donald Morton, Joshua Gamson, Robyn Wiegman, Deborah P. Britzman, Lauren Berlant e Michael Warner. En segundo lugar, comprobarase que optei por unha orde cronolóxica de presentación, xa que, ó meu xuízo, é o que mellor responde á cadencia da evolución mesma: se ben cada traballo é autónomo e permite a lectura independente, o diálogo subxacente pode apoiar unha valoración transversal de conxunto das fontes comúns das que beben ou discrepan.

En terceiro lugar, destacaría o abano de temas abordados, relacionados cos estudios literarios, a socioloxía, a política, a pedagoxía, a psicoloxía ou a filosofía, que proxectan indirectamente o lugar conquistado polos estudios queer no mundo universitario, aínda que tamén fose da "academia". Unha importante antoloxía de ensaios titulada Fear of a Queer Planet (Medo a un planeta queer) editada en 1993 por Michael Warner, xa introducía no seu limiar xustamente a idea de que cando unha persoa se identifica como queer, automaticamente convértese nunha loitadora en contra de todas aquelas instancias que o estigmatizan e que coutan a súa liberdade, chámense familia, estado, nación, clase ou cultura. Unha persona queer rexeita clasificacións sexuais e, sobre todo, promove un cambio social individual e colectivo dende moi diversas instancias en contra de toda censura. Oxalá que Sexualidades transgresoras invite e incite a esa rebeldía. Notas [1] Alberto Mira, Para entendernos. Diccionario de cultura homosexual, gay e lésbica, Barcelona: Ediciones de la Tempestad, 1999, p.601. [2] Beatriz Suárez Briones, "Desleal a la civilización: La teoría (literaria) feminista lesbiana", en Xosé M. Buxán Bran (comp.), ConCiencia de un singular deseo. Estudios lesbianos y gays en el Estado español, Barcelona: Laertes, 1997, p. 270. [3] Dous volumes que ofrecen unha síntese crítica das orixes e das propostas do movemento e da teoría queer son os preparados por Annamarie Jagose, Queer Theory. An Introduction, New York: University, 1996, e William B. Turner, A Genealogy of Queer Theory, Philadelphia: Temple University, 2000. Trad. de Mónica Folgueiras López

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.