\" ROTEIRO DAS MOURAS \" ROTEIRO DIDÁCTICO DE XEOGRAFÍA E HISTORIA

May 26, 2017 | Autor: Rafael Quintía | Categoria: History, Education, Ethnography, Nature, Arqueology
Share Embed


Descrição do Produto

Autor: Rafael Quintía Pereira

“ROTEIRO DAS MOURAS” ROTEIRO DIDÁCTICO DE XEOGRAFÍA E HISTORIA

Descrición breve: Lendas, etnografía, arqueoloxía e natureza nun roteiro didáctico pola cultura e as terras de San Martiño de Salcedo. O presente roteiro didáctico pretende traballar as áreas de:   

Xeografía (paisaxe, ocupación humana, recursos, clima e natureza) Arqueoloxía (Calolítico, Idade do Bronce, Idade do Ferro) Antropoloxía (, patrimonio inmaterial, etnográfico e sociedade agraria)

Obxectivos:  

 

  

Coñecer os xeitos de ocupación humana do territorio dende o calcolítico ata a actualidade. Estudar a importancia dos recursos hídricos para o desenvolvemento humano nas sociedades agrarias e coñecer algúns exemplos e construcións etnográficas vencellas ao uso tradicional das augas(muíños, levadas, presas, pozos de rega, fontes). Achegar ao alumno á arquitectura tradicional galega (construcións principais, auxiliares ou anexas, etc). Reflexionar sobre o aproveitamento dos recursos naturais para a supervivencia e a súa importancia á hora de establecer un asentamento habitacional permanente como pode ser un castro. Observar e estudar in situ exemplos de flora e fauna correspondente a un clima atlántico. Espertar o interese do alumnado polo patrimonio inmaterial. Percibir a construción cultural da paisaxe dende a prehistoria.

Destinatarios: Alumnado de Educación Secundaria da asignatura de Xeografía e Historia.

1

ITINERARIO: O roteiro das Mouras é un percorrido cultural que pretende unir e pór en valor parte do rico patrimonio etnográfico, arqueolóxico, inmaterial e natural da parroquia de San Martiño de Salcedo, no concello de Pontevedra. Esta rota, que leva como fío condutor o patrimonio inmaterial (en concreto ás moitas lendas de mouras que posúe esta parroquia pontevedresa), parte do Monte das Croas, antigo castro protagonista da famosa lenda da moura do monte das Croas, recollida por José Casal y Lois alá polo 1866 e que sería publicada e popularizada na obra de Leandro Carré Alvarellos “Las leyendas tradicionales gallegas”. A moura das Croas habita nun pazo soterrado baixo o castro e na súa encantada morada garda grandes tesouros e alfaias.

Visitaremos o castro das Croas, recentemente escavado en 2014, explicaremos como era a vida e a sociedade na Idade do Ferro e a importancia do medio á hora de establecer un poboado. Falaremos do papel que xogou o patrimonio arqueolóxico no discurso ideolóxico da sociedade rural galega como soporte de grande parte do patrimonio inmaterial e reflexionaremos sobre os usos sociais que o castro tivo ao longo da historia ata os nosos días. Continuamos a nosa andaina visitando os muíños do Batán, un conxunto de muíños —magnífico exemplo da tecnoloxía preindustrial— de grande interese etnográfico ancorados no fermoso treito do río Batán, ou Outeiro, que discorre entre a AP9 e a ponte do Batán, baixo a cal, segundo a lenda, se agocha tamén un fabuloso tesouro encantado. Explicaremos o funcionamento dos muíños e a importancia que tiveron na economía agraria galega. Falaremos tamén dos usos sociais dos muíños, dos sistemas de propiedade, dos usos das augas e do patrimonio oral que atesouran

2

Monte das Croas, Ponte do Batán, Fonte de clara auga fría Monte de Samariné, Tiran co ouro as ovellas E non saben ó que é.

Os muíños do Batán son un conxunto formado por catro muíños de rodicio horizontal, tres deles de planta rectangular e teito a unha auga, e un máis grande, dotado de vivenda, cunha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo e provisto de dous infernos.

Vamos deixando os muíños atrás mentres percorremos o frondoso tramo de río ata chegar á autoestrada, onde tomaremos unha pista de terra que discorre a carón da AP9 e que, tras un treito de subida, nos conducirá ata o barrio da Esculca, onde poderemos visitar os petróglifos de Mato das Cruces (+42° 23' 35.43", -8° 38' 40.74"). Esta máxica peneda rupestre está habitada por fermosas mouras que, á parte de iren ao fiadeiro a bailar, tamén tiñan por costume pór a clareo as súas roupas sobre esta laxe gravada. Falaremos de arte rupestre e da súa relación coa oralidade. Dende a Esculca diriximos os nosos pasos cara ao barrio da Armada cruzando a Carballeira do Rei, onde explicaremos que eran e os usos que tiñan as devesas reais. Reflexionaremos tamén sobre a importancia da flora autóctona. Xa na Armada tomaremos a pista que, circundando o recinto militar da Brilat, conduce ao Outeiro das Mouras ou Chan das Mouras. (+42° 23' 23.13", -8° 39'

3

54.68"). Neste lugar do monte comunal de San Martiño podemos visitar os valiosos petróglifos do complexo rupestre de Regato dos Buratos ou Outeiro da Mina, e que tan fermosas lendas atesoura. Mouras encantadas que se converten en serpe, mouras que encerran tesouros baixo as penedas, máxicas laxes ocas e indestrutibles... todas se dan cita neste lugar. Reflexionaremos sobre o posible significado soimbólico e fins da arte rupestre e sobre a súa relación coa paisaxe. O roteiro continua cara ao chan da Muimenta, onde os restos arqueolóxicos atopados e a mámoa de Louredo que alí existía nos remiten a un asentamento do calcolítico. Explicaremos como o home, a partir desta época, empeza a construír culturalmente a paisaxe e visitaremos os Pozos Dulces para falar dos usos tradicionais e aproveitamentos das augas comunais. Proseguimos a andaina baixando polo camiño veciñal que cruza o regato das Flaires e dirixímonos ao lugar do Navalexo e de volta á Armada. Percorrendo as marxes do río Cubela, chamado tamén Flaires, Outeiro ou Batán, observaremos a flora e a fauna típica dunha paisaxe de ribeira fluvial e clima atlántico. Tamén aproveitaremos para explicar que é o monte comunal e a importancia que este tivo e ten en Galicia. No lugar do Outeiro podemos gozar doutra importante mostra de muíños de grande valor etnográfico e que foron restaurados entre os anos 2012-2013 polos veciños de Salcedo. Seguindo a beira do río, adobiada con cinco muíños, chegamos de novo á mítica ponte do Batán e ao noso lugar de inicio e final do percorrido. E aquí, aos pés do castro do Monte das Croas, damos por finalizada a nosa andaina non sen antes falar do cruciero das Croas e dos ritos e tradicións a el vencelladas.

4

DATOS TÉCNICOS:  Punto de partida: Monte das Croas +42° 23' 46.69", -8° 39' 4.34" 42.396302, -8.651205  Dificultade: baixa  Distancia: 7 km  Tempo estimado: 3 horas.

Idea, textos e imaxes: Rafael Quintía Pereira Mapa: João Bieites

5

PATRIMONIO A VISITAR:

 Patrimonio Arqueolóxico: -Castro do Monte das Croas -Petróglifos do Mato das Cruces -Petróglifos do Outeiro da Mina -Contorna da desaparecida mámoa da Louredo -Xacemento calcolítico de chan da Muimeinta

 Patrimonio etnográfico: -Muíños do Batán -Muíños do Outeiro -Levada e pozos dos Batán -Fonte da Prata -Fonte das Flaires -Fonte da Armada -Pozo das Flaires -Pozo e fonte de Cachada das Xestas -Pozos Dulces -Pasais do río Outeiro -Ponte do Batán -Canteiras das Croas -Cruceiro das Croas ou Birrete

 Patrimonio natural: -Monte de San Martiño de Salcedo (cordal de montes do Morrazo) -Marxes do río Batán -Carballeira do Rei (antiga devesa real)

BIBLIOGRAFÍA: -Quintía Pereira, R. Patrimonio Inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas. Edita Sociedade Antropolóxica Galega. Ourense, 2014

6

EXERCICIOS DE AVALIACIÓN:

Cuestionario: 1. Cita 4 usos da auga nunha sociedade agraria? 2. Que recursos naturais consideras necesarios para poder establecer un asentamento humano permanente? 3. Que é unha mámoa e para que se usaba? 4. Que son os petróglifos e a que época corresponden? 5. Onde construirías un castro? 6. Conta algunha das lendas explicadas durante o roteiro. 7. Pon dous exemplos de cada categoría de patrimonio (arqueolóxico, etnográfico, artístico, oral) 8. Describe as principais características do clima das Rías Baixas, a que tipo pertence? 9. Cita 4 animais e 4 especies vexetais típicas deste tipo de clima? 10. Describe as principais características das paisaxes vistas no noso percorrido. 11. Explica con exemplos algún xeito de construír a pasaxe dun xeito cultural. 12. Que é unha sociedade nómade? 13. Que é unha sociedade agrariogandeira?

Exercicio: Debuxa un muíño de río e as súas principais partes. Explica brevemente o seu funcionamento.

Traballo e investigación: Recolle na túa aldea ou vila unha lenda, un remedio, un rito ou tradición e unha cantiga, adiviña ou refrán.

7

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.