A ERÓTICA POLO PASADO COMO REACCIÓN E UTOPÍA, \"Revista Noitábrega, Xuño 2016\"

Share Embed


Descrição do Produto

A ERÓTICA POLO PASADO COMO REACCIÓN E UTOPÍA 15 junio, 2016 de Abel Lorenzo Rodríguez

Gárgola de Nôtre-Dame, poucos saben de entre os 7 millóns de visitantes que son unha reconstrución como “creaturas” do XIX dende Viollet-le-Duc até Jules Michelet. Disney encargarase de consolidar este estereotipo nas retinas das crianzas. “Todo o mundo sabe , dende logo, que o historicismo é a cousa máis espantosa do mundo” Michel Foucault, Hai que defendela sociedade (1975-1976) “A Grecia antiga é a máis fermosa invención de tódolos tempos modernos” Paul Valèry, 1922

I-Un anxo bifronte: Historia/Historicismo A calquera persoa, entendida ou non, que se presente en Nôtre-Dame de Paris fitará as gárgolas afamadas das súas torres-campanario como vestixios dun bestiario brutal e fantástico do Medievo. Tódalas persoas que recorren Carcasonne en Francia ou que seguen a ruta dos castelos bávaros como Neuschwanstein, sentirán a vertixe de estar recorrendo lugares puramente medievais. Igualmente, as masas de turistas que percorren o British Museum na procura dos mármores do Partenón poden ter o gusto de afirmar ver unha peza cuspidiña a aquelas outras de fai 2500 anos que trouxo Lord Elgin. Nembargante, e para desvantaxe nosa, tódolos exemplos anteriores son, máis que historia, fantasías historicistas, reconstrucións megalómanas ou ideais dun pasado que se desexa como lexitimado e fermoso, mais que endexamais existiu. Walt Disney, o neoclasicismo e a utilización da verba medieval como sinónimo de barbarie en calquera nivel, fálanos dos produtores da pseudo-historia. Unha pregunta é para nós esencial: que pode existir no pasado para que a nosa fascinación e gusto se sintan atraídos de forma magnética? Por que ese uso do pasado? Que se procura? Lexitimación? Simple estética? A canalización a estas respostas orientouse en dúas liñas de

investigación que decotío foron enfrontadas polos seus sistemas ideolóxicos: o filohelenismo e o medievalismo. A súa transversalidade foi o principal factor do seu éxito xa que a mensaxe na procura dun pasado exemplificante era válido en moitas áreas da vida social: dende a política até a artística. De aí que o título deste artigo leve a verba erótica no seu título, falamos xa que logo, da atracción irresistible mediante a cal se pensa un ideal. Máis alá da lexitimación directa ou indirecta, o que reside neste espírito pola erótica do pasado é realmente a capacidade de identificación inter-temporal e moitas veces a recuperación nostálxica como espírito reaccionario, anti-progresista. Foucault deu na clave, a pesar das súas difíciles relación coa historia, cando afirma que do que se trata é dunha “negociación de identidades vacantes”: o pasado ó ser unha sinxela representación, xa que traballamos cos restos que nos chegan, debe construír un discurso de poder histórico que configure unha continuidade ó longo do tempo, sólida e coherente, sendo isto moitas veces imposible. Se a auténtica historia debe de comezar recoñecendo os seus límites en canto a poder, o historicismo non se interesa pola coherencia científica, simplemente remarca e lexitima o discurso sobre o pasado non como verdade, senón como identidade. Non poucos autores, aínda hoxe en día, entran nesta disputa tomando o pasado como un discurso maleable e líquido para a súa tese. No libro de Peter Sloterdijk, Os fillos terribles da Idade Moderna. Sobre o experimento antixenealóxico da Modernidade (2015), o filósofo alemán valora, por un lado, o papel liberador da mística medieval e, por outro, establece un continuum dende Cola di Rienzo até Hitler ou Stalin como fillos de todos aqueles que tentan mudar a orde social mais que no fondo son anxos da Apocalipse. Aquí temos unha sublimación do pasado en canto visión anti-progreso da historia. A Nietzsche tampouco lle gustaba a visión da Historia como progreso mais a súa crítica ía precisamente contra calquera sublimación: a historia é basicamente un lugar insalubre que batalla contra o real e o presente como unha enfermidade venérea (Von Nutzen und Nachteil der Historie für Leben, 1879). II- Pericles en Richmond ou cómo saber se o neoclásico é fascista: a Antigüidade Recuperando a noción de identidades vacantes de Foucault, un exemplo magnífico deste proceso está no proceso revolucionario francés de 1789. En poucas etapas como ó final do XVIII se utilizará tan masivamente a recuperación do mundo greco-latino como auténtica farsa. Por múltiples lugares se multiplican os efectos desta enfermidade: Lord Byron vai a loitar pola independencia de Grecia (1823), os movementos constituíntes se autorepresentan como clásicos (independencia das 13 colonias e Rev. Francesa)e na arquitectura e na pintura a propaganda contrarreformista (ondulada e teatral) deixa paso a columnas brancas, edificios rectangulares e frontóns. A pesares de que foi nos recentes USA onde primeiro se observa unha deriva a un monumentalismo liberal, será en Francia onde a disputa callará máis fondo. Cando Th. Jefferson deseñaba xunto a Charles-Louis Clérisseau en 1788 o State Capitol en Richmond, estaba a fundar algo diferente ó centro de asembleas de 1619. Eles estaban creando un país ex novo, onde a disputa ideolóxica contra a vella metrópole estaba regulada en termos de loita xeneracional. Eles eran os fillos que desexaban independizarse da decadencia materna (aínda que ó final o problema só fora de orde fiscal e representativo). De todas maneiras, Luciano Canfora no seu libro Ideoloxías dos estudos clásicos fai ben comezando a súa escolma na Revolución Francesa e a propaganda xacobina como auténticos fitos fundadores.

“O xuramento dos Horacios”, 1784, Jacques-Louis David. O mestre do neoclásico revolucionario xa comezara a súa obra en época monárquica: o substrato fermentará e eclosionará como revolución e propaganda. Debemos dicir que os homes e mulleres de 1789 non inventaron o neoclásico. Actores da nova estética como Falconet, Thorvaldsen ou Canova teñen a paternidade dun movemento estético anterior. Mais na política a realidade da recuperación greco-romana estaba vertebrada por un berro: nós queremos ser coma eles, ese é o ideal perdido. Así, Saint-Just no seu discurso contra Danton podía dicir que: “O mundo está baleiro dende os romanos, mais o seu recordo todavía o enche e profetiza a liberdade”. Un salto de vertixe dende o 1789 até o 476 (como mínimo). Fundar un novo país como fixeran nas 13 colonias semellaba algo utópico, sobre todo ó non considerar os máis de 1000 anos do Antigo Réxime. Por iso Mirabeau afirmou, como resposta, que Francia era un país demasiado vello, con institucións e prexuízos sólidos. A identificación do país como ente vivo levaba irremediablemente á pregunta de se o Estado estaba enfermo ou san, isto é, se podía continuar sobrevivindo a súa vida (Historia) entre o resto. A substitucion no ritual social e histórico, en canto que a caída da cabeza do Borbón deixaba un espazo baleiro de experimentación política, facía de uso obrigado a introdución doutro paradigma. Esta parodia, este aparato xustificador, que moitas veces chegaba pateticamente lonxe (o revolucionario François Noël Babeuf cambiouse o seu nome a Gracchus, na honra dos irmáns asasinados na República pola reforma agrícola), eclipsouse coa reacción termidoriana. Moitos querían ser Bruto, simuladores do asasino de César na persoa de Louis XVI, e París-Francia non unha nova Atenas senón unha Esparta disciplinada, fría e bélica contra os perseverantes e sempre presentes inimigos exteriores. Isto daba resposta a dúas inquedanzas: sendo Esparta, como o resto de polis, unha sociedade escravista, o brutal caso das matanzas periódicas de hilotas podía compararse para eles como algo coherente á represión da revolución haitiana e así salvar a difícil situación de defender os dereitos do home e do cidadán en Francia e reprimilos en Saint-Domingue. Noutro senso, o rexeitamento de Atenas ven dado pola idea dunha cidade decadente fundamentada en principios débiles, non o suficientemente disciplinados: non era tempo para refinacións. Algo de inmenso valor que atoparán os termidorianos despois da execución de Robespierre. Igualmente Jefferson utiliza o patrón grego nos seus edificios públicos (deseñados por el) ou na súa propia casa, recuperando o espírito da antigüidade:

propietarios latifundistas, donos de terras e almas, que son á vez grandes estadistas do liberalismo. Ser Pericles, non se contradecía con ser Jefferson-escravista.

Benito Mussolini derrubando a pico e pala as casas medievais que obstaculizan a conformación da Via dell´Imperio, 1924-1932, cartel propagandístico e fotografía inspiradora do evento á dereita.

A imaxe que é común asociar ó pensamento conservador ou reaccionario co pasado grecorromano é a do fascismo, especialmente o italiano. Non trataremos o caso alemán xa que máis alá da polémica xermanos vs. romanos o exemplo de Albert Speer, xa tratado noutro artigo, danos as claves. A complexa e difícil relación que os fascismos teñen co pasado e coa historia como dogmas lexitimadores entran en colisión co que Roger Griffin deu en chamar a “sensación de comezo” baixo Hitler ou Mussolini, ou sexa, debíase elixir entre fundamentar unha política futurista vangardista de inevitable relación coa violencia salubre ou caer nos

brazos do historicismo, pomposo e nostálxico. En Mussolini apréciase esa sensación contraditoria na xa recoñecida relación con Marinetti(quen apostaba por afundir Venecia e substituír a Vitoria de Samotracia por un novo canon da fermosura, o coche de carreiras) como un futurista iconoclasta, mais por outra beira fundamentaba un estilo neoclásico renovado con tics heroicos e megalómanos fundados en Roma. Na apertura da Vía dell´ Imperio, que unía o Palazzo Venezia co Colosseo, Mussolini foi o máis retratado picando os restos arqueolóxicos como emblema de que nada pararía o seu camiño, nin tan sequera as limitacións do pasado. Entón podemos explicar de forma clara a diferenza entre historia e historicismo a través deste exemplo fascista: se Il Duceestivese realmente interesado nunha conservación histórica do pasado, endexamais aprobaría esa destrución a pico e pala, mais Mussolini non procuraba ese obxectivo senón a historia como propaganda, historicismo que lle permitía louvar o pasado meramente como ferramenta política de exhibición no seu discurso mais non como preocupación pola investigación histórica. Así o explica Luciano Canfora: “o duce daba conferencias de historia de Roma (aínda que estivesen escritas por outros), un romanista de prestixio era ministro da presidencia, o réxime esforzábase en primeira persoa e cun grande despregamento de medios para levar a cabo unha iniciativa como a Exposición augustea da romanidade”. Mais a pesares da aparencia de orangután histriónico (con perdón a eses fermosos primates), Mussolini podía ser aparentemente intelixente como estratego político. A única maneira de lexitimar a conquista do Mediterráneo (Albania, Grecia, Libia como mare nostrum) era no mundo romano, por iso o Instituto de Estudios Romanos funcionaban á maneira semellante de determinadas academias estatais, como animadores entusiastas e lexitimadores. Non era casualidade, polo tanto, que o que tanto molestaba a Mussolini nos foros imperiais foran as casas medievais destruídas entre 1924 e 1932. A Idade Media non traía bos recordos para os nacionalistas italianos: a guerra civil entre Estados, ducados e repúblicas e a inxerencia do Sacro Imperio poderían traer ó presente fantasmas de actualidade transmutando a Hitler no novo emperador e á querra guerra civil coma o custe violento de reprimir á oposición, entre eles vítimas como G. Mateotti. III- Inventar, renovar, salvar: o Medievalismo como reacción Un segundo lugar apetecido e apetecible na erótica polo pasado é o medievalismo ou neomedievalismo. A loita entre filohelenistas e medievalistas foi, como observamos, un enfrontamento de raíz liberal entre aqueles que loitando contra o Antigo Réxime identificaban a este coa Idade Media. Así, nunha primeira etapa do medievalismo o interese do pensamento conservador derivou a crear unha idade que restaurase unha imaxe benefactora. A recuperación de enclaves, persoeiros e ideas do Medievo caeu na mitificación: o gótico/neogótico, o Cid Campeador, Pardo de Cela ou os burgueses de Calais son algúns destes exemplos que medraron en paralelo á creación de identidades e de nacionalismos. Heidegger xa nos adiantaba un problema: estudamos unha cultura (en realidade algúns aspectos da mesma) para que finalmente observemos un devir, isto é, a cultura estudada semella un ente vivo e independente, orgánico. Da unión desas culturas estudadas creamos un grande órgano ó cal damos o nome de historia universal. Co Medievo pasa algo idéntico, o seu nome, algo accidental en parte e continxente, lévanos a crear unha imaxe artística e concreta situada máis ou menos entre o século XI-XIII, entre o románico e o gótico, as damas, o trobar de amor, os cabaleiros, as catedrais, as xustas e a miseria. Un mundo ordenado, perfecto, místico.

Contrasts (1836) de Pugin é un manifesto da deriva anti-social da modernidade. Arriba, a imaxe do mundo moderno, asistencial, carcelario e frío. Abaixo o Medievo coa caridade eclesial, a espiritualidade e o humanismo cristián. O obxectivo está claro, voltemos a un pasado onde nos recoñecemos como perfectos. Logo do espasmo que producira en Europa a Revolución Francesa, a primeira fornada de románticos liberais deron paso a conservadores e reaccionarios como Chautebriand ou Novalis, encargados de promocionar o Medievo fronte a imaxe da Idade Clásica dos termidorianos e xacobinos. Axiña a visión que Montesquieu ou Voltaire tiñan do medieval foi rebatida polos entusiasmados románticos: “Baixo o fresco firmamento, no deserto e na selva, agromou a primavera (…) godos, vándalos, borgoñóns, anglos, hunos, hérulos, francos e búlgaros, eslavos e longobardos, viñeron e se asentaron, e todo o novo mundo, dende o Mediterráneo ó Mar Negro, dende o Atlántico até o Mar do Norte, é obra súa, a súa descendencia, a súa constitución (…) Europa poboouse e edificouse, liñaxes e familias, señores e servos, reis e súbditos compenetráronse máis forte e estreitamente” O fermoso fresco anterior o debemos a Herder (Sobre unha filosofía da Historia, 1774, citado por J.J. Carreras, ver infra) quen xa antes da Revolución Francesa facía esta valoración do comezo do medieval como unha revolución cataclísmica mais benfeitora. Aínda así, Herder non é o responsable do carácter cada vez máis rancio e conservador da deriva do medievalismo. Autores como Novalis e a súa obra A Cristiandade ou Europa de 1799 xa son polo seu título un manifesto do que aínda hoxe se entende pola xénese de Europa: a salvación do medieval fronte o seu desprezo anterior foi grazas a que os teóricos outorgáronlle a paternidade europea (algo que persevera na Unión Europea e os seus premios Carlos V e Carlomagno). O que máis lle gusta a Novalis é que, máis alá de ser cristiá, Europa mantivese a cada un no seu lugar, algo que para 1799 comezaba a desaparecer: “cando unha vasta comunidade agrupaba a tódalas provincias deste reino espiritual (…) a unidade de todos, cada un no seu lugar”. É complexo saber a que época se refería Novalis xa que a unidade e harmonía de Europa era unha entelequia fantástica e nostálxica: onde están os musulmáns da Península Ibérica e Sicilia? Como defender a unidade dun continente cando nin con Carlomagno se conseguiu, e se aínda así o considerásemos, esta só durou durante o seu reinado? Como xa advertimos, aquí utilízase a identidade e non a verdade.

St. Albans ou o trunfo da falsificación e o idealismo. Dúas imaxes antes e despois da intervención de Lord Grimthorpe (1816-1905) O máis grave e reincidente do XIX e parte do XX (até que chegou Adolf Loos para derrubalo) foron os revivals, ou sexa, a volta de estilos antigos de forma renovada. Xa tratamos de forma extensa este problema co gótico, e aínda faltaría anotar que A. W. N. Pugin, como arquitecto predilecto da ideoloxía tory, encargouse de subliñar os defectos do mundo moderno e a perfección do pasado medieval inclusive no auxilio social. Con táboas comparativas en Constrasts explicaba, mediante as sete diferenzas, as bondades do mundo nas Middles Ages. Os revivals atrevéronse ir máis lonxe: directamente falsificar o pasado, ou en verbas de David Lowenthal, “cambiar o pasado” como na Catedral de St. Albans cuxa restauración non era mais que unha deformación para que coincidise co discurso desexado, como Viollet-le-Duc. Aquí, coincidindo co nacemento do liberalismo conservador como ideoloxía da burguesía, interpretouse ó Medievo como a auténtica xénese do poder burgués e non 1789 ou 1688. Non só Pugin, tamén Auguste Rodin, indirectamente, amosou esta idea profunda nos burgueses de Calais de 1895. Encargada pola comuna homónima francesa, intenta representar un episodio da Guerra dos Cen Anos entre 1346-1347: logo de 11 meses de asedio polo rei de Inglaterra, Calais negocia a rendición establecendo que 6 persoas sacrificaranse para que o resto poida vivir. Son así seis burgueses os que se entregan para redimir a cidade como solución. A intención da estatua ía máis alá de localismos sobre Calais, era unha homenaxe ós burgueses medievais (non guerreiros ou campesiños) que salvaran a cidade da destrución.

“Les burgeois de Calais” (1895) de A. Rodin ou o éxito do heroe-cristo-burgués que redimen a súa vida pola patria. A narración de Froissart se escenifica para que todos aqueles que non a coñecían se instrúan, ese é o obxectivo do estatuomanía do XIX. Coa crise finisecular a utilización derivará nun uso máis preocupante do pasado asentando definitivamente á dereita ideolóxica como uso monopolístico do Medievo na vertente historicista. Como ben cita Norman F. Cantor no seu libro Inventing Middle Ages, autores como Ernst Kantorowicz ou Schramm constituiron un discurso á maneira da propaganda xermana. Por que escribir un libro de divulgación sobre Friedrich II Hohenstaufen, aquel chamado noutro lugar stupor mundi, como mera razón académica cando podía ir acompasado dun interese no círculo visionario de Stefan George no imperialismo e o renacer do panxermanismo ? O solapamento co modelo historicista nazi foi perfecto, pensemos senón no nome que lle outorgaron ó nome da invasión da Unión Soviética: Barbarroxa, igual que o avó do susodito Friedrich II, parente que ademais aparecía en moitas lendas relacionadas cos reis durmintes e o renacemento medieval, ergo imperial. Unha apoloxía do imperio lonxe da ideoloxía fascista do Reich, mentres aquel fora unha estrutura política de dubidable utilidade para a execución do poder, o Reich do s.XX era un proxecto de totalitarismo político. Como no caso do mare nostrum do fascismo, a única xustificación que o nazismo podía presentar para a invasión (máis alá das comunidades xermanoparlantes) era o antigo Drang nach Osten e os cabaleiros teutóns de Polonia.

Cartel do partido nazi de Nürnberg, 1934. Pode que non se precisen comentarios, a relación é evidente. Os cabaleiros de onte son os nazis de hoxe. IV- Historiar ou utilizar: sobre Pardo de Cela e o Cid Campeador Os perigos das biografías e dos biógrafos é a implicación que se produce, ou sexa, a mitificación. O idilio amoroso de Ramón Menéndez Pidal co Cid Campeador, como ben amosa M.A. Murado, fixo que as costuras da honradez histórica saltasen para que a historia literaria do Cid fose a mesma que a Historia de Rodrigo Díaz de Vivar: a manipulación do manuscrito por parte de Pidal foi paralelo a un interese por interpretar un escrito do 1307 como unha realidade exacta do s.XI e ó Cid, como o noso Roldán francés ou o noso Siegfried teutón: “Burgos magóase da súa desgraza pero dálle ao de Vivar coa porta nas narices, e por isto ten que marchar a «tierra de moros» a traballar uns anos para o islamismo radical, que é onde lle dan o nome de sidi (‘meu señor’), Cid. Postos a facer anacronismo, se o Cid representa algo, non é Burgos nin o españolismo que tanto abusou del, senón máis ben, por exemplo, a un arrepentido de Al Qaida” (Miguel Anxo Murado, “Mio Cid”, La Voz de Galicia, 1-2-2007) E se o Cid xa non pode ser a cabeza do medievalismo españolista, Pardo de Cela segue a ser, na rede e nalgúns malfadados libros, o heroe martirizado de Galiza. Mais esta construción foi non só obra de parte dos galeguistas do XIX e XX senón, como lle pasara a Pidal, por tomar os cantos e romances populares como fonte histórica. Aqueles falcóns de gadoupas afiadas, como Pedro Madruga, pasaron de criminais a próceres da liberdade. Refirámonos outra vez a esa non suficientemente coñecida frase do Preito Tabera-Fonseca de arredores de 1520 en que Pardo de Cela recomendaba “encher los carballos” de aqueles rebeldes da Santa Irmandade (segundo unha conversa dun testemuño do xuízo). Mais semella que non somos quen de diferenciar entre Historia e Historicismo, e separar as reivindicacións independentistas dun nexo pasado, dun falso mártir como foi o “Mariscal”. Carlos Barros refírese a este problema como “nostalxia nobiliar“, sendo obviamente a aparición de Pardo en obras como Los hidalgos de Monforte de Benito Vicetto ou o cambio dende un mozo Murguía anti-nobiliario até o consolidado rexionalista pro-Cela, síntomas dun problema das patoloxías reaccionarias e lexitimadoras dunha burguesía decimonónica.

Poden os historiadores non deixarse seducir pola erótica do pasado? Podemos afirmar que na maior parte sí. Pode a versión popular da Historia nos mass media non deixarse seducir? A resposta é definitivamente non. O historicismo afoga calquera intento de transmitir unha imaxe fría: series televisivas como Game of Thrones ou El Ministerio del Tiempo non aportan nada novo á pedagoxía histórica e máis ben impiden a construción dun discurso popular que non reproduza tópicos e intereses patrióticos ou morbosamente tanato-sexuais (como ben se observaba na serie británica The Tudor). Reafirmemos, emporiso, que non se procura a historia en categoría de verdade (ou de honradez investigadora), senón en impacto das identidades ou de gustos morbosos. De todas maneiras o referido anteriormente non é produto exclusivo da nosa época: cómo imaxinaban o pasado no Medievo ou na Idade Moderna ? Unha pregunta que nos debería permitir unha insubordinación constante deica o inconformismo. BIBLIOGRAFÍA BARROS, Carlos, “Mitos de la historiografía galleguista”, Manuscrits. Revista d’història moderna, nº 12, Barcelona, 1994, pp. 245-266. CANFORA, Luciano (1991) Ideologías de los estudios clásicos, Madrid, Akal. CANTOR, Norman F. (1991) Inventing the Middle Ages. The lives, Works and Ideas of the Great Medievalists of the Twentieth Century, New York, W. Morrow. CARRERAS ARES, Juan José, “Edad Media, instrucciones de uso” en MARÍN, Nicolas y GÓMEZ HERNÁNDEZ, Jose Antonio Miradas a la historia : reflexiones historiográficas en recuerdo de Miguel Rodríguez Llopis (2004), Murcia, Universidad de Murcia. FONTANA, Josep (1982) Historia, análisis del pasado y proyecto social, Barcelona, Crítica. FOUCAULT, Michel (2003) Hay que defender la sociedad: cursos en el Collège de France, 1975-1976, Madrid, Akal. HEIDEGGER, Martin (2011) Ontología. Hermenéutica de la facticidad, Madrid, Alianza. LOWENTHAL, David (1998) El pasado es un país extraño, Madrid, Akal. MURADO, Miguel Anxo (2013) La invención del pasado. Verdad y ficción en la historia de España,Barcelona, Debate-Mondadori. -, “Mio Cid”, La Voz de Galicia, 1-2-2007. ROHBECK, Johannes (2015) Filosofía de la Historia. Historicismo, Posthistoria. Una introducción a la razón histórica, Granada, Universidad de Granada. SLOTERDIJK, Peter (2015) Los hijos terribles de la edad moderna. Sobre el experimento antigenealógico de la Modernidad, Madrid, Siruela.

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.