A PSIQUE MUTILADA. NA ENCRUCILLADA DO FEMINISMO E A PSICANALISE

June 13, 2017 | Autor: M. Expósito García | Categoria: Psychology
Share Embed


Descrição do Produto

A PSIQUE MUTILADA. NA ENCRUCILLADA DO FEMINISMO E A PSICANALISE.

Mercedes EXPÓSITO GARCÍA Dende o momento en que perseguen cambios político-ideolóxicos, feminismo e a psicanálise son xeitos de pensar dende a resistencia. Por outra banda, a longa relación das feministas ca psicanálise mantense nunha oscilación polémica entre detractoras e defensoras. Ofreceremos unha topografía imprecisa destes espazos de debate xa que é imposible condensar en poucas liñas análises que abranguen décadas de pensamento crítico. A teoría freudiana baséase na aceptación das diferenzas anatómicas entre os sexos masculino e femenino. A superación de complexo de Edipo na etapa infantil fai que a persoa oriente os seus desexos eróticos cara ao proxenitor do sexo contrario co conseguinte ingreso na sociedade heterosexual. Amais disto –e aquí entramos no punto polémico que orixinará moitas críticas feministasFreud sostivo que nenos e nenas só recoñecen o órgano sexual masculino e a conseguinte oposición fálico-castrado. A castración real das nenas diferénciase da ameaza imaxinaria de castración que planea nas psiques dos nenos que non respectasen o tabú do incesto. O feminino como mutilado semella unha constante das análises psicanalíticas. Simone de Beauvoir considerou que o destino das persoas non depende da súa anatomía, como sostiña Freud, senón da súa situación social. Non é o pene o que envexan as nenas –pensaba- senón os privilexios sociais de que gozan os nenos e homes. Hai nenas que non só non envexan a posesión dese órgano senón que o consideran unha excrecencia carnal. Nesta mesma liña, atopamos autoras como a francesa Monique Wittig que ademais de rexeitar a psicanálise freudiana e lacaniana, rexeitan tamén a diferenza muller-home adoptada polo feminismo da diferenza heterosexual. Crítica severa, considera que a institución psicanalítica oprime as persoas psicanalizadas. O psicanalista aprovéitase dos desexos que estas persoas teñen de se comunicaren con alguén; supón unha explotación económica –pois o contrato do psicanalizado co psicanalista pode durar toda a vida- pero tamén unha explotación ideolóxica e política, xa que na teoría psicanalítica se dá por sentado de xeito acrítico que o que funda a sociedade é a heterosexualidade e a familia, o cal implica unha orde masculina e patriarcal. Porén, en medios intelectuais franceses, o interese pola psicanálise foi importante. Autoras como Irigaray, Cixous e Kristeva adoptan, sempre dende posicións críticas, a interpretación lacaniana de Freud. A primeira, expulsada da Escola Freudiana de Lacan, considera que o feminino non ten representación cultural e que aínda que Freud se someteu as regras misóxinas

da tradición cultural occidental, a súa teoría pode ser útil para cuestionar esa orde masculina. Na procura de valores alternativos, Irigaray ve como posible, por exemplo, aproveitar as teorizacións da etapa preedípica do vínculo coa nai como modelo de relación afectiva que as mulleres establecen entre elas. Se unha parte do feminismo francés, seguido polo feminismo italiano, aceptou a psicanálise, no mundo angloamericano os argumentos feministas freudianos non se coñeceron ata a publicación nos setenta da obra de Juliet Mitchell. Nos Estados Unidos, as posturas críticas virán da man do chamado feminismo radical, entre outras Kate Millet e Shulamith Firestone. Para entender os fundamentos da psicanálise, é preciso ter en conta que aspectos constitúen o seu centro de interese. O saber psicanalítico trata non cos corpos físicos senón con realidades inmateriais que nomeamos coa palabra psique. Se a expresión corpo sexuado xa é bastante problemática, a expresión mente ou psique resulta aínda mais imprecisa. Que intentamos nomear cando falamos de sexo… un aparello xenital, un sistema hormonal, un conxunto de xenes ou as tres cousas ao mesmo tempo?. Se definimos os corpos como xenitalmente masculinos ou femininos, deixamos de lado a porcentaxe de seres humanos con corpos hermafroditas ou intersexuados. Se os definimos hormonalmente, atopamos que as chamadas hormonas masculinas e femininas existen en cantidades variables tanto nos corpos con xenitais masculinos coma femininos e intersexuados. Dende a perspectiva xenética, corpos con xenitais femininos e que polo tanto deberían ser XX, resulta que xeneticamente son XY; véxase, sen ir máis lonxe, o caso da deportista galega María Patiño. Cando falamos de psicanálise estamos a referirnos ao desenvolvemento psíquico. Agora ben, as psiques ou mentes están incardinadas e a diferenza de sexos masculina e feminina constitúe o límite que non pode franquear a teoría psicanalítica. As derradeiras análises do feminismo poñen en dúbida a propia noción corpo sexuado e admiten que pode haber máis de dous sexos ou xéneros . Sendo corpo e psique efectos dunha historia persoal e dunha cultura, o sexo anatómico (feminino, masculino, hermafrodita, intersexo) non coincide coa identidade sexual (sentirse muller ou home) nin co desexo sexual (homo ou heterosexual). Deste xeito, pode definirse alguén como anatomicamente muller pero ter unha identidade masculina (unha muller que se sinte home) e o seu desexo sexual orientalo cara os homes e polo tanto ser heterosexual. En definitiva, as persoas identíficanse co feminino ou o masculino independentemente do seu corpo, máxime na nosa sociedade na que as tecnoloxías cirúrxicas permiten modificar o sexo anatómico e hormonal. Hermafroditismo e intersexualidade constitúen temas pendentes de recoñecemento social, o que define a situación destas persoas é a invisibilidade e a carencia de representación simbólica. Aínda que o desenvolvemento psíquico configura o centro de atención da psicanálise, o propio Freud declarou que a igualdade dos sexos non tiña

moito sentido, baseándose non en datos psíquicos senón en que as diferenzas morfolóxico-anatómicas tiñan que exteriorizarse no psiquismo. Observamos que a psicanálise, en consonancia coa ciencia médica, parte dun modelo de dous sexos que relega os terceiros e os cuartos sexos a categoría do invisible. Un corpo intersexuado non é lingüisticamente intelixible, de aí que teña que encaixar nalgún dos dous polos: masculino ou feminino. As intervencións medico-cirúrxicas, recoñecidas legalmente, constrúen ese corpo de acordo á norma feminina ou masculina. Non son os nosos sistemas médicos e xurídicos os que se adaptan ao que hai, a existencia de varios sexos, senón que, de xeito ben paradoxal, son os corpos intersexuados os que han de se adaptar ao que a nosa sociedade establece: un corpo é home ou muller. Non hai termo medio. O corpo é o punto de partida para un punto de chegada: a psique masculina e ou feminina. Se ben a psicanálise considera determinante a anatomía no desenvolvemento da vida psíquica, o feminismo en xeral sitúa o corpo na encrucillada do natural e o cultural. Fausto Sterling, bióloga, feminista e historiadora da ciencia estima que a idade, a dieta e o exercicio físico modifican a fisioloxía e a anatomía das persoas. Non hai nada sexual nin morfoloxicamente invariante e puro. Beauvoir opuxo a Freud a célebre afirmación de que non se nace muller e que a anatomía non marca o destino psíquico. Silvia Tubert, feminista do ámbito español, considera que a psicanálise freudiana non reduce a muller ao seu destino natural nin social. Pensa que se acusamos a Freud de tomar ao home como norma e a muller como o diferente-inferior, ao mellor non se pode facer xustiza e considerar as mulleres iguais pero diferentes. Deste xeito, tenta rescatar a importancia da psicanálise para o feminismo 1.

Para maior información, véxase, cun excelente prólogo de S. Tubert, FLAX, J. Psicoanálisis y feminismo. Pensamientos fragmentarios. Madrid. Cátedra. 1990. Tamén LÓPEZ PARDINA, T. e OLIVA PORTÓLES, A (eds) Crítica feminista al psicoanálisis y la filosofía. Madrid. Editorial Complutense. 2003; BEAUVOIR, S. de. Cap II, El punto de vista psicoanalítico, en El Segundo Sexo. vol I. Madrid. Cátedra. 2000 (traducción ao galego en Xerais. Vigo. 2008); TUBERT, S. La Sexualidad femenina y su construcción imaginaria. Madrid. Ediciones El Arquero. 1988; MITCHELL, J. Psicoanálisis y feminismo. Barcelona. Anagrama. 1976; FIRESTONE, S. El freudismo, un feminismo descarriado en La dialéctica de la sexualidad. Barcelona. Kairós. 1976.; LAQUEUR, T. La construcción del sexo. Cuerpo y género desde los griegos hasta Freud. Madrid. Ediciones Cátedra. 1994; FAUSTO STERLING, A. Cuerpos sexuados. Barcelona. Melusina. 2006; TORIL, M. Teoría literaria feminista. Madrid. Cátedra. 1999; IRIGARAY, L. Espéculo de la otra mujer. Madrid. Akal. 2007; WITTIG, M. El pensamiento heterosexual. Madrid. Editorial Egales. 1992; MURARO, L. El orden simbólico de la madre. Madrid. Horas y Horas. 1994; BRAIDOTTI, R. Feminismo, diferencia sexual y subjetividad nómade. Barcelona. Gedisa. 2004; BUTLER, J. El género en disputa Barcelona, Paidós. 2008 11

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.