A vida magnificada

May 31, 2017 | Autor: Anxo Rabuñal | Categoria: Histories of Photographies, Santiago de Compostela
Share Embed


Descrição do Produto

A vida magnificada
por Anxo Rabuñal

No tempo da súa primeira viaxe a Galicia Francesc Català-Roca, de 34 anos, xa era un fotógrafo importante, varias veces premiado, artista de galería, con varios estupendos fotolibros editados –Tauromaquia, Barcelona, Guía de Madrid– e a uns meses de publicar o seu logo célebre Cuenca.
Coa rolleiflex de medio formato e da cabalo dunha vespa chega a Galicia en 1956, e na vespa desprázase polo país itinerando dende Compostela. Debeu ser pintoresco velo chegar a Muros un domingo pola tarde, con toda a bagaxe e trebellos ben arrumados na moto. Achegouse a Cas Petra, o único hostal, que anos despois ardería e deixaría solar a un banco. Pedíu cuarto, e en vista da solermia do pousadeiro anunciouse como recomendado por don Álvaro Cunqueiro, e todo foi ben. Pola mañá Català conversou coa rapaza da pousada, filla dos donos, e díxolle que lle gustaría fotografar unha moza co traxe tradicional, e acordaron que ela, que segundo di sempre foi moi atrevida, vestiría un fermoso traxe de gala que conservaban na casa, e el faríalle unhas fotografías que sairían publicadas nun libro.
Català tomou media ducia de instantáneas debaixo dos soportais mentres ela acomodaba o mantelo e posaba, atento o fotógrafo tamén á figura dunha muller que por detrás se achegaba cunha sella na cabeza e un caldeiro na man. O artista cazador asexaba o momento, agardando que os elementos confluíran no cadro para acertar co disparo.
A foto foi publicada, pero antes Català tivo que dar explicacións ao pousadeiro, que entrou alarmado na escena preguntando de parte de quén dixera que viña, e qué facía coa súa filla. Pero dese momento non hai foto. Queda aínda o relato de dona Carmen Senande Rama, a rapaza que se acomodaba o mantelo debaixo dos soportais de Muros na primavera do 1956.
Esta anécdota transcorreu na súa primeira viaxe a Galicia, onde chegou contratado pola Dirección General de Turismo. Para esta encarga fixo tres viaxes, primeiro na vespa, logo xa cun Seat 600, situando sempre Compostela como centro para as escursións que o levaron cando menos a vintecatro vilas galegas.
Era home viaxeiro, amigo do mantel e da conversa, pero tamén separaba o traballo do lecer, non era fotógrafo o tempo todo, acabada a xornada gardaba a cámara. Para Català a fotografía era un oficio, e o seu escenario as rúas. Nese sentido podemos dicir que a súa é unha fotografía política, pois ocúpase do que sucede no espazo e no tempo da relación social, de xeito que tomar fotos é unha maneira de intervir e opinar. Ao cabo, en palabras de Cirici Pellicer, "eleva os espectáculos particulares e efémeros a categoría de significantes arquetípicos".
En 1957 a editorial Noguer reeditou Rías Bajas de Galicia, de José María Castroviejo, sustituíndo as tristes fotos de Eugen Haas da edición de 1953 por outras novas de Català-Roca, A. Campañà e J. Puig Ferrán –aínda que en sucesivas edicións irían renovando indiscriminadamente a ilustración con novas fotos doutros autores–. Outras das fotografías tomadas nesta primeira viaxe ilustran La Coruña (1959), de Carlos Martínez Barbeito, editado por Noguer, e outras figuran na Agenda 1962 editada por La Polígrafa en 1961, nos dous casos entre outros fotógrafos. Algunhas tamén foron publicadas en revistas (Destino, Gaceta Ilustrada…).
Despois desta primeira viaxe a Galicia realizou cando menos catro viaxes máis, ás veces por conta de editoriais barcelonesas –nunha ocasión vén por conta da Olivetti–, pero as máis das veces veu por encarga do Ministerio de Turismo, o máis célebre dos seus resultados o afiche para o Ano Santo Compostelano de 1965, por vez primeira cunha foto a cores, e que sería galardonado no Concurso Internacional de Propaganda Turística. Era a nova imaxe para o novo turismo.
Mediados os anos 60 a leonesa editorial Everest publicou varias guías de Galicia. La Coruña (1968), de González Garcés, incorporaba algunhas fotografías de Català, igual que Pontevedra. Rías Bajas (1969), de Álvaro Cunqueiro; Santiago de Compostela (1971), de Varela Jácome e Ánxel Rodríguez, e Orense, de Otero Pedrayo. Eran colaboracións de relativa entidade, unhas fotos entre outras de autores e arquivos variados. Por exemplo, a segunda edición de Orense, de Otero Pedrayo, contén algunhas fotos de Català-Roca, pero a cuarta edición, case que enteiramente a cores, remuda as ilustracións e desaparecen as de Català. Algunhas fermosas fotografías galegas de Català-Roca ilustran tamén o Libro del mar de Rafael Alberti, publicado por Lumen no 1968. Digo o nome dos escritores cos que publicaba, pero raramente se coñeceron, agás Cunqueiro, co que coincidía en Barcelona.
Teño para min que Català-Roca, nas súas sete campañas, perseguíu realizar un libro sobre Galicia, monografía que se lle escapou, ou para a que non atopou cliente. Malia a inxente cantidade de fotografías tomadas en Galicia dende 1956, as obras de Català con meirande número de localizacións galegas foron resultado de tres proxectos editoriais serodios, nos que si traballou de acordo cos escritores.
O primeiro, ilustrando Cerámica popular española, que Llorens Artigas e Corredor Matheos publican no 1970 coa editorial Blume, e na que aparecen unha ducia de excelentes fotografías dos oleiros de Niño d'Aguia, Mondoñedo, Bonxe e Buño.
O segundo é de 1976, Campanarios de España, texto do historiador Santiago Alcolea, autor de varias guías de cidades e monumentos –unha sobre a catedral de Santiago. Català publicou neste libro fotografías de campanarios –claro– de Lugo, de Compostela e de Sobrado dos Monxes.
O seu máis extenso e interesante repertorio de fotografías de tema galego apareceu no 1977, Artesanía popular española, da investigadora e divulgadora María Antonia Pelauzy coa editorial Blume, na que reproduce en branco e negro e a cores colchas, teares, palilleiras, vimbios, lagares, corozas, cestos, sellas, caldeiros, zocos, cabezudos, figuras de pan.
Dende entón as fotografías de Galicia de Català durmiron no seu arquivo, e só ocasionalmente algunha, habitualmente xa publicada antes, ten sido difundida. El seguíu a viaxar coa cámara, por España, por Latinoamérica e mesmo ao Xapón.
Estudando as follas de contatos de máis de 1200 fotografías que se conservan das tomadas en Galicia, puidémonos facer unha idea da viaxe continuada e sistemática que realizou no transcurso de sete campañas entre 1956 e 1972. Reconstruír os itinerarios, unhas veces marcados polas encargas (catedral, campanarios, artesanías, ofimática …) porén observamos tamén os desvíos que tomou, as paradas fóra da ruta. Fotografou os traballos dos toneleiros en Ribadavia, dos oleiros de Bonxe, os que fan os cestos, as teas e colchas, os canteiros, e as paisaxes da ría, dos ríos, as montañas, mariñeiros en Cambados e no Berbés, redeiras de Cangas, praias con bañistas e parasoles, xente a merendar á sombra e o carro estacionado entre os piñeiros. Sorprendeume ver cantas paisaxes fotografou, deslumbradas e extasiadas contemplacións do litoral e das nubes, eses ceos tan amplos recheos de nubes de sete grises e moita voluta, que evidentemente non pensaba publicar. El, que era un fotógrafo da vida e da xente, en Galicia parouse moitas veces diante da paisaxe e fixo fotos para el.
E volvendo ao tema de Compostela, á que chegou a coñecer un pouco máis que un pouco, sorprende tanto o repertorio de fotografías que Català deixou coma o que non deixou. Certo que non se conservan moitos negativos entregados ás editoriais e nunca recuperados, pero sorprende tanta falta de atención aos motivos e lugares que ata entón configuraban o imaxinario turístico e monumental da cidade.
Tomou vistas do Obradoiro, do Pórtico da Gloria e tamén da fachada das Praterías, da Quintana e da Porta Santa. E xa está. Nin Botafumeiro, nin capelas, nin santos, nin capiteis. Ningunha outra igrexa, ningún outro monumento. Sabemos, porque tomou fotos, que estivo na rúa da Troia e na Costa Vella, pero se reparou na igrexa de San Martiño perdeuse a foto. Da Alameda só captou o ambiente das festas. Asomouse a rúa do Hórreo e veu as leiteiras antes de coller o coche de liña, ignorando a existencia do apastelado e saudoso edificio do Castromil.
A Compostela de Català-Roca está escasamente feita de monumentos, e si de xente. Pero tamén entre a xente Català escolle. Nin dignas autoridades, nin pintorescos peregrinos, nin misas solemnes. Català retrata unha cidade de persoas na vida, cidadáns na rúa, señoras de volta da praza, mulleres con cousas na cabeza, leiteiras de Calo, homes de traxe co cigarro na boca, nenos de mans nos petos, quintos coas mans detrás, un garda que ordena o tráfico, coches estacionados nas rúas, unha familia carrexando pinas onde hoxe está La Salle, paisanos admirando a fonte dos Cabalos, as Marías de paseo. Català é un fotógrafo do espazo público, espazo de mirada e toma fotográfica, que non se entromete, máis ben participa, e ás veces é a súa presenza a que estimula un xesto. A cámara non está ausente do cadro, insértase nel e ás veces é protagonista.
Entre os contatos atopamos varias series como a xa comentada da rapaza do traxe e a muller coa sella, que explican como traballaba –ás veces– Català. Unha mañá apostouse nun recanto en sombra, central e discreto, onde encadraba o interesante xogo de volumes no encontro de Fonseca co Obradoiro, e parábase a observar a entrada das figuras na escena. Ese día botou cinco fotografías con distintos actores, todas de igual encadramento, pois o escenario estaba servido. Xa o dicía Català, «o fotógrafo ten que ver a realidade, pero tamén ten que saber vela convertida en fotografía».
Tamén retrata o ambiente de festa en Compostela, no Apóstolo, claro. Ve os nenos no tenderete de asubíos, a nai que agarda as voltas do carrusel, a actuación dos xitanos e a cabra, un épico gaiteiro no Obradoiro, os cabezudos na Senra, señoras de negro con ovellas brancas, o neno que mira para o do tamboril, a carreira de cabalos na Ferradura …
E neses anos 60 coa festa chegou o turismo, despuntando como motor de mercado e de transformación social. O Ano Santo de 1965 é un fito na historia do turismo a Compostela. Chegaron a Compostela 387 peregrinacións organizadas, que se aloxaron no Burgo das Nacións, unha pequena proeza arquitectónica, hostal efémero –ao cabo lonxevo– para peregríns, formado por 47 pavillóns modulares prefabricados, proxecto do arquitecto Cano Lasso.
Català, o que pasaba por alto as igrexas e os monumentos, estaba moi familiarizado coa fotografía arquitectónica dende os tempos do GATCPAC, e no 1951 comezou a traballar cos arquitectos do 'Grup R' de Barcelona. Por iso non sorprende que en Compostela lle dedicara grande número de disparos a describir a arquitectura do Burgo das Nacións, as liñas ortogonais, os espazos, as estruturas, a distinta maneira en como os volumes son habitados e a nova forma de habitar que esta arquitectura provee. No Burgo muda a escena e mudan os persoaxes. O seat 600 circula rente das ondeantes bandeiras, unha familia con maletas busca o seu bungalow, prantas nos recantos dos salóns, escudos bávaros na recepción, a avoa que agarda sentada a cola para o self-service, as lámpadas esféricas, a cociña con aspecto de laboratorio.
No traballo, na festa e no turismo atopou Català as claves para ler a cidade. Lonxe do efectismo e da manipulación, os seus dous únicos recursos foron o encadramento e a obturación, e tentando que cada foto fose unha 'descripción elocuente' de si mesma. "Ten que ser a propia imaxe quen dea a explicación, e hai que facer o esforzo para comprendela por un mesmo" –dicía.
Mais convén sinalar que en Compostela ensaiou tamén algúns contrapicados da Berenguela e da fonte dos Cabalos. Català-Roca nin fuxía da experimentación nin a buscaba, simplemente manexaba naturalmente o vocabulario expresivo da avangarda. Así é, como di Joan Fontcuberta, que o "conflito entre forma e contido, entre experimentación e testemuña, quedou hoxe obsoleto en parte grazas a Català-Roca".
O álbum de Andrés Cisneros de 1856, o de Eduardo Chicharro, os de Hermenegildo Miralles, Ruth M. Anderson, Pelai Mas, Ksado, Eugen Haas e outros, configuraron para Compostela un repertorio fotográfico característico, que induciu durante décadas determinadas maneiras de encarar a cidade. Efectivamente, os fotógrafos anteriores á cámara automática, os que se demoraban na pesca fotográfica, ofrecían unha imaxe lavada de todo o que puidese significar momento, transición ou cambio. A Compostela así fotografada movíase nun tempo lento, histórico, de séculos, raramente se vían persoas habitando eses espazos, nin animais, nin carros, nin obxectos. Procurábase unha imaxe fóra do tempo diario, que retratase o inmutábel, os seus monumentos quedos e frontais, testemuñas centenarias do paso efémero e insignificante da vida cidadá. Pero para cando Català-Roca agarrara a cámara, a fotografía xa deixara de ser pesca, e era caza, de imaxes.
Català-Roca mudou o tempo da cidade. Introducíu a imaxe fotográfica de Compostela no dinámico mundo moderno no que o escenario está cheo de figuras que se moven, que rúan as rúas, mandando ao faiado o imaxinario reaccionario, cursi e tristón que ata entón viña facéndose da cidade.
Fotografías sorprendentes para os nosos prexuízos contemporáneos, perplexos diante das imaxes dun mundo que volve –ou que nace– da ben humorada percepción da vida diaria de Català-Roca. E é que na Compostela que el fotografou pagaba a pena vivir, estaba chea de xente e de humanidade.


Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.