Al-Qaida no Magreb Islámico: Extensión e límites da ameaza terrorista no norte de África

Share Embed


Descrição do Produto

Al-Qaida no Magreb Islámico: Extensión e límites da ameaza terrorista no norte de África David M. Alvarado Roales

en dúbida, un dos feitos máis salientables durante estes últimos meses na rexión magrebí foi a intensificación das accións terroristas de corte islamita auspiciadas na súa práctica totalidade polo alxerino Grupo Salafista para a Predicación e o Combate (GSPC). Esta organización fixo proba de lealdade a Osama Ben Laden cambiando a súa nomenclatura, o 25 de xaneiro de 2007, converténdose en Al-Qaida no Magreb Islámico (AQMI), respondendo así ao vello anhelo de establecer un mando unificado para coordinar a acción terrorista no norte de África. Esta refundación coincide, doutra banda, co recruamento e intensificación duns ataques que toman, a partir de agora, un marcado carácter transnacional, dirixíndose de xeito máis acentuado contra os réximes en liza –pola súa pretendida conivencia con Occidente– e contra os intereses estranxeiros presentes en Dar al Islam (“casa do Islam”, literalmente). Inscribíndose no movemento islamita internacional, o antigo GSPC expresa, pola nova selección dos seus obxectivos, unha vontade de desestabilizar o propio réxime alxerino e de operar, ao mesmo tempo, fóra das súas fronteiras, xa sexa no Magreb ou mesmo en Europa.

S

Coordinación e intensificación da acción terrorista no Magreb Segundo varios informes de intelixencia internacional, foi o número dous de al-Qaida, o exipcio Aymen Al-Zawahiri, quen, en novembro de 2006, deu instrucións precisas para o xurdimento de AQMI. As tarefas de coordinación deste novo ente comprenden, entre outras compoñentes, ao Grupo Islámico Combatente Marroquí (GICM), ao Grupo Islamita Combatente Libio e a toda unha pléiade de grupúsculos presentes en Tunicia, entre os que habería que sinalar ao Grupo Yihadista Tunecino, nomeadamente. Doutra banda, póñense as bases para o reforzo dunha antena –xa existente, aínda que en estado embrionario e bastante rudimentaria– do propio GSPC en Mauritania, autora do ataque contra varios cuarteis do exército mauritano no nordeste do país. Xa dende o inicio, AQMI pon mans á obra, como deixa ben ás claras a dinámica dos feitos nesta época. En decembro de 2006, un grupo terrorista é desmantelado nos suburbios de Tunicia capital. Entre a trintena de salafistas detidos, polo menos seis recibiran adestramento nos campos do GSPC en Tébessa, no leste alxerino. O 8 de xaneiro de 2007, tres individuos de nacionalidade mauritana per-

Tempo Exterior / nº 15 (segunda época) - xullo/decembro 2007

83

Al-Qaida no Magreb Islámico: Extensión e límites da ameaza terrorista no norte de África / David M. Alvarado

tencentes ao GSPC detivéronnos en Nouakchott, días antes da chegada do continxente do rally Dakar, contra o que tiñan previsto atentar. Unha semana despois, tamén en Nouakchott, un imán e cinco mulleres son arrestados por formar parte dunha célula de recrutamento do propio GSPC. Durante esta mesma época, unha polémica enfronta a Trípoli e Alxer polo establecemento do visado para os cidadáns alxerinos que queiran entrar en Libia. O motivo, a detención dun continxente do GSPC na fronteira libia portando armas e material para fabricar explosivos, coincidindo cunha serie de ameazas vertidas en Internet de parte de organizacións da nebulosa de al-Qaida contra o réxime do coronel Qaddafi. É así como, pouco a pouco, AQMI comeza a estender, nuns casos, e a densificar, noutros, as súas redes sobre o territorio destes países. No que respecta a Marrocos, das trece células que desarticularon os corpos e forzas de seguridade do Estado durante 2007, só unha, Ansar Al Mahdi, constituía un produto xenuinamente marroquí, a pesares da súa pretendida –e sorprendente, polo menos neste contexto– orientación xií. A ninguén lle escapa que a Salafiya Yihadiya, como corrente islamita internacional, xunto coa propia al-Qaida, atópanse na orixe do Grupo Islámico Combatente Marroquí (GICM), matriz de toda a actividade terrorista no reino alauí, e do propio GSPC. Amais desta especie de “relación xenética”, moitos expertos aludan ás carencias financeiras do yihadismo marroquí, que fan que este dependa excesivamente de aportes foráneos, facendo practicamente inexorable a súa relación co salafismo alxerino, que aporta axuda económica e loxística, amais de armas, explosivos e, como non, adestramento nos campos que o GSPC ten no Sahel. Unha cinta de vídeo difundida a finais de xuño a través da canle satélite Al Jazira amosa, por vez primeira, a islamitas marroquís e alxerinos xuntos baixo a bandeira de AQMI. O terrorismo triunfou alí onde a política nunca conseguiu chegar, é dicir, mentres asistimos ao advento dunha organización islamita magrebí máis ou menos unificada, a Unión do Magreb Árabe non chega a ver a luz debido ás diferenzas entre os seus líderes e, sobre todo, pola disputa alxero-marroquí arredor do contencioso no Sahara Occidental. Os mozos islamitas marroquís, que son recoñecidos por empregar a súa propia darija (o dialecto árabe marroquí) polos servizos de seguridade de Marrocos, afirman nesta cinta que o seu obxectivo é o de acometer atentados en diferentes puntos do reino alauí. Días despois, o 11 de xullo, un kamikaze asasina a dez militares nun atentado contra un cuartel do exército alxerino en Lakhdaria, decretándose simultaneamente en Marrocos e en Alxeria o estado de máxima alerta terrorista. Reunidos en Tunicia os ministros de interior magrebí, convense en intensificar as medidas na loita contra o terrorismo na rexión, incluída a cooperación entre os corpos e forzas de seguridade dos diferentes países. Como colofón, nunha carta dirixida ao presidente alxerino, Abdelaziz Bouteflika, Mohamed VI afirma que “a paz e a estabilidade da veciña Alxeria forma parte da propia seguridade de Marrocos”. A ameaza é real. A resposta ten que ser, obrigatoriamente, conxunta.

84

Tempo Exterior / nº 15 (segunda época) - xullo/decembro 2007

Al-Qaida no Magreb Islámico: Extensión e límites da ameaza terrorista no norte de África / David M. Alvarado

A nova estratexia de AQMI En Alxeria, a actividade terrorista retoma dimensións inquietantes, aínda que, iso si, lonxe das derivas rexistradas durante a década dos noventa que segundo as derradeiras estimacións provocaron a morte de arredor de 350.000 persoas. O 11 de decembro de 2006, o GSPC reivindica un ataque en Bouchaoui contra un autobús de transporte de empregados dunha sociedade de hidrocarburos alxero-americana, que provoca un morto e nove feridos. Este atentado, se ben “modesto”, denota un cambio de actitude na organización, xa que se trata de golpear, ao mesmo tempo, os estranxeiros e, doutra banda, golpear un sector clave da economía alxerina. O 13 de febreiro de 2007, xa baixo a etiqueta de AQMI, a organización yihadista atribúese una serie de atentados, practicamente simultáneos, contra varios edificios dos servizos alxerinos de seguridade en Tizi Ouzou e en Bourmerdés, na Cabilia. O balance deste acto é controvertido. Namentres as autoridades aluden a seis mortos, AQMI contabiliza 140 a través dun comunicado difundido pola canle qatarí Al Jazira que os violentos aproveitan para anunciar unha campaña feroz de atentados contra “os estados dos ladróns, dos escravos, dos xudeus e dos cristiáns, fillos de Francia, que os descendentes de Tariq Ibn Zyad e da xuventude do Islam no Magreb Islámico decidiron exterminar para liberar as terras de Islam de todo cruzado, apóstata e colaborador”. Diversos ataques, entre os que cabe sinalar o perpetrado, a principios do mes de marzo de 2007, contra un autobús de transporte dunha sociedade rusa no que morren catro persoas, preceden o que se considera como o auténtico “bautismo de sangue” de AQMI. O 11 de abril, un dobre atentado en Alxer contra o céntrico Pazo do Goberno e contra unha comisaría no barrio de Bab Ezzouar, preto do aeroporto Houari Boumediene da capital, causa trinta mortos e centos de feridos, amosando ben ás claras a evolución do grupo e a súa capacidade para cometer actos terroristas no corazón mesmo dunha grande vila. O GSPC, devido AQMI, que se cría arredado na zona sahelo-sahariana e reducido a varias ducias de homes agochados nas montañas do leste alxerino, onde se cría que o exército os tiña acurralados, recupera toda a súa forza de ataque e a súa capacidade de para reconstituír novamente as súas redes, todo optando por unha nova estratexia terrorista ben definida. Contrariamente ós precedentes atentados, as explosións do 11 de abril en Alxer coñeceron un grande impacto mediático, sendo reivindicados nomeadamente a través de Al Jazira e no portal islamita Al-Hesbah. Xa neste comunicado, AQMI apoiase sobre un dobre referencial, interno e internacional. A nivel propiamente alxerino, a reivindicación inscríbese na traxectoria dos moujahidines (combatentes musulmáns) que loitaron pola independencia do país contra os franceses que, obtida en 1962, brandindo a dobre pertenza ao Islam e ao nacionalismo alxerino. A nivel internacional, o atentado inscríbese no movemento yihadista internacional. Efectivamente, a organización privilexia as accións espectaculares dirixidas cara os símbolos do poder en Alxeria, amosando as accións precedentes que os estranxeiros orixinarios de países occidentais tamén constituían o obxecto dos seus ataques. Tempo Exterior / nº 15 (segunda época) - xullo/decembro 2007

85

Al-Qaida no Magreb Islámico: Extensión e límites da ameaza terrorista no norte de África / David M. Alvarado

Xa se produzan estes en Alxeria ou noutro país da rexión, os atentados levan cada vez máis o sinal de al-Qaida. Coches bomba, atentados simultáneos, operacións suicidas sincronizadas, eleccións simbólica de datas e obxectivos, así como un modus operandi cada vez máis sofisticado, empregando mesmo a detonación a distancia dos artefactos explosivos a través de teléfonos móbiles. Asemade, o grupo semella ter integrado na súa estratexia os métodos de propaganda yihadista para multiplicar os efectos das súas accións, ao tempo que aumenta excesivamente as súas capacidades operacionais. AQMI recupera a súa forza de impacto, reducida durante algún tempo polas operacións militares inflixidas polo poder alxerino e polos efectos da controvertida “política de reconciliación” de Alxer, que ofrecía unha amnistía a todo aquel islamita que, non tendo delitos de sangue no seu haber, quixera entregar as armas. Polo que respecta á dirección da organización, o mando estaría hoxe dominado por antigos combatentes en Afganistán, que desexan darlle unha maior visibilidade ás súas accións. Abdelmalek Droukdal, alias Abou Moussab Abdelwadoud, emir do GSPC, pretendería polo tanto reconstituír novamente as redes sobre as que podería apoiarse para continuar a desestabilizar o poder alxerino. A súa estratexia consistiría en federar as compañías de diferentes rexións, de xeito que unificar as forzas yihadistas na rexión. Segundo o plano de reorganización estrutural, o grupo terrorista alxerino vaise transformar nunha estrutura con vocación rexional ante todo, pero tamén internacional. É aí onde entra en xogo a constitución e reconstitución, así como a coordinación, de grupos terroristas de apoio no Magreb e na zona sahelo-sahariena, zona que se constitúe, habida conta da inexistencia dun poder estatal efectivo sobre a rexión, en retagarda e campo de adestramento onde poden converxer os terroristas da rexión, unha sorte de “reserva de yihadistas” susceptibles de operar tamén fóra do Magreb, en Europa nomeadamente. Un elemento que pon de relevo a adscrición de AQMI ao movemento yihadista internacional é a especialización de moitas das células desarticuladas por efectivos de seguridade durante estes últimos tempos, tanto en Marrocos como en Alxeria, no recrutamento e transferencia de voluntarios para a resistencia en Iraq. No reino alauí, por exemplo, o epicentro desta actividade sitúase sobre todo ao norte do país, en Tánxer e en Tetuán, en barrios como Beni Makada ou Mezwak, tristemente coñecidos porque de aquí saíron tamén algúns dos kamikazes dos atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid. Entre empinadas costas, anárquicas e estreitísimas rúas sen asfaltar, onde o lixo se acumula nas esquinas, entre chabolas e inmobles ruinosos, é onde al-Qaida ten atopado unha máis que prolífica canteira para o Yihad global.

Dos “damnificados da terra” ao “islamismo caviar” Como continuación da estratexia de expansión na rexión magrebí, al-Qaida lanza a través de Internet, en xaneiro de 2007, unha chamada ao Yihad dirixida a

86

Tempo Exterior / nº 15 (segunda época) - xullo/decembro 2007

Al-Qaida no Magreb Islámico: Extensión e límites da ameaza terrorista no norte de África / David M. Alvarado

todos os mozos alxerinos, libios, marroquís e tunesinos, baixo o título Fillos do Magreb musulmán: esta é a vosa hora. Nesta misiva, a organización terrorista chama á mobilización contra “o infiel”, personificado este nos intereses estranxeiros presentes en Dar al Islam e os poderes corruptos en liza na rexión “en total conivencia con Occidente”. Non faltan, como xa é costume, referencias á situación dos “irmáns palestinos”, a “intrusión” en Iraq e as humillacións padecidas polo pobo musulmán a mans “dos cruzados” tras a perda de Al-Andalus na época dos Reis Católicos. Este tipo de chamamentos callan en amplas capas da poboación, non só necesariamente entre mozos desarraigados, pobres e sen estudios. Un elemento a ter en conta na evolución do fenómeno é a mudanza no perfil sociolóxico dos militantes islamitas radicais, feito que inqueda aos corpos e forzas de seguridade dos diferentes estados magrebís. En Tunicia, por exemplo, a meirande parte dos arrestados en decembro de 2006 eran mozos bloqueados no seu ascenso social ou desfavorecidos, excluídos de toda participación na vida política do país. O exilio, que constituía un refuxio xa non é posible, tendo Europa blindadas as súas fronteiras na actualidade. Estes novos yihadistas son, máis cós “damnificados da terra”, empregando a terminoloxía de Franz Fanon, os excluídos da mundialización, que esperan atopar unha razón de ser no Yihad global segundo a ideoloxía e os modos de operar observados a través de Internet. Outro exemplo da complexización no perfil sociolóxico dos islamitas radicais atopámolo en Marrocos, tras a desarticulación de Ansar Al Mahdi. Neste caso particular, os membros desta organización non eran nin mozos miserables oriúndos dos distritos de chabolas que abondan nas periferias das grandes urbes desde Libia ata Mauritania, nin aqueles que non viron satisfeitas as súas expectativas na actual orde mundial vixente. Os teóricos do salafismo parecen ter atopado tamén entre as luxosas vilas dos barrios máis acomodados, no seo de determinados sectores burgueses, espazos privilexiados para as súas prédicas, que non cesan de evocar a situación en Iraq, as humillacións padecidas polos “irmáns palestinos” e o deber do Yihad. Destaca, doutra banda, o rol crecente das mulleres, aínda que de momento en tarefas unicamente loxísticas. Non se descarta, non obstante, unha evolución similar á vivida noutros contextos do Oriente Medio, en Palestina nomeadamente, e que estas pasen, pouco a pouco, a desenvolver labores ata o de agora masculinas como poden ser a planificación e execución dos atentados. Como exemplo, novamente, o sinalado caso Ansar al-Mahdi, onde Fatima Zohra Rhioui, alias Oum Sâad, exerceu de rica e piadosa benefactora que deu abeiro e axuda financeira a Hassan al-Khattab, líder da organización. Ao seu carón, Amina Mseffer e Amal Serraj, casadas ambas as dúas con dous pilotos da Royal Air Maroc, a compañía aérea de propiedade estatal marroquí, que se valeron da súa privilexiada posición para apoiar a causa, amais de aportar diñeiro en efectivo e numerosas xoias, o que non fai senón reforzar a tese do xurdimento dunha sorte de “islamismo caviar”. A eventual presenza de efectivos das forzas de seguridade do Estado é outro feito que inqueda excesivamente. En Alxeria a sombra da conivencia entre exército

Tempo Exterior / nº 15 (segunda época) - xullo/decembro 2007

87

Al-Qaida no Magreb Islámico: Extensión e límites da ameaza terrorista no norte de África / David M. Alvarado

e islamitas planea desde finais dos oitenta, sendo moitos os autores e investigadores que observan o sinal militar en moitas das masacres atribuídas aos moujahidines. Pola súa banda, a mediados de 2007, Rabat temeu por unha infiltración terrorista no seo do propio Majzén (nome que recibe o réxime tradicional marroquí, literalmente “almacén”). O ministro de Interior, Chakib Benmoussa, saltou entón á palestra apresuradamente para asegurar que se trataba de casos illados. Por se acaso, varias cabezas rodaron, entre as que cabe contar as de Mohamed Belbachir, xefe da Dirección da Seguridade Militar, e Hamidou Laânigri, ata entón á fronte da Dirección Xeral da Seguridade Nacional. Semanas despois, o 31 de agosto, seguindo instrucións de Palacio, un decreto gobernamental abrogaba o servizo militar obrigatorio, no que se interpretou unha manobra para discriminar do acceso ao exército a elementos perigosos. O lanzamento de políticas para o control do campo relixioso nos diferentes países magrebís, en orde a formar profesionais da relixión máis acordes coas necesidades dos fieis musulmáns do século XXI e divulgar e transmitir ideas de paz e tolerancia, non poden competir en moitos casos coa influencia externa. Neste senso, a expansión dos medios de comunicación “árabes” é un elemento a ter moi en conta na propagación dunha mensaxe do Islam allea á tradición magrebí, tradicionalmente máis aberto e menos rigorista, lonxe de concepcións wahabitas e salafistas propias do Oriente Medio. Doutra banda, no caso marroquí e alxerino nomeadamente, non podemos deixar de atender á influencia de antigos emigrantes retornados ós seus países de orixe que no seu momento foron “reislamizados” pola Jamaat Adaawa wa Tabligh, un movemento islamita de orixe paquistaní moi influínte entre as poboacións musulmáns de Alemaña, Holanda e mesmo Suíza.

Límites das ambicións rexionais de AQMI Mesmo se enmarcamos a acción do antigo GSPC no seo do movemento islamita internacional, a súa alianza estratéxica con al-Qaida non fixo que esta organización abandonase as súas lóxicas locais. Neste sentido, non podemos obviar a diferente tipoloxía de réximes políticos en liza, o cal condiciona unha diferente tipoloxía de organización e estratexias particulares, adaptadas a cada caso particular. É obvio sinalar entón, á luz das diferenzas existentes, por exemplo entre a Libia de Muammar al-Qaddafi e a Tunicia de Zayn al-Abidin Ben Ali, que as prácticas salafistas despréganse dun xeito ou outro na medida en que o islamismo interacciona coa súa contorna política, económica e social. Nesta mesma orde de cousas, en cada país o islamismo segue unha lóxica particular. Deste xeito, os atentados que en 2007 tiveron lugar en Marrocos semellan non ter ningún azo co GSPC. Os ataques suicidas do 11 de marzo e do 10 de abril, se ben seguen os métodos de al-Qaida, espertando as pantasmas dos ataques de 16 de maio de 2003, que causaron 43 mortos, semellan, segundo as conclusións da inves-

88

Tempo Exterior / nº 15 (segunda época) - xullo/decembro 2007

Al-Qaida no Magreb Islámico: Extensión e límites da ameaza terrorista no norte de África / David M. Alvarado

tigación policial, obra de grupos autónomos amateurs, resultando “unicamente” morto, xunto cos propios terroristas, un inspector de policía. Cabe subliñar tamén que estes non foron reivindicados, o cal non é acorde coa filosofía da organización de Ben Laden, que gusta de dotar da máxima visibilidade ás súas accións violentas. Amais da súa autonomía de goberno con respecto ao GSPC, os grupos radicais marroquís non teñen realmente lazos entre eles, de aí precisamente a súa complexidade e as dificultades para os poderes públicos de conter as súas accións. Trátase de células islamitas que perseguen diferentes obxectivos. Se ben o GICM segue sendo o referente, existen outros grupúsculos que se dirixen cara a uns ou outros propósitos, que poden variar entre os símbolos do poder marroquí ata a vontade de liberar a Iraq ou Palestina. Só en 2006 os servizos de seguridade do reino alauí desmantelaron 11 células que recrutaban combatentes para integrar a resistencia iraquí, sen ningunha intención de operar ataques en territorio magrebí, polo menos inicialmente. Por último, continuando co exemplo de Marrocos, sintomático e exemplificador en moitos aspectos, existe, ao carón do salafismo doutrinal e pietista, todo un conxunto de grupúsculos violentos que beben do salafismo internacional e que se confunden co banditismo e a pequena criminalidade. Estas pequenas células, formando todas elas parte da confusa nebulosa islamita, non teñen necesariamente vinculación con outras células ou un superior xerárquico que lle dea ordes, senón que se poden formar de forma conxuntural para, por exemplo, levar a cabo un só atentado desprovisto de calquera tipo de proxecto político.

David M. Alvarado Roales é politólogo, correspondente de prensa no Magreb e investigador asociado do Igadi.

Tempo Exterior / nº 15 (segunda época) - xullo/decembro 2007

89

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.