Apuntes arredor dunha biografía de Rosalía de Castro. \"Tras dun olvido outro olvido\"

September 11, 2017 | Autor: M. Lama López | Categoria: Rosalía de Castro
Share Embed


Descrição do Produto

APUNTES ARREDOR DUNHA BIOGRAFÍA DE ROSALÍA DE CASTRO: “TRAS DUN OLVIDO, OUTRO OLVIDO” María Xesús Lama López Universitat de Barcelona

Xa en 1983 sinalaba Catherine Davies como un problema por resolver na crítica rosaliana a cuestión da imaxe pública da autora. A imaxe cultivada sobre todo polo seu home, Manuel Murguía, así como a xeración dos seus contemporáneos e os semibiógrafos posteriores directamete influídos por Murguía, construiría a figura lendaria dunha muller sufridora e resignada que creou unha obra de carácter confesional, impulsada polo tormento interior que as circunstancias externas testemuñaban: ilexitimidade, enfermidade, morte de seres queridos, e dificultades diversas. Sobre esta imaxe, a crítica adoptou unha visión da obra de Rosalía predominantemente biográfica, baseada en factores psicolóxicos, con frecuencia partindo os estudiosos duns coñecementos da ciencia psicolóxica máis afeccionados ca científicos. As implicacións desta tendencia ó biografismo condúcennos a un terreo pantanoso na interpretación da obra rosaliana, se temos en conta a verdadeira dificultade que encontra o estudioso á hora de rastrexar datos obxectivos que nos permitan reconstruír as auténticas circunstancias que rodearon o decorrer vital da poeta. Unha dificultade que responde en boa medida a unha estratexia de construcción da súa imaxe pública, orquestada inicialmente por Murguía, coa intención de presentala como modelo de escritor/-a nacional, tal como demostra nun magnífico artigo Alonso Nogueira (1999). Terreo pantanoso para a interpretación da obra, pero tamén, e sobre todo, para poder elaborar unha biografía fiable, que a penas pode basearse nuns poucos datos obxectivos, como son algúns documentos e as escasas cartas conservadas, así como as posibles referencias rexistradas nos seus textos literarios e as circunstancias da súa producción e difusión. Partindo dos textos biográficos publicados por Murguía constrúese, efectivamente, unha imaxe da escritora que impregna toda a crítica posterior e que xira en torno a tres pilares fundamentais: en primeiro lugar, seguindo o ideal liberal burgués da época, a escritora preséntase como un

171

Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos

“anxo do fogar” cunhas especiais dotes naturais (Kirkpatrick, 1991); en segundo lugar, insístese na súa actitude de indiferencia ante o éxito, aspecto fundamental na creacción da imaxe pública dun autor moderno despois de que o movemento romántico revalorizase a autenticidade, libre de todo artificio; por último, preséntase como unha figura heroica, posuidora dunhas dotes e unha fortaleza sobrenaturais, o que lle permite resistir a desgracia que a acosa constantemente, desde as estigmáticas circunstancias do seu nacemento. A partir desta construcción desenvólvese toda a crítica posterior, que tende a valorar na obra de Rosalía o seu carácter confesional, chámeselle poética interior, intensidade de sentimento, ou exposición da alma núa. En Galicia publícase en 1952 un libro fundamental coa intención de reivindicar a figura da poeta no que participa a plana maior do ensaísmo vencellado á editorial Galaxia: Sete ensaios sobre Rosalía. Pero de feito non se consegue cambiar sustancialmente este enfoque biografista. Aínda que os únicos elementos biográficos que se utilizan nos ensaios se basean nos textos, concédeselle un especial protagonismo ós supostos desequilibrios psíquicos causados polas circunstancias que rodean o seu nacemento e primeira infancia. A análise psicolóxica e filosófica dá paso a unha antropoloxía do home galego, e deste xeito a individualidade psíquica de Rosalía redúcese a un arquetipo da psique galega: a poeta é unha “ánima galaica” para Rof Carballo, é dicir, en termos jungianos, un arquetipo que emerxe da consciencia colectiva. Pola súa banda Piñeiro considera que a base da identificación entre Rosalía e Galicia é “o sentimento profundo de xustiza”, e polo tanto a relación entre a autora e o seu medio redúcese a unha cuestión de personalidade e rexéitanse outros factores socioculturais. Deste xeito consolídase unha imaxe pública mítica de Rosalía a través dun tecido doutrinal novo, posto que a poeta, considerada como símbolo de Galicia, utilízase no intento de elaborar unha cultura galega diferenciada (Davies, 1983). Outra tendencia dos anos cincuenta consiste en situala na historia literaria, considerándoa primeiro como unha escritora tipicamente romántica, víctima do desasosego e insatisfeita coa realidade que a rodea, ou ben unha postromántica dentro da reacción fronte ós excesos retóricos do romanticismo e a busca de inspiración na lírica popular.1 Máis tarde, xa na década dos sesenta, a crítica vencella a súa obra con xeracións posteriores e moitas veces diverxentes, como a xeración do 98 e os modernistas, tratando de analizala como parte dunha corrente de pensamento. En calquera caso, céntrase a atención na súa poesía máis intimista e déixase nun segundo plano Cantares e a súa obra en prosa, que poñerían en cuestión o tópico da escritora inspirada. Ignorando a vertente da súa obra máis comprometida coa realidade social do seu tempo, téndese a reducir toda análise ás repercusións psicolóxicas das súas experiencias persoais, sexa a ilexitimidade ou un suposto amor desgraciado. 1 Tirrel (1951), considerándoa romántica, compara a súa obra coa de Larra e Espronceda, a pesar do case medio século

172

que a distancia destes autores. Na década dos cincuenta destacan referencias criíticas de autores como Rafael Lapesa, que afonda na relación con Bécquer, establecida xa por diversos estudiosos na primeira metade do século, e adianta a tendencia dominante dos sesenta de estudiar aspectos comúns con autores posteriores, apuntada por Díez Canedo xa nun artigo de 1909. Luís Cernuda e Dámaso Alonso, insisten no carácter coetáneo da obra de Rosalía e Bécquer; Machado da Rosa estudia a súa obra dentro da corrente que xorde por influxo das traduccións de Heine. E, por fin, Carballo Calero en 1959 fai un repaso das posibles influencias literarias na obra da autora. Todos estes textos críticos encóntranse no estudio da recepción rosaliana, recolla feita por Alonso Montero (1985).

María Xesús Lama / Apuntes arredor dunha biografía de Rosalía de Castro: “tras dun olvido, outro olvido”

Paralelamente, xa nos anos cincuenta, comezan a publicarse estudios biográficos que tratan de dilucidar circunstancias concretas da súa vida, entre os que destacan os realizados por Bouza Brey, así como as aportacións de Juan Naya, depositario da documentación familiar despois da morte de Gala, a última filla do matrimonio.2 Esta situación comeza a cambiar nos anos oitenta coa publicación de importantes monografías como a da propia Katherine Davies (1987) e a de Francisco Rodríguez (1988), ou a colección de traballos recollidos baixo o título Rosalía de Castro. Unha obra non asumida (1985). Na contribución de Pilar García Negro nesta colectánea encóntrase unha interesante reflexión arredor do paralelismo entre a deformación da imaxe de Rosalía e da propia Galicia co fin de: converter unha e outra —Rosalía e a Galiza— nunha realidade defunta, inexistente a efeitos práticos e concretos, converté-las a ambas en símbolos inofensivos, en iconos moi grabados en determinados planos de retórica compensatoria, mais descargados de toda forza, de toda virtualidade real e ferinte. (García Negro 1985: 34)

Efectivamente, a imaxe pública da autora que quere construírse dende un pretendido nacionalismo literario, pero tamén dende o espacio de posibles da época, desenvolve varios aspectos deformantes catalogados por esta estudiosa que poderiamos resumir en tres: 1. Rosalía preséntase como unha escritora fácil e case inconsciente, que compón os seus poemas espontáneamente mentres o seu marido toma nota apresuradamente (así nolo relata un dos seus biógrafos), en correspondencia cunha Galicia esencialmente sentimental e poética. 2. A poeta tería unha escasa formación, o que a converte nun expoñente perfecto do saber e a sensibilidade popular e voz paradigmática dunha colectividade despoxada dun rexistro culto propio, pero dotada dunha especial sensibilidade natural. Polo tanto o acto de creación non é consciente nin froito de reflexión ou planificación, senón unha especie de habilidade innata. Por iso é considerada, sobre todo, poeta e silénciase ou minusvalórase a súa obra en prosa. 3. Era un ser saudoso e melancólico, de novo como paradigma dun pobo sufrido e resignado, se ben se trata dunha condición íntima que vai máis alá do sufrimento causado por circunstancias externas ou polo peso da inxustiza. Fronte a esta imaxe deformada a crítica máis recente reivindica unha Rosalía consciente do seu papel de escritora e con vocación firme, culta e autora dun programa poético e estético claro, que expón en prólogos e textos literarios, nalgún dos seus poemas e a través dos diálogos dos seus

2 Os importantes artigos sobre cuestións biográficas que foi publicando Bouza Brey ó longo dos anos cincuenta sobre

todo nos Cuadernos de Estudios Galegos recólleronse en libro (Bouza Brey, 1992).

173

Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos

personaxes, especialmente na novela El Caballero de las botas azules. Pero ademais descóbrese unha Rosalía forte, lonxe da sumisión ou da resignación queixumbrosa, e decidida defensora das súas ideas políticas, plenamente activa no ámbito intelectual, ideolóxico e político (ver García Negro 1985, Davies 1987 e Rodríguez 1988). Esta nova imaxe da escritora implica, na liña de correspondencia coa visión da colectividade coa que se identifica, unha Galicia que se enfronta con valentía ó seu destino e que loita por expresar a súa propia identidade con liberdade. ¿Trátase dunha nova imaxe forxada dende o nacionalismo literario? ¿Estase a construír un novo mito dunha Rosalía rebelde e case libertaria, simpatizante do socialismo utópico e feminista? Ben certo é que nos seus escritos hai contundentes berros de liberdade: “Yo soy libre. Nada puede contener la marcha de mis pensamientos y ellos son la ley que rige mi destino”, exclama en Lieders (1858), pero ó mesmo tempo encontramos xestos de prudencia que intentan, quizais, evitar a condena decidida da sociedade da súa época como o “Prólogo” de La hija del mar: [muchas mujeres] protestaron eternanente contra la vulgar idea de que la mujer sólo sirve para las labores domésticas, y que aquella que, obedeciendo tal vez a una fuerza irresistible, se aparta de esa vida pacífica y se lanza a las revueltas ondas de los tumultos del mundo, es una mujer digna de la execración general. No quiero decir que no, porque quizá la que esto escribe es de la misma opinión. (1993: I-48)

Ou o famoso parágrafo do prólogo de Follas Novas: No aire andan dabondo as cousas graves, é certo; fácil é conocelas, e hastra falar delas; mais son muller, e ás mulleres apenas s’á propia femenina fraqueza lle é permitido adiviñalas, sentilas pasar. Nós somos harpa de soio dúas cordas, a imaxinación e o sentimento. (...) Que se os problemas que tén ocupados os máis grandes entendementos teñen algo que ver connosco, é nenmentras que os que comparten e levan a unha con nosoutras os traballos da vida, non poden ocultarnons de todo as súas tristezas e os seus desfalecementos. É deles ver as chagas e sondalas e buscarlles procuro; é noso axudarlles a soportala, máis con feitos iñorados que con palabras e romores. O pensamento da muller é lixeiro; góstanos com’as volvoretas voar de rosa en rosa sobr’as cousas tamén lixeiras: n’é feito para nós o duro traballo da meditación. Cand’a el nos entregamos, imprenámolo, sin sabelo siquera, da innata debilidade, e se nos é facil engañar os espíritus frívolos ou pouco acostumados, non soced’o mesmo cos homes de estudio e reflexión, que logo conocen que baixo da crara corrente da forma non s’atopa máis que o limo insustancial das vulgaridades. E nos dominios da especulación, como nos do arte, nada máis inútil nin curel do que o vulgar. Del fuxo sempre con tod’as miñas forzas, e por non caer en tan gran pecado nunca tentei pasar os límites da simple poesía, qu’encontr’ás veces unha espresión feliz, unha idea afertunada [...]” (1993: II-270)

174

María Xesús Lama / Apuntes arredor dunha biografía de Rosalía de Castro: “tras dun olvido, outro olvido”

¿Como podemos entender esta especie de manifesto masoquista e antifeminino na autora da “Carta a Eduarda”? A sorprendente contradicción entre estas afirmacións e a súa valente reivindicación da capacidade intelectual da muller noutros escritos, así como as palabras dalgúns dos seus poemas revelándose contra os tópicos da escritura feminina, levou a algúns a interpretar que se trataría dunha ironía seguindo o tópico da captatio benevolentia introductoria. Sen embargo o xogo irónico non é moi evidente e máis ben parece un intento de darlle ó público aquello que quere oír, aínda a costa das súas conviccións. E mesmo a costa da verdade, porque é ben sabido que antes da publicación de Follas Novas xa publicara a maior parte da súa obra en prosa (La hija del mar, 1859; Flavio, 1861; Ruinas, 1866; El Caballero de las botas azules,1867). ¿Como se pode entender entón a afirmación de que para evitar a vulgaridade nunca tentou pasar os límites da “simple poesía”? Certamente esta colección de tópicos que acaban por levar a contradiccións non son cribles en boca de Rosalía e conducen irremediablemente á interpretación irónica. Pero aínda así a compracencia na longa descrición da visión conservadora da muller resulta esaxerada e parece lembrar máis a fluída retórica de Murguía que as áxiles reflexións cargadas de intención reivindicativa a que nos ten acostumados a autora. Non sería o primeiro caso en que a arrolladora personalidade intelectual do seu home invade a obra da escritora. Ben é certo que ata o de agora as intervencións que se lle poden atribuír en vida dela parecían reducirse a correccións ortográficas e pouco máis, pero ás moi intencionadas intervencións posteriores á súa morte vén a unirse agora a revelación recente da dedicación da pluma de Murguía a algunha das novelas da súa muller no epistolario co editor Juan Compañel, que lle escribe en relación con La hija del mar: ¿Quién más interesado que yo en la pronta terminación de la Hija, que me tiene fastidiado por lo que dicen los suscriptores del engaño de las entregas y de lo caro que va a salir y que no pagan más que las 10 ofrecidas, etc.? Tu crees que los oficiales han de estar paraditos hasta que vienen tus cuartillas (...) Creo que hoy por hoy, si dedicas tres horas a la Biblioteca no debías hacerlo más de dos o de ningunha, puesto que lo primero es cumplir el compromiso. Veremos pues como te enmiendas y me mandas enseguida todo el original. (...) ¿A qué tomar apuntes al Hospital si la Hija te llamaba a que apuntaras algunas cuartillas? (...) Creo que ahora la Hija y sólo la Hija debe ocupar tu imaginación y tu pluma (Barreiro Fernández /Axeitos 2003: 123)

Estas palabras indúcennos a considerar unha relación cando menos complexa na producción intelectual de Rosalía e o seu home. Evidentemente non se pode concluír que a man do Murguía narrador estea noutras obras da súa muller, pero alomenos suscítase a posibilidade da súa intervención e o consentemento da escritora que, despois de todo, necesitaba do aval legal do seu home para publicar a súa propia obra3. Sen embargo, no clima de camaradería e solidariedade na causa común que parece dominar a relación

3 A defensa da autoría consciente de Rosalía parece inducir a un rexeitamento inmediato da hipótese que dá paso á

posibilidade de que Murguía escribise algún texto, ou parte, asinado por ela. Debe considerarse, sin embargo, que nin La hija del mar, nin a captatio de Follas Novas son o máis brillante nin o máis coherente dentro da obra da autora.

175

Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos

entre ambos mesmo é posible que Rosalía comprendese a necesidade de pregarse a certos convencionalismos en pro dun bo fin, é dicir, do éxito e a difusión da súa obra, toda vez que a experiencia dunha xeración anterior de mulleres escritoras deixara ben claro que a única maneira de ter acceso ó mercado pasaba por pregarse ás esixencias da crítica, que consentían en valorar o traballo creativo da muller sempre e cando estivese en harmonía cunha imaxe pública aceptable dende os convencionalismos sociais (Kirkpatrick, 1992). Polo tanto é posible que Murguía suxerise, ou mesmo dalgún xeito retocase, algúns dos parágrafos contemporizadores que se inclúen nas obras de Rosalía, o mesmo Murguía que engadiu os poemas de contido relixioso ó comezo e ó final de En las orillas del Sar4, o mesmo que lle prohibe á súa filla Alejandra aceptar un traballo como restauradora do Museo del Prado para que quede na casa cuidando dos irmáns pequenos e do pai, o mesmo que escribe en Los Precursores Por más que la comparación sea vulgar, siempre se dirá de la mujer que, como la violeta, tanto más escondida vive, tanto es mejor el perfume que exhala. La mujer debe ser sin hechos y sin biografía, pues siempre hay en ella algo a que no debe tocarse. Limitada su acción al círculo de la vida doméstica, todo lo santifica desde que entra en su hogar. Tiene en la tierra una misión de los cielos, y su felicidad debe consistir en llenarla sin vanagloria ni remordimientos. Trasládase toda entera a sus hijos, vive en su corazón, sin que sus penas sean otras que las que los hieren o con ellos se relacionan. (Murguía 1976: 176)

Efectivamente, sin biografía quedou Rosalía durante moitos anos. En parte debido á destrucción de documentos persoais que seguiu a súa morte, en parte debido á manipulación da súa imaxe pública polos intereses da causa nacional. Pero pouco a pouco, moi engordiño, a crítica vaise achegando a unha imaxe máis fiel do que puido ser a súa vida e de cómo se conformou a visión do mundo que plasma na súa obra literaria. Os minuciosos traballos biográficos que ultimamente publicou Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda contribúen a asentar esa imaxe en datos moi concretos e fiables. Na súa investigación sobre a orixe de Rosalía destrúe o tópico do trauma polo abandono materno, culpabilidade pola ira contra a nai, etc., demostrando claramente o seguimento que a nai debeu facer dos coidados da nena dende os primeiros momentos (Álvarez Ruiz de Ojeda 1997 e 1999). As investigacións no padrón de habitantes da vila de Padrón permítenlle establecer un reencontro moito máis temperán do que acostumaba a considerarse, previo a 1842, ó mesmo tempo que o estudio do contexto que rodeaba os fillos expósitos na época e mais dun caso similar que afectou a unha curmá da escritora permite afirmar que a familia nunca pensou en abandonar a nena e que seguiron os seus pasos moi de perto ata que foi posible recuperala abertamente para vivir coa nai. Por outra parte a investigación arredor do Liceo de la Juventud (Álvarez Ruiz de Ojeda 2000) suxire a activa participación de Rosalía na súa Sección de Declamación, dentro da imersión durante os seus anos de mocidade nun ambiente de rica actividade cultural que xa explicara

4 Marina Mayoral (Castro 1983: 63) sinala que estes dous poemas que enmarcan o libro aparecen por primeira vez na

176

segunda edición preparada por Murguía, peo non aclara se xa apareceran publicados previamente ou os engade Murguía partindo de supostos manuscritos que quedaran inéditos.

María Xesús Lama / Apuntes arredor dunha biografía de Rosalía de Castro: “tras dun olvido, outro olvido”

Bouza Brey (1992: 61-94). Así e todo son moitas as incógnitas que quedan por desvelar. Non sabemos nada do seu proceso de formación, atendendo a que o tópico da asistencia a clases de debuxo e música na Sociedad Económica de Amigos del País quedou xa hai tempo desbotada pola investigación de Barreiro (1985), que establece a ausencia de clases destas materias ata 1857 e que só moito máis tarde se abre a Sociedade ó alumnado feminino. Non temos ningún dato obxectivo que nos permita coñecer a personalidade da súa nai, que tan decisiva influencia debeu ter na súa educación, na escolla de actividades da Rosalía adolescente, ou no ambiente de permisividade que lle había permitir marchar para Madrid con dezanove anos a facer carreira literaria. E aínda está moi pouco estudiado todo o entorno familiar dos Castro, con personaxes como o curmán Pepito Hermida, “librepensador recoñecido e estrafalario escritor”, ou a Carmen García Lugín coa que vivirá en Madrid. As actividades de Rosalía en Madrid desde que chega en abril de 1856 ata que casa con Murguía en outubro de 1858, é dicir, dous anos e medio de liberdade, constitúen unha perfecta lagoa da que a penas se coñece algún dato fundamental, como a publicación do seu primeiro libro de poemas. E se este primeiro período xa é imposible de reconstruír con datos concretos, ¿que podemos esperar da época que se inicia cando casa con Murguía, moza aínda de vinteún anos e cunha carreira literaria recén inicada? Raras veces se ten en conta que a data de publicación da súa primeira novela coincide co mesmo ano en que naceu a súa filla Alexandra, que continuou publicando con asiduidade e que viaxou a Madrid deixando a nena coa súa nai. Pero tamén é certo que o longo período de ralentización da súa producción entre 1867 e 1880 coincide co nacemento dos seus outros seis fillos e unha serie de penurias económicas para a familia. Unha autora á que se lle supón unha tendencia tan marcada a expresar o seu sentir persoal e as súas vivencias na súa obra parece non deixar grandes testemuñas de experiencias vitais importantes, como a loita diaria que tiña que supor para ela criar tantos nenos, a angustia da penuria económica, de ter que sisar constantemente os escasos reais, como se ve nalgunha das súas cartas, a terrible experiencia da morte do seu fillo pequeno, estando ela xa embarazada da seguinte, etc. Miserias da vida cotián que non se recollen nas biografías, nin da santa nin da rebelde feminista. ¿Seguimos pois a construír o mito, o arquetipo esquemático e funcional? É evidente que Rosalía foi unha autora consciente da súa obra, que escribiu dunha maneira case profesionalizada e que sabía moi ben os desafíos que lle estaba presentando á sociedade con cada unha das súas obras, por iso non lle quita ningún mérito a existencia dalgún contraluz na súa traxectoria. Certamente non foi a súa pluma un simple instrumento ó servicio da cabeza pensante de Murguía, pero non por iso convén esquecer a importancia decisiva que o encontro con Murguía tivo na súa vida literaria. É innegable que nos poemas de La Flor non se albisca ningún indicio da preocupación social que, sen embargo, xa estaba presente nalgún poema de mocidade de compañeiros seus do Liceo de la Juventud como Aguirre e Pondal, e polo tanto é posible, e ata probable, que se deban ó intercambio de ideas con Murguía os seus xiros, do conflictivo subjectivismo romántico á preocupación polo pobo e do

177

Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos

uso tópico do castelán como lingua literaria ó reto de presentar un libro de poemas escrito integramente en galego, toda vez que xa nos escritos críticos que Murguía viña publicando dende anos antes se comenta a necesidade dunha producción desas características para a literatura galega. As enormes lagoas de datos biográficos impídennos comprobar o grao de autonomía real de Rosalía no interior do sistema literario, sen embargo todo parece indicar que, se ben a súa producción literaria é absolutamente independente, porque supera con moito a calidade e a profundidade da do seu home, en cambio a débeda con Murguía é inmensa no que respecta ás relacións coas institucións e o mercado. É el quen parece ocuparse das relacións cos editores, dos problemas de distribución, e quen establece as principais liñas de interpretación da súa obra, condicionando a crítica posterior en grande medida. Por non falar das canles de publicación que encontra Rosalía na prensa, tan frecuentemente vencelladas coa actividade xornalística do seu home: publicacións en El Miño, El Museo Universal, La Ilustración Gallega y Asturiana... Por outra banda, a súa actitude reivindicativa enmárcase dentro da estratexia de loita dun grupo social para mellorar a súa posición na sociedade, unha posición marxinal por non cumprir os requisitos esixidos polas institucións dominantes, dirixidas sempre dende Madrid, e aparentemente insensibles ó verdadeiro coñecemento das cousas do país. Esta Rosalía que tan xenerosamente se identifica cos máis desfavorecidos, non necesita facer grandes esforzos para entender a súa situación porque ela mesma está moi perto nalgúns aspectos, a pesar de pertencer a unha familia acomodada. Cando escribe “quen ten casa/ten media vida” con demasiada facilidade pensamos nos pobres labregos desposuídos por un sistema social inxusto. Pero a propia Rosalía nunca tivo casa de seu. Toda a súa vida foi un constante tránsito dunha casa a outra, de aluguer ou de prestado coa familia. De feito, as mesmas circunstancias do seu nacemento sitúana nunha posición marxinal que contribúe a configurar a súa visión do mundo lonxe dos centros de poder e en perfecta identidade cos grupos sociais que, dun xeito ou outro, afrontan a marxinalidade. Na causa da loita pola xustiza social, que implica tamén as reivindicacións nacionais, Rosalía encontra en Murguía o seu gran aliado, así como tamén na súa aspiración a entregar a súa vida á creación artística. Un aliado tan esmerado que ata o último momento traballa na construcción do seu ideal común, se ben a costa da realidade. A auténtica imaxe da Rosalía real queda así velada para sempre.

Bibliografía citada ALONSO NOGUEIRA, Alejandro. “A invención do escritor nacional Rosalía de Castro: a poeta e a súa patria”. Cinguidos por unha arela común.

178

María Xesús Lama / Apuntes arredor dunha biografía de Rosalía de Castro: “tras dun olvido, outro olvido”

Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero. Ed. de Rosario Álvarez e Dolores Vilavedra. Santiago: Universidade, 1999: 41-64. ALONSO MONTERO, Xesús. En torno a Rosalía. Madrid: Júcar, 1985. ÁLVAREZ RUÍZ DE OJEDA, Victoria. “Un importante documento para a biografía de Rosalía de Castro”. Grial 136, (1997): 479-501. —— “Sobre as orixes de Rosalía de Castro”. A Trabe de Ouro 39, (1999): 32551. —— “Rosalía de Castro, actriz: noticias e documentos”. Revista de Estudios Rosalianos 1, (2000): 11-38. BARREIRO FERNÁNDEZ, Xosé Ramón. “Rosalía de Castro e o Liceo da Xuventude de Santiago”. Outeiro 19, (1985): 60-61. BARREIRO FERNÁNDEZ, Xosé Ramón / AXEITOS, X. L. Cartas a Murguía I. A Coruña: Fundación Barrié, 2003. BOUZA BREY, Fermín. Artigos rosalianos. Santiago: Xunta de Galica, 1992. CARBALLO CALERO, Ricardo. Contribución ó estudio das fontes literarias de Rosalía de Castro. Lugo: Celta, 1959. CASTRO, Rosalía de. Obras Completas I e II. Madrid: Turner, 1993. —— En las orillas del Sar. Edición, introducción y notas de Marina Mayoral. Madrid: Clásicos Castalia, 1983. DAVIES, Catherine. “Rosalía de Castro, Criticism 1950-1980. The Need for a New Approach”. Bulletin of Hispanic Studies 61, (1983): 211-20. —— Rosalía de Castro no seu tempo. Vigo: Galaxia, 1987. GARCÍA NEGRO, María Pilar. “A orixinalidade de Rosalía”. Rosalía de Castro. Unha obra non asumida. A Coruña: Xistral, 1985. KIRKPATRICK, Susan. Las Románticas. Escritoras y subjetividad en España 1835-1850. Madrid: Catredra / Univ. De Valencia / Instituto de la mujer, col. Feminismos, 1991. MURGUÍA, Manuel. “Rosalía de Castro”. En las orillas de Sar de Rosalía de Castro. Ed. de Marina Mayoral. Madrid: Clásicos Castalia, 1983 [1909]: 55-66. —— Los precursores. A Coruña: La Voz de Galicia, 1976 [1885]. NAYA PÉREZ, Juan. Inéditos de Rosalía. Santiago: Publicaciones del Patronato Rosalía de Castro, 1953. RODRÍGUEZ, Francisco. Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Vigo: AS-PG, 1988. TIRREL, Sister Mary. La mística de la saudade. Madrid: Jura, 1951. VV. AA. Sete ensaios sobre Rosalía. Vigo: Galaxia, 1952.



Lama López, María Xesús. “Apuntes arredor dunha biografía de Rosalía de Castro: “tras dun olvido, outro olvido””. Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península. Barcelona 28 ó 31 de maio de 2003. Ed. de Helena González e M. Xesús Lama. Sada: Ediciós do Castro / Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) / Filoloxía Galega (Universitat de Barcelona), 2007. ISBN: 978-84-8485-266-7. Depósito Legal: C-27912007.

179

Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos

180

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.