Contextos cerámicos de Época Moderna En Lugo (ss. XVI-XVIII)

July 3, 2017 | Autor: A. Folgueira Castro | Categoria: Ceramica postmedievale, Cerâmica Moderna, Ceramica, Cerámica Moderna
Share Embed


Descrição do Produto

Férvedes

Vilalba (Lugo)

Número 8

Año 2015

Pp.: 431 - 437

ISSN 1134-6787

CONTEXTOS CERÁMICOS DE ÉPOCA MODERNA EN LUGO (SS. XVI-XVIII). CERAMIC CONTEXTS OF MODERN PERIOD IN LUGO (XVI-XVIII SS.). Adrián FOLGUEIRA CASTRO [email protected]

RESUMO Preséntase neste traballo unha aproximación á cultura material en Lugo en época Moderna. A partir do estudo dos materiais máis representativos localizados en contextos selados dalgunhas das intervencións arqueolóxicas levadas a cabo na cidade, trataremos de describir os principais elementos que mellor definen o enxoval cerámico deste período. ABSTRACT An approach to the material culture in Lugo is presented in this work in Modern period. From the study of the most representative materials located in contexts sealed of some of the archaeological interventions carried out in the city, we will try to describe the main elements that better define the ceramic household equipment of this period. Palabras Clave: Keywords:

1.-

Idade Moderna, Talavera, louza, cerámica. Modern Age, Talavera, crockery, pottery.

INTRODUCCIÓN.

Tradicionalmente, a gran maioría dos estudos e publicacións nados da investigación arqueolóxica de Lugo centran a súa análise na cidade romana de Lucus Augusti e/ou nos seus vestixios materiais. Non obstante, non debemos esquecer a existencia dun plano medieval posterior, orixinado en torno á catedral, e que alterou completamente o trazado da antiga urbe romana. Deste xeito, e debido ao poboamento ao longo da Idade Media, o característico trazado ortogonal clásico quedou supeditado ao novo modelo de poboamento medieval que, compartindo o mesmo recinto amurallado, se reconstrúe nun novo estrato sobre a antiga traza romana. Foi pois preto da catedral onde tería pervivido o núcleo altomedieval (Burgo Vello), en tanto que o resto do espazo intramuros se atoparía completamente ruralizado ou próximo ao abandono en moitos casos, algo que parece ser a tónica xeral da cidade ata ben entrada a época Contemporánea. A partir deste área catedralicia abriuse cara o norte o gran eixo urbanístico deste período, a rúa Nova, que atravesa o recinto por completo nunha dirección S-N e a partir da cal se artella unha trama, caracterizada polo típico desorde do urbanismo me-

dieval, con rúas estreitas e moi irregulares (Rúa Miñá, Rúa da Tinería, Rúa Falcón, Carril dos Fornos...). Con todo, cabe lembrar que a investigación da arqueoloxía urbana medieval e moderna de Lugo apenas contribúe, de momento, a clarificar o desenvolvemento da cidade entre a época romana e a contemporánea, algo agravado pola escaseza de contextos destes períodos no rexistro das escavacións, e aparellado a unha cultura material que normalmente se recupera de niveis de recheo e/ou de estratos case sempre alterados polas cimentacións das construcións contemporáneas. Así pois, neste pequeno traballo non pretendemos máis que presentar os materiais cerámicos obtidos de tres contextos claramente situables en época moderna, exhumados en sendas intervencións arqueolóxicas, que presentan un conxunto homoxéneo e ata certo punto definitorio do enxoval doméstico da cidade entre finais do século XVI e o século XVIII. Pretendemos con elo aportar unha primeira achega para a posta en valor deste período tan esquecido, polo menos dende a óptica da cultura material, da cidade de Lugo.

432 A. FOLGUEIRA CASTRO

Fig.: 1. Situación das tres intervencións arqueolóxicas.

2.-

CONTEXTOS ARQUEOLÓXICOS.

Como dixemos, os materiais que constitúen o obxecto deste artigo foron recuperados de tres escavacións arqueolóxicas, todas elas localizadas na esfera dese plano medieval antes mencionado, como son a propia rúa Nova, a Praza do Campo, e a rúa Quiroga Ballesteros coa intervención realizada na Praza de Abastos (Fig.: 1).  Rúa Nova. Falamos en realidade de dúas intervencións arqueolóxicas diferentes, unha de control e outra de escavación levadas a cabo entre os anos 2008 e 2009. O soar obxecto das actuacións, de forma trapezoidal e sobre o que se asenta un edificio do século XIX, atópase situado na parte sur da rúa Nova, preto da praza do Campo e dentro do ámbito do denominado Burgo Vello ou Medieval, como reflexa a estrutura da propia rúa, de traza moi ben conservada e caracterizada pola súa estreiteza e lonxitude, sen que apenas sufrise modificacións ao longo do tempo. Así pois, nos traballos desenvolvidos puideron ser documentadas varias estruturas de época moderna, concretamente dous pozos, algunhas fosas e un muro relacionado cun posible pavimento ademais de retallos doutros moi alterados pola cimentación do actual inmoble (Santamaría Gámez, G., Bartolomé Abraira, R., Alcorta Irastorza, E., 2011: 25-26). Os niveis asociados a estas estruturas (recheo das gabias de cimentación, colmatación das fosas e nivel de derrubo do muro) aportaron, en xeral, un conxunto cerámico homoxéneo que parte

dende época baixomedieval (como mostra unha branca acuñada en Burgos a comezos do s. XV recuperada dunha das fosas, Fig. 4.6) e nos remite, como termo ante quem, ata o s. XVIII. A isto debemos engadir o nivel de incendio que non se puido asociar con construción algunha, pero que tamén se situou nunha cronoloxía baixomedieval (Santamaría Gámez, G., 2008: 26-34). A partir dos materiais recuperados comezamos a conformar o que poderiamos considerar como “paquete esencial” que, estando evidentemente suxeito a matices e engadidos, caracteriza o enxoval cerámico que cabe esperar en calquera nivel de época moderna intervido na cidade de Lugo. A grandes trazos falamos de dous grupos principais, cerámica común e a louza esmaltada. Para o primeiro, ante a falta de estudos en profundidade e a complexidade de interpretar un conxunto tan amplo, consideramos como expoñente máis recoñecible as olas de bordo de pestana, que perduran dende época baixomedieval xunto coas coñecidas como cerámicas de pastas acastañadas e as de pasta vermella (César Vila, M., Bonilla Rodríguez, A., 2003), das que tamén temos algunha mostra. Pola súa banda, as louzas esmaltadas presentan a mesma problemática en canto á falta de investigacións propias e a abundancia de producións diferentes e complexas de identificar con seguridade, polo que neste caso remitímonos unicamente ás louzas de Talavera de la Reina e Puente del Arzobispo, máis concretamente á serie tricolor, que parece ser unha constante na gran maioría das intervencións, sen menoscabo de posibles testemuñas doutras series (como a dos fentos ou a das bolboretas) así como

Férvedes, 8 (2015), pp.: 431 - 437

433 CONTEXTOS CERÁMICOS DE ÉPOCA MODERNA EN LUGO (SS. XVI-XVIII)

doutras producións que, ata o momento, non nos atrevemos a identificar con seguridade (barállanse procedencias diversas, falándose sobre todo de producións sevillanas, pero tamén portuguesas, aragonesas, levantinas...). Xunto a estes dous grandes “fósiles directores”, adoitan aparecer outros elementos claramente recoñecibles, pero en todo caso moito menos habituais, que veñen a reforzar as propostas cronolóxicas dos demais materiais asociados. No noso caso, podemos falar das cerámicas comúns de pastas vermellas desta escavación da Rúa Nova ou o fragmento da cana dunha pipa de caolín atopada na escavación da Praza de Abastos, pouco documentada en Lugo pero moi habitual noutros ámbitos da comunidade, especialmente naqueles máis ligados ao comercio marítimo.  Praza do Campo. Levada a cabo no verán do ano 2007, a escavación realizada no inmoble nº8 da Praza do Campo achéganos tamén algúns contextos aproveitables para este pequeno estudo. A propia construción do edificio nos retrotrae, como pouco, ata o século XVIII, tal e como se desprende da estratigrafía das súas cimentacións así como dos materiais recuperados nos recheos das gabias das mesmas. En concordancia cronolóxica con esta construción, atopamos tamén un muro medianeiro, que cruza completamente o soar de sur a norte e que debemos situar entre finais do século XVII e o século XVIII, por debaixo do cal se documentaron tamén dúas fosas que aportaron diversos materiais de cronoloxía moderna, entre os que volven destacar os fragmentos de louza de Talavera de la Reina e Puente del Arzobispo, así como os bordos de pestana. A maiores debemos falar doutro muro, ao que se adhire o mencionado anteriormente e que está cortado pola gabia de cimentación do propio inmoble, polo que sen dúbida é anterior ao s. XVIII e que, xunto cun nivel de incendio localizado na zona norte do soar, constitúen os contextos máis antigos aquí referidos, estando xa asentados sobre os niveis de abandono de época romana e podendo levarnos a época baixomedieval ou comezos de época moderna(Bartolomé Abraira, R., 2007: 35-39). Entre os materiais exhumados destes contextos rescatamos para este artigo tres novas mostras de olas de bordo de pestana.  Quiroga Ballesteros / Praza de Abastos. De novo nos atopamos nunha intervención situada nunha zona que se foi integrando no armazón urbanístico medieval, especialmente dende a construción de dous conventos tan salientables como o de San Francisco e o de Santo Domingo (separados hoxe, precisamente, pola rúa Quiroga Ballesteros), que xunto cas súas hortas e demais dependencias, lle outorgaron a este espazo un aspecto unitario que

abarcaba toda a zona sen solución de continuidade Unha vez escavados os estratos e estruturas de época contemporánea saíron á luz varios niveis, xa de época moderna, relacionados co espazo de horta do citado convento de Santo Domingo, edificio erixido na súa maior parte na segunda metade do s. XIV e que sufriu importantes modificacións durante os séculos XVII e XVIII. Situado a escasos metros ao leste da intervención, e delimitado cara o oeste pola igrexa de San Francisco e as súas posesións por un muro que apareceu no sector central da escavación e que posiblemente actuaría como elemento de contención desas terras de cultivo do convento dominico (Bartolomé Abraira, R., 2014: 47-53) . Baixo estes niveis de horta, rexistrouse ademais un novo estrato, tamén moi orgánico, no que se abriu a gabia de cimentación do muro de contención, cun conxunto material moi ben definido no s.XVII (destacando unha moeda de 8 maravedís en cobre, de Felipe III, acuñada en Cuenca en 1604. Fig.4.7), o que, por outra banda, serviu para nos dar un termo post quem para o muro e os niveis de índole agrícola, que debemos enmarcar así entre os séculos XVII e XIX, xa que aparecen cortados por unha gran fosa colmatada por un recheo heteroxéneo, pero cuxos materiais máis tardíos nos levan a un momento sempre anterior ao século XX. (Bartolomé Abraira, R., 2014: 54-55) Entre os materiais rescatados destes contextos, atopamos de novo as louzas esmaltadas ocupando un lugar preponderante, destacando varios fragmentos de louzas de Talavera de la Reina e Puente del Arzobispo, así como as olas de bordo de pestana entre a cerámica común e un novo elemento, pouco documentado na arqueoloxía urbana de Lugo ata o momento, pero moi común noutras zonas da comunidade como Pontevedra ou Vigo como é o anaco de cana dunha pipa de caolín con cronoloxía ben definida no s. XVII (Fig.: 4.3). 3.-

MATERIAIS.

 Louza de Talavera de la Reina e Puente del Arzobispo. Cómpre indicar en primeiro termo que dende un tempo a esta parte se foi aceptando a atribución TalaveraPuente para referirse a esta produción, baixo a consideración de que case todas as series de Talavera de la Reina se repiten en Puente del Arzobispo, sendo extremadamente complexo diferencialas e negándose incluso a anterior opinión que considera ás pezas de Puente como unha variante máis ruda e popular (Sánchez Pacheco, T., 1995: 65). Se ben noutras intervencións arqueolóxicas da cidade se ten documentado a presenza de louzas de Talavera-Puente de diferentes series, nas escavacións que nos ocupan tan só se rexistrou a serie tri-

Férvedes, 8 (2015), pp.: 431 - 437

434 A. FOLGUEIRA CASTRO

color (Fig.: 2), produción case omnipresente nos estratos de época moderna da cidade, algo que avala a ampla difusión e boa acollida que tivo esta serie durante un longo período de tempo, sendo a que máis fama lle aportou a Talavera e a que máis imitación sufriu (Castro Lorenzo, M.L., 2009: 146). Cunha cronoloxía aceptada de entre finais do século XVI e o século XVII (Sánchez Pacheco, T., 1995: 67; Bertrán, J.A., et al., 2001: 67) , falamos

de exemplares elaborados nunha pasta de gran calidade, con abundante óxido de estaño que lle imprime unha tinguidura leitosa, estando sempre vidrados no anverso e no reverso. En canto ás formas, na súa maioría recoñécense pratos de diferentes tamaños (Fig.: 2.1-2; 2.4; 2.10), cuncos (Fig.: 2.5; 2.9) e unha pequena taciña (Fig.: 2.3). A decoración está realizada en cor azul, laranxa e morado ou violeta máis escura para o per-

Fig.: 2. Exemplares de Louza de Talavera-Puente da serie tricolor.

Férvedes, 8 (2015), pp.: 431 - 437

435 CONTEXTOS CERÁMICOS DE ÉPOCA MODERNA EN LUGO (SS. XVI-XVIII)

filado do debuxo. Algúns exemplares presentan a orla castelá (roleos e rombos cruzados por aspas) para a ornamentación do bordo de pratos e xerras (Fig.: 2.10), mentres que outros están decorados con orlas de follas partidas ralladas e volutas (Fig.: 2.2), que enmarcan o motivo central que pode variar entre temáticas vexetais (Fig.: 2.3; 2.7-8), zoomorfos (Fig.: 2.4), arquitectónicos ou figuras humanas inspiradas no renacemento italiano (Sánchez Pacheco, T., 1995: 67; Bertrán, J.A., et al., 2001: 67).  Olas de bordo de pestana. Pola súa banda, as olas de bordo de pestana (Fig.: 3) son bastante coñecidas en Galicia, así como noutras partes do continente, definíndose polo seu característico reborde que presenta unha prolongación inferior para dar cun bordo triangular, en forma de T, o que posiblemente permitira a colocación dunha tapadeira na parte interna do bordo, ademais dun perfil sinuoso, corpo globular e base plana, cuns diámetros que no noso caso oscilan entre os 12 e os 22 cm. A pasta adoita ser relativamente fina, con inclusións cuarcíticas e micáceas,

acabados exteriores afinados con maior ou menor esmero e unha estampa compacta que se traduce en fracturas rectas e limpas. A cor adoita ser gris, si ben tamén contamos con algunha mostra de pasta acastañada (Fig.: 3.3) posiblemente de cronoloxía algo máis avanzada se temos en conta que tamén presenta un bordo máis evolucionado, xa que a forma en T irá discorrendo ó longo do tempo cara unha maior aproximación ó corpo (César Vila, M; Bonilla Rodríguez, A., 2003: 305-306). Non contamos con ningún exemplar decorado, aínda que en ocasións poden presentar liñas incisas ou dixitacións. Por outra banda, é tamén habitual atopar concrecións de feluxe e máculas externas producidas pola exposición directa ao lume, o que nos falo do seu emprego como ola de cociña, se ben tamén podería ser empregada como recipiente de almacenaxe. Acéptase, en xeral, unha cronoloxía baixomedieval e moderna, documentándose dende os séculos XIV-XV ata, incluso, o XVIII nas súas versións máis evolucionadas (Bonilla Rodríguez, A., César Vila, M., 2005: 229; César Vila, M., Bonilla Ro-

Fig.: 3. Olas de bordo de pestana.

Férvedes, 8 (2015), pp.: 431 - 437

436 A. FOLGUEIRA CASTRO

Fig.: 4. Outros materiais.

dríguez, A., 2003: 306; Peña Santos, A. de la, 1995: 30-36), polo que sen dúbida falamos dunha das producións máis características dos últimos séculos medievais e en toda a idade Moderna.  Cerámica común de pastas vermellas. Denominación que inclúe unha produción que, como o seu nome indica, está caracterizada pola intensa tonalidade vermella da súa pasta e que, por outra parte, presenta unha fabricación moi depurada, cunha estampa dura e compacta que se traduce en fracturas rectas e vivas. O exterior adoita presentarse engobado, con acabados moi coidados que dan lugar a un lustroso afinado (Fig.: 4.1-2). No apartado formal, téñense documentado xerras, botellas, lebrillos e cuncas (César Vila, M; Bonilla Rodríguez, A., 2003: 325-326), malia que no noso caso tan só podemos falar de dúas xerras recuperadas da intervención da Rúa Nova. As escasas referencias cronolóxicas desta produción lévannos aos séculos XVI e XVII (César Vila, M., Bonilla Rodríguez, A., 2003: 325-326;

Peña Santos, A. de la, 1995: 38).  Pipa de caolín. As pipas de caolín, se ben son relativamente habituais e están amplamente documentadas nos enclaves costeiros tanto de Galicia como do resto da Península, constitúe sen dúbida unha peza anómala dentro dos contextos lucenses de época moderna (Fig.: 4.3). Trátase dun produto de importación, de procedencia anglosaxona ou dos Países Baixos, cunha cronoloxía aceptada para o século XVII e primeira metade do XVIII (Beltrán de Heredia Bercero, J., Miró Alaix, N., 2008). A materia prima é o caolín, unha arxila de cor branca, composta exclusivamente por caonilita, moi plástica e altamente refractaria, o que a converte nun material idóneo para a fabricación deste tipo de obxectos (Beltrán de Heredia Bercero, J., Miró Alaix, N., 2008: 142-143). Se ben unha pipa conta con tres partes fundamentais, isto é, a cazoleta (onde se estamparía a marca do fabricante), a cana e a boquilla, no noso

Férvedes, 8 (2015), pp.: 431 - 437

437 CONTEXTOS CERÁMICOS DE ÉPOCA MODERNA EN LUGO (SS. XVI-XVIII)

caso tan só podemos falar do anaco dunha cana, coa particularidade de presentar un pequeno motivo decorativo en forma de espiral rotelada que, probablemente, daría paso á boquilla. 4.-

CONCLUSIÓNS.

Tralo exposto, evidénciase o carácter deste traballo como un mero punto de partida, unha pequena achega a un mundo moito máis amplo que precisa da publicación de máis traballos para unha correcta identificación e delimitación cronolóxica de moitas outras pezas que, xunto a este “paquete” básico, aparecen nas intervencións da cidade. É o caso da gran variedade de louzas esmaltadas, boa parte delas decoradas en tonalidades azul cobalto, pero tamén verdes, amarelos, ocres... con motivos case sempre xeométricos, e que semellan ser representantes de diferentes producións que, en moitos casos, deberán ser adscritas ao período aquí 5.-

referido. Outro tanto acontece coa cerámica común e coas coñecidas como cerámicas populares, amplamente representadas en Lugo para a época Contemporánea coa olaría de Bonxe, cunha difusa delimitación temporal en canto á súa orixe pero cunhas características formais que sinalan cara unha continuidade dende os tipos baixomedievais e modernos. Tamén dentro dos achados máis esporádicos poderiamos incluír outro tipo de cerámicas, como por exemplo as anforetas de indias, que non son descoñecidas do rexistro arqueolóxico lucense. E todo elo sen esquecer a relevancia doutros materiais como moedas, vidros... que contribúan a completar e comprender os compoñentes da cultura material dunha época que, curiosamente, en moitos aspectos se atopa en Lugo peor definida que a romana, pese a mediar mil cincocentos anos entre ambas.

BIBLIOGRAFÍA.

BARTOLOMÉ ABRAIRA, R. 2007 Escavación arqueolóxica en área no inmoble nº 8 da praza do Campo, Lugo. Informe valorativo depositado na Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. 2014 Excavación arqueológica en área con relación al proyecto de adecuación exterior, ecoespacio y oficina en la Plaza de Abastos municpal de Lugo. Informe-Memoria técnica depositada na Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. BELTRÁN DE HEREDIA BERCERO, J., MIRÓ ALAIX, N. 2008 Les pipes de caolí del segle XVII trobades al jaciment de L’Antic Mercat del Born a Barcelona: importacions ingleses i holandeses, Quaderns d’Arqueología i História de la Ciutat de Barcelona, 4, pp.: 138-157. Barcelona. BERTRÁN, J.A., CASANOVAS, M.A., MAÑUECO, C., PLEGUEZUELO, A., SESEÑA, N. 2001 Cerámica de Talavera de la Reina y Puente del Arzobispo en la colección Bertrán y Musitu. Juan Antonio Bertrán. BONILLA RODRÍGUEZ, A., CÉSAR VILA, M. 2005 Excavación arqueológica en área en el solar de la antigua capilla y lazareto medieval de S. Lázaro (Santiago de Compostela, A Coruña). Gallaecia, 24, pp.: 219-242. Santiago de Compostela. CASTRO LORENZO, M.L. 2009 La vajilla de lujo en Santiago de Compostela en los

Recibido: Aceptado:

siglos XVI y XVII: aportaciones de la arqueología. Pontevedra, 22, pp.: 123-158. Deputación de Pontevedra. CESAR VILA, M., BONILLA RODRÍGUEZ, A. 2003 Estudio de los materiales cerámicos del “Castelo da Lúa” (Rianxo, A Coruña), Gallaecia, 22, pp. 297367. Santiago de Compostela. PEÑA SANTOS, A. de la, 1995 La excavación de 1988 en el Puente del Burgo (Pontevedra). Crónica de una frustración, Pontevedra, 11, pp.: 21-63. SÁNCHEZ-PACHECO, T. 1995 Museo de Cerámica. Guía. Ajuntament de Barcelona. SANTAMARÍA GÁMEZ, G. 2008 Control arqueológico de las obras de rehabilitación del edificio nº 5 en Rúa Nova, Lugo. Memoria técnica depositada na Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. SANTAMARÍA GÁMEZ, G., BARTOLOMÉ ABRAIRA, R., ALCORTA IRASTORZA, E. 2011 Contribución ao coñecemento do armazón urbanístico de Lucus Augusti: descubrimento dun novo Cardo Minor durante as obras de rehabilitación do edificio nº 5 da Rúa Nova de Lugo. Croa, 21, pp.: 20-46.

15/06/2015 01/07/2015

Férvedes, 8 (2015), pp.: 431 - 437

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.