Democracia Urbana. Complexidade, técnica e código. Achegas a unha apertura democrática da máquina urbana

Share Embed


Descrição do Produto

Democracia urbana. Complexidade, técnica e código. Achegas a unha apertura democrática da máquina urbana Carlos Diz Henrique Lijó Setembro de 2015 Todo feito ten un lugar. Tempo e espazo son as dúas dimensións imprescindíbeis para calquera tipo de feito social, e ambas dimensións condicionan enormemente as posibilidades de acción. “Tempo” e “espazo” son, a súa vez, as dúas principais categorías que se vén afectadas e coas que se ten pensado a globalización (ou máis ben, os seus procesos e os seus efectos, múltiples e variantes). Así, a “globalización” tense pensado fundamentalmente, nos seus procesos de desprazamento e aceleración, nos seus ritmos de intensificación, coma un novo réxime de produción de tempo e de espazo. A globalización, polo tanto, implica groso modo unha reorganización e un reordenamento espazo- temporal (Inda e Rosaldo, 2002; Sassen, 2001). Reorganización e reordenamento que ben poden chegar pola vía da celeridade (speeding it up) que carrexa procesos de “compresión” (Harvey, 2008a), axustados a un encollemento do planeta e ao seu efecto sobre as distancias, ou ben pola vía da extensión (stretching it out) que carrexa procesos de distanciamento ou “desancoraxe” (Giddens, 1993). En calquera caso, e sabendo que nos numerosos procesos de ritualización, na meirande parte das veces, o espazo se temporaliza e o tempo se espacializa (Velasco, 1992), cabe interpretar ambas categorías -ao falar da cidade contemporánea- a través das súas profundas imbricacións e interrelacións. *** Nos planeamentos das cidades funcionais ideadas por Le Corbusier e postas en marcha a partir da década dos 40 do pasado século podemos observar a incidencia que o lugar ten sobre o comportamento social, e a estreita conexión entre lugar e feito. Trátanse de contornas urbanas que obedecen a un criterio da eficacia inspirado na produción industrial da época; a división, especialización e homoxeneización dos espazos urbanos teñen tal impacto no noso cotiá, que hoxe, os/as habitantes das cidades non podemos pisar un centímetro de terreo que non fose planeado, deseñado e organizado por un innumerábel conxunto de sistemas expertos. A cidade pode ser concibida hoxe coma unha grande máquina, tal e coma nos advertía Lewis Mumford (2012) en La ciudad en la historia, unha sucesión de artefactos viarios, residenciais, suministrativos e administrativos que responden a esa idea de funcionalidade previa.

As migracións das décadas posteriores contribuíron a un engorde das cidades que rematou por convertelas en metrópoles, inmensas demandantes de materiais e enerxías. Esta dilapidación de recursos, sen dúbida pode ser tida en conta coma a maior crítica ao modelo de cidade funcional. Pero xunto a esta, apercibímonos do afogamento das relacións de veciñanza, ou polo menos da súa paulatina mutación; configurándose cada vez máis relacións de “veciñanza fría”, distante, gobernada polo paradigma neoliberal da individualidade e da inseguridade social (Wacquant, 2010), e polo imperativo urbanístico do distanciamento. A redución da rúa e a praza a espazo de tránsito, converténdoos nun lugar de paso e non de permanencia, nun derivado do movemento (Sennett, 1978), e institucionalizando unha sorte de “privación sensorial do espazo” (Sennett, 1997), reduce as interrelacións persoais e os lazos de familiaridade, recluíndo estes en determinados espazos pechados (o fogar privado, por exemplo). Do mesmo modo, a expansión da cidade, a complexidade da contorna urbana, o urbanismo expansivo iniciado con Robert Moses na década dos 50 nos EE.UU –e os conseguintes procesos de motorización e suburbanización–, a desconexión entre ambientes distantes coma o traballo, a escola, os amigos e o fogar, o aumento das distancias e a duración dos desprazamentos, a extensión das dinámicas de privatización (Davis, 2001; Kohn, 2004), exclusión e segregación urbana (Low, 2003, 2009), securitización e fortificación (Caldeira, 2007; Davis, 2003), etc., xeran a impersonalidade do lugar, converten a cidade nese espazo de tránsito que divide lugares de relación humana. Para o antropólogo Marc Augé (2008) podemos entender a cidade coma un conxunto de non-lugares, é dicir, de espazos exentos de relación, de historia e acontecemento, se ben non toda a cidade está feita de ‘non lugares’: o barrio, por exemplo, é para moitas persoas (e dende logo no discurso activista) a antítese do ‘non-lugar’. A frialdade coa que os individuos conviven na contorna urbana provoca o que A. Toffler (1984) deu en chamar abafo psicolóxico, fronte ao que a estratexia de resiliencia máis usual é a substitución do mundo percibido polo mundo da imaxe, elaborado coa finalidade de servir de “vía de escape” para o/a cidadá/n moderno/a. Esta hipótese ten concedido, por exemplo, un interesante soporte a autores coma Baudrillard (1993), quen desenvolveu a súas teses sobre a hiperrealidade e o simulacro. Olalquiaga vai incluso máis alá, e afirma: “A historia vese desprazada pola xeografía, as historias polos mapas e as memorias polos escenarios, de tal xeito que nós mesmos pasamos a percibirnos non como continuidade senón como ubicación, ou mellor, como desubicación constante; velaí a “psicastenia”, que ten que ver cunha certa sensación de desorientación, coa perturbación contemporánea na relación entre o ser humano e o territorio circundante” (Olalquiaga, 1993:93)

Por outra banda, na cidade media tamén unha certa relación de anonimato que provoca no comportamento social unha relaxación das normas ligadas ao status-rol, feito que moitos habitantes interpretan baixo unha dupla sensación de liberdade por un lado e de inseguridade por outro. Da mesma forma, podemos observar mecanismos sociais de defensa ante as agresións da cidade no nacemento das subculturas e contraculturas urbanas (Maffesoli, 1990), que axudan a recoñecer e etiquetar ao individuo anónimo, e á reivindicación do espazo urbano como propio. Caso moi sintomático desta apreciación é a creación de barrios ghetto, pero tamén os sentimentos de pertenza a un determinado distrito, rúa, praza, parque, colexio... Non é de estrañar que as cidades fosen (e sexan) tamén laboratorios de novas formulacións políticas adaptadas ao substrato social e cultural propio da urbanidade que temos descrito até agora. Desde os ambientes de activismo social, esta saciedade do ambiente urbano, unida á insatisfacción con modelos organizativos demasiado ríxidos, deu lugar a innovacións que se materializaron nunha multiplicidade de redes autónomas. O valor dos coñecidos como Centros Sociais, espazos socioculturais, okupas, cooperativas, espazos autónomos... residía (e reside) na posibilidade de poñer en andaina unha cultura política máis participativa. A xestión colectiva e horizontal destes espazos, que se iniciou no Reino de España polo menos a finais da década dos 70 (VV.AA., 2008; VV.AA., 2008a), ofrece á veciñanza a corresponsabilidade dun lugar público, repersonalizando o espazo, resignificándoo, revivíndoo e facéndoo obra común. Á vez ensáianse modelos de organización abertos e plurais, “horizontais”, isto é, sen aparentes restricións de carácter ideolóxico, social ou cultural. Observamos nesta altura a primeira fase dun proceso de democratización da cidade cuxo inicio susténtase na reinvención das relacións urbanas desde valores como a autonomía, a autoxestión, a cooperación, a proximidade, a igualdade, a participación... Sen embargo, por razóns múltiples e complexas, e a pesar dos concorridos e exitosos ciclos de mobilización de comezos do milenio (L.O.U., Prestige, Non á guerra, etc.), os espazos autónomos por si mesmos non foron quen de aglutinar unha maioría social suficiente para mudar a dureza da realidade urbana. Habería que agardar á gran desafección política xurdida pola crise do sistema financeiro en 2008 e ao estoupido da burbulla inmobiliaria para que os consensos sociais sobre os que se asenta o actual establishment urbano comezasen a quebrar, ao tempo que se discutía, no caso do Reino de España, o consenso imperante e mitoloxizado perante décadas, herdeiro da Transición. ***

Nos nosos días, as demandas dunha radicalización democrática no sur de Europa enchen as rúas do estado español desde o 15 de Maio de 2011. Este momento de apertura de horizontes ten potencia suficiente como para canalizar e converter en protesta o descontento coa política profesional, os baixos salarios, a corrupción e a carencia de transparencia e democracia na xestión do público. As acampadas que se sucederon ao longo da xeografía estatal tiveron o seu punto álxido nas grandes cidades, e radicaron discursivamente nun “cambio heterónimo” (Yurchak, 2003), isto é, un cambio consistente en manter a forma (o significante: democracia) e mudar o significado. Unha reinvención do significado da democracia que enchoupaba as prazas pero tamén tódolos lugares do político (do cotiá), e que dende logo procuraba limpar a casa das institucións dun aire viciado que xa só gardaba o significante (democracia) pero non o significado “real”. Sen embargo tamén é certo que a dimensión do lugar desde o que se dá este cambio heterónimo dótao dunha certa noción de “desprazamento” do valor significativo da palabra democracia, desde as institucións até os centros das prazas ocupadas polos/as indignados/as. Este outro modelo de organización, que pugnaba nese momento por ocupar o significado da palabra democracia, nacía da organización espontánea e horizontal de milleiros de persoas anónimas, que rompían por vez primeira a tonalidade monocorde do bipartidismo, envolvendo ao conxunto da sociedade nunha experiencia convivencial de organización política. Con unha breve distancia temporal podemos concluír que o que estabamos a vivir naquel instante era un verdadeiro combate de significados, no que participaba por primeira vez unha xeración que herdara de seus pais e nais a derrota simbólica dos anos 80. Vimos, nos anos posteriores ao 2011, como o 15M se reconvertía e fragmentaba en loitas sectoriais, as chamadas “mareas”. A sanidade, a educación, os despexos... foron motivos de protesta diaria nos anos 2012, 2013 e 2014. Este ciclo evidencia a construción dun suxeito social (amplo, heteroxéneo, confuso) que comezou nas prazas no 2011, e cuxa evolución levoulle a reivindicar unha participación máis activa na xestión publica dos recursos, tamén pola vía institucional. Se no ano 2011 un dos berros imperantes era “non nos representan”, nos anos posteriores a deslexitimación centrouse na crítica aos plans de recorte do gasto público impostos pola Unión Europea (“austericidio”), e ao proceso de privatización de sectores estratéxicos, como por exemplo a sanidade. Foi este o momento en que o empoderamento dos/as indignados/as chegou a ser de tal magnitude que se reapropiou discursivamente daquelas institucións públicas indispensábeis para

reproducir a vida das maiorías sociais, é dicir; por medio da protesta e a esixencia de políticas públicas a favor das maiorías sociais, estas estaban a reapropiarse de ditas institucións, pensadas agora coma ferramentas e servizos supeditados as súas necesidades, deslexitimando ás elites políticas no seu proceso de laminación, recentralización (no caso da educación) e privatización. Nestes 4 anos a reclamación dunha radicalización da democracia foi tomando corpo sobre o presuposto da necesaria participación cidadá (a reclama, polo tanto, da democracia participativa, “directa”, “real”, etc.). Pero pensar nunha democracia radical, cotiá, pasa tamén por comprender o territorio no que esta se pretende levar a cabo, sobre todo se o que se pretende é dotar á poboación de mecanismos que realmente lle permitan decidir sobre os aspectos ligados ao entorno que habita, a súa organización, á distribución dos recursos etc. As iniciativas municipalistas que lograron facerse cos gobernos municipais a partir do 2015 de cidades tan importantes como A Coruña, Santiago de Compostela, Barcelona, Zaragoza, Cádiz, Madrid, etc.,... beben da evolución política das alternativas urbanas á xestión do público que temos expresado máis arriba. Se ben a cidade é sempre un espazo herdado, tanto na súa compoñente física como nos seus órganos e dinámicas administrativas. Desde o combate de significados aberto polo 15M e a experiencia da contracultura urbana, é desde onde podemos comprender as propostas municipalistas. A tensión entre democracia indignada e democracia formal serviu de vento de popa para o nacemento das candidaturas de unidade popular, que agora se enfrontan a retos moito máis complexos. É preciso destacar a realidade dun territorio urbano hoxe atravesado por multitude de dispositivos de xestión institucional, cuxas lóxicas, códigos de linguaxe e ritmos son completamente diverxentes ás dos experimentos de xestión comunitaria que se puxeran en práctica nos espazos autónomos nos seus procesos de toma de decisión, necesariamente máis lenta, pero tamén máis plural e democrática. A chave reside en ser capaces de xestionar os recursos e as institucións (públicas? comúns?) de forma eficiente, rápida e operativa, e á vez permeabilizar esa xestión a un goberno participado no que cada cidadán/á teña oportunidade de coñecer e decidir, sabendo que este é un obxectivo a longo prazo, e que pasarán anos até que chegue a insinuarse un cumprimento total. Descubrir a dimensión loxística do poder, tal e como nos advirte Curzio Malaparte (2009) ao escribir Técnicas do Golpe de Estado, e tal e como nos recorda o Comité Invisíbel no texto de “A nuestros amigos” levando a súa análise ao presente, onde as relacións que as diversas institucións da Administración Pública constrúen de cara á cidadanía, supoñen en si mesmas formas de hexemonía

que contan con certa independencia dos ámbitos políticos de toma de decisión (Comité Invisible, 2015). A cidade como territorio complexo. ...Por lo tanto la complejidad es un objeto que emerge en los sistemas con elementos interdependientes con innúmeras posibilidades de interconexión, tales sistemas intentan relacionarse de manera congruente con su entorno.(Brandão, 2008) As cidades, como hábitat, xorden como contedores de diversidade. Como espazos dotados dunha pluralidade de percepcións espaciais, temporais, de relacións simbólicas diverxentes, densidades e intereses diversos. Os diferentes entornos que hoxe entendemos como parte da cidade son o mellor exemplo desta complexidade acompañada das súas lóxicas de continxencia. Como correlato, as institucións xorden como lugar de goberno (sistemas), e a súa función principal é simplificar e reducir a complexidade na que a vida urbana se ve inmersa, é dicir: nunha contorna urbana que non está atada a unha única lóxica que a regule, os sistemas de governanza pretenden asegurar, prever, anticiparse... á emerxencia. O paradóxico deste asunto é que esta non-liñalidade, ou simplemente complexidade na que a cidade se ve inmersa, tan só pode resolverse engadindo unha nova complexidade, a complexidade das institucións de gobernos, cargadas de normativas burocráticas e códigos técnicos (de formalización e de burocratización, na liña weberiana), tal e como adiantaba Julien Steward na súa famosa Hipótese Hidráulica (Martínez-Veiga, 2010). O que nos interesa deste apartado é que nos serve de punto de ancoraxe para explicar o nacemento de institucións que median entre cidadanía e territorio, ou entre cidadanía e asuntos públicos, tentando levar ao cabo unha valoración dos riscos (tal como teoriza Luhman). Advertimos no funcionamento destas institucións unha desconexión coa “cidadanía” á que “serven”, pois a súa función de predición sitúa á cidadanía como parte desa natureza á que, en lugar de interlocutar e considerar coma un suxeito activo, se pretende prever e controlar. Dito doutra forma: este enfoque peca de funcionalista, no sentido en que non contempla a contradición entre unha masa desorganizada e unha elite organizada que conforma todo un aparello institucional e loxístico. Máis abaixo exploraremos este divorcio entre técnica e democracia. Técnica

Se consideramos válida a hipótese de Steward, podemos considerar tamén que a complexidade é o produto final de calquera relación que o humano elabora sobre a natureza, é dicir: calquera forma de traballo ten como consecuencia un determinado grao de complexidade. En termos de Marx, isto poderiámolo observar como a constatación práctica dunha determinada “Tejné”; isto é, dunha técnica, ou como se traduciría desde o grego clásico unha “arte de facer”. Son os coñecementos prácticos, que compoñen as nosas tejnés, o que nos permite desenvolver tarefas de reprodución da vida. A tejné, ante todo, é un coñecemento que posibilita a reprodución á vez que constrinxe as posibilidades da mesma. Atopamos neste concepto de Marx unha transversalización da dicotomía infraestrutura/superestrutura posto que, en certo modo, forma parte ambos espazos, e evidencia que detrás de todo produto, de todo traballo, de cada pegada do humano sobre a natureza, hai ideoloxía. É de abondo con mirar pola xanela máis próxima para decatarnos de que a técnica tense convertido en algo máis que unha mera forma de reprodución da vida. A técnica coa que vivimos, e coa que evolucionamos culturalmente, modifica o entorno físico que habitamos. Os resultados destas modificacións do entorno son moi diversas, pero todas as culturas que sustenta o planeta modifican o seu entorno natural segundo as súas propias pautas culturais e obtendo como resultado o seu hábitat. A diferenza que podemos trazar entre estes hábitats que desenvolven todas as culturas do mundo e o noso cotián espazo urbano non responde a unha cuestión física do entorno modificado, senón a unha forma de habitar o territorio. Nas contornas urbanas dáse unha forma de habitabilidade tecnificada. O lector máis atento achará esta última frase redundante, pero sérvenos para ofrecer unha noción de diferenza de grao no que a tecnificación do territorio se trata. Reiteramos que todos os territorios habitados son, por antonomasia, territorios tecnificados, é dicir, resultado dos esforzos que os humanos depositaron sobre o entorno físico e os recursos naturais. Podemos tentar interpretar esta última idea por medio do continuum folk-urbano de Redfield, de forma que non existiría un entorno humano que non fose tecno-habitado, senón toda unha serie de graos de tecno-habitación do territorio, en base a dualidades como a gemeinschaft/gesellchaft

(Tönnies, 1984) ou a confianza interpersoal/confianza sistémica

(Simmel, 2002). Conforme a estes dous autores, podemos elaborar uns criterios de grao que categoricen a tecno-habitación do territorio, a estilo do continuum folk-urbano. Por unha banda, parece clara a ligazón entre valores individualistas e contornas urbanas,

froito desa despersonalización do espazo urbano que mencionamos máis arriba. Con respecto a isto, Tönnies abordou toda unha análise do impacto da industrialización na sociedade europea do S. XIX. Observaba como aqueles grupos de persoas moralmente uniformes nos que valores como a familia e o deber murchaban fronte ao interese persoal cando as familias migraban por motivos laborais desde os seus hábitats rurais aos amplos complexos industriais que estaban a nacer por todo o continente. Pero máis revelador aínda é o enfoque de Simmel, quen se centrou na cuestión da confianza. Para este autor existía unha divisoria entre a confianza interpersoal que facilitaba a reprodución da vida nos ámbitos rurais, e a confianza sistémica que observaba nas urbes da súa época, alí onde a vida se baseaba nun crecemento progresivo da vida nerviosa (2002a). Para Simmel os habitantes das cidades debían confiar en que toda unha serie de mecanismos independentes da súa vontade e con quen non tiñan relación directa asegurasen a chegada de alimentos, o saneamento da auga, a construción das vivendas... nada que ver coa confianza interpersoal observada nas aldeas, onde os criterios de confianza dependían do coñecemento directo e das interrelacións persoais. Simmel sérvenos de punto de partida para abordar a función actual dos coñecidos como “sistemas expertos”. Pero desde estas páxinas vamos a facelo abordar o texto de Giddens (1993), Consecuencias de la modernidad, desde unha mirada decolonial. O que se pretende enunciar aquí é unha ruptura na reprodución da tejné, ou mellor dito, na reprodución do coñecemento que fai posíbel a intervención no espazo público. Esta ruptura sustenta o divorcio entre masa e institución, desautorizando ao primeiro suxeito. Código Prever o risco, simplificar a complexidade, reaccionar ante a continxencia... estas son algunhas das funcións aos que os sistemas expertos están destinados. Tomaremos de Giddens a súa definición de “sistemas expertos”: “Sistemas de logros técnicos ou de experiencia profesional que organizan grandes áreas do entorno material e social no que vivimos” (1993:37) Referímonos a todo un conxunto de corpos de especialistas (técnicos, expertos...) na xestión dos recursos públicos que fan de ponte entre a elite política, a cidadanía e calquera ámbito de administración. O que Giddens quere facernos ver é que a racionalización da institución implica a incorporación de toda unha serie de corpos de persoas posuidoras dun coñecemento abstracto. Abstracto en tanto que este se adapta a un contexto científico que trata de ser válido para o maior número de casos posíbeis, eludindo as singularidades de cada caso, e traballando unicamente sobre

aquilo autovalorado como medíbel, cuantificábel, salientábel... sobre estes corpos expertos recae a confianza da eficiencia de infraestruturas urbanas, pero tamén de plans de habitabilidade, acollida, salubridade, comunicación, urbanismo... Tal é a presenza destes corpos de persoas, que a día de hoxe sería difícil habitar un espazo urbano sen depositar grandes doses de confianza nestes sistemas expertos. Quen podería subir nun ascensor sen confiar en que este non se vai desprender do seu soporte e precipitarse ao baleiro? Quen podería conducir un automóbil sen confiar no sistema de semáforos e sinais? Quen podería comprar un alimento nun supermercado sen confiar en que os expertos sanitarios corroboran que non lle vai facer enfermar? Pero esta confianza non é persoal, senón sempre sistémica. No que se confía é en toda unha construción técnico-científica completamente despersonalizada. Confíase, polo tanto, no relato da tecnificación e do progreso. Esta lóxica inundou a institucionalidade da modernidade até o punto de facer da decisión política unha cuestión maquínica, exenta de debate, e que se deu en chamar postpolítica. Sen embargo, esta construción da coñecida como post-política ten un contexto determinado no período inmediatamente posterior á Guerra Fría. Un momento na historia onde se formulan os consensos que fulminan as tensións entre clases, deixando lugar a un positivismo radical expresado na frase “a fin da historia” (Fukuyama, 1992), e que sustenta toda unha concepción funcionalista da xestión pública, agochando amais todas as outras historias, todos os outros relatos.. Sobre esta presunción de inocencia da xestión social fundouse a adaptación das mentes aos códigos das institucións, feito que podemos considerar o mellor exemplo do peche da máquina urbana ás posibilidades de intervención por axentes externos ao seu código. O logro en termos de xestión de territorio nestes últimos anos foi conseguir xerarquizar as diferentes tejnés e canalizar esta adaptación das mentes por medio dun código abstracto e profesionalizado, afastando ao conxunto da masa da xestión do espazo e dos recursos, á vez que o propio código experto encárgase de impedir unha interpretación certeira ao común da poboación. Esta xerarquización dos coñecementos alimenta a ruptura entre a masa e unhas institucións urbanas que hoxe teñen a chave da xestión. A democratización da cidade implica unha apertura destas institucións, pero tamén unha labor de tradución dos códigos baixo os que hoxe se xestionan os espazos urbanos e os seus recursos. Hoxe non abonda con unha xanela de atención cidadá, pois esta procura unicamente a repersonalización da relación entre institución e habitante, pero en ningún caso supón unha apertura cara a organización da cidade (Díaz de Rada, Velasco, Cruces. 2006). Demanda, esta última, que está na orixe da experimentación política coa cidade e que se nega a ser insatisfeita por máis tempo.

Bibliografía Augé, M. (2008). Los no lugares, espacios del anonimato: una antropología de la Sobremodernidad. Barcelona: Crítica. Baudrillard, J. (1993). Cultura y simulacro. Barcelona: Kairós. Brandão, G (2008). Luhman y la complejidad: una introducción transdisciplinar. Chile: Rev. Mad nº19 Caldeira, T. (2007). Ciudad de muros. Barcelona: Gedisa. Comité Invisible (2015). A nuestros amigos. Pepitas de Calabaza Davis, M. (2001). Más allá de Blade Runner. Control urbano: la ecología del miedo. Barcelona: Virus. (2003). Ciudad de cuarzo. Madrid: Lengua de Trapo. Díaz de Rada, A. Velasco, H. Cruces, F. (2006) La sonrisa de la institución: Confianza y riesgo en los sistemas expertos. Centro de Estudios Ramón Areces Fukuyama, F. (1992). El fin de la historia y el último hombre. Barcelona: Planeta. Giddens, A. (1993). Consecuencias de la modernidad. Madrid: Alianza. Kohn, M. (2004). Brave New Neighbourhoods. The Privatization of Public Space. New York: Routledge. Low, S. (2003). The Edge and the Center: Gated Communities and the Discourse of Urban Fear. En Low, S. y Lawrence-Zuniga, D. (eds.) The Anthropology of Space and Place. Locating Culture. Oxford: Blackwell. (2009). Cerrando y reabriendo el espacio público en la ciudad latinoamericana. Cuadernos de Antropología Social, 30, 17-38. Maffesoli, M. (1990). El tiempo de las tribus. Barcelona: Icaria. Malaparte, C. (2009). Técnicas del Golpe de Estado. Cómo los dictadores alcanzan el poder. Planeta Martínez Veiga, U (2010) Historia de la Antropología, Formaciones socio-económicas y praxis antropológicas, Teorías e ideologías. Centro de Estudios Ramón Areces Mumford, L. (2012). La ciudad en la historia. Sus orígenes, transformaciones y perspectivas.

Logroño: Pepitas de calabaza. Olalquiaga, C. (1993). Megalópolis. Caracas: Monte Ávila Editores. Sennett, R. (1978). El declive del hombre público. Barcelona: Península. (1997). Carne y piedra. El cuerpo y la ciudad en la civilización occidental. Madrid: Alianza. Simmel, G. (2002). Cuestiones fundamentales de sociología. Barcelona: Gedisa. (2002a). La metrópolis y la vida mental. En Sobre la individualidad y las formas sociales. Escritos escogidos. Buenos Aires: Universidad de Quilmes. Tönnies, F. (1984). De la comunidad a la sociedad. En Etzioni, A. y Etzioni, E. (coords.) Los cambios sociales. México: Fondo de Cultura Económica. VV.AA. (2008). Autonomía y metrópolis. Del movimiento Okupa a los centros sociales de segunda generación. Málaga: CEDMA. VV.AA. (2008a). Luchas autónomas en los años setenta. Del antagonismo obrero al malestar social. Madrid: Traficantes de Sueños. Wacquant, L. (2010). Castigar a los pobres. El gobierno neoliberal de la inseguridad social. Barcelona: Gedisa. Yurchak, A. (2003). Soviet Hegemony of Form. Everything was Forever Until It Was No More. Comparative Studies in Society and History, 45, 480-510.

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.