Lingua, cultura e identidade

June 29, 2017 | Autor: Facundo Muniain | Categoria: Data Mining, Galician Studies, Sociolinguistics, Argentina, Diaspora Studies
Share Embed


Descrição do Produto

 

Lingua, cultura e identidade Estratexias de aculturalización e reculturalización na colectividade galega de Buenos Aires FAC U N D O R E Y N A M U N I A I N

O



fenómeno de perda progresiva da identidade e da lingua de orixe cara á adopción da variedade lingüística e cultural do país de acollida está longamente apuntada nos estudos sociolingüísticos e etnográficos sobre as comunidades de inmigrantes en América (Fishman 1964 e 1965, Haugen 1950 e 1956, entre outros) e inscríbese no proceso de homoxeneización da poboación en marcos nacionais monoculturais e monolingües propios dos Estados nación modernos (Monteagudo 2013). No caso da Arxentina, a preocupación pola arxentinización e asimilación da poboación non criolla (tanto emigrantes europeos como membros dos pobos orixinarios sobreviventes á conquista española, en primeiro lugar, e ao proceso de organización nacional, en segundo lugar) foi un presuposto fundamental das políticas públicas levadas adiante polo goberno nacional. Xa as investigacións dirixidas por Fontanella de Weinberg (1991) sobre as linguas dos emigrantes daban conta dos procesos de mantemento e perda da lingua orixinaria nas comunidades galesa, alemá e italiana, atendendo ás diferenzas entre as distintas xeracións de cada comunidade, a competencia lingüística e o grao de identificación dos membros. Estudos realizados no marco da Migrationslinguistik por Eva Guggenberger (2001) deron conta do proceso de asimilación e aculturación dos emigrantes galegos en Buenos Aires. Nos últimos anos, as dinámicas da sociedade arxentina e o momento histórico das comunidades inmigrantes no país austral presentan un cadro de particular interese. Como xa anticiparon as xa mencionadas investigacións desenvolvidas ao longo das últimas décadas, as primeiras xera-

cións de emigrantes están case desaparecidas e a transmisión interxeracional foi moi baixa. As previsións da maior parte dos estudos sociolingüísticos contemplaban a desaparición das linguas e, por tanto, da diversidade lingüística no país como conclusión inevitable do proceso. Na actualidade teriamos que ser testemuñas do triunfo total do plan de homoxeneización cultural e lingüística da sociedade do país austral. Malia todo, nos últimos vinte anos está a darse un rexurdimento das identidades alternativas á nacional arxentina. Moitas veces estas identidades son compatibles coa nacional, mais sempre teñen un valor diferencial e distintivo. As razóns parecen estar ligadas a diferentes factores, como a globalización e o medo a quedar sen referencias identitarias fortes ou as mecánicas transnacionais que permiten constituír unha identidade múltiple, pero especificamente no caso das linguas minoritarias na Arxentina podería ter grande importancia o feito da desaparición física dos últimos falantes nativos das linguas. E relacionado con este último factor, a compoñente emocional e afectiva parece ter un peso substancial nas motivacións persoais dos informantes que participaron no traballo de campo sobre esta cuestión, de corte etnográfico, que realizamos para o proxecto de investigación que estamos a desenvolver. Consideramos importante revisar a cuestión das segundas, terceiras e mesmo cuartas xeracións de descendentes de galegos en Buenos Aires e prestar unha atención especial ao papel das prácticas sociais da mocidade na comunidade galega na Arxentina como novas modalidades de recuperación e mantemento da lingua e cultura ancestral, con vistas a construír unha iden-

 

BUENOS

tidade multicultural. Estes arxentinos iniciaron un proceso de restauración dunha identidade (case) perdida mediante a recreación de diferentes prácticas culturais dos seus antepasados, como a música tradicional, danzas, deportes ou a propia lingua. Deste xeito, os descendentes dos inmigrantes galegos practican unha serie de actividades para identificárense como membros da comunidade galega na Arxentina. Cómpre salientar que algo semellante ocorre con outras comunidades, como a vasca, a británica ou a irlandesa, nas que os membros novos reforzan a súa pertenza á comunidade participando en actividades como danzas tradicionais (Dantzari Taldeak dos vascoarxentinos) ou deportes tradicionais (Hurling Club dos irlandoarxentinos en Hurlingham), ou como a comunidade galesa na Patagonia, que cultiva especialmente a lingua empregándoa en actividades e festivais corais (Eisteddfod en Chubut).

AIRES

GALICIA

Facundo Reyna Muniain é investigador do equipo de Sociolingüística galega do Instituto da Lingua Galega da USC, no que desenvolveu a súa investigación sobre a migración e diáspora galega en América. Actualmente é docente investigador no Seminario de Romanística da Universidade Christian Albrecht de Kiel, Alemaña.

Repertorio de identidades e rede de falantes Na actualidade, a comunidade galega de Buenos Aires presenta, sobre todo nas novas xeracións, un perfil multicultural nun contexto de superdiversidade (Vertovec 2007, Blommaert & Rampton 2011). Para entender iso, cómpre ter en conta a constitución multicultural da sociedade arxentina e da poboación porteña en particular, que sen dúbida cumpre as propiedades dunha cidade global (Sassen 1991). A comunidade galega, como xa foi sinalado, pasou por un proceso de asimilación cultural e lingüística perdendo progresivamente o seu peso cuantitativo, homoxeneidade e singularidade. Mais unha parte das segundas e terceiras xeracións de descendentes de galegos nos últimos anos están a tentar un proceso de recuperación da identidade cultural e lingüística. Deste xeito, pódese observar un novo perfil lingüístico, social e cultural dos falantes, que en moitos casos tamén se volven activistas do galego. Estes novos falantes adoitan ter acceso á

Actividade do colectivo “Herbas de prata”



 



educación universitaria e unha boa competencia noutras linguas. Nese contexto é no que os galegoarxentinos constitúen un repertorio lingüístico amplo e diversificado (Gumperz & Hymes 1972) no que, en diferentes graos e por distintas motivacións, xunto coa variedade lingüística rioplatense do castelán falado en Buenos Aires, tamén se conta o galego, pero tamén na maioría dos casos o inglés, o portugués e o francés. Deste xeito, para os descendentes inmediatos dos inmigrantes, o campo referencial da identidade amplíase “ya que a aquellos referentes transmitidos por los padres en el ámbito del hogar, se agregan los que la sociedad receptora reivindica como propios” (Barrios 2008). Neste repertorio temos que distinguir entre a lingua materna ou inicial e a lingua étnica ou heritage language, sendo a primeira a lingua de socialización primaria do neno, adquirida no fogar familiar, que pode coincidir ou non coa segunda (Fishman 1964). Como indican algúns estudos sobre emigrantes europeos en Montevideo, no proceso de asimilación moitas veces as novas xeracións xa teñen como lingua inicial a propia da sociedade de acollida, pero as institucións educativas da comunidade de orixe apoian o ensino da lingua étnica por entenderen que esta revitaliza a identidade e a etnicidade nas xeracións novas (Barrios 2007-Mazzolini 1988). No caso das familias mixtas, as delimitacións étnicas dilúense ou ben constitúese un sistema de dobre identidade mediante “el cual una u otra identidad se enfatiza en función de propósitos y situaciones diferentes”. Isto é así aínda con máis evidencia no caso das terceiras xeracións de emigrantes nunha sociedade multicultural como a arxentina, onde a maior parte da poboación non ten só unha ou dúas orixes étnicas, senón tres ou catro, que se articulan nun sistema de identidades múltiples. Nas devanditas condicións, resulta moi difícil determinar os lindeiros da comunidade e o recoñecemento dos actores sociais como adscritos a determinadas tradicións (Barrios 1984). Neste contexto resulta altamente produtivo o modelo de redes sociais (Milroy 1978, Wellman 1998), que pon a énfase nos vínculos que establecen os individuos entre si estruturados en redes e grupos. Este enfoque toma en consideración as características presentes nas sociedades urbanas e presenta grande utilidade para explicar o comportamento lingüístico en contextos como o que presentan as segundas e terceiras xeracións de descendentes de galegos en Buenos Aires. Nos últimos anos, coa desaparición da primeira xeración de inmigrantes galegos e a falta de relevo xeracional, moitas sociedades galegas decaeron en actividade e vitalidade. Nese contexto parece ser relevante a integración de descendentes de galegos que ou ben a súa fami-

lia non estaba integrada na colectividade ou perdera cando menos por unha xeración a conexión con ela. Ao mesmo tempo, xorden novas formas de socialización distintas ás tradicionais na colectividade. Aínda que estas redes non son tan visibles como as Urban villages (Gans 1962), as terceiras e cuartas xeracións están integradas en fortes redes sociais que podemos identificar cun traballo de campo. Revisar como se tecen, identificar os vencellos e nodos sociais que as compoñen é fundamental para comprender o modo en que se está a revitalizar a lingua galega na capital da República Arxentina.

Ciclo de desgaleguización e regaleguización A desaparición dos falantes de primeira xeración e o corte da cadea de transmisión lingüística parecían determinar a desaparición da lingua galega no ámbito rioplatense. Pola contra, precisamente este factor semella estar relacionado co xurdimento dunha tendencia para a recuperación da lingua e un intento de reversión do cambio lingüístico cara ao mantemento e desenvolvemento do galego. Para emprender un traballo de campo sobre este fenómeno programamos unha mostraxe de trinta entrevistas repartidas entre as diferentes asociacións que compoñen a rede comprometida co cultivo, revitalización e uso da lingua galega en Buenos Aires. Unha distinción esencial que recorre transversalmente as entrevistas é a xeracional e a etaria. Podemos identificar un grupo máis novo conformado por mozos de 10 a 30 anos, a maior parte deles netos ou bisnetos de emigrantes galegos, e outro comprendido entre os 30 e 60 anos de idade, formado pola xeración seguinte e composto por fillos ou netos de galegos. Aínda que os dous grupos presentan unha identificación moi forte coa lingua e cultura de Galicia, así como moitas actitudes e motivacións coincidentes, o fenómeno presenta trazos diferenciais para cada un dos grupos que desenvolveremos máis adiante. Unha característica común á maioría dos entrevistados é que, aínda nos casos nos que tiñan contacto previo coa lingua étnica, poucos ou case ningún deles activaron as competencias pasivas nesta ata hai poucos anos. Por tanto, podería ser de proveito pensar na aplicación do concepto de neofalante (Ramallo 2010) nun contexto de diáspora; mesmo, vencellado a este, poderiamos pensar se o cambio de lingua por razóns emocionais pode ser semellante ao concepto de muda lingüística (Pujolar / González / Martínez 2010: 67). Para a descrición do ciclo de revitalización e recuperación da lingua galega no contexto porte-

 

Festa “Buenos Aires celebra Galicia”, celebrada na Avenida de Mayo, setembro 2014

ño como marcador de identidade presentaremos un esquema no que teremos en conta os compoñentes, as tres fases, dese ciclo: motivacións, aprendizaxe e uso. Motivacións Entre as motivacións aparecen dous factores xa mencionados. Por unha banda unha crise xeral da sociedade arxentina motivada pola difícil situación económica e política, que atinxiu o seu punto mais álxido no ano 2001, e por outra, unha crise de identidade propia dos descendentes de galegos motivada polo pasamento dos últimos maiores que eran falantes nativos e constituían a referencia identitaria familiar e comunitaria. Neste contexto, moitos dos descendentes decátanse e fanse conscientes (“descobren”) da súa identidade dual e da importancia que tiña a lingua galega na mesma. Parece ser a coincidencia destes factores o que reforzou o interese xa existente pola cultura galega en Buenos Aires e o que explica o éxito rotundo e masivo das convocatorias de formación para o programa CELGA realizadas na sede da delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires no período do goberno bipartito, durante o mandato da delegada do goberno galego, María Xosé Porteiro. Estes, xunto con activi-

dades como os Congresos de Linguas Minorizadas, nos que o galego ocupaba un lugar de vangarda, contribuíron tamén a visualizar e mellorar a imaxe e prestixio da lingua galega no contexto porteño. Paradoxalmente, a desaparición dos últimos falantes nativos, percibida como o momento final do proceso de desaparición definitiva do galego na diáspora, resultou ofrecer unha motivación emocional forte para a súa activación e recuperación. Este fenómeno está presente en varias das nosas entrevistas. Por exemplo, resulta explícito no caso de JP, contable de 51 anos e fillo de galegos: JP. O mesmo ano que naceu a miña filla faleceu o último membro da miña familia orixinal galega. Eu son fillo e irmán de galegos, de inmigrantes galegos. E. O teu irmán naceu alá? JP. Si, si, si. E. Dixéchesme que fixeches soamente un curso de galego, pero falas coma se o escoitases. JP. Si, si. Na nosa casa os meus pais falaban galego entre eles, mais a nós, a meu irmán e mais a min, falábanos en castelán. Pasou que eles viñeron no cincuenta e cinco. Meu irmán e eu tivemos pro-



 

blemas na escuela co galego e o castelán. As mestras chamaron os meus pais e dixéronlles que non falasen galego, que, se non, iamos ter problemas no colexio. Eles fixérono co meu irmán e comigo. E claro, meu irmán e eu nunca máis falamos galego na casa. Meus pais entre eles e con nós sempre falaban galego e nós sempre en castelán. E eu, aos cincuenta e un anos, volvo ter contacto coa lingua… se puede decir hace dous anos, coa Televisión Galega. No 2008 naceu a miña filla e no 2009 morreu meu pai. E ahí es como que entré en crisis de identidade persoal e de orixe. Fue muy raro ter unha filla e quedar tamén en moi poucos anos, entre o 2004 e 2009 sen ningún dos da miña familia orixinal (miña nai, meu irmán e meu pai). E sentinme moi feliz de ter a filla, coma unha árbore que ten unha flor hermosa pero non ten raíz. Iso foi moi mobilizante: entre outras cousas, o nacemento da miña filla e a morte do meu pai. E aí foi cando dixen: eh, no tengo raíz. E unha forma de buscala foi a lingua.



De feito, o perfil dos fillos de galegos parece axustarse bastante a unha competencia pasiva e latente. No ano 2001, o actual director do colexio arxentinogalego Santiago Apóstol, Carlos Brandeiro, fixo unha diagnose da lingua galega na comunidade onde distinguiu tres grupos etarios. A primeira xeración en vías de desaparición, a segunda e a terceira. Respecto da segunda, dicía que falaban galego nas súas comunicacións familiares esporadicamente, máis, en moitas ocasións, “como unha inclusión pintoresca e incluso graciosa na súa expresión, pero con pouco ou nulo interese por afondar no coñecemento do idioma e/ou cultura” (Brandeiro 2001). Mais tan só uns poucos anos máis tarde a situación parece cambiar radicalmente. Tamén é importante observar o caso dos galegoarxentinos que estaban fóra da colectividade: o feito de que os cursos CELGA fosen convocados pola Xunta de Galicia e non polas entidades tradicionais, posibilitou que chegasen a moitos descendentes de galegos que mantiñan a nacionalidade e, por tanto, tiñan contacto coa delegación do Goberno galego, pero non participaran da colectividade con anterioridade. Como sinalamos, outro elemento que xoga un rol importante nas motivacións iniciais da recuperación da lingua galega é a crise que sofre a sociedade arxentina. A partir da desfeita económica e política do país, moitos arxentinos miran cara aos países de orixe dos seus maiores e cuestionan a súa identidade nacional. Esta conxuntura propicia un auxe das identidades dos inmigrantes como identidades alternativas, que, finalmente, coa recuperación económica, política e social do país vai dar paso a unha reformulación da identidade arxenti-

na nun paradigma multicultural (Reyna Muniain 2015). Neste punto pódese apreciar un matiz entre os devanditos grupos. No primeiro, a toma de conciencia da identidade galega, cando menos en parte, leva a facer unha oposición coa arxentina. No segundo grupo queda claro que a identidade galega e máis ben unha parte da propia identidade multicultural arxentina e, por tanto, non só compatible senón complementaria. Outra cuestión que hai que ter en conta é que canto máis novos son os informantes máis se reduce a presenza de actitudes negativas ante o galego, ata o punto de desaparecer, como sinala HLB unhas entrevistadas: ¿Qué es el gallego para mi? Es el vínculo que me une a ellos [os seus pais], por eso para mí es fundamental el gallego y si bien no lo hablo. No lo hablo por pudor porque heredé evidentemente el pudor de mis padres. Que no les ocurre a la generación que sigue, a la generación de los nietos. No se si por el curso de los años o la época, no tienen ese… esa vergüenza. Hablar en gallego estaba mal visto, estaba hasta prohibido, estaba mal visto.

De feito aínda que ambos os dous grupos comparten un factor emotivo e familiar na motivación no segundo grupo parecen xogar aínda máis outros intereses persoais, como os estudos de memoria histórica, a literatura, a política ou a música celta. Pero quizais un dos aspectos máis interesantes na motivación sexa o impacto que ten o achegamento das terceiras xeracións á cultura dos seus maiores nos seus pais, como observa o director do Instituto Santiago Apóstol: Pero noutros casos é como que abren o caixón dos recordos, revitalizan os pais e os avós. Nos avós hai casos curiosísimos, é dicir, xente que chega aos actos e chora. Ven alí os seus netos e séntense felices. E que non fan máis que agradecer, pois os cativos chegan á casa e falan [en galego].

Deste xeito dáse un fenómeno retroalimentación entre ambas as dúas xeracións que potencia a revitalización da lingua e da identidade. Aprendizaxe Desde a perspectiva do ensino da lingua galega, a primeira vista recoñecemos dous tipos de espazos, aínda que os puntos de contacto son múltiples e as distincións relativas. Por unha banda, un espazo académico, no que podemos identificar os docentes e alumnos dos cursos de galego propios dos lectorados universitarios, entre os que salienta o labor levado a cabo polo profesor Lozano na Universidade de Belgrano, que du-

 

Presentación do grupo Xeito Novo, en Notorious (Buenos Aires), abril de 2012

rante vinte anos desenvolveu unha importante tarefa de difusión da cultura e da lingua de Galicia. E, por outra, a Cátedra Castelao de Estudos Galegos da Universidade de Buenos Aires (UBA), onde a presenza da lingua galega nos seminarios ditados estaba representada polos materiais de traballo, algúns cursos de lingua organizados para os docentes e estudantes, e a participación dos cursos de verán desenvolvidos en Galicia polo Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega. Nos últimos anos destacaron os cursos de galego organizados pola licenciada Susana Blanco, ofrecidos aos alumnos da UBA. Lamentablemente, na actualidade, polo pasamento do profesor Lozano e o cambio de residencia de Blanco, ambas as dúas iniciativas desapareceron. Por outra parte, temos o grupo dos alumnos e docentes integrados no espazo da colectividade galega de Buenos Aires propiamente dito. Estes cursos están a ditarse nos diferentes centros e asociacións galegas. Tamén dentro desta comunidade galega traballa febrilmente desde xa hai vinte anos o Instituto Galego-Arxentino Santiago Apóstol. Este centro educativo de educación infantil, primaria e secundaria xa deixou unha pegada fundamental en todas as actividades e colectivos vinculados ao uso da lingua, potenciando e prestixiando a identidade galega entre as segundas e terceiras xeracións. E finalmente, polo impacto e éxito acadado, destacaron os xa mencionados cursos de obtención dos certificados CELGA organizados pola

Secretaría Xeral de Política Lingüística entre 2004 e 2007, pero que por razóns económicas non se ofertan máis. Oportunidades de uso Un aspecto no que coinciden todos os entrevistados é a súa busca de oportunidades para mellorar e falar o galego residindo en Buenos Aires. O caso de J. A., un enxeñeiro fillo de galegos, de 50 anos de idade, é abondo elocuente: E. E cando decidiches comezar a falar galego… J. A. Como foi? Foi moi interesante. Porque cando se fala unha lingua hai como unha barreira. Porque aquí en Buenos Aires xente nova para falar non tiñas. Porque ninguén falaba galego. Á Feira do Libro viñan todos anos xente da Xunta, e moitos da Xunta, bueno, eran castelanfalantes gallego aprendidos. Pero eu aproveitaba así un anaquiño de tempo que tiña —porque moito tempo non tiña— e ía á Feira do Libro e falaba un pouquiño. Penso que foi a primeira vez que falei galego con xente nova, e daquela comecei a falar galego. E escoitaba algúns programas, poucos programas, que falaban algunhas cousas en galego. Porque a maioría dos programas da colectividade falaban todos castelán. E na Radio Carve de Montevideo tiñan media hora dun programa que era de Meilán (morrera hai moitos anos) e nese programa falaban galego todo o tempo. Eu escoitaba media hora os domingos.

O informante parece estar á caza de oportunidades primeiro para escoitar o galego. Pero ao momento



 

de activar a lingua (cerca da metade dos anos 80), bota en falta e a posibilidade de falar galego con xente nova e aproveita cada posibilidade que atopa para facelo. Por iso, trinta anos máis tarde, un aspecto moi interesante é que cando desaparecen os espazos naturais de uso da lingua, os neofalantes de galego foron procurando organizar novos espazos para a difusión, lectura e uso da lingua.

durante a ditadura militar que esmagou a sociedade arxentina nos anos 70. Deste xeito, estes novos falantes non só buscan espazos e oportunidades para pór en práctica as súas competencias na lingua dos seus devanceiros, tamén recuperan e revitalizan espazos simbólicos e significativos da diáspora galega, como son a Biblioteca Manuel Murguía, o Café Tortoni ou o Centro Lalín.

LECTORES GALEGOS Unha iniciativa importantísima foi a desenvolvida pola activista cultural, docente universitaria, xornalista arxentinogalega e, os últimos tres anos, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Débora Campos. A proposta comezou no ano 2006, “ano da memoria”, cando Campos, xunto coa tamén docente da UBA, e descendente de galegos, Andrea Cobas, convocou un ciclo de literatura: “As representacións da Guerra Civil (1936-1939) e o franquismo na nova literatura galega”. Esta iniciativa desenvolveuse no mítico Café Tortoni, da céntrica avenida de Mayo, onde os galeguistas fixeran durante o exilio as súas tertulias, feito do que daban conta as mesmas organizadoras:

TIRA LINGUA Outra experiencia de recuperación de espazos tradicionais da colectividade foi o grupo Tira Lingua, que colleu folgos no ámbito da Federación de Entidades Galegas, histórica casa do nacionalismo galego, onde desde hai anos o profesor Higinio Martínez dita clases de galego na súa variante reintegracionista. Desde este lugar, un grupo de xente nova tentou levar adiante xuntanzas e reunións para falar galego, utilizando tanto o galego normativo como o de evocación lusista. A finalidade esencial do grupo foi sempre a conversa en galego, mais participaron tamén de actividades de difusión, como a lectura de poesía en ciclos abertos como CUVO, unha proposta interdisciplinaria de literatura no espazo público, no marco da noite dos Museos 2012, co apoio do Fondo Metropolitano de la Cultura, las Artes y las Ciencias do Ministerio de Cultura do Goberno da Cidade de Buenos Aires e Buenos Aires Capital Mundial del Libro. Neste acto léronse sen pausa durante trinta horas textos de diversos territorios en diferentes idiomas: o galego xunto co alemán, quechua, noruegués, sueco, guaraní, náhuatl, grego, francés, entre outras, nunha actividade realizada de xeito vangardista e plural.

Temos moito que agradecer a este mítico Café que de novo abre as súas portas xenerosamente á cultura galega. E digo de novo porque hai algo máis de 70 anos era neste mesmo lugar onde os artistas, políticos e pensadores que a Guerra Civil e o franquismo expulsaron da súa terra atoparon neste precioso lugar un recuncho onde seguir polemizando, reflexionando, xerando ideas e proxectos (blog Lectores galegos).



TERZO DA FALA Entre as novas asociacións e grupos que militan pola revitalización da lingua destaca un grupo de ao redor de corenta fillos e netos de emigrantes que acordaron constituír o chamado Terzo da Fala. O núcleo inicial que convocou as primeiras reunións, e que ata hoxe aínda segue constituíndo a principal parte dos nodos e lazos internos, está conformado por ex-alumnos de preparación dos cursos CELGA, que tras a descontinuidade do programa, lonxe de diluírse na gran cidade de Buenos Aires, decidiu continuar a súa alfabetización en lingua galega pola súa conta e de xeito autodidacta. Esta iniciativa foi recoñecida, apoiada e impulsada por docentes de galego do Instituto Santiago Apóstol, como os profesores Brandeiro, que lles imparte clases na Casa de Outes, e Sánchez Muíño, que as deu na biblioteca do Centro Gallego de Buenos Aires. Así mesmo, reúnense cada semana para falar galego no histórico Centro Lalín, onde o que sería primeiro presidente arxentino da democracia, Raúl Alfonsín, se reunía na clandestinidade

INTERNET COMO ESPAZO DE COMUNICACIÓN Outro aspecto de grande interese que aparece nas entrevistas é a presenza e a importancia para o uso da lingua étnica das novas tecnoloxías e as redes sociais virtuais. Unha ampla maioría dos entrevistados manifestou que empregaban o galego cunha frecuencia alta nas súas comunicacións por chat e sms con outros membros das redes de neofalantes, e que en plataformas como Facebook publicaban a maioría dos seus post en lingua galega. Ademais, as webs e blogs de todos os colectivos cumpren un papel fundamental na creación dunha identidade común. Mais o que destaca sobre todas as cousas é o feito de que Internet significa un cambio substancial no contacto cos familiares na Galicia territorial e cos galegos que coñeceron a partir da súa participación en actividades culturais. Desde xeito, por medio de Internet establécese un novo nivel de redes sociais no que a necesidade de interrelacionarse con falantes nativos da mesma idade parece resolverse dun xeito novidoso. Aos neofalantes da xeración web 2.0, Internet ofrécelles

 

posibilidades que permiten deseñar un espazo dixital novo apto para a construción identitaria baseada na lingua (Goudaillier 2014).

Conclusións Aínda que na presente aproximación á situación do galego en Buenos Aires non podemos afirmar que o proceso de cambio e perda de lingua fose revertido, si que podemos observar notables experiencias de recuperación do idioma que en moitas facetas se torna en militancia lingüísticocultural, enlazando co labor de difusión e prestixiación do galego levada a adiante nos anos cincuenta desde a Federación de Entidades Galegas e o Centro Galego de Buenos Aires e nos últimos anos por colectivos como Herbas de Prata e por institucións como a Fundación Xeito Novo de Cultura Galega, que desde hai trinta anos traballa para situar o galego entre outras moitas expresión culturais desenvolvidas na capital porteña. O caso do galego en Buenos Aires non só é interesante para o estudo da construción da identidade no contexto de diáspora, senón que presenta dinámicas de retención, abandono e revitalización da identidade galega que pode ser interesante ter en conta para o estudo dos procesos de asimilación e mantemento da lingua na Galicia territorial ■

Bibliografía Barrios, Graciela (2008). Etnicidad y lenguaje. La aculturación sociolingüística de los inmigrantes italianos en Montevideo. Montevideo, Universidad de la República - Facultad de Humanidades y Ciencias de la Educación - Departamento de Publicaciones. Blommaert, Jan / Rampton, Ben (2011). “Language and Superdiversity”, Diversities 13/2, 1-22, Gottingen. Brandeiro, Carlos (2007). “La transmisión de la cultura gallega a los nietos de la diáspora: experiencias desde Buenos Aires”, en Ruy Farías, Buenos Aires. Gallega Inmigración, pasado y presente. Buenos Aires, Comisión para la Preservación del Patrimonio Histórico Cultural del Ministerio de Cultura de la Ciudad de Buenos Aires. Fishman, Joshua (1964). “Language maintenance and language shift as fields of inquiry”, Linguistics, 32-70. — (1965). Language Loyalty in the United States. The Hague. Mouton. — (1991). Reversing language Shift: Theory and Practice of Assistance to Threatened Languages. Clevedon, Multilingual Matters. Fontanella de Weinberg, María Beatriz (1991). Lengua e inmigración: mantenimiento y cambio de lenguas inmigratorias. Bahía Blanca, Departamento de Humanidades, Universidad Nacional del Sur.

Gans, Herbert J. (1962). The urban villagers. New York, The Macmillan Company. Goudaillier, Jean-Pierre (2014). “Langues et cultures issues de l’immigration : l’exemple du FCC utilisé dans internet en Bastian”, Buckhart e Burr. Langue et identité dans l’espace digital. Frankfurt, Peter Lang. Guggenberger, Eva (2004b): “Sprache – Identität – Hybridität: Das Beispiel der Galicier/innen in Galicien und Argentinien”, en: Grenzgänge 11, H. 22, 115-149. — (2002) (con Xosé Soto Andión): “Aspectos lingüísticos e sociolingüísticos do contacto entre galego e castelán en Bos Aires”, en: Estudios migratorios 13-14, Consello da Cultura Galega, Arquivo da Emigración Galega, 247-288. — (2001): “Identidad, conflicto lingüístico y asimilación: observaciones acerca de la lengua gallega en Buenos Aires”, en: Núñez Seixas, Xosé M. (ed.): Galicia austral. Buenos Aires: Biblos, 251-277. Gumperz, J. / D. Hymes (eds.) (1972). Directions in sociolinguistics en The ethnography of communication. Nova York, Basil Blackwell. Sassen, Saskia (1991). The Global City: New York, London, Tokyo. Princeton, Princeton University Press. Haugen, Einar (1950). “The analysis of linguistic borrowing”, Language 26, 210-231. — (1956). Bilingualism in the Americas: a bibliography and research guide. Alabama, Alabama University. Lectores galegos - Blog: http://www.blogoteca.com/lectoresenbosaires/index.php?mes=12&ano=2006. Milroy, J. / Milroy, L. (1978). Belfast: change and variation in an urban vernacular en Peter Trudgill, Sociolinguistic patterns in British English. Londres, Arnold. Monteagudo, Henrique (2013). “La invención del monolingüismo”, en Actas del V Congreso de Lenguas Minorizadas. Buenos Aires: Editorial A Grileira-Fundación Xeito Novo de Cultura Gallega, Bs As. Ramallo, Fernando (2010). “Cara a unha tipoloxía dos falantes de galego”, en Silva Valdivia, B. Quintero e Rodriguez Rodriguez, X. (eds.). Educación e linguas en Galicia. Universidade de Santiago de Compostela, 15-37. Santiago de Compostela. Reyna Muniain, Facundo (2015). “La diáspora e identidad nacional argentina: los jóvenes de las colectividades extranjeras de la uniformidad a la diversidad”, en Aliaga Sáez F. e Basulto Gallegos O. (eds.). Diálogos sobre juventud en Iberoamérica. Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela. Reyna Muniain, Facundo / Marchio, M. / Weler, A. (2011): “Xeito Novo e a lingua en Buenos Aires”, en Grial 191, 148-151. Vertovec, Steven (2007): “Super-diversity and its implications”, en Ethnic and Racial Studies 29(6). Wellman, Barry / Carrington, P. / Hall, A. (1988): “Networks as personal communities”, en Wellman and Berkowitz (eds.). Social Structures: a network approach. Cambridge, Cambridge University Press.



Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.