Literatura, feminismo e retórica do progreso

Share Embed


Descrição do Produto

 

 

E

N

S

A

I

O

Literatura, feminismo e retórica do progreso CARLOS LEMA

U

 Manifestación de sufraxistas na cidade de Nova York, maio de 1912 (Biblioteca do Congreso, EUA)

n dos praceres da lectura xorde cando un texto encirra a pensar. Nese senso, no ámbito da literatura, os estímulos seica proceden ultimamente do que críticos e tradutores escriben cando exercen de intermediarios entre a literatura galega e outras literaturas. Saliento aquí, sen afán ningún de ser exhaustivo, a antoloxía Forked Tongues, a cargo de Manuela Palacios, o texto de presentación de Jonathan Dunne a unha escolma pequena de escritores galegos contemporáneos publicada na revista norteamericana Absinthe e o limiar de Ana Gorría á súa tradución castelá de Hordas da escritura e de Secesión, de Chus Pato. Heime centrar nesta última publicación, non sen dar antes un par de pinceladas verbo das outras dúas. Na antoloxía Forked Tongues, Palacios transforma a cuestión nacional e, polo tanto, o conflito lingüístico, en conflito de xénero, concluíndo cunha crítica á “subordinación dos intereses das mulleres ao paraugas totalizador da causa nacional”, mentres que, pola súa banda, no caso de Dunne, toda tradución semella ter unha implicación transcendente, relixiosa (“Everything we do is a cry to our maker”). Tanto Palacios coma Dunne fan do que os ocupa, a literatura escrita por mulleres e a tradución, un fin en si mesmo, unha doutrina. Xénero e transcendencia tamén están presentes, aínda que de xeito distinto, non doutrinal, no traballo de Ana Gorría; pois, como se ha ver de aquí en diante, intenta inserilos nun pensamento ilimitado, sen unha finalidade que os dogmatice. O limiar de Gorría, titulado “Las tragedias del yo”, suscita unha chea de cuestións ben interesantes, entre elas, e como axiolóxicas, a función do discurso feminista (a tradutora denomínao “hermenéutica feminista”) e do discurso marxista (sobre todo no que se refire á crítica literaria) como retóricas do progreso, no senso positivo do termo “retórica” dado por Hans Blumenberg, e que eu adopto aquí, como o que é necesario para pensar. É curioso que o feminismo dun xeito (integrando a noción heideggeriá de deconstrución —Abbau—, recibida fundamentalmente a través de Derrida) e o marxismo doutro (mantendo viva a tensión escatolóxica cristiá e, polo tanto, contrarrestando certa interpretación nihilista de Heidegger, que non o que di Heidegger directamente nin a súa recepción en Derrida e Agamben, por exemplo), acabasen por encanar no discurso da Idade Moderna para opoñerse de maneira diferente á fin da historia determinada por Hegel e logo patentizada en aparencia por Nietzsche na morte de Deus. Coa crítica do nihilismo feita por este último e, como consecuencia, coa posterior crítica que Heidegger fai de Nietzsche, porque considera —atinadamente— que forma parte



 

do discurso da metafísica que el pretende “descompoñer”, isto é, do discurso moderno ou da melloración do ser humano, cadran á perfección —noutro paradigma tensionado— marxismo e feminismo, o primeiro ao facer unha crítica da produción da subxectividade no capitalismo serodio (Jameson) e o segundo ao dar azos a ese tipo de produción do subxectivo con formulacións novas que integran retoricamente o que pretendidamente destinaban á “destrución” (Abbau). Todo este contexto está implícito no texto co que Gorría presenta a súa tradución para o castelán de dous libros de Chus Pato. Como hipótese, poderíase afirmar, ademais, que está como impensado. Trátase, pois, dun tipo de tensión dos paradigmas que está presente no texto sen que nin o texto nin a autora se refiran a ela. Non se trata, entón, dun texto crítico senón case enunciativo ou declaratorio, porque o impensado xoga nel un papel de actualización que o texto non amosa directamente. Sitúanos isto perante un tipo de retórica de grande interese, pois está a un paso de se converter en dogmática mais aínda non o é e, no momento presente, no que os dogmas carecen de efectividade mentres que é a vontade de verdade a que colleu o relevo na constitución dos discursos, ese estadio é precisamente o máis efectivo, o máis persuasivo desde o punto de vista retórico. Gorría achégase á vontade de verdade, de aí que fale do “ser muller” e do “ser galego”, categorizando o indeterminable: sáelle o masculino, non di “ser galega”, e tanto ten, porque “ser” non pode estar determinado, a determinación é algo óntico. Ao cabo, o limiar chama a atención precisamente porque “presenta” a poesía de Chus Pato, na que todo o impensado é pensado sen vontade de chegar a ser verdade, sen vontade de querer “ser” algo, nin sequera un ente. Estamos a falar dunha poesía na que non hai nada sen pensar, cada palabra e o que esta arrastra está pensada e quen le percíbeo así; nese senso, poderíase dicir que Chus Pato escribe poesía ideolóxica, se se entende este termo como “a linguaxe das ideas” e se entendemos por “idea” todo o que é pensado (o non dito incluído), non soamente os conceptos e o impensado racional. Aínda está por escribir algunha achega sobre a función do racional na poesía da autora de Fascinio; paréceme que o racional está moi presente nos seus poemas, aínda que dun xeito discreto, moi medido; coma se os seus poemas acollesen o racional cunha linguaxe na que a razón non domina totalmente, de aí o papel da lingua como “patria” non localizable, máis como un cronotopo ca como un tópos, isto



é, como aquilo que é utópico e non como unha concretización na pólis, e de aí tamén o corpo como o que é identidade ao tempo que non o é, como aquilo que é atravesado pola lingua mais no que esta non se detén, non queda fixada. Gorría non percibe a racionalidade da poesía que “presenta”, por iso busca elaborar unha identidade desidentificada, porque semella detectar unha incompatibilidade entre a hermenéutica feminista e a razón, estruturada arredor do cogito “hexemónico masculinista”. Pois a hermenéutica feminista interpretou e interpreta a Derrida desproblematizándoo, deixando aparentemente a un lado a razón, todo o contrario do que fixo o propio Derrida, que na súa polémica con Foucault defendeu o cogito como única posibilidade de pensar o ser humano, loucura incluída. Outro tipo de feminismo —en Galicia, presente na obra de María Xosé Queizán— é aquel no que a racionalidade está por riba de todo; ese feminismo quere ser científico para ser verdade mais, ao pretender reelaborar o racional masculinizado, retoricamente é un feminismo menos persuasivo, porque cadra parcialmente co saber do home. De por parte, o limiar de Ana Gorría faise aínda máis sobranceiro se o interpretamos como un intento valioso de atraer a poesía á retórica actual, á retórica da diferenza e do multiculturalismo cultivada nas universidades norteamericanas durante a segunda metade do século XX. Mark McGurl, no seu libro The Program Era, analiza a dominación desa retórica xurdida como consecuencia da integración da subxectividade literaria modernista nos programas de estudos mediante a disciplina chamada “escritura creativa” e o seu posterior espallamento, a través da literatura, á cultura norteamericana non académica e ao resto do mundo. No caso de Chus Pato, Gorría localiza esa retórica da diferenza de xénero e da diferenza multicultural no “ser muller” e no “ser galego” (p. 16); a partir de aí, dar o salto “á articulación universal que é a poesía” (p. 17) é doado xa que a produción de subxectividade, que Fredric Jameson caracteriza como propia do capitalismo serodio, goza por iso mesmo da categoría do universal, tal como acontece co discurso literario da diferenza (multicultural e de xénero). Nese senso, no da achega á retórica do consensus e da afirmación humana, se adoptamos estas nocións de Blumenberg, coido que esta introdución é sintomática da filiación da poesía e da súa funcionalidade na historia do progreso; a este respecto, o paralelismo entre Chus Pato e a

 

poeta norteamericana Anne Carson (pp. 9 e 10 e nota ao pé desta última) é ben significativo, especialmente se se considera a función da historia na poesía de ambas as autoras como unha signatura universalizante e como unha desterritorialización; e, por iso, tamén é paradigmática a comparación da obra de Pato coa do francés Houllebecq. De aí que a significatividade de todo o texto introdutorio sexa positiva, que non encontre resistencia ningunha nas nocións que manexa, nin mesmo cando se refire ao “ser” (galego ou muller). Unha cita de Silvia Bermúdez (p. 14) é indicativa disto último, pois malia se referir esta aos “límites impostos á subxectividade” pola masculinidade hexemónica (un eufemismo para se referir á razón), Gorría sitúa os poemas que traduce no contexto dun suposto diálogo entre a diferenza da “particularidade do corpo e da voz galega” e “a universalidade da dicción poética”, onde “universalidade” quere dicir actualidade ou retórica do progreso e “particularidade” vencéllase a suxeito ou a autodeterminación: razón. Aínda máis, o intento de incluír a Jameson na retórica da afirmación humana á que toda literatura conduce é dunha importancia abraiante. As dificultades dese intento son enormes, como se pode comprobar no título da introdución de Gorría (“Las tragedias del yo”); o que procura a tradutora de Chus Pato é integrar a crítica marxista da produción de subxectividade propia do capitalismo serodio na retórica do progreso e da afirmación humana. O intento é atinado, aínda que as contradicións subsisten; precisamente outro dos aspectos interesantes deste texto introdutorio reside niso, en como o marxismo se defende perante a súa integración no discurso da Ilustración, do que forma parte en calidade de ideoloxía con funcionalidade na oikonomía agambiana, e no discurso da Idade Moderna como salvación da humanidade. A “universalidade poética” de Gorría pretende subsumir a crítica marxista de Jameson á produción de subxectividade, que é o tipo de universalidade coa que o capitalismo serodio postergaría a posibilidade dunha literatura na que as clases non fosen obliteradas polas subxectividades, mediante o recurso intelixente de referirse a “un comezo historiográfico absoluto”: ¿o da “diferenza” e o dunha nova subxectividade? O discurso do cristianismo paira por riba deste comezo absoluto e desta nova subxectividade da diferenza como salvación, catarse (“a traxedia do eu”) ou superación dunha idea de humanidade centrada na masculinidade racional. Hans Blumenberg defendeu a hipótese segundo a cal a posición ocupada polo cristianismo foi

reocupada pola razón sen que ese cambio teña que entenderse como unha secularización do contido do cristianismo na que este contido pasaría a ser adoptado pola sociedade moderna; se aceptamos esa hipótese, a Idade Moderna non é resultado da antedita secularización senón que o propio cristianismo foi o medio que levou indefectiblemente a unha sociedade baseada na razón. Polo mesmo fenómeno de reocupación dunha posición previa, poderíase aceptar tamén que o feminismo, ou a “hermenéutica feminista”, estea a xogar un papel crucial no impulso da retórica do progreso, precisamente porque abre e amplía o racional a unha retórica da identidade desestabilizada, un cogito ergo sum no que a consecuencia do pensar non podería ser determinada como un a priori. De acontecer así, haberá, entón, que ter conta de que esa retórica non acabe sendo unha dogmática, que esa retórica sexa “ilimitada”, sen un fin que a fixaría como poder ■

Bibliografía Dunne, Jonathan (2012). “A Cross in the Hand: On Galician Literature”. Absinthe 18, pp. 46-47. McGurl, Mark (2011). The Program Era: Postwar Fiction and the Rise of Creative Writing. Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press. Palacios, Manuela (ed.) (2012). Forked Tongues. Galician, Basque and Catalan Women’s Poetry in Translations by Irish Writers. Bristol: Shearsman Books. Pato, Chus (2012 ). Hordas de escritura seguido de Secesión. Tradución e introdución de Ana Gorría. Madrid: Amargord Ediciones.



Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.