MISCELÁNEA DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DA PARROQUIA DE AGUIÑO (RIBEIRA, A CORUÑA). APROXIMACIÓN CONTEXTUAL E DESCRITIVA ANALÍTICA DAS EVIDENCIAS

May 27, 2017 | Autor: Víctor Barbeito | Categoria: Arqueología, Galicia
Share Embed


Descrição do Produto

MISCELÁNEA DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO APROXIMACIÓN CONTEXTUAL E DESCRITIVA ANALÍTICA DAS EVIDENCIAS Este traballo pretende ser unha pequena aproximación á realidade arqueolóxica do que hoxe vén sendo a parroquia de Aguiño, que recentemente acaba de celebrar o seu medio século de existencia; xa que logo a parroquia é unha figura xurídico-administrativa moi recente, e é preciso entender os xacementos arqueolóxicos que hoxe en día coñecemos e que pertencen a esta parroquia, polo tanto hai que entender estes xacementos nun contexto máis amplo, tendo en conta que as actuais divisións administrativas e xurídicas non se atopaban na racionalidade da xente que habitou este territorio noutros tempos. O traballo ata certo punto adoece de orixinalidade, xa que é froito dunha recompilación de información publicada por outros compañeiros, tanto sínteses como traballos específicos por distintos especialistas, e principalmente polos responsables das intervencións arqueolóxicas levadas a cabo nos xacementos de Pericos e Porto Baixo, aos arqueólogos Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez e Miguel Anxo Vidal Lojo respectivamente, aos que lle debemos un coñecemento máis detallado de ambos os dous xacementos, a pesares da exigüidade e a provisionalidade dos datos obtidos como consecuencia da natureza das intervencións levadas a cabo, dado que en ambos os casos se realizou unha única actuación arqueolóxica que consistiu na realización de varias sondaxes avaliativas, e polo tanto a información da que se dispón é limitada, o que suxire certa cautela á hora de argallar hipóteses sobre os xacementos, e con maior risco daqueles outros xacementos dos que non se ten coñecemento de estudos arqueolóxicos máis alá da observación directa que permitiu a súa catalogación. Neste senso, podemos sinalar algunhas eivas máis coas que conta este traballo, como é a présa coa que se configurou, que asemade é garantía da existencia doutra documentación de arquivo ou

60

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

bibliográfica non consultada que achegaría máis datos; ou a ausencia manifesta de posibles evidencias arqueolóxicas nalgúns dos illotes (Noro, Vionta ou Sagres) que permitiría enriquecer o legado patrimonial e obter novos resultados; non obstante, o obxectivo deste traballo é un bosquexo xeral do conxunto de evidencias arqueolóxicas coñecidas e publicadas que recollen algúns dos episodios máis prolixos da actual parroquia de Aguiño. Con toda seguridade un baleirado documental e bibliográfico da zona e futuras intervencións, permitirán articular un discurso interpretativo máis completo, con outros enfoques e novas tendencias que matizarán ou desbotarán certas hipóteses que hoxe se asumen. Este traballo está organizado de forma que inicialmente se presenta unha información de contexto histórico, para posteriormente recoller datos específicos sobre os xacementos arqueolóxicos coñecidos no ámbito do noso estudo, sendo máis extenso naqueles xacementos que foron intervidos recentemente, e polo tanto temos maior información, que daqueles outros onde só temos datos puntuais e se achegan datos descritivos. Asemade, o traballo vai intercalando as distintas etapas históricas seguindo unha certa orde cronolóxica, presentando inicialmente o contexto arqueolóxico e posteriormente o xacemento de referencia, deixando baleiros aqueles episodios que polo momento non teñen representación arqueolóxica en Aguiño. Os xacementos máis antigos dos que teñamos coñecemento no territorio de Aguiño debemos fixalos cronoloxicamente entre o IIIº e o IIº milenio AC, concretamente trataríase de Punta Sendón e Punta Pericos, este último con certa cautela como veremos máis adiante; xacementos que culturalmente podemos encadrar entre a Idade do Cobre ou Calcolítico e a Idade do Bronce.

O Patrimonio

61

A ausencia actual de xacementos máis antigos nestas terras non descarta a inexistencia dos mesmos, isto podería explicarse por varias circunstancias (García, 2005:175): prospección limitada, ausencia de monumentalidade dos xacementos, problemas de conservación, etc. Isto non implica descartar sen máis unha presenza episódica de grupos humanos en etapas máis serodias, polo tanto non é desbotable a presenza de sociedades máis antigas como as neolíticas ou incluso anteriores, que puideron deixar pegada no terreo ou non, e no caso de que se conserven aínda non foi posible localizalas.

Contexto histórico das primeiras ocupacións humanas en Aguiño: Dende o Calcolítico ata a Cultura Castrexa A comarca da Barbanza amosa evidencias de ocupacións humanas dende tempos moi serodios, pero con toda seguridade durante o Vº milenio AC, as sociedades que habitaron este territorio comezaron a deixar as súas pegadas, referímonos basicamente aos grandes monumentos megalíticos que se poden observar por exemplo na Serra da Barbanza ou mesmo o dolmen de Axeitos. Estas sociedades van ser as primeiras sociedades produtivas, e polo tanto, van dedicar parte do seu tempo a pór en produción parte dos terreos que van ocupar. Para pór en produción parte destas terras, sométennas a procesos de deforestación mediante un sistema de rozas coa finalidade de obter pastos para o gando, ou ben nun contexto de comezos dunha agricultura incipiente de carácter extensivo, o que vai a diminuír a cobertura vexetal como consecuencia dos lumes provocados para eliminar a vexetación; esta crecente deforestación causará fortes procesos erosivos que incidirán de maneira paulatina no esgotamento do chan; ademais, hai que ter en conta que durante o IIIº mil. AC endurécense as condicións ambientais (descenso térmico e das precipitacións) o que vai provocar a necesidade de colonizar novos espazos con maior potencial produtivo que se atopan a unha menor altitude, e polo tanto máis protexidos das inclemencias, coincidindo cronoloxicamente coa ocupación do solo litoral na que se localizan os xacementos de Punta Sendón e Punta Pericos, este último con dúbidas, pero en principio adscritos ao período Calcolítico ou Campaniforme (finais do IIIº– principios do IIº mil. AC), que asemade son dos poucos coñecidos na comarca da Barbanza, onde o conxunto de xacementos deste período non supera a media ducia (Praia da Ladeira en Boiro, Cabeiro e Coira en Porto do Son, Pericos e Punta Sendón en Riveira).

62

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

Xa que logo, podemos entender que a pauta de situación de ambos os dous xacementos responde, como é lóxico, á necesidade de dispor de recursos aproveitables nas inmediacións (marisqueo, pesca, recolleita de froitos e sementes, pasto, etc.), pero tamén, moi probablemente hai que entendelo como formando parte dunha estratexia de mobilidade loxística, e dicir, á localización de recursos específicos na zona como é o marisqueo ou a pesca, sen esquecer a importancia do transito marítimo (intercambio comercial); ademais outro aspecto fundamental que pode explicar a ocupación deste territorio, é que nestes intres acadará grande importancia o mar, dado que nel se atopa un dos elementos fundamentais para a vida como é o sal. Tense constancia que dende o IIIº mil. AC en adiante, a achega de sal pola vía cinexética descende –diminución da caza– e tamén precisarán aprovisionarse de sal para a conservación dos alimentos, e por suposto para manter en bo estado de saúde a cabana gandeira (Fábregas, 2001: 72), que ademais da achega cárnica, facilitan unha eventual produción láctea ou derivados, sen esquecer o aproveitamento das peles e vísceras para diversos fins (abrigo, fibras, recipientes, etc.). É importante salientar que o medio sufriu grandes transformacións nos últimos milenios (Vilas et alii, 1991), tanto por factores naturais ou ambientais como antrópicos, polo tanto a dispoñibilidade de recursos puido variar substancialmente; a pesar de non ter datos concluíntes, poderiamos estar nun medio moi distinto ao que hoxe se observa; por exemplo, unha paisaxe integrada por fragas de ribeira, formacións de lagoas e marismas, que terían desaparecido co paso do tempo, rematando por inundarse nos séculos centrais do IIº mil. AC., tal e como o propoñen os investigadores Vilas e Nombela para o complexo das lagoas de Corrubedo. As ocupacións detectadas arqueoloxicamente pertencentes a estes momentos do IIIº-IIº milenio AC caracterízanse pola práctica ausencia de estruturas monumentais en todo o Noroeste peninsular (Fábregas, 2001: 74), que máis se poderían considerar casaríos que poboados en sentido estrito, integrados por un conxunto de cabanas feitas con materiais perecedoiros (fibras vexetais como ramas, troncos, palla, etc.), e polo tanto, só son detec-

O Patrimonio

63

tables grazas a unhas evidencias moi febles e difíciles de identificar como son os buracos ou gabias feitas para chantar os postes das cabanas, zonas de combustión intensa como son as lareiras, fragmentos de materiais cerámicos ou líticos que formarían parte dos apeiros cotiás destas xentes e algún silo de almacenaxe para conservar parte da colleita de cereais. Segundo a información da que dispomos para outros contextos galegos do mesmo período cronocultural sabemos que a agricultura vai ir gañando peso dende os inicios da mesma ata estes momentos de finais do IIIº e principios do IIº mil. AC, pasando nestes intres a practicar unha agricultura relativamente estable, dado que ademais do cultivo de cereal como o trigo ou a cebada, tamén se practica a horticultura coa plantación dalgunhas verzas (brassica), acompañadas dalgunha especie de leguminosas, o que enriquecía a dieta e á vez garante unha rexeneración dos solos (Fábregas, 2001). As sociedades deste momento obteñen unha serie de recursos tanto do medio como da propia colleita, que lles permite establecerse nun lugar durante períodos máis prolongados que en etapas anteriores, entendendo iso si, certa mobilidade e unha extensión territorial ampla, ademais de tratarse de grupos sociais reducidos. Xa que logo coa ampliación da base subsistencial, como xa vimos ao longo do IIIº mil AC, co desenvolvemento máis intenso da agricultura e horticultura, incremento da actividade gandeira (posiblemente bóvidos, ovicápridos e suídos) supón un afianzamento da economía produtora, o que vai a determinar a fabricación de grandes olas de almacenaxe e a proliferación de grandes áreas de almacén a base de foxas e silos. Resulta peculiar que neste contexto álxido o ámbito simbólico e funerario (arte rupestre e túmulos) pasen inadvertidos na zona en estudo, pero non hai que esquecer que na zona do Parque Natural existe un conxunto de túmulos, dentro ademais dun espazo perfectamente delimitado, así ao Norte estaría o Monte Cidade e no resto serviría como límite o mar, o que perfectamente podería corresponder co seu territorio de influencia ou de explotación máis directa e inmediata.

64

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

De forma paulatina estas sociedades vanse sedentarizando en gran medida grazas á intensificación agrícola, inicialmente as ocupación son semisedentarias, posiblemente con ocupación estacionais, pero cara a finais do IIº e principios do Iº milenio a.C. convivindo con estes asentamentos abertos, xorden os primeiros poboados en altura que comezan a «fortificarse», onde priman certos aspectos como poden ser o control estratéxico das vías de comunicación, e a produción metalúrxica de obxectos de prestixio moi vinculados ás redes de intercambio que abranguen toda a fachada atlántica europea (Rodríguez, 2009:12). Son comunidades de carácter independente, onde cobra cada vez máis importancia a agricultura como medio de subsistencia, contan cunhas elites organizadas ao redor dunha ampla rede de centros de produción local a través da que se realizan intercambios de obxectos de prestixio; conforme vai chegando o primeiro milenio antes da nosa Era, dous acontecementos van provocar certas transformacións: a irrupción dos fenicios no Atlántico dende o século IX a.C. e a aparición en escena do ferro, o que vai trastornar as antigas redes de intercambio que as comunidades atlánticas construíran ao redor do bronce, xurdindo novos centros de obtención da materia prima, produción e redistribución. Neste tránsito da idade do Bronce á idade do Ferro xorde un novo asentamento fortificado: o castro, que presenta unha gran diversidade e heteroxeneidade nas súas características. Os exemplos máis temperáns atópanse no Norte de Portugal, como é São Julião ou Coto da Pena (Rodríguez, 2009: 17), que son asentamentos en altura pero que non amosan estruturas defensivas sensu estrito, xa que logo moi semellante ao que máis adiante se comentará para o caso de Pericos, concretamente o que se atopou na terraza Norte. Cara ao século VIII a.C. no Norte de Portugal e nas RRBB o castro xeneralizouse como o único modelo de asentamento no territorio, pasando posteriormente a estenderse cara ao Norte, e da costa cara ao interior. Neste período os castros son de pequenas dimensións,

O Patrimonio

65

a monumentalización é escasa, e os procesos de transformación do asentamento redúcense á construción de aterrazamentos para preparar o terreo e a delimitación do espazo con foxos, parapetos e recintos amurallados de pequenas dimensións marcando así unha diferenza entre espazos internos e externos, e facilitando a agregación do conxunto de individuos á comunidade. Non todos os castros da Primeira Idade do Ferro (s. VIII-IV a.C.) están localizados en zonas elevadas, existen outras posibilidades como pequenas elevacións na paisaxe nas que se asentan castros como o de Penarrubia ou a Graña, ou sobre penínsulas como é Neixón Pequeno; ou o caso de Pericos situado nunha zona cun amplo dominio visual sobre o val e a costa, e con certa dificultade no acceso, sobre unha pequena área con grandes afloramentos rochosos e rodeado de fortes pendentes, que limitan e determinan o reducido da súa ocupación; e dende un punto de vista arquitectónico seguen a empregarse de maneira maioritaria os materiais perecedoiros. Co paso do tempo, este tipo de poboados irá gañando peso, ao tempo que se melloran os seus sistemas de defensa, ata o punto de que durante a Idade do Ferro serán practicamente o único tipo de asentamento das xentes da época. Coa consolidación dos castros complétase a fixación destas comunidades a un territorio determinado. A sociedade castrexa era unha cultura campesiña e guerreira, e o seu lugar de hábitat soe situarse en puntos estratéxicos, de defensa doada e dende o que se controle visualmente o territorio que explotan. De aí que dende o seu exterior se perciba como unha auténtica fortaleza, cunha intención claramente intimidatoria, que se adoitaba incrementar coa construción dunhas defensas monumentais; asemade non só practicaban a agricultura e a gandería, xa que nas zonas próximas ao mar, tiñan acceso aos recursos mariños, pesca e marisqueo, o que en ocasións orixinou que se levantasen castros en pequenas penínsulas, ben defendidas de xeito natural, pero con dificultades para acceder aos campos de cultivo; como podería ser o caso da terraza Leste de Pericos (Vilaseco, 2008a). Podería dicirse que o castro é en realidade unha aldea fortificada de planta circular ou ovalada. Aínda que de dimensións moi variables, en función da xente que vivise neles, a maioría son de pequeno tamaño, en torno a media ou unha hectárea. As estruturas defensivas artificiais son o seu elemento máis característico. Rodean por completo ao poboado e a súa altura é variable, non sendo sorprendente que superen os 4 m. Polo exterior, as defensas complétanse con grandes foxos, é dicir, escavacións profundas que rodean á muralla, e que aumentan aínda máis a impresión de altura que tiña esta de seu; xeralmente, a terra que se extraía para

66

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

facelos aproveitábase para construír ao seu carón a muralla. En ocasións o sistema defensivo complícase de xeito importante, coa presenza de varios foxos concéntricos, con varias liñas paralelas de murallas ou mesmo de pequenos treitos de muralla que reforzan partes menos protexidas. A entrada ao recinto adoita estar situada no lado máis accesible, que xeralmente coincide tamén con aquel onde se sitúan os campos de cultivo da comunidade. No interior das murallas sitúanse as diferentes construcións do poboado, cunha distribución que semella caótica, pero que en realidade agocha un certo urbanismo, cunha serie de rúas principais, de trazado sinuoso, en ocasións empedradas, ou mesmo pequenas prazas (Vilaseco, 2008a). As vivendas poden ser circulares ou ovaladas, con menos frecuencia rectangulares, e de dimensións pequenas, aínda que se aprecian diferenzas de tamaño entre as cabanas da primeira Idade do Ferro e as da segunda, sendo maiores as primeiras debidas en gran medida ao caracter multifuncional, xa que nelas se realizaba gran parte do traballo, como o procesado de alimentos ou o tecido, ademais de ser o lugar onde se cociñaba, se come e se dorme. As cabanas amosan unha distribución interna simple; non soen presentar divisións internas, e a unidade de habitación soe xirar ao redor dun fogar de forma circular ou cuadrangular (Rodríguez, 2009: 21). Os pavimentos das vivendas constrúense habitualmente con arxila ou granito meteorizado compactado e en ocasión endurecido con lume. As cabanas da primeira idade do Ferro mantéñense illadas sen anexionarse a outras, e a súa densidade de construcións é baixa, deixando gran parte do interior do asentamento libre para uso comunal; neste senso, pódese concluír que non existe unha ordenación da circulación no interior do poboado e que a preeminencia do espazo común sobre o familiar ou individual denota unha tendencia igualitaria, o que indica cambios na organización política, unha posible retracción das elites que perden poder en favor da comunidade. A tecnoloxía agraria da primeira Idade do Ferro mantén un continuísmo coa etapa anterior agás pola introdución puntual do ferro, non obstante seguen a empregarse ferramentas feitas en pedra e madeira, fouces, arados, machados e aixadas. Durante esta primeira etapa introdúcese no Noroeste un novo cereal como é o paínzo ou millo miúdo (Panicum miliaceum) (Buxó, 1997), que resulta de extraordinaria importancia, principalmente pola posibilidade de poder obter dúas colleitas anuais, dado que esta complementaría á colleita de inverno de trigo e cebada. Tamén

O Patrimonio

67

hai constancia da presenza de avea, e o cultivo de leguminosas como as fabas. O almacenamento da produción e do excedente faise en silos cavados na terra ou en grandes recipientes de almacenaxe. No aspecto simbólico, o ritual funerario sofre unha serie de cambios, coincidindo a desaparición dos túmulos de enterramento de épocas anteriores coa aparición dos depósitos votivos nos ríos (Rodríguez, 2009). Polo que respecta ao armamento, as espadas tenden a desaparecer, xeneralizándose neste momento os puñais de antenas, puñais simples de lingüeta e as puntas de lanza, polo tanto, igual que sucede cos apeiros de labranza, mantense unha forte presenza de modelos anteriores. Cara ao século IV a.C. estas sociedades evolucionan e vólvense máis complexas e xerárquicas. Prodúcense cambios na localización dos asentamentos, novas concepcións na orde espacial dos poboados, intensificación agrícola, transformacións na cultura material e crecemento espectacular do comercio e das relacións marítimas co Mediterráneo e o Sur da península ibérica (Rodríguez, 2009: 33 e ss.). A reactivación do comercio vén fundamentalmente impulsada polos cartaxineses, fenicios ou ibero-púnicos, a pesar de que existía contactos puntuais na etapa anterior, agora intensificase eses contactos non só coas áreas litorais senón que penetran cara ao interior. A localización dos castros desta segunda idade do Ferro vai mudar, asentándose basicamente nos vales, situándose en zonas de media ladeira ou en outeiros ou promontorios dos vales, facendo máis accesible a explotación das terras máis inmediatas, pero á vez gañando en monumentalidade dos sistemas delimitadores do castro (foxos, murallas, etc.); estas terras son máis fértiles o que permite un maior aproveitamento e rendemento que vai derivar nunha mellora dos aspectos tecnolóxicos, que permitirá unha intensificación agrícola e á súa vez un aumento da poboación e das comunidades, o que vai multiplicar os asentamentos desta época con respecto á anterior. A intensificación agrícola vai parella á horticultura coa plantación de coles e verzas, acompañadas do cultivo de legu-

68

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

minosas como son os chícharos e as fabas, sen esquecer que continúan recollendo froitos como as landras, noces, abelás, amorodos, amoras e arandos (Rodríguez 2009: 74 e ss). A elaboración de fariñas foi un sistema moi empregado por estas comunidades como constata a gran cantidade de muíños localizados nos castros. A conservación dos alimentos facíase mediante o secado ou a fermentación, como debeu acontecer co mosto ou a cebada; cebada a partir da cal se obtivo cervexa. Estas comunidades continúan coa explotación da cabana gandeira o que lles permite unha achega cárnica á dieta, á vez que o leite e a elaboración de produtos secundarios como o queixo, la, etc., e posibilita contar coa forza de tracción para o carro e o arado, e a subministración de fertilizantes (Rodríguez, 2009: 80). Forman parte da cabana gandeira os bóvidos, ovicápridos e suídos, que habitualmente sacrificábanse en etapa adulta sacándolle o máximo rendemento. Os suídos (porcino) ten menor peso na cabana gandeira debido probablemente a que non achega produtos secundarios, non serve para a tracción, e é máis esixente na comida que os bóvidos, cabras e ovellas; neste senso, detectouse que o sacrificio desta especie soe ser máis temperá que no caso do resto, condicionado posiblemente pola esixencia da súa alimentación que resta –compite por certos recursos alimenticios, o que esixe un control exhaustivo da cabana porcina e mecanismos autorreguladores como o sacrificio dos individuos novos sen posibilidades reprodutivas (machos). Con menor incidencia tamén aparece testemuños de galináceas, e do can que debeu estar relacionado co pastoreo. A actividade cinexética perdeu preponderancia en comparación con etapas anteriores. Non obstante, hai que ter en conta certas circunstancias que limitan o rexistro, como son as condicións tafonóminas ou de conservación dos restos óseos máis febles como acontece cos animais de pequeno porte (p.e.coello); ou aqueles contextos que pola acidez non permiten a conservación destes restos orgánicos, polo tanto as mostras presentes no litoral redúcense practicamente aos localizados nos concheiros. O aproveitamento do medio mariño estivo moi presente, documentando a explotación deste medio en xacementos que distan ata 5 km da costa como acontece co castro de Bisomaño en Ribadumia (Rodríguez, 2009: 85). A explotación dos recursos mariños circunscríbense a tres medios moi concretos: a zona intermareal de substrato rochoso e augas batidas de onde se obtiñan os mexillóns (Mytilus edulis), lapa (Patella sp.), percebe (Pollicipes cornucopia), caramuxos (Littorina littorea) e ourizo (Praracentrotus lividus) entre outros. Una segunda zona é a formada polos bancos de area ou areolimosa onde se obtén a ameixa fina (Venerupis decusata), berberecho (Cerastoderma eduli) ou navallas (Ensis ensis). A outra zona son os fondos de area e/ou cascallos que se estenden pola franxa infralitoral de onde se obteñen vieiras

O Patrimonio

69

(Pecten maximus) ou ostras (Ostrea edulis) (Rodríguez López, 1995: 175). Estas comunidades tamén consumiron peixe, tendo evidencias do consumo de chaparella (Diplodus vulgaris), maragota (Labrus bergylta), robaliza (Dicentrarchus labrax) e faneca (Trisopterus luscus). Tamén aproveitarían a pesca con embarcacións para especies coma a pescada ou o xurelo. No que atinxe á cultura material deste momento, semella que nos atopamos ante modelos cerámicos moi regularizados e estandarizados, sen obviar que cada territorio ten o seu propio estilo. Esténdese o uso de obxectos como as fíbulas, alfinetes ou pinzas de depilar; xoias como arracadas, colgantes, torques ou brazaletes; e entran en xogo os elementos procedentes do Mediterráneo como obxectos que marcan a singularidade e o prestixio social. Doutro lado, a arquitectura interna dos poboados comeza a heteroxenizarse, observándose unha maior complexidade e división de espazos, que indican unha maior xerarquización destas sociedades que ademais presenta certos símbolos como é a monumentalización e a decoración de certos ámbitos; aparecen unidades familiares compostas por varias cabanas distribuídas ao redor dun patio; en definitiva, xorde un novo sistema de diferenzas sustentado por unha nova orde social máis xerarquizada.

Os xacementos arqueolóxicos máis serodios de Aguiño Punta Sendón Xacemento do que a penas temos coñecemento ao respeto agás unhas breves notas resultado da súa catalogación. Atópase no lugar de Couso, moi próximo aos Pericos, nun pequeno cabo orientado ao Norte con numerosos afloramentos graníticos que configuran numerosos abrigos, semellantes aos de Pericos.

70

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

As evidencias de asentamento suxiren que foi un espazo ocupado no período comprendido entre o Calcolítico e a idade do Bronce (finais do IIIº mil. AC. –IIº mil. AC.). O lugar onde se localiza o xacemento está sometido a condicións climatolóxicas e ambientais extremas, o que xera fortes procesos erosivos acompañados de achegas de áridos por transporte eólico. Neste senso, resultan interesantes os perfís xerados no extremo NNL da península, coincidindo co lateral occidental da praia de Area Basta, onde o resultado da acción erosiva mariña se observa unha secuencia estratigráfica complexa. Nun destes puntos, dentro dun dos abrigos existentes, identificouse baixo unha capa de 120 cm de sedimento, o que puidese ser unha zona sometida a altas temperaturas (lareira?), cunha extensión no perfil de 30 cm e un grosor medio de 2, ora ben, tamén podería ser resultado dun proceso de REDOX1 propio dun substrato e dunhas condicións ambientais como as existentes.

Punta Pericos Situado no extremo máis meridional da península da Barbanza, nunha pequena península no treito final da ría de Arousa e ao comezo da enseada que forma Corrubedo, coñécese tamén coas denominacións de Punta Falcoeira, Punta

O Patrimonio

71

Perico ou do Couso. O sitio é peculiar, xa que consta de numerosos abrigos onde se pode establecer algún hábitat, asemade conta coa presenza de terrazas ao Norte, Leste e na parte central. Os Pericos dende unha perspectiva histórica era un xacemento clásico na bibliografía do campaniforme galego (manifestación cultural que se desenvolve entre finais do III milenio a inicios do II milenio a.C., e caracterízase pola presenza dunha cerámica de gran calidade e cunha forma semellante a unha campá invertida), dado que na década de 1980 (Criado e Vázquez, 1981; 1982) fora atopado un fragmento por un particular, que se supuña que formaba parte dun cacharro campaniforme. Malia a publicación desta cerámica o xacemento nunca foi intervido e pasou a formar parte de distintas publicacións (Concheiro e Agra, 1997; Agrafoxo, 1986) ata o verán de 2005.) A intervención realízase ao abeiro dun proxecto de investigación máis amplo2, no que se intentaba analizar o desenvolvemento e evolución das sociedades do pasado nunha área concreta, a Península da Barbanza, e durante un período histórico-cultural que abrangue entre o V e II milenio antes do cambio de Era, e que culturalmente comprende dende o Neolítico á Idade do Bronce, dende unha perspectiva interdisciplinar achegándose de maneira integral ao conxunto de evidencias arqueolóxicas (túmulos, gravados ao ar libre, asentamentos, etc.) e paleoambientais coa finalidade de obter unha visión máis axeitada das sociedades pretéritas; concretamente en Pericos, pretendíase realizar unha serie de sondaxes para investigar e documentar mellor as formas de vida do período comprendido entre a transición do III ao II milenio AC, momento no que se está a realizar boa parte da produción artística prehistórica (Vilaseco e Fábregas, 2008: 90 e ss).

72

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

A intervención céntrase na realización dunhas pequenas sondaxes avaliativas esparexidas por todo o promontorio, escollendo aqueles puntos que de maneira apriorística puidesen resultar de maior interese, como é a terraza Norte, terraza Leste e Central así como dous abrigos. Na terraza Norte realízase unha sondaxe de 4 x 2 m no punto de inflexión da mesma, e posteriormente, dados os resultados que estaba a dar, foi preciso ampliala dous metros máis cara ao interior, e a pesares das limitacións orzamentarias e temporais, que determinaron que esta sondaxe non se rematase de escavar, estariamos diante dun posible elemento defensivo de finais da Idade do Bronce, descoñecido ate o momento en zonas tan noroccidentais da península ibérica. A estrutura localizada está construída con pedras de mediano e gran tamaño, cunha orientación preferente no sentido contrario á pendente da terraza, con grande abundancia de cantos rodados, ademais no proceso de escavación púidose confirmar que o punto de inflexión da terraza coincidía cun afloramento, que é sobre o cal se apoia a estrutura arqueolóxica. Unha vez descuberta e documentada ergueuse a estrutura para continuar coa escavación, constatándose que no interior do espazo aterrazado aparecían unha serie de niveis de sedimentos de textura areosa e tonalidades escuras, con gran presenza de materiais cerámicos. A intervención só afondou 1 m respecto da rasante do terreo, polo cal é moi probable que existan niveis arqueolóxicos máis antigos por debaixo dos documentados. O material cerámico exhumado está feito a man, e coas pastas moi bastas, con desgrasantes de seixo de gran groso, e cun predominio de cores laranxas e ocres. As formas das olas son bastante abertas, e os remates moi sinxelos, sen se documentar decoración ningunha, agás nalgunha ocasión na que se aprecia que certas pezas foron brunidas. Tanto pola calidade das pezas cerámicas recuperadas como polos modelos das olas semellan as recuperadas en xacementos como o castro de Torroso (Mos, Pontevedra), ou Neixón Pequeno (Boiro, A Coruña), ambos os dous pertencentes aos comezos da cultura castrexa. Realizouse unha datación en Uppsala Universitet (Suecia) coa técnica do radiocarbono ou Carbono 14 sobre un carbón recollido sobre o último nivel arqueolóxico escavado, que achegou unha datación de 1260-930 AC3 (Vilaseco e Fábregas, 2008: 98), non obstante, dado que o carbón procedía dun carballo, cabe a posibilidade de que o dito valor sexa máis antigo que o contexto arqueolóxico no que foi localizado. O abrigo 1 sitúase a 20 m aproximadamente ao Norte da terraza Leste, nunha zona de acusada pendente á carón do camiño de ascenso que dende a praia de Couso permite acceder á

O Patrimonio

73

dita terraza; configura un espazo duns 30 m2, tendo na actualidade unha altura de aproximadamente 1 m na boca de entrada que vai decrecendo cunha pendente bastante pronunciada cara o Sur. Realizouse unha sondaxe de 3 x 1 m, documentándose un conxunto de depósitos de area de gran fino que se diferenciaban basicamente pola cor que amosaban, destacando a gran presenza de carbóns e restos de cerámica moi rodada, acompañadas de cunchas de bivalvo, ósos de animais e pedras de pequeno tamaño que proceden da dinámica de ladeiras. A pesares de estar moi fragmentados e erosionados os restos cerámicos recuperados neste abrigo, pódese concluír que se corresponden con olas feitas á man, con superficies maioritariamente brunidas; soamente se localizou un fragmento cerámico decorado na superficie do abrigo previa á escavación, que presenta incisións estreitas en bandas oblicuas que alternan de dirección, separadas por bandas de liñas incisas que se corresponde cunha xerra do tipo «Toralla4». No abrigo 2 localizado no extremo Norte da terraza Leste, trátase dun amplo abrigo rochoso que configura dous espazos ben diferenciados: un, o meridional, na que froito da erosión se creou unha gran viseira, pero que non semella ter gran profundidade estratigráfica; e o outro, oposto a este, situado ao outro lado da viseira, configura un abrigo de grandes dimensións, cuns 9 m de longo en sentido N-S, por 5 en sentido L-W, e unha altura media de 1,5 m; en conxunto este abrigo ten uns 50 m2. Realizouse unha sondaxe de 2 x 2 m localizándose un muíño de vaivén feito sobre un penedo que ocupa aproximadamente a parte central do abrigo; a sondaxe afondouse uns 40 cm e púidose constatar que basicamente se tratan de niveis de formación recente, non obstante a sondaxe non foi esgotada estratigraficamente. A terraza Leste presenta unha pendente importante cara á levante, realizouse unha sondaxe de 6 m2; unha vez despezada a zona da capa vexetal foi identificado un acumulo de pedras de mediano e gran tamaño, algunhas das cales pertencen a cantos rodados, este depósito de pedras forma parte do derruba dun posible espazo habitacional, do cal só se puido documentar parcialmente, tanto en amplitude polos límites da sondaxe, como en profundidade, dado que se atopa a nivel de cimentación. Trátase dun muro con forma case-circular en planta que orixinalmente debeu apoiarse nun afloramento granítico situado ao Leste do

74

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

límite da sondaxe, xa que logo foron identificados entalles neste que deberon servir para asentar as pedras do muro en altura; está feito en cachote de granito construído co sistema de dobre cara, con pedras de mediano tamaño asentadas sen aglutinante ou morteiro, e o interior do muro recheo de pedra de pequeno tamaño, ten unha anchura media de 50 cm e un alzado de 40 cm. Estratigraficamente tampouco se esgotou esta sondaxe. Dende un punto de vista da cultura material exhumada, cabe facer fincapé nos fragmentos cerámicos recuperados, dado que se trata de cerámicas que se corresponden a cacharros con pastas de boa calidade, de entre as cales sobresae un fragmento que se corresponde un fragmento de borde plano e reforzado, con prolongación cara ao interior e con decoración impresa, que se corresponde aos característicos bordes reforzados do tipo «Vigo» que teñen o seu apoxeo a finais da cultura castrexa (REY, 1991/92). Ademais, foron recuperados varios fragmentos de ánfora, que de forma preliminar pertencerían ao cambio de Era. Na terraza Central5 planeouse unha sondaxe que só foi posible retirar a capa vexetal, sen poder afondar máis que 30 cm onde apareceron indicios dun novo muro de cachotería, así como abondosos fragmentos cerámicos, entre os cales se atopou un fragmento dun xerra do tipo «Toralla» con decoración incisa. A modo de conclusión podemos dicir que foron recuperados restos arqueolóxicos en todas as sondaxes realizadas, e que asemade coinciden coas zonas máis propicias para o asentamento dende unha perspectiva ambiental e estratéxica (protección e defensa). Quizais un dos aspectos máis salientables sexa a nova caracterización do xacemento, tanto cronolóxico como culturalmente, a pesares da parcialidade da intervención, polo cal é seguro que non se teñan atopados os niveis máis antigos de ocupación do promontorio dos Pericos, outra cousa será se neses niveis se pode documentar ocupación calcolíticas ou campaniformes como era previsible ao atendermos á información publicada nos anos oitenta do século pasado. Outro dos aspectos salientables son os resultados acadados na terraza Norte, xa que se pode inter-

O Patrimonio

75

pretar como unha especie de terraplén artificial construído con cantos e grandes bloques que se apoian sobre un afloramento; o nivel que antecede a construción deste terraplén foi datado cara aos séculos XIII-X cal BC, aínda que con certas reservas, polo tanto esta terraza Norte sería un pequeno asentamento «fortificado», cun terraplén defensivo adscribible inicialmente aos últimos momentos da Idade do Bronce ou comezos da Idade do Ferro, e que fai dos Pericos un caso peculiar cuxo paralelo máis claro semella ser São Julião en Portugal; teriamos un proto-castro, o primeiro que se coñece con seguridade en Galicia, e posiblemente, un dos mellor conservados de todo o Noroeste peninsular, dado que semella que non foi ocupado con posterioridade a eses primeiros momentos da Idade do Ferro. Doutro lado, cabe sinalar que no sector Leste do promontorio de Pericos, existen abondosos datos para falar dunha ocupación de época castrexa que se ocupou ata o cambio de Era con seguridade, e posiblemente se poida fixar a súa orixe na fase media do castrexo (s. IV. a.C.) na transición entre a I e a II Idade do Ferro. A descuberta deste xacemento resulta extraordinario se temos en conta o seu descoñecemento, e máis aínda se nos fixamos que este «castro» carece de elementos defensivos de tipo artificial como sería de agardar, ben se tratase de murallas, terrapléns ou foxos; polo tanto, estamos nun xacemento cando menos peculiar polo anómalo do mesmo, e polo interesante que resulta a información que aportou e que poida achegar nun futuro dado a excepcionalidade do mesmo.

O Castro de Porto Baixo Denominado tamén como Porto de Abaixo ou Anquieiro está situado nunha pequena península a modo de esporón, con orientación NNW, e forma ovoide, situado nas inmediacións do lugar da Graña e dentro do ámbito do Parque Natural Dunas de Corrubedo e Lagoas de Vixán e Carregal. As primeiras referencias coñecidas (Vidal, 2008) que nos falan deste xacemento son relativamente recentes, concretamente na década de 1970, como consecuencia da extracción de áridos destinados á constru-

76

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

ción, práctica moi habitual daquela, e do que aínda se poden observar numerosas fochancas no propio xacemento e na súa contorna. A súa descuberta sucede no mes de xullo de 1978 como resultado da extracción ilícita de area do complexo dunar; non obstante, o xacemento permanece inédito nas publicacións científicas ata 1986, cando o investigador Gerardo Agrafoxo publica «Prehistoria e Arqueoloxía da terra do Barbanza», nembargantes, previamente saíra á luz algunha nova periodística que facía referencia a casuística do achado, as características e a natureza do xacemento, así como o seu estado de conservación. Posteriormente incorporarase á redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Riveira, que se aproba no mesa de Nadal de 2002; asemade, realizouse un estudo máis detallado pola empresa de arqueoloxía de xestión Arca Arqueolóxica ao abeiro dun traballo de estudo para a posta en valor do patrimonio cultural no ámbito do Parque Natural. Foi intervido por primeira e única vez a finais do ano 2004 polo arqueólogo Miguel Anxo Vidal Lojo, grazas ao acordo entre a Delegación Provincial de Medio Ambiente da Xunta de Galicia o Parque Natural e mais o concello de Riveira. Os obxectivos da intervención era contextualizar o xacemento arqueolóxico e, doutro bando, proceder a unha posta en valor do complexo arqueolóxico como un atractivo máis do Parque Natural. Realizáronse unha serie de sondaxes avaliativas, que tiveron como elemento vertebrador o lenzo de muralla descuberto en 1978, tratando de coñecer as características e natureza da mesma (profundidade, estratigrafía, proceso construtivo, etc.); na intervención avaliouse tanto o espazo interno como o externo do recinto. O castro de Porto Baixo é un asentamento que pertence á Idade do Ferro, trátase dun castro costeiro que presenta un único recinto, delimitado artificialmente no sector oriental por unha muralla pétrea, posiblemente precedida dun foxo perimetral paralelo á mesma e coa finalidade de acoutar o acceso ao interior; na actualidade só se pode contemplar parte do lenzo,

O Patrimonio

77

dado que o foxo se atoparía soterrado pola acción da duna eólica. Pola cara Oeste, o mar e os acantilados delimitan o xacemento, namentres que a existencia dunha lomba dunar que atravesa internamente o xacemento en dirección Norte-Sur, semella que poida estar agochando parte doutro elemento delimitador, ben sexa a continuación da muralla pétrea que pechaba ao xacemento polo sector oriental, ou ben se trate dun posible parapeto ou terraplén; esta lomba medra en potencia segundo imos cara ao Norte. No que atinxe á muralla constatouse que estaba formada por dous muros paralelos6 lixeiramente inclinados cara ao interior, feitos a base de cachotería de granito de gran groso, disposta de maneira horizontal acompañada de pequenos ripios para tapar os buracos entre os cachotes de maiores dimensións. Acada na parte externa unha altura máxima de 3 m e unha anchura de 1,20 m e presenta ambas as dúas caras, externa e interna, perfectamente rematadas. No alicerce da muralla predominan os grandes bloques de granito de maiores dimensións que no resto dos paramentos. Namentres que na cara interna só foi careada o lenzo externo, polo tanto aquel que queda á vista dende o interior do recinto. Resulta cando menos sorprendente, que os alicerces internos da muralla se asentan sobre un nivel de area; tamén dende o punto de vista técnico é de destacar que en alzado o muro interno presenta tres chanzos. Outra peculiaridade é o material empregado, xa que no lenzo da muralla non se aprecian o emprego de coios o cantos rodados, tan abondosos na cala que limita ao Sur co xacemento, e que asemade é o material empregado na construción do terraplén da terraza Norte de Pericos, pola contra neste caso, os cachotes que forman parte da muralla atópanse careados, o que podería estar indicando que a obtención da materia prima se fixo ao pé dos acantilados ou ben na extracción dalgún dos afloramentos que proliferan

78

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

pola zona; ou certamente, no caso do emprego de coios estes foron procesados de maneira intensa ata conseguir a aparencia que presenta o aparello7. No interior do xacemento non se detectaron estruturas arqueolóxicas agás algunhas estruturas de combustión de cativas dimensións, compostas basicamente dunha capa de arxila de reducidas dimensións sobre a que se atopan concentracións de carbóns. No que se refire á recuperación de restos de cultura material, só se localizaron media ducia de materiais líticos, e que polas características que presentan non son diagnósticos. Chama poderosamente a atención, e así o cita o responsable da intervención, a ausencia de materiais cerámicos durante a intervención, aínda que tivo acceso a algúns dos materiais localizados a finais da década de 1970, que tampouco son abondosos, e que poderían encadrarse dentro da tradición oleira das Rías Baixas durante a II Idade do Ferro (s. VI-II a.C.); neste senso, e cando menos significativo a ausencia total de materiais cerámicos de importación, se temos en conta o que sucede noutros castros costeiros arousáns, onde se teñen testemuños de actividade comercial con outras áreas, principalmente co mundo mediterráneo; amosando máis proximidade xeográfica e casuística á realidade constatada en Baroña onde foron escasos os materiais de importación recuperados (Calo, 2007), polo tanto pódese descartar que se trate dun asentamento con vocación comercial; tampouco se recuperaron restos de cunchas ou malacofauna aspecto cando menos estraño nun asentamento ao carón do mar, o que descarta polo momento a hipótese de que se trate dun asentamento destinado á explotación de recursos mariños, e se temos en conta o seu emprazamento, cunhas condicións de vida moi duras ao atoparse baixo a influencia do mar, fai pensar que se trataría dun establecemento puntual, de ocupación moi limitada no tempo para unha finalidade moi concreta. Tampouco foron recuperados restos faunísticos, vidros, metais ou numismas como vén sendo habitual noutros xacementos desta filiación cronocultural, o que fai certamente excepcional o xacemento. Doutra banda, a estratigrafía do xacemento semella ser moi básica, cun único nivel que amosa interese arqueolóxico que se atopa selado pola achega da duna e na base do mesmo

O Patrimonio

79

localizase o substrato xeolóxico; e se ademais temos en conta a escasa entidade das estruturas arqueolóxicas documentadas, a ausencia de elementos arquitecturizados intramuros, a escaseza de cultura material recuperada, e a tenue definición do foxo, e no seu conxunto a escasa eficiencia poliercética do sistema defensivo, dá a impresión de que se trata dun asentamento a medio construír, e que nunca chegou a rematarse por circunstancias que actualmente se nos escapan. Circunstancia esta que explica a extraordinaria importancia da delimitación do espazo, e aspectos como a agregación da comunidade como eixes vertebradores destas sociedades, onde primeiro se constrúe o foxo e a muralla e logo a arquitectura intramuros. O abandono do xacemento non supuxo un deterioro importante da muralla, xa que como recolle o director da intervención arqueolóxica, a penas se documenta un derrubo da mesma, e este ademais semella haberse producido nun momento tardío, como se constata cun gran depósito de areas que se asenta aos pés da muralla, e sobre o cal se deposita o derrubo parcial, polo cal se pode intuír que a magnitude da muralla pouco variou ao longo do tempo, dende a súa construción ata a actualidade.

Contexto histórico da ocupación medieval en Aguiño: A plena idade media Coa caída do Imperio romano de Occidente no ano 476, comeza un decaemento dos núcleos urbanos a favor da ruralización do asentamento, dado en certa medida pola perda de seguridade nas vías de comunicación, o que supuxo un declive do fenómeno urbano centrado fundamentalmente no comercio, como centros de produción e zonas de transaccións comerciais, comezando a xurdir unha economía centrada na autosuficiencia, principalmente na actividade primaria (agricultura, pesca e gandería). Logo das invasións bárbaras, acaece outro episodio de revulsión coa chegada dos árabes (711-714 DC), iniciándose un proceso de inestabilidade e perigosidade nas costas galegas que

80

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

non rematará ata a primeira metade do século XII, moderando o rexurdimento urbano8. Este panorama sombrío de inseguridade que afecta ás poboacións do litoral da costa atlántica comeza coas agresións islámicas, sobre todo na etapa de Almanzor, relaxándose a partires do século XI e XII; nembargante neste período os ataques marítimos de normandos, sarracenos e ingleses asolan unha vez máis as costas galegas, ao igual que fixeran con outras moitas rexións europeas; sendo especialmente patente a expedición dos daneses a Galicia no 968 que durou máis de tres anos (Recuero, 2008). As razzias e incursións facíanse por mar (Juega, 1995: 36), achegándose en navíos ao interior das rías e estuarios, desembarcando no litoral e agredindo ás poboacións da costa, secuestrando e matando, apropiándose das colleitas e ganado, incendiando casas e destruíndo todo tipo de pertenzas9. Segundo recollen algunhas das escasas fontes documentais do momento, ante este panorama de acoso continúo, que se iniciaba a mediados de abril e duraba ata mediados de novembro, eran asolados os territorios do litoral, principalmente os máis próximos a Santiago. Estes “piratas”, unha vez realizadas todo tipo de asoballamento, asentaban nas illas próximas como Cíes, Ons, Sálvora ou Arousa. Nesta conxuntura é lóxico pensar que o desenvolvemento dos núcleos urbanos no litoral galego se aletargue no tempo, xa que as poboacións asentadas nestas zonas abandonaban a costa e dirixíanse cara ao interior, deixando desertas e despoboadas estas zonas agás no outono e no inverno10. Neste contexto de inseguridade, explícase o xurdimento de novas fortalezas11, cuxas función son moi variadas: dende a simple vixilancia dos camiños ata a súa incardinación nun sistema máis ou menos sofisticado, pasando pola atención permanente a posibles tensións fronteirizas, ou a garantía de certa seguridade e orde no interior dun determinado territorio. Se atendemos á natureza e características das mesmas podemos establecer tres fases (Recuero, 2008:20): 1. Correspóndese coa fase máis antiga (do s. VIII en adiante), son recintos amurallados a modo de refuxios temporais, construídos sobre amplas superficies rochosas, fortalezas naturais organizadas sumariamente, de cotío sobre asentamentos máis antigos. Este tipo de fortificacións non contaban con guarnición permanente, e tan só servían de refuxio temporal para un grupo máis ou menos numeroso de persoas. 2. Esta fase ten o seu apoxeo entre o século IX e X, comezan a aparecer construcións máis reducidas, con capacidade defensiva reforzada, namentres que o espazo defendible redúcese

O Patrimonio

81

considerablemente. Constituíronse en zonas menos elevadas e con carácter máis diseminado, configurándose como pequenas elevacións onde se construían casas fortaleza para a defensa fronte aos perigos exteriores; características estas nas que podería encaixar os Castelos de Aguiño nun afán de control da costa, que podería constar dunha estrutura moi elemental, formada posiblemente por un recinto fortificado e quizais unha torre de vixilancia. A partir do século XI prodúcese unha multiplicación significativa das fortalezas, tanto dos castelos como de fortalezas de tamaño máis reducido. Cabe advertir que os castelos, tal e como hoxe os coñecemos, son edificacións que foron evolucionando ao longo do tempo, e moi poucas veces, só en épocas tardías, responden a un plan preconcibido como obra arquitectónica. 3. Conforme avanza a Idade Media, os castelos deixarán de ser rústicas fortalezas para converterse en construcións cada vez máis sofisticadas, cun emprego máis xeneralizado e sistemático da pedra en detrimento da madeira, incluso nas rexións nas que a madeira seguía sendo predominante nas construcións ordinarias. Pódese considerar como punto de inflexión mediados do s. XI en adiante. O xurdimento de fortalezas de diversa natureza, como foi o caso de A Lanzada (Sanxenxo – O Grove) ou as Torres do Oeste (Catoira), acompáñanse doutra serie de medidas adoptadas pola Mitra compostelán a finais do século X e principios do seguinte, cuxos principais promotores foron o arcebispo Sisnando II e Xelmírez, medidas todas elas encamiñadas a conseguir unha defensa efectiva da costa, entre as que destaca ademais da construción de novas fortalezas, a creación da primeira armada galega que patrullaría as zonas do litoral. Non obstante a estabilidade é froito dun conxunto de factores máis amplos, non tanto pola política de defensa da Mitra como por unha serie de circunstancias externa a vontade da mesma, como foi o declive da hexemonía musulmán que se retraen cara ao Sur da península; que os normandos son cristianizados e aséntanse definitivamente entre Normandia, Inglaterra e Sicilia; ademais, comezan neste momento as cruzadas contra o infiel; este conxunto de circunstancias garantirán certa estabilidade nas costas galegas, reducindo a momentos episódicos e moi esporádicos as incursións do inimigo, como sucede no ano 997 coa chegada de Almanzor a Compostela.

Testemuños da idade media: Os castelos de Aguiño Trátase dun xacemento de cronoloxía medieval, e tipoloxicamente está clasificado como un asentamento fortificado, localizado no lugar da Graña. A súa localización é un outeiro

82

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

prominente sobre o cal se domina visualmente todo o litoral ata Corrubedo, ao Norte ata o Monte Cidade e o Leste contrólase gran parte do treito medio e exterior da ría de Arousa. Actualmente e a pesares de realizar labores de broza de vexetación, resulta imposible identificar restos estruturais que indiquen a existencia do asentamento, principalmente pola intensa actividade extractiva (cantería tradicional) a que foi sometida a zona. Presenta unha aparencia de espazo baldío coa localización masiva de furados e fochancas que son a proba palpable da extracción de pedra o que ten desvirtuado totalmente ao xacemento; así mesmo, e produto dos últimos tempos, a intensificación urbanística e a instalación dos servizos correspondentes axudou a mitigar máis, se cabe, a configuración arqueolóxica do lugar. Froito da instalación recente dun dos tendidos aéreos que atravesan o xacemento tanxencialmente, foi depositado a carón dun dos postes os materiais extraídos para a instalación do mesmo, e no cal se poden observar restos cerámicos de adscrición medieval (cerámicas

de pastas grises) mesturados con materiais máis recentes (desfeitos de construción como tella, ladrillo, uralita, plástico, etc.) e restos de malacofauna (ostra, bígaro, ameixa e lapa) e fauna (dente dun herbívoro, espiña de peixe, etc.) que polas características que presenta o conxunto (fragmentación, erosión, etc.) puideran ser antigos; pero como é evidente, no contexto actual é imposible de discernir. Cabe sinalar que froito do debagar dos tempos, na actualidade non se observan estruturas ou

O Patrimonio

83

evidencias das mesmas que puideran insinuar a existencia dunha atalaia medieval que debeu ser noutros tempos, cun impresionante dominio visual do extremo meridional do que hoxe en día forma parte do termo municipal de Riveira, de parte da ría de Arousa e da enseada do Parque Natural; xa que logo, os Castelos de Aguiño, tal e como se presenta na actualidade, é en boa medida un recordo, un topónimo.

Contexto histórico das factorías de salgadura a finais do século xviii En relación co peirao da Covasa vén a colación a arribada e posterior asentamento dos fomentadores cataláns12 as rías galegas. A chegada a Galicia acontece a partir de 1755, e a súa estancia era temporal (o tempo que duraba a costeira da sardiña). A compra da sardiña procesada enviábase a Cataluña en barcos que previamente chegaban de alí cargados con produtos agrícolas como o viño e a augardente (Dubert, 2008). A chegada dos cataláns a Galicia vén determinada por unha serie de factores: 1. O interese dende a Idade Media que amosaron os mercadores da cidade de Barcelona pola sardiña salgada que saía dende Galicia cara o Mediterráneo. 2. O incremento experimentado pola demanda do peixe no Principat de Catalunya dende 1738, cando, trala escalada da conflictividade e enfrontamentos con Inglaterra, as autoridades españolas proceden a suspender as importacións de bacallao e arenque daquela rexión. 3.- A crise na que estaban inmersas as pesqueiras galegas dende finais do século XVII, acentuada dende 1737 polos efectos negativos provocados polas levas de mariñeiros para ingresar na Real Armada, provocando un descenso importante da man de obra no sector mariñeiro. A chegada dos fomentadores acaece en tres fases: 1ª. Entre 1760 e 1777, supuxo un 25% dos cataláns que se asentaron en Galicia. Instaláronse preferentemente en Ferrol, Pontedeume, Ares e Mugardos, e cunha mínima presenza na ría de Arousa.

84

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

2ª. Entre 1778 e 1808, tivo lugar o maior desembarco, arredor dun 50% do continxente total de cataláns. Neste momento optaron maioritariamente por asentarse en distintas comarcas das RRBB, principalmente no sector sur da ría de Arousa (Meijide, 1973). 3ª. Entre 1809 e 1825, o restante 25%. Neste período resulta interesante o análise da produción, sendo máis ou menos equitativo entre a ría de Arousa (39,8%) e a de Vigo (34,9), seguido de lonxe pola ría de Pontevedra que supuña un 12%. Coa consolidación dos cataláns na costa galega, hai que ter en conta que das 400 factorías de salgadura, o 80% está nas súas mans (Meijide, 1973: 6); isto vai supor un cambio radical rompendo o statu quo anterior, coa introdución de cambios na forma de pescar como é a xávega (Menéndez, 2008, Dubert, 2008), ou coa introdución doutro tipo de embarcacións. Estas circunstancias van a crear certo rebulo social, pero finalmente o sector galego trala perda do mercado portugués deixa camiño libre aos cataláns. As fábricas ou almacéns de salgadura esténdense por toda a costa, eran edificios construídos preferentemente en pedra, moi elementais (López, 1998: 117), basicamente barracóns de temporada que consistían nun gran alpendre ou cubertiño en forma de gran U, teitado con tella do país, de planta baixa e coa entrada orientada ao mar por onde entraba a sardiña. Moitas veces dispoñían enfronte dunha rampla ou dun minúsculo peirao (idem. 119) para uso exclusivo na carga e descarga da fábrica; e estaban feitos con grandes pedras. As fábricas instaláronse na boca das rías, acollendo a unha media de entre 35 e 50 mulleres como man de obra. O procesado estaba estruturado en distintas partes: • a fase inicial eran os pilos (píos) de salgadura, que presentaban unhas dimensións moi normalizadas, dado que así facilitaba o posterior cálculo da produción. • o seguinte ámbito era o patio de prensado, chamado «morto», no medio do cal se atopaba a lagareta ou lagar, que eran os depósitos de decantado do saín. • noutro lado atopábanse os depósitos de sal, que nestes intres era Monopolio Real (alfolies). O sal era un elemento fundamental para a produción das factorías de salgadura, e en ocasións a súa carestía desencadeou certos episodios, como o acontecido durante a segunda metade do século XVIII á familia Caamaño, que intentou en varias ocasións instalar unha saíña na illa de Sálvora, que finalmente foi denegada en 1789 (Menéndez, 2008); aínda que ao ano seguinte mediante Real Privilexio do monarca Carlos IV (2 de febreiro de 1790)

O Patrimonio

85

concede a D. Vicente Caamaño unha almadraba e pesqueira de atúns na illa de Sálvora (Picallo, 2003: 90). Outro dos produtos clave vai ser o saín, nesta ocasión como residuo valioso, resultante do prensado das sardiñas en salmoira e obtido mediante decantación por diferencia de densidades, ou ben cocendo os desperdicios do eviscerado do peixe. O saín tiña varias saídas, sendo principalmente empregado como o alumeado (aceite de saín) ou para as curtir peles (López, 1998: 121).

Peirao da Covasa Comunmente coñecido como o Porto Fenicio. Trátase dun xacemento de cronoloxía moderna-contemporánea. Localízase na praia da Covasa a uns 500 m ao suroeste do centro neurálxico de Aguiño. Trátase dunha gran estrutura feita en bloques de granito extraídos posiblemente dunha canteira situada aos pés do Porto da Covasa, na ladeira Leste, esta estrutura pétrea configura os restos dun peirao, que, dende a praia, se prolonga uns 68 m en dirección Sur. Esta estrutura apoiase lateralmente sobre o afloramento granítico que configura o cabo da Covasa. Cara ao Norte discorre outro muro que pecha a pequena cala e que se dispón de maneira transversal ao peirao, cunha lonxitude que supera os 20 m e que a penas presenta 40 cm de alzado, feito tamén a base de grandes sillares. Nas inmediacións consérvase parte dun peche perimetral e varias lousas aliñadas con perforacións centrais que son parte dos píos de prensado da antiga factoría de salgadura. Respecto da súa orixe resulta interesante facer mención á denominación Porto Fenicio; semella ter orixe nun bautismo relativamente recente, como o demostra a ausencia nas fontes e bibliografía anterior ao século XX13. A explicación desta denominación tan peculiar hai que entendela

86

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

como un intento de enaltecer un pasado glorioso14 coa presenza dos fenicios nestas terras, que lle confire a mesma antigüidade na ocupación e a existencia de intereses, o que determinaría a presenza dos fenicios en Aguiño. Existen numerosas evidencias da presenza e comercio cos púnicos, fenicios ou cartaxineses nas RRBB, pero resulta pouco crédulo pensar que estas xentes precisaban de grandes peiraos para varar as súas embarcacións, que asemade non debían ser de gran porte, e polo tanto non precisaban de grandes infraestrutura para atracar, moi posiblemente varasen directamente sobre as calas nas cales realizaban as transaccións comerciais; polo tanto, o esforzo que supuxo construír o peirao da Covasa hai que entendelo nun contexto máis recente, relacionado coa chegada dos fomentadores cataláns cara finais do século XVIII, e a instalación das primeiras factorías de salgadura, que precisaron de grandes cantidades de sardiña para procesar, e que evidentemente chegaban por mar, e unha vez procesadas volvían partir vía maris cara ao seu destino. Relacionado con esto cabe facer mención expresa a obra de Meijide na que se recolle que en Santa Uxía de Riveira a instalacións dos cataláns e máis tardía que na parte sur da ría, e que os primeiros en instalarse foron Fidel Curt, Francisco Fábregas e Manuel Sánchez, posteriormente instalan outra en Corrubedo, e tiñan ao servizo de ambas as factorías un galeón denominado Buen Jesús y Animas, e dous bergantíns: Manuel e Ntra. Sra. de la Misericordia. Neste contexto podería explicarse a necesidade de crear un peirao como o existente, onde tivesen lugar de arribada barcos de gran porte como os galeóns ou bergantíns. É interesante a nota que introduce Pascual Madoz na obra “Diccionario geográfico-estadístico-historico de España y sus posesiones de ultramar” publicado en 1850, «existen nueve almacenes de salazón o fábricas de sardinas; pero esta industria floreciente en otros tiempos, ha decaído por el abandono y abuso que de él se ha hecho, según hemos indicado en algunas ocasiones al hablar de la ría de Arosa». Victor Barbeito Pose

O Patrimonio

87

Notas 1. Reacción química de Redución-Oxidación que se manifesta coa presentación de tons ocres avermellados sobre determinados substrato ou sedimentos. 2. A intervención arqueolóxica no xacemento realízase ao abeiro o proxecto de investigación: Ocupación do espazo e modificación do contorno na Península do Barbanza (A Coruña) durante a Prehistoria Recente; financiado con cargo ao Programa Nacional do Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía (período 2002-2005), e os incentivos da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia. O director do proxecto foi o Catedrático de Prehistoria da USC, Ramón Fábregas Valcarce, e os investigadores: Antonio Martínez Cortizas (Profesor Titular de Edafoloxía), Mª Remedios Serna García (Profesora Titular de Prehistoria), Carlos Rodríguez Rellán (Investigador do GEPN) e Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez (Investigador do GEPN). Código Ministerio: BHA2002-00018. Código Xunta: (5075) AE59 – 64100. 3. Uppsala Universitet (Ua-32504) obténdose un resultado de 2895±45 BP, calibrado a 2 σ, realizadas co programa OxCal v.3.10 (Bronk Ramsey 2005) baseado na curva de calibración de Reimer et alii. (2004). 4. Debuxo dunha xerra tipo Toralla cedido pola profesora Josefa Rey Castiñeira, exemplar procedente do Castro de Alcabre (Museo do Mar de Vigo). 5. Os autores definen como terraza Sur. 6. Semellante ao castro de Torroso, que conta cunha muralla de 5,30 m de grosor, e está formada por dous lenzos paralelos coas súas partes vistas en bloques regularizados de gran tamaño (Rodríguez, 2009:59). 7. Pódese clasificar o aparello como Alineado subhorizontal irregular, segundo a clasificación de Parenti, tomada en Tabales Rodríguez 2002:181). 8. LOPEZ ALSINA, F. ( ): «La formación de los núcleos urbanos de la fachada atlántica del señorío de la iglesia de Santiago de Compostela en el siglo XII: Padrón, Noya y Potevedra», en Jubilatio. 9. Referencia extraída da Historia Compostelana (Libro 1, cap.103). 10. Referencia extraída de Enrique Flórez (1965: 301) tomada da Historia Compostelana, II, 21: «Hac de causa a medio aprilis usque ad medium novembris littora Galliciani maris deserta et depopulata erant». 11. Un exemplo ilustrativo do mesmo é que entre 1466 e os Irmandiños derrubaron 130 en toda Galicia (Recuero, 2008). 12. Maioritariamente son de procedencia catalana, aínda que hai certo continxente que son vascos e maragatos. 13. Outro dos argumentos que resta credibilidade á orixe fenicia do peirao, e a ausencia da denominación nas obras dos ilustrados como por exemplo na obra de Frei Martín Sarmiento, que en «Viaje a Galicia» de 1745 e onde fai un relatorio, entre outros aspectos, das antigüidades, non aparece recollida constancia algunha; tampouco figura na obra de Hugo Obemaier, paleontólogo e prehistoriador de gran prestixio que visitou a comarca en 1922 e deixou constancia dos vestixios arqueolóxicos máis relevantes. 14. Como acontece con outros elementos da comarca, como por exemplo sucede coa calzada “romana” de Vitrex en Boiro, que sinxelamente se trata dun camiño tradicional, e que resultado dunha interpretación filolóxica do vocábulo

88

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

Vitres, durante o século XIX, López Ferreiro entende que se trata do lugar onde estivo asentado a Legio VII Gemina Vitrex (ACUÑA, 2005: 67), pero segundo a información dispoñible actualmente tratase dunha atalaia medieval, semellante ao que acontece cos Castelos de Aguiño; ademais, segundo recolle o erudito e xesuíta Ceslestino García Romero, a orixe do camiño é relativamente recente, posiblemente de arredores de 1900, construída polos veciños para acceder ao saltus. Non obstante, dende certos ámbitos e con intereses diversos, séguese promovendo que se trata dunha calzada romana, cando non existen evidencias consistentes para afirmalo, pero non obstante permiten enaltecer un pasado glorioso coa presenza romana na zona, o que xustificaría a súa importancia.

Bibliografía Acuña Castroviejo, F. (Cood): «Celestino García Romero: un xesuíta de Boiro», ed. Col. Cadernos Culturais do Concello de Boiro. Boiro, 2005. Agrafoxo Pérez, X. (1986): «Prehistoria e arqueoloxía da Terra da Barbanza. Ed. Concello de Noia. Santiago. Buxó I Capdevila, R. (1997): «Arqueología de las plantas», ed. Crítica. Barcelona. Calo Lourido, F (2007): «Escavacións e interese arqueolóxico do Castro de Baroña», en BARBEITO POSE, V.J. (Coord): «I Encontro Arqueolóxico do Barbanza: 24 e 25 de febreiro de 2007, Centro Arqueolóxico do Barbanza», ed. Concello de Boiro. Formato DVD. Boiro (A Coruña). Concheiro Coello, A; Gil Agra, Mª D. (1997): «Prospección intensiva en la península do Barbanza: La evolución del hábitat desde el paleolítico hasta la edad de Bronce. Campaña 1989». Informe inédito depositado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia. Criado Boado, F.; Vázquez Varela, J. M. (1981): «Nuevos hallazgos de cerámica campaniforme en la provincia de la Coruña», en Brigantium, nº 2. A Coruña, p. 39-48. Criado Boado, F.; Vázquez Varela, J. M. (1982): «La cerámica campaniforme en Galicia». Ed. O Castro. Sada (A Coruña). Dubert García, I. (2008): «El desembarco de los catalanes en Galicia y los remedios de los naturales a las crisis de sus pesquerías, 1757-1788», en GARCÍA HURTADO, M.R. (Ed.): «Modernitas. Homenaje al profesor Baudilio Barreiro Mallón», ed. Servizo de Publicacións da Universidade de Coruña: 351-367. Fábregas Valcarce, R. (2001): «Los petroglifos y su contexto: un ejemplo de la Galicia meridional», ed. Instituto de Estudios Vigueses. Vigo. Flórez, E. (1965): «España Sagrada»Tomo XX, (reimp. Madrid, 1965). García Sanjuan, L. (2005): «Introducción al reconocimiento y análisis arqueológico del territorio», ed. Ariel Prehistoria. Barcelona.

O Patrimonio

89

Juega Puig, J; De La Peña Santos, A.; Sotelo Resurrección, E. (1995): «Pontevedra, villa amurallada», ed. Servicio de Publicaciones de la Diputación de Pontevedra, Pontevedra. López Capont, F. (1998): «El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII. Los salazoneros catalanas llegan a Galicia», ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña. Meijide Pardo, A. (1973): «Negociantes catalanes y sus fábricas de salazón en la ría de Arosa (1780-1830): comunicación presentada al I Coloquio de Historia Económica celebrado en Barcelona en mayo de 1972». Ed. Imprenta Moret. A Coruña. Picallo Fuentes, H. (2003): «A Casa de Goiáns a finais da Ilustración: Real Privilegio de S.M. Carlos IV para crear unha almadraba de atún na illa de Sálvora», en Boletín de Estudios de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia, nº 2. pp: 87-114. Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ribeira-PXOM- (consulta 2/09/2009- (http://www. planeamentourbanistico.xunta.es/main/SeeConcelloGALICIA.asp?concello=Ribeira) Rodríguez Corral, J. (2009): «A Galicia castrexa», ed. Lostrego. Santiago de Compostela. Rodríguez López, C. (1995): «Dos modelos de explotación del mar en la Galicia castreña: el castro de Queiruga y el castro de Facho de Donón», en XXII Congreso Nacional de Arqueología. Vol. II (Vigo, 1993)173-177. Tabales Rodríguez, M.A.(2002): «Sistema de análisis arqueológico de edificios históricos», ed. Secretariado de Publicaciones de la Universidad de Sevilla. Sevilla. Vidal Lojo, M.A. (2008): «Primeiros resultados da intervención arqueolóxica no castro de Porto Baixo», en BARBEITO POSE, V.J. (Coord): «II Encontro Arqueolóxico do Barbanza: 23 e 24 de febreiro de 2008, Centro Arqueolóxico do Barbanza», ed. Concello de Boiro. Formato DVD. Boiro (A Coruña). Vilas, F.; Nombela, M. (1986): «The evolution of Corrubedo beach-lagoon complex, and evidence of human occupation (1045-695 bp)», en Thalassas, 4.1, pp. 391-404. Vilas, F.; Sopeña, A.; Rey, L.; Ramos, A.; Nombela, M.; Arche, A. (1991): «The Corrubedo beach-lagoon complex, Galicia, Spain:Dynamics, sediments and recent evolución of a mesotidal coastal embayment. Marine Geology, 97, pp. 391-404. Vilaseco Vázquez, X.I. (2007): «O I milenio AC no extremo meridional da península do Barbanza: o xacemento dos Pericos», en BARBEITO POSE, V.J. (Coord): «I Encontro Arqueolóxico do Barbanza: 24 e 25 de febreiro de 2007, Centro Arqueolóxico do Barbanza», ed. Concello de Boiro. Formato DVD. Boiro (A Coruña). Vilaseco Vázquez, X.I. (2008a): «Centro Arqueolóxico do Barbanza. Caderno do Profesorado. O Neolítico, a Idade do Bronce, a Idade do Ferro», Soporte dixital (consulta 2.09.2009http://centroarqueoloxicodobarbanza.org/docs/Guía%20para%20o%20profesorado.pdf Vilaseco Vázquez, X.I.; Fábregas Valcarce, R. (2008): «Dos finais do II milenio AC á segunda idade do Ferro. O asentamento fortificado de Os Pericos (Ribeira, A Coruña); en Gallaecia 27. Sada, A Coruña.

90

Ag u i ñ o , 5 0 a n o s d e p a r r o q u i a

Recuero Astray, M. (2008): «Castillos y fortalezas en el reino de Galicia: entre el Medievo y la Modernidad», en GARCÍA HURTADO, M.R. (Ed.): «Modernitas. Homenaje al profesor Baudilio Barreiro Mallón», ed. Servizo de Publicacións da Universidade de Coruña: 17-30. Rey Castiñeira, J. (1990-91): «Cerámica indígena de los castros costeros de Galicia occidental: Rías Bajas. Valoración dentro del contexto general de la cultura castreña», en Castrelos, III-IV, pp. 141-164. Exposición «Feliz “Fracaso. Sondaxes arqueolóxicas no xacemento prehistórico de Os Pericos (Ribeira, A Coruña)».

O Patrimonio

91

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.