Olimpio Pérez Rodríguez 1841-1915. As orixes da especialización bancaria

June 3, 2017 | Autor: MªJesús Facal | Categoria: Business History, Banking history
Share Embed


Descrição do Produto

EMPRESARIOS DE GALICIA

OLIMPIO PÉREZ RODRÍGUEZ 1841-1915

AS ORIXES DA ESPECIALIZACIÓN BANCARIA

María Jesús Facal Rodríguez Profesora titular da Universidade de Vigo

Olimpio Pérez Rodríguez

Olimpio Pérez Rodríguez, que naceu en Compostela no ano 1841, foi o segundo dos seis fillos (tres mulleres e tres homes) dunha familia de moi longa tradición no mundo dos negocios, a formada pola compostelá Antonia Rodríguez Arijón Liñares e polo camerano Manuel Pérez Sáenz. Os seus bisavós maternos, Jacobo Rodríguez Arijón e María Suárez Izás, procedentes dunha parroquia de Betanzos, instaláranse en Compostela a finais do século XVIII, onde vai traballar o primeiro deles no gremio de cereiros. O seu avó materno, Francisco Rodríguez Arijón continuaría con esta última actividade, pero foi entrando pouco a pouco en novos negocios como os préstamos, o comercio e a armaduría de buques.1 Os seus avós paternos, Eusebio Pérez do Molino e Lucía Sáenz Rubio, eran de orixe camerana e deberon instalarse en Compostela nas primeiras décadas do s. XIX, dedicábanse á compravenda de trapos cuxo uso máis importante era a fabricación de papel. Manuel Pérez Sáenz, o seu pai, nacido en Ortigosa de Cameros, fixou a súa residencia en Santiago de Compostela en 1825, ao entrar a traballar co que sería o seu futuro sogro, Francisco Rodríguez. En 1845 esta-

1

García López, A. (2003); Lindoso (2005).

Empresarios de Galicia

142

beleceu o seu propio negocio, cunha actividade moi diversificada que orientou cara ao comercio por xunto, á importación e exportación, e, pouco máis tarde, á banca. Para iso contou con recursos procedentes de dúas fontes: un préstamo do seu sogro e o patrimonio da súa muller. O primeiro chegou a acadar a cifra de quiñentos mil reais e proporcionoulle liquidez para os seus investimentos. O patrimonio de Antonia, que faleceu en 1852, non se repartiu ata 1876, e ascendeu entón a algo máis dun millón de reais, polo que Manuel Pérez Sáenz puido contar con este importante capital durante un período considerábel de tempo. Manuel Pérez Sáenz, tendendo redes como comerciante banqueiro Con estas bases financeiras, a actividade por conta propia de Manuel Pérez Sáenz iniciouse como acumulador de millo, ao participar nas exportacións dos anos da fame irlandesa, que tan interesantes resultados económicos lle proporcionaron a un bo grupo de comerciantes por xunto e armadores dos portos de Carril e Vigo.2 Participou pouco máis tarde como armador en varias expedicións de transporte de emigrantes ao Río da Prata, unha actividade en cuxo desenvolvemento inicial tivo un importante papel, e igual que outros armadores que participaron neste negocio nas tres décadas centrais do século XIX, aproveitou este tráfico como porta para o comercio de importación/exportación (peles, azucre, fariña, viño) e como antesala da actividade bancaria. Esta última secuencia ten un especial interese na historia empresarial de Galicia porque foi a

2

Taboada Moure (1982) e Carmona (1983).

Manuel Pérez Sáenz, comerciante banqueiro compostelán e pai de Olimpio Pérez

Olimpio Pérez Rodríguez

143

que seguiron os negociantes do XIX que rematarían por convertérense en principais casas de banca galegas do século seguinte. No proceso emigratorio galego cara a América Latina houbo tres elementos que impulsaron a actividade bancaria dos armadores galegos: o primeiro, a frecuente necesidade de que os propios armadores lles prestasen aos emigrantes o diñeiro preciso para a viaxe3, o que deu lugar a que moitos deles entrasen nas actividades crediticias. O segundo elemento foi a práctica de completar con algunhas mercancías as expedicións de emigrantes, así coma, sobre todo, de empregar os barcos no seu retorno para traer diversas materias primas e coloniais ou en tráficos de intermediación entre os portos do Río da Prata e outros americanos, antes de regresar a Carril, á Coruña ou a Vigo, con produtos propios daqueles. En moitas ocasións, os ingresos procedentes da venda destas exportacións a Río da Prata reinvestíanse precisamente no comercio interamericano como, por exemplo, no envío de chacina a Cuba, como xeito de dar unha maior rendibilidade ao retorno de fondos. Estas actividades comerciais significaban ampliar o abano de relacións dos armadores galegos non só cos comerciantes latinoamericanos senón tamén cos doutras partes do mundo cos que aqueles, á súa vez, se relacionaban. Ademais, e como estes negocios xeraban letras de cambio que actuaban como medio de pago sobre lugares moi diversos abríase así a posibilidade de completar os beneficios do comercio propiamente dito cos procedentes da negociación e do xiro de tales letras. Os comerciantes que, como Manuel Pérez Sáenz en Santiago, conseguiron estabelecer así unha rede de contactos ampla e gañar a confianza dos seus correspondentes e consignatarios, convertéronse nun punto de referencia para os negociantes doutras rexións e doutros países que precisaban realizar cobros ou pagos na súa área de influencia. No caso do comerciante camerano estabelecido en Santiago, converteuse este, en efecto, en referente non só na súa cidade senón tamén nas rías de Arousa e Muros, coas que mantiña como veremos pronto unhas relacións moi estreitas. Conseguiu así con iso unha posición moi vantaxosa

3

Vázquez González (1999).

Empresarios de Galicia

nunha das comarcas economicamente mas dinámicas de Galicia.4 Deste xeito, Manuel Pérez Sáenz sitúase nunha rede de pagos multilateral, a través da que fluían medios destinados para este efecto; isto é, letras de cambio que se pagarán (ou cobrarán) en distintas prazas españolas, e letras denominadas en moeda estranxeira, francos e sobre todo libras esterlinas. Por estas redes circularían axiña, modestamente desde as décadas centrais do século XIX, e de forma moito máis ampla desde 1880, as remesas que os emigrantes galegos en América lles enviaban ás súas familias de Galicia, e as cantidades que os propios emigrantes retornados repatriaban cara á súa terra. Este sería o terceiro elemento ao que nos referiamos. As casas galegas mellor posicionadas neste tráfico converteríanse nas principais casas bancarias do século XX, unha delas sería a dos descendentes de Manuel Pérez Sáenz. Ao longo dos primeiros anos da década de 1860, Manuel Pérez Sáenz exportou moedas de prata a Francia e durante toda esa década foi intermediario de casas inglesas nas compras de gando vacún para a súa exportación a Inglaterra, un negocio no que continuaría aínda na década seguinte.5 Tanto nas exportacións de gando desta época coma nas de millo dos anos corenta realizou

144

Edificio principal e central de vapor da Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago contra 1925. Estaba situada na confluencia das actuais rúas de Montero Ríos e Xeneral Pardiñas. Arquivo de Unión Fenosa

4 A oferta de papel en Galicia dependía non soamente dos propios xiros, isto é, do volume de medios de pago xerados polas vendas a unha praza concreta, senón do papel enviado en compensación a bens ou servizos recibidos polos comerciantes doutras zonas, doutras cidades ou doutros países; papel Londres, Madrid, ou Barcelona, que adoitaba ser o máis empregado por ser o de máis doada liquidez. A demanda de papel que recibía Manuel Pérez Sáenz, procedía non só dos empresarios de Santiago senón tamén doutras cidades galegas e de fóra de Galicia. A negociación do papel nacional remata contra 1886 coa creación da rede de sucursais do Banco de España, a rede contribuíu a que o prezo do papel sobre calquera praza española xa non cotizase con beneficio ou quebranto. Castañeda (2001). 5

Facal (2001); Carmona (1982).

Olimpio Pérez Rodríguez

145

un importante papel de intermediación entre a súa hinterland agrícola e os mercados externos. No caso do millo actuou por conta propia mentres que no do gando o fixo pola orde dos compradores ingleses. Nos dous casos adiantaba o diñeiro en efectivo, se ben só no do millo asumía un maior risco, ao xuntar antes de ter un comprador final. Ambos os tráficos tamén lle axudaron a ampliar a súa rede de contactos exteriores e puxeron á súa disposición letras de cambio en libras esterlinas, nun momento no que estas eran moi necesarias para a economía española. Foi copropietario de varios barcos dedicados ao transporte de mercancías tanto de cabotaxe coma de comercio exterior europeo e latinoamericano; os seus portos de referencia en Galicia eran os de Carril, Pontecesures, Vilagarcía de Arousa, Santa Uxía de Ribeira e Muros. A estas alturas, o negocio da ceraría, herdado do seu sogro, tiña xa para o camerano un carácter marxinal. Manuel Pérez Sáenz comezou por estes anos a ocuparse da prestación de servizos financeiros ás principais empresas da bisbarra de Santiago, o que é dicir ás das fábricas de curtido compostelás e aos fomentadores de salgadura das rías de Arousa e Noia-Muros. A súa relación coa industria do curtido foi desde o principio moi estreita; nunha primeira etapa, a través da subministración de peles que mercaba por xunto en Arxentina; nunha segunda, a través do crédito comercial, ao negociar as letras do sector e concederlles préstamos a longo prazo aos empresarios máis importantes do sector na cidade, a familia Harguindey.6 Respecto á industria pesqueira, centrou a súa intervención na negociación do papel comercial creado polos fomentadores. Estes enviábanlle a negociar as súas letras, a maior parte delas sobre Barcelona, praza importante para os compradores de téxtiles ou de augardentes catalás. A cambio Manuel Pérez Sáenz proporcionáballes diñeiro metálico ou en billetes, cobros e pagos en Santiago, ou papel comercial sobre outras prazas, unha actividade que continuarían os seus sucesores cos xa modernos fabricantes de conservas, que substituirían Barcelona por Burdeos, París e Londres. Manuel Pérez Sáenz foi concelleiro do Concello de Santiago de Compostela en 1850; presidente interino do Consello do Ferrocarril Compos-

6

Fernández Vázquez, M.ª T. (2002).

Empresarios de Galicia

telana de la infanta Doña Isabel de Santiago al puerto de Carril en 1862; e director do Banco de Emisión de Santiago durante oito meses en 1865. Na liña doutros moitos comerciantes banqueiros españoles, merchant banks ingleses ou a haute banque francesa —aínda que indubidabelmente a unha escala moi inferior—, fixo as súas incursións na contratación de obras e servizos públicos. Neste sentido, arrendou durante os anos sesenta o imposto de consumos na cidade, interveu entre 1870 e 1872 no financiamento da construción da praza do mercado de Abastos de Santiago, para cuxa culminación adquiriría soares na zona co fin de vendelos posteriormente. Olimpio Pérez á fronte do negocio familiar. A etapa de Hijos de Pérez Sáenz e o comezo da especialización bancaria Á morte de Manuel Pérez Sáenz, que tivo lugar o 12 de marzo de 1880, quedaron como herdeiros a súa filla Celestina, os seus dous fillos, Olimpio e Cándido, e a súa segunda muller, Ramona García Pérez, pactando os catro a continuidade do capital baixo a denominación de Manuel Pérez Sáenz en liquidación. A continuidade do negocio pode dicirse que non se resentiu, porque Olimpio, que se formara no seu día nas casas dos correspondentes do seu pai en Londres, Santander e diversos portos do Mediterráneo, levaba tempo axudando a Manuel na xestión das actividades diarias e representándoo con frecuencia en constitucións de empresas e diversas actuacións na cidade e no seu medio. Pero as mortes de Ramona e Celestina, acaecidas nun prazo de dous anos, impulsaron os dous homes, que contaban con corenta e trinta e catro anos respectivamente, a proceder á repartición da herdanza. Posto que os fillos da súa irmá eran menores de idade, a súa parte quedou en depósito na casa bancaria, que puido seguir facendo uso dela. A outra herdeira vendeulles todos os seus dereitos. En consecuencia, os irmáns Pérez Sáenz quedaron cos activos e cos pasivos do negocio paterno e constituíron Compañía Regular Colectiva baixo a denominación Hijos de Pérez Sáenz, cun capital social de 250 mil pesetas, distribuído a partes iguais entre os dous irmáns. Na escritura social estipulábase tamén que no caso de falecemento, o sobrevivente continuaría coa sociedade e podería separar os sucesores do outro socio. Símbolo tanto da intención de Olimpio e Cán-

146

Olimpio Pérez Rodríguez

147

dido de darlle maior amplitude ao negocio como de dotalo dunha imaxe de modernidade e prosperidade foi a construción en 1887 dunha nova sede social na actual praza de Cervantes da cidade compostelá, un grande edificio que sería a súa sede durante moitos anos, para cuxa construción derribaron a estrutura de cinco casas alí existentes. A etapa de Hijos de Pérez Sáenz coincide cunha época de importantes transformacións no sistema bancario español, que tiveron como fitos principais a concesión en 1874 do monopolio de emisión de billetes ao Banco de España, cuxos billetes pasaban a ser os únicos de curso legal en todo o país, e a implantación da súa rede de sucursais nas principais cidades españolas durante os anos seguintes. Estes acontecementos, aos que se sumaría dez anos máis tarde o estabelecemento da gratuidade das transferencias entre as sucursais do Banco de España, tiveron unha profunda influencia sobre as funcións dos comerciantes, que como os Pérez Sáenz, exercían tamén funcións de tipo bancario. Agora calquera podía dispoñer de billetes de banco de validez en toda España ou transferir fondos a través das sucursais do Banco de España. Xa non era necesario esforzarse en buscar papel sobre a praza na que un comerciante quería pagar unha mercancía, e o labor dos que podían dispoñer de tal papel, aínda que non desaparecía, si que reducía a súa importancia e dimensión. Moitos dos antigos comerciantes banqueiros abandonaron a súa actividade bancaria e concentráronse no outro ramo da súa actividade, a simplemente comercial; pero outros envorcáronse máis naquela e buscaron utilizar os seus recursos e as súas relacións noutros negocios bancarios. En non poucos casos, o aumento das remesas da emigración que comeza durante estes anos axudoulles a atopar un, na canalización destas últimas. A curto prazo, e mentres que o Banco de España non se instalou na área compostelá, algo que ocorreu en 1886, Olimpio e o seu irmán aproveitaron a circunstancia para ocupárense eles mesmos de comprar e vender na cidade os billetes daquel.7 Unha vez estabelecida a sucursal, trataron de adaptarse o mellor posíbel á nova situación; abriron unha 7 A maior parte das veces tomaba os billetes cun desconto, que oscilaba entre o 1% e 0,5%, mentres que as vendas de billetes as realizaba polo valor nominal. Nos ingresos de importes como dez mil reais ou cinco mil reais non aplicaba descontos.

Empresarios de Galicia

conta de crédito nela e pasaron a descontar alí os efectos dos seus clientes que anteriormente lles enviaban aos seus correspondentes. A estrutura destes últimos foi, en consecuencia, cambiando. En Madrid xurdiron correspondentes ligados ás remesas de emigrantes, e en Barcelona, os que antes mercaban libras esterlinas, comezaron tamén a canalizar remesas, diminuíndo durante un tempo o contacto directo cos emisores latinoamericanos.8 O rápido crecemento das exportacións galegas de conservas que se produce desde comezos dos anos oitenta conduciu a Hijos de Pérez Sáenz a estreitar vínculos co Credit Lyonnais, a través de quen se canalizaba o papel comercial que percibían os industriais galegos en pago polas súas vendas en Burdeos, París e Londres, que eran os principais centros de contratación aos que concorrían cos seus produtos. A medio prazo, Olimpio e Cándido foron optando pola especialización neste tipo de negocios bancarios que a emigración e a exportación de conservas estaban impulsando, e abandonaron progresivamente a actividade puramente comercial e armadora. O resultado da estratexia dos comerciantes banqueiros composteláns non puido ser mellor. Durante o decenio seguinte á instalación do Banco de España na cidade, aumentou tanto a clientela coma o volume de recursos captado, grazas especialmente á canalización das remesas da emigración con destino á bisbarra na que a casa adquiriu unha importante cota de mercado. Do lado do activo, ampliáronse e estreitáronse as relacións cos empresarios locais; deste xeito, era moi significativo o apoio financeiro a Juan Harguindey. En todo caso, e durante esta etapa na que Olimpio e Cándido comparten a titularidade social da empresa familiar, a principal partida do activo foi a carteira de valores, que chegou a representar o 88% do activo. Na súa maior parte tratábase de renda fixa, tal como cédulas hipotecarias e débeda pública española. Na década dos noventa e a medida que a casa amplía conexións externas pola vía das remesas, comezan a mercar algúns valores estranxeiros tales como débeda inglesa, obrigas ferroviarias e algo de débeda latinoamericana. Entre os valores privados dominaban os bancos; o Banco de España,

8

García López (1992) e Facal (2004 e 2005).

148

Olimpio Pérez Rodríguez

Edificio principal da antiga fábrica de carburos de Laforet y Cía., en Arcade, na que tiña unha importante participación a casa bancaria de Olimpio Pérez. Fotografía do ano 1990

149

sobre todo, pero tamén o Credit Lyonnais e o Comptoir Nacional d’Escompte con quen tiña un volume de negocios importante. Pero a partir de 1895, e malia que a guerra de Cuba provocaría unha contracción dos envíos de remesas durante a segunda metade da década, prodúcese un cambio na estratexia investidora de Hijos de Pérez Sáenz. De non ter practicamente ningún investimento directo en empresas galegas, comeza a adoptar un papel activo na promoción dalgúns proxectos, así coma a tomar participación nalgunhas iniciativas promovidas por outros. Aínda durante este período representan un investimento limitado no conxunto do activo, pero significan un punto de inflexión que se consolidaría axiña, cando Olimpio quede como único propietario da empresa familiar. Dous de tales proxectos converteríanse pronto nos seus principais investimentos en Galicia. O primeiro foi a creación en 1895 da Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago (SGES), para a cal contou

Empresarios de Galicia

150

coa colaboración doutra casa de comerciantes banqueiros locais, Viuda e Hijos de Simeón García. O segundo foi o da Azucarera Gallega, S.A., unha empresa constituída en 1899 para a fabricación de azucre de remolacha en Portas (Caldas de Reis), na que eran socios tamén a casa coruñesa de Sobrinos de J. Pastor e o capitalista caldense Laureano Salgado, cos que a partir de entón compartiría Olimpio varios proxectos de investimento. Esta última sociedade tivo unha vida moi breve, pois a multiplicación do número de empresas neste sector que se produciu nos anos finais do século, deu lugar a un exceso de oferta que rematou conduTáboa 1 Activo, contas correntes e estrutura da carteira de valores (% sobre o total de carteira) de Olimpio Pérez 1885-1915 1885

1895

1901

1909

1915

Bancos (sen Banco de Vigo)

8

14

14

14

Cédulas hipotecarias

5

7

10

11

52

39

18

7

Papel Estado

87

Valores débeda inglesa

4

Valores estados europeos Valores latinoamericanos Ferrocarrís españois

5

Ferrocarrís estranxeiros Soc. españolas non galegas

2

Soc. eléctricas Soc. galegas (con B de Vigo)

6 8

2

1

2

10

10

3

6

5

2

5

3

4

10

3

3

2

2

29

39

3

11

14

Importe valores (PTA)

251.189 2.122.861

3.360.651

2.52.012

2.193.409

Contas correntes acredoras

492.760 2.406.891

2.834.534

2.242.300

2.481.207

408.789

2.369.242

1.840.037

2.574.630

Ctas. acredoras correspondentes1 Ctas. correntes debedoras correspondentes (PTA) Capital (PTA) Total activo (PTA) Valores nominais en depósito

250.000

989.229**

1.824.934

1.750.000

1.910.128 2.858.631

250.000

4.465.246

6.309.078

7.921.664

12.273.063* 30.830.114

46.096.736

* Este dato é de 1904, a data máis temperá na que figura no balance a conta de depósito de valores nominais. ** Este valor é o saldo da conta corrente de Olimpio, coa morte de Cándido distribuíuse o capital e xa non figura no balance o capital de Hijos de Pérez Sáenz. Fonte: Libro de Inventario de Hijos de Pérez Sáenz (1885-1896) e Mayores.

Olimpio Pérez Rodríguez

151

cindo á formación dun trust, a Sociedad General Azucarera de España, que decidiu pronto pechar a planta de Portas.9 Moi lonxe das cifras investidas nas sociedades anteriormente citadas —sesenta e noventa mil pesetas respectivamente, que no segundo caso se perderon na súa maioría—, participaron tamén nestes anos no proxecto para construír o Ferrocarril a la Tierra, unha vía ferroviaria que debería conectar Santiago con Lugo e coa Coruña, enlazando Compostela coa liña Ponferrada-A Coruña. Tamén como accionista está presente, aínda que de forma pouco máis que simbólica na constitución do Banco de Vigo no ano 1900. A casa conservaría a súa tradicional vinculación familiar coas rías de Arousa e Muros-Noia, o que se traduciría nalgúns investimentos nesta área. En 1883 subscribiría 2 accións do vapor Necesaria da Pobra e participaría no vapor Esperanza, de Muros, con 100 accións, contra 1897. Os dous investimentos sumaban un valor de 7500 pesetas. En 1900 entrou como socio comanditario nunha empresa armadora de buques de vapor, a Compañía Gallega de Navegación. Martínez Fernández y Compañía de Ribeira, cunha contribución de 40 mil reais, que supoñía o 6,66% do capital social. Nesta sociedade compartiu proxecto coa casa bancaria Hijos de Francisco Deza de Vilagarcía, cos irmáns García Mouriño, e mantivo esta participación deica o final da sociedade en 1918. Esta empresa pretendía dedicarse ao transporte das conservas galegas cara a Francia e cara a outros destinos, ofrecerlles un mellor servizo aos fabricantes galegos e nacionalizar unha actividade que exercían empresas foráneas. Olimpio Pérez, banqueiro Tras o falecemento de Cándido en 1901 e de acordo co pacto social, Olimpio mercoulles aos sucesores do seu irmán a participación que aquel tiña no negocio e inscribiuse no rexistro como comerciante individual ao ano seguinte baixo a denominación de Olimpio Pérez; como obxecto social explicitaba xa a súa dedicación «ao negocio de banca e a

9

Carmona e Nadal (2005).

Empresarios de Galicia

outros análogos». Constataba así o final do proceso de especialización, que culminaba coa súa conversión en banqueiro, un proceso que comezara e progresara xa, como vimos, na etapa anterior. Nesta nova fase da súa actividade empresarial, Olimpio contou para a xestión da súa casa mercantil coa axuda do seu xenro, Marcelino Blanco de la Peña, e do seu sobriño Manuel de Andrés Pérez. O primeiro desempeñou un papel moi activo durante os últimos anos de vida do seu sogro, pois xa desde 1904 aparece representando a sociedade en diversas empresas. Manuel de Andrés Pérez, pola súa parte, abandonaría a colaboración co seu tío en 1909, para constituír en unión coa súa irmá a malograda Sociedad Regular Colectiva Pérez y de Andrés, unha casa de banca que remataría quebrando en 1921. A asunción da responsabilidade en exclusiva por parte de Olimpio implicou un importante avance na nova orientación da política de investimentos comezada na segunda metade da década anterior. Neste sentido, reducirase substancialmente o peso na carteira de valores dos títulos españois, sobre todo dos de carácter público, en favor do investimento en valores latinoamericanos (bancos, débeda e proxectos inmobiliarios), e, sobre todo, das participacións en empresas galegas que se crean por estes anos e en cuxa fundación e/ou financiamento xoga Olimpio Pérez un papel destacado. Entre estes valores galegos, a maior parte correspóndese con empresas que teñen o seu asento na provincia de Pontevedra, e especialmente en Vigo. Desde un punto de vista sectorial, a maior parte do investimento concentrarase nas sociedades eléctricas que se están a crear durante estes anos. Detrás delas, o segundo sector obxecto do investimento da casa bancaria compostelá foron as empresas dedicadas a labores de urbanización e infraestruturas para a industria e o turismo. Finalmente, partidas menores foron parar a sectores como a minaría, a cerámica, os servizos públicos e a pesca. A importancia do investimento vigués é facilmente explicábel, se temos en conta que a cidade olívica estaba atravesando na primeira década do século un espectacular proceso de transformación, consecuencia da expansión que estaba coñecendo a pesca e o conxunto das industrias marítimas. Pero é que ademais, Olimpio tiña alí fortes conexións familiares e profesionais, que o podían manter ben informado das posibilidades de negocio. Por unha parte, estaban en Vigo o seu xenro Ángel

152

Olimpio Pérez Rodríguez

Acción da Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago

153

Sáenz-Díez e o seu irmán Acisclo, xenro de Blanca Navarrete, da casa de Viuda de Simeón García. O seu correspondente en Pontevedra José Riestra López, marqués de Riestra, e o seu cliente e socio, o caldense Laureano Salgado,10 eran unha fonte de información aínda máis ampla, pois estendían os seus negocios por toda a provincia.

10 Desde 1900 a 1909 Laureano figuraba con dous préstamos na casa de Olimpio Pérez por un valor de case 260 mil pesetas, un era hipotecario e outro peñorado.

Empresarios de Galicia

154

Resgardos de accións da Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago

Olimpio Pérez Rodríguez

155

Olimpio Pérez e Sobrinos de J. Pastor foron durante estes anos os principais soportes financeiros do nacente sistema eléctrico galego. Ambas as casas investiron tanto en accións coma en obrigas das máis importantes sociedades do sector, en resposta a estratexias diferentes. As accións, ademais do cobro de dividendos permitían exercer control sobre as decisións da sociedade, mentres que as obrigas constituían un modo de obter rendibilidade segura aos fondos investidos. Olimpio, que xa participara na creación da Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago en 1895, aumentou a súa participación accionarial nos anos seguintes ata chegar ao seu máximo de 185.000 pesetas (257 accións) en 1909; igualmente subscribiu obrigas cando estas se emitiron en 1910. En abril de 1902 mércalle accións e obrigas da Sociedad General Gallega de Electricidad a Laureano Salgado; en 1909 contaba con 118 accións e 94 obrigas. Aínda que non formou parte do consello de Administración da Eléctrica Popular de Vigo e Redondela (EPVR) era no momento da súa fundación en xuño de 1903, cos súas 300 accións por valor de 150.000 pesetas, un dos seus principais accionistas, só por detrás do propio Salgado. A EPVR estivo impulsada polo enxeñeiro industrial Ramón Laforet Cividanes e polo indiano Laureano Salgado, con quen Olimpio Pérez compartiría nos anos seguintes diversos proxectos industriais. En 1904 entrou como socio comanditario en Sociedad Eléctrica Gallega Laforet y compañía, unha empresa fundada en 1898 polo propio Laforet e polo banqueiro pontevedrés José Riestra, para a explotación dunha fábrica de carburo de calcio en Arcade e dun salto de auga no próximo río Verdugo. Finalmente, Olimpio entraría en 1910 cun 25% na constitución da Hulla Blanca, sociedade domiciliada inicialmente en Caldas de Reis e posteriormente na cidade de Pontevedra, que se ocuparía de distribuír enerxía nas zonas do Morrazo e Val Miñor, por medio de tres importantes saltos de auga situados nos ríos Almofrey, Villaza e Mesego. Á beira destes, que foron os seus investimentos de maior importancia no sector eléctrico, Olimpio tivo pequenas participacións accionariais na Electra Industrial Coruñesa e na Hidroeléctrica do Pindo, así coma algunhas obrigas en sociedades non galegas, como a Hidro eléctrica Turia e a portuguesa Sociedad Eléctrica de Espinho. O segundo grupo de investimentos en termos de valor foron dirixidos a empresas destinadas a labores de urbanización e infraestruturas. Dentro deste grupo poderiamos incluír a súa participación na fundación en 1902

Empresarios de Galicia

de Villagarcía Industrial, dedicada á promoción de solo industrial e á explotación dun ramal ferroviario que unía a liña de Pontevedra a Carril cun embarcadoiro na ría de Arousa, ou no Sindicato Español, unha empresa constituída en Madrid en 1907 para urbanizar a illa de Cortegada. Ou, finalmente no denominado Sindicato Hispano Americano, que, constituído en 1912 pretendía construír un peirao en Ribeira e realizar o recheo da praia de Vilagarcía. Ningún destes proxectos pasou de tales, e a maior parte deles tiveron un marcado carácter especulativo, especialmente o relativo á illa de Cortegada. En todos estes proxectos entrou Olimpio guiado da man de Laureano Salgado, aínda que en ningún deles puxese cifras semellantes ás que investiu nas eléctricas. En certo sentido, tamén a participación de Olimpio na fundación en 1903 dunha empresa da significación histórica da Toja, S. A., ao carón de Salgado e Riestra, podería entrar no mesmo grupo ca os últimos investimentos citados. Pero, en realidade, e malia que supoñía obras de urbanización e construción o volume do investimento (130.000 pesetas) e a maior seriedade do proxecto recomendan situalo como un investimento distinto. Outros sectores nos que a casa bancaria compostelá realizou investimentos foron o mineiro, a cerámica e os servizos públicos. No primeiro deles participou en 1903 na creación de Minas del Sar S. A., constituída para a explotación de varias concesións de minas de piritas de ferro cobreado na zona de Compostela, cuxos produtos se exportarían a través dun tranvía eléctrico que debería conectalas co porto de Vilagarcía. Esta empresa na que ademais de Salgado participaban tamén o enxeñeiro de minas Rafael Sáenz Díez e o empresario Antonio Sierra foi unha das moitas que se constituíron no sector durante estes anos sen que chegasen nunca a pasar dos planos. No ámbito da cerámica de construción, un sector en auxe durante estes anos iniciais do século, Olimpio participou na constitución da que sería unha das máis emblemáticas fábricas da especialidade na Galicia do século XX, Guisasola y Cía., Cerámica de Dena, sociedade da que foi socio comanditario, á beira, entre outros, do empresario vigués Tomás Mirambell Maristany. Os socios colectivos eran dous industriais moi coñecidos no sector, os irmáns asturianos Justo e Guillermo Guisasola y Vigil. No ámbito dos servizos públicos, Olimpio Pérez tivo unha pequena participación na Sociedad de Abastecimiento de Aguas de Vigo, ao mesmo

156

Olimpio Pérez Rodríguez

157

tempo que entre 1909 e 1913 participa na explotación da rede telefónica de Vigo como socio comanditario de Senén Calleja, que mercara a concesión no primeiro daqueles anos. Finalmente Olimpio participou, dentro do sector pesqueiro, na constitución no ano 1906 de Álvaro Cornide e Cía., sociedade regular colectiva que operaba na Coruña. Ademais de participar na súa creación, financiou a adquisición de dous buques cun crédito hipotecario, que remataría facéndoo propietario deles. Vendidos pola banca compostelá durante o boom dos fretes que se produciu durante a Gran Guerra, acabaron constituíndo un excelente negocio.11 A intervención de Olimpio Pérez na maioría das empresas citadas parece estar moi relacionada coa necesidade de capital en efectivo dos concesionarios de determinadas explotacións, que procuraron a participación dos banqueiros para dispoñeren de liquidez coa que desenvolver a súa actividade. O concesionario e instigador por antonomasia de moitos destes negocios foi Laureano Salgado, que, sen recursos el mesmo para explotar as súas concesións hidráulicas e os seus proxectos industriais, buscou nas tres principais casas bancarias galegas, Sobrinos de J. Pastor, José Riestra e Olimpio Pérez os capitais necesarios. Neste sentido, a achega de Olimpio á xeración de empresas no ámbito industrial e de servizos durante a primeira década do século XX foi dunha importancia que non cómpre ponderar. Houbo pois unha estratexia de apoio que podería permitirnos falar de banca mixta para referírmonos a estas casas bancarias. O outra gran liña do activo de Olimpio mantívose máis estancada e con menos novidades durante a primeira década do século XX. A banca da praza de Cervantes continuou tendo entre os seus principais clientes de activo a familia Harguindey, á que nestes anos non só facilita crédito para circulante senón que tamén para as aventuras dalgúns dos seus membros en sectores novos, como foi o caso do importante crédito á empresa Torán y Harguindey unha construtora creada en Madrid en 1902 polo enxeñeiro Luis Harguindey Pérez, que se encargaría das obras do edificio do Palacio de Comunicacións da praza de Cibeles, que deseñara o arquitecto porriñés Antonio Palacios.

11

Hijos de Olimpio Pérez (1947).

Empresarios de Galicia

Ao longo desta etapa aumentaron os saldos dos correspondentes e, o que é máis significativo, o movemento das contas. A través deles realizábanse a compra e venda de valores, cobro de cupóns e dividendos, o cambio de moeda estranxeira e ouro traído polos emigrantes, as remesas de xiros do aforro destes últimos, e a negociación de papel comercial. Porén, ao mesmo tempo caracterízanse estes anos por un estancamento no aforro líquido captado, isto é, as contas correntes apenas variaron en volume. Simultaneamente produciuse un aumento moi notábel dos valores de renda fixa e variábel que se depositaron na casa de Olimpio Pérez; pasouse de 12,3 millóns de pesetas nominais en 1904 a 46,1 millóns en 1915. Para captar estes fondos e aforrarse con iso gastos no depósito dos seus propios valores, en 1906 a casa investiu nunha caixa forte Fichet, de maneira que parte dos valores depositados deica aquel momento na caixa forte da sucursal do Banco de España pasaron a ser depositados en Olimpio Pérez. Pode deducirse do anterior que o aforro galego dos anos previos á Primeira Guerra Mundial amosou preferencia polos valores bolsistas españois e internacionais; é moi posíbel que os emigrantes exitosos retornados a Galicia trasladasen a súa carteira de valores e preferisen cobrar os seus dividendos e cupóns a través dos bancos españois: sairíalles máis barato e poderían obter con máis facilidade adiantos. En 1909, pouco despois de falecer a súa esposa, Asunción Esteso Irigoyen, Olimpio incorpora como socios as súas fillas, os seus fillos e o seu xenro Marcelino Blanco de la Peña, para constituír a Sociedad Regular Colectiva, Olimpio Pérez e hijos, que se dedicará: «…a todas as operacións de comercio e especialmente as de Banca e Comisión…». O ca-

158

Marcelino Blanco de la Peña, xenro e sucesor de Olimpio Pérez

Olimpio Pérez Rodríguez

159

pital social estabelecido foi de 1 millón de pesetas distribuído do seguinte xeito: o 67% de Olimpio Pérez, o resto entre os seus fillos e o seu xenro, de xeito que o matrimonio Blanco de la Peña Pérez controlaba o 6% do capital. Durante estes anos incorporáronse á xerencia os seus fillos Manuel e Julián Pérez Esteso. Igualmente abriuse en 1910 unha sucursal en Vilagarcía, a única que tería o banco ata 1957, data na que o banco trataría de transcender a súa dimensión exclusivamente galega. A elección de Vilagarcía significaba un esforzo por estreitar relacións coa industria conserveira, tradicional cliente da casa. O encargado da nova sucursal sería un home de confianza, Manuel Castromil Otero, irmán do empresario Evaristo Castromil co que a casa bancaria terá intereses comúns a partir dos anos vinte. Olimpio Pérez, que xa se autodenominaba «banqueiro» na época na que traballaba baixo a razón social de Hijos de Pérez Sáenz, tivo unha actividade destacada non só no ámbito industrial e bancario senón tamén en diversos campos da vida local. Formou parte en 1881 do primeiro Consello de Administración da Caja de Ahorros de Santiago, foi o seu director entre 1908-1915 e o seu tesoureiro entre 1981-1907.12 Foi ademais administrador da sucursal do Banco de España en Santiago entre 1892-1913. Pertenceu ao Consello de Administración do Manicomio de Conxo, institución á que lle proporcionou facilidades financeiras. Durante algúns anos exerceu como concelleiro do Concello e de modo temporal foi depositario dos fondos municipais. Foi vogal do economato, unha cooperativa cívico-militar da cidade de Santiago creada en 1894, membro da Xunta de Seguros Mutuos, membro tamén da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. En 1899 foi elixido presidente da Cámara Oficial de Comercio de Santiago, pero despois de alegar as súas ocupacións renunciou ao cargo. Xunto a outros empresarios composteláns organizou a exposición rexional de 1909, para o cal mercou uns terreos preto da Ferradura que posteriormente lle cedeu á Universidade de Compostela para fundar unha residencia.13 Por último, Olimpio xunto a Ricardo Rodríguez Pastor na Coruña, Marchesi en Ourense, José Riestra López en Ponte-

12

Maixé (2003), pp. 342-343.

13

Hijos de Olimpio Pérez (1947).

Empresarios de Galicia

vedra e Laureano Salgado Rodríguez de Caldas de Reis forma parte do núcleo de empresarios que impulsaron o nacemento do sector eléctrico galego a finais do século XIX e principios do XX.14 O que sen dúbida foi máis importante banqueiro da historia compostelá falecería en 1915 á idade de 74 anos. A sociedade continuou, baixo a razón social de Hijos de Olimpio Pérez, capitaneada polos seus fillos Manuel, Miguel e Julián Pérez Esteso, e polo seu xenro, Marcelino Blanco de la Peña. Foi un dos poucos bancos locais galegos que conseguiron sobrevivir á crise dos anos vinte, que rematou, entre outras, con dúas casas bancarias coas que estaban moi estreitamente relacionados, a compostelá Pérez y de Andrés e a vilagarciá de Hijos de Francisco Deza. Marcelino Blanco de la Peña foi durante os anos posteriores á morte de Olimpio o brazo industrial da casa, e na súa representación tivo un importante papel no proceso de concentración do sector eléctrico galego; tomou parte de forma destacada na gran fusión dos anos vinte, a realizada entre a Sociedad General Gallega de Electricidad, a Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago e a Electra Popular de Vigo y Redondela, así coma participando na fundación de Fenosa, xa despois da Guerra Civil. O banco adoptaría a forma de sociedade anónima en 1957 e mercaría en 1964 o catalán Banco de Crédito e Inversións, adoptaría a partir de entón a denominación da sociedade absorbida. A familia perdería o control do banco a finais da década de 1970 a prol de Banca Catalana e do grupo empresarial de José María Ruiz Mateos.

14 Carmona

e Nadal (2005).

160

Olimpio Pérez Rodríguez

161

Bibliografía Carmona Badía, X. (1982): «Sobre as orixes da orientación exportadora na producción bovina galega. As exportacións a Inglaterra na segunda mitade do século XIX». Grial. Historia, anexo I. — (1983): «Producción textil rural y actividades marítimo– pesqueras en Galiza, 1750-1905», tese de doutoramento inédita, Universidade de Santiago. — e M. T. Fernández (2003): A Compostela industrial. Historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago, Santiago, Consorcio da cidade de Santiago. — e J. Nadal Oller (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, A Coruña, Fundación Barrié de la Maza. Castañeda, Ll. (2001): El Banco de España (1874-1900). La red de sucursales y los nuevos servicios financieros, Madrid, Banco de España. Facal, M.ª J. (2001): «La exportación de monedas desde una zona periférica: Galicia 1861-1886», comunicación presentada no VII Congreso de la Asociación de Historia Económica, Zaragoza. — (2004): «Las remesas de emigrantes recibidas en Galicia en el siglo XIX a través de Manuel Pérez Sáenz e Hijos de Pérez Sáenz de Santiago de Compostela», comunicación presentada no obradoiro de traballo Los retornos de América en el siglo XIX: Hombres, dinero, cultura y política, Barcelona. — (2005): «La integración de comerciantes mayoristas gallegos en redes financieras o bancarias en la segunda mitad del siglo XIX: Manuel Pérez Sáenz», comunicación presentada no X Simposio de Historia Económica, Universidad Autónoma de Barcelona.

Fernández Vázquez, M. T. (2002): «La industria del curtido en la Galicia contemporánea», tese de doutoramento inédita, Universidade de Santiago. García López, A. (2003): La actividad bancaria en Galicia. Desde el catastro del marqués de la Ensenada a la ley Cambó, Valladolid, Lex Nova. García López, J. R. (1992): Las remesas de los emigrantes españoles en América. Siglos XIX y XX, Columbres. Hijos de Olimpio Pérez (1947): «Notas históricas de la fundación y proceso de la casa de banca Hijos de Olimpio Pérez 1847-1947», Santiago, mecanografado. Lindoso, E. (2005): «El factor empresarial en la Galicia atlántica, 1820-1913», tese de doutoramento inédita, Universidade da Coruña. Maixé, J. C. (dir.) (2003): El ahorro de los gallegos. Orígenes e historia de Caixa Galicia (1876-2002), Fundación Caixa Galicia. Taboada Moure, P. (1982): «Revoltas populares en Galicia a mediados do século XIX». Grial, anexo I. Vázquez González, A. (1999): «La emigración Gallega a América 1830-1930», tese de doutoramento inédita, Universidade de Santiago de Compostela.

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.