Os preconceptos lingüísticos sobre o galego na mocidade

May 18, 2017 | Autor: Silvia Busto Caamaño | Categoria: Galician language, Linguistic prejudice
Share Embed


Descrição do Produto

Silvia Busto Caamaño Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios Lingua Galega e Sociedade Ano lectivo: 2016/17 Data de entrega: 20 de abril de 2017

OS PRECONCEPTOS LINGÜÍSTICOS SOBRE O GALEGO NA MOCIDADE

ÍNDICE 1. Introdución e obxecto de estudo 1.1. Sobre a definición de preconcepto - Que é? Por que se produce? Como se produce? A quen afecta? – Páxinas 3 - 4 1.2. O fenómeno do autoodio como preconcepto lingüístico – Páxinas 4 - 5 2. Actitude da mocidade (galega) perante o emprego do galego - Causas e consecuencias dos preconceptos lingüísticos – Páxinas 6 - 12 3. Conclusión(s) – Páxina 12 4. Referencias bibliográficas – Páxinas 13 - 14

2

1. INTRODUCIÓN E OBXECTO DE ANÁLISE 1.1. Sobre a definición de “preconcepto” - Que é? Por que se produce? Como se produce? A quen afecta? O presente traballo ten por obxectivo analizar os preconceptos lingüísticos que experimenta o galego na mocidade. Para iso, estudaranse os diferentes motivos que poden levar á presenza deses preconceptos, as causas que xeran nas franxas de idade máis temperás e, finalmente, as súas consecuencias. Así, en primeiro lugar, xulgamos que é preciso ofrecermos unha definición do vocábulo preconcepto ou prexuízo, concepto moi presente na lingua galega, nomeadamente polo seu estado de minorización. De acordo con Freixeiro Mato (2009: 116), cómpre termos en conta a diferenza entre o preconcepto propiamente dito de outras actitudes: “[…] para que exista un preconcepto debe haber un estereótipo previo” (Freixeiro Mato 2009: 116). Deste xeito, como sinala Freixeiro Mato, as actitudes apréndense; no entanto, os estereótipos “fan referencia aos atributos dun grupo social e poden conter características positivas e negativas” (Freixeiro Mato 2009: 116). É, pois, nos estereótipos negativos onde achamos unha relación cos preconceptos, os cales desembocan na marxinalización da lingua minorizada, se falarmos de linguas. O preconcepto está presente en todos os ámbitos da sociedade máis vulnerábeis, e precisamente por mor desa vulnerabilidade como consecuencia das forzas dominantes, certas áreas fican isoladas, por exemplo, o galego, as mulleres, a mocidade etc. Para afondarmos máis na idea de preconcepto consideramos pertinente botarmos man das definicións de que Freixeiro Mato se apoiou no seu estudo. Así, Falar galego: “No veo por qué” presenta o preconcepto como un sentimento de carácter afectivo cuxo obxectivo é isolar os ámbitos da sociedade máis débiles e apoiar os máis fortes ou dominantes (Iglesias Álvarez 2003: 28). Alén diso, en Preconceito lingüístico. O que é, como se faz, Bagno sostén que os preconceptos se producen como consecuencia da intolerancia cando é “fruto de uma visão de mundo estreita, inspirada em mitos e superstições que têm como único objetivo perpetuar os mecanismos de exclusão social” (Bagno 2003: 12). Sendo o noso obxecto de estudo a análise dos preconceptos lingüísticos sobre o galego na mocidade, temos de ter presente que a mocidade é unha área vulnerábel na sociedade, polo que é relativamente doado que os preconceptos actúen de xeito permeábel na populación nova. Así, tal e como recolle Iglesias Álvarez, o preconcepto procura marxinalizar eses ámbitos da sociedade máis débiles e, por tanto, dominados, para alén de mostrar apoio aos máis fortes ou dominantes (Iglesias Álvarez 2003: 28). No entanto, 3

a sociedade que rodea a mocidade, nomeadamente as crianzas, resulta crucial para se determinaren os preconceptos que se poidan xerar. Neste sentido, cómpre alertar os pais, as nais, os docentes etc., a fin de manteren unha postura favorábel face á lingua galega, pois dependendo das súas actuacións e discursos, as crianzas serán quen de valorizar se esa lingua pode ser útil ou non na súa vida. Por outro lado, os preconceptos levan consigo a idea de se poderen coñecer; no caso dos preconceptos lingüísticos, grazas aos falares, pódense indagar trazos como a orixe social ou o grao de educación dos falantes. Como é ben sabido, está moi presente a (absurda) idea de que se unha persoa fala galego é porque posibelmente non tivera recibido unha educación e talvez sexa de aldea, porque nos ámbitos urbanos e periurbanos a maioría da populación é castelanfalante1. Aquí é onde encontramos os preconceptos producidos como resultado da falta de valorización da propia lingua dos falantes, dun xeito xeral, mais focalizando aquí na mocidade. Non é nada raro irmos pola rúa e ouvirmos “¿Por qué les hablas en gallego a tus hijos si no les va a servir para nada? Yo a los míos les hablo en español, creo que les abrirá más puertas el día de mañana”. O triste e penoso da situación é que a persoa que pronunciou esas verbas é galegofalante, é máis, é paleofalante de lingua galega. Entón, como non vai haber prexuízos sobre o galego na mocidade se xa de entrada os pais e nais optan por lles falaren ás crianzas en castelán? Non resulta de estrañar, e non sorprende tampouco o resentimento que ese pai ou esa nai sente face ao galego, pois sendo paleofalante (teño constancia deste feito) encontra unha xustificación, bastante absurda, ao meu modo de ver, para non lle falar en galego ás súas crianzas. Freixeiro Mato explica pormenorizadamente este feito: Así, o galego foi adquirindo máis outro estigma, ser unha lingua de vellos e impropia para os tempos modernos. Este preconcepto está na actualidade moi instalado entre as propias persoas idosas, que en ocasións non ven ben que as crianzas sexan educadas en galego. Acontece que a caracterización do galego como fala ruda e fea convérteo, consecuentemente, en inadecuado para ser usado polas crianzas, mostrándose máis unha vez a forte relación entre todos os preconceptos (Freixeiro Mato 2009: 137).

1.2. O fenómeno do “autoodio” como preconcepto lingüístico

1

Tomamos aquí como referencia os datos sobre a situación do galego nas cidades ofrecidos en González González, Manuel (2008): “Algunhas observacións sobre a evolución da lingua inicial en Galicia entre 1992 e 2004”, en A mi dizen quantos amigos ey. Homenaxe ao profesor Xosé Luís Couceiro, pp. 469-478 (Santiago de Compostela: USC).

4

Podemos falar aquí doutro concepto que xerou certa controversia por algúns sociolingüistas: o autoodio lingüístico. Ese pai e esa nai paleofalantes en lingua galega que din que o galego non é bo para os/as seus/súas fillos/as porque non lles vai servir para nada están a ser dominados, sen dúbida, por un sentimento de autoodio, están a renegaren do que lles é propio. De acordo con Freixeiro Mato (2014: 118), “o autoodio é un sentimento que provoca vergoña que se produce como consecuencia de ter trazos que desprezan o seu grupo social e que leva a esa persoa a se avergoñar de si propio”. Canto ao autoodio lingüístico, defínese como un odio que alguén e quen de sentir por si mesmo como consecuencia de falar o seu propio idioma e que devece por facer a mudanza por outro: […] O ‘autoodio’ como un sentimento de vergoña que alguén pode experimentar por posuír características que despreza do seu grupo social e que o conducen a se desprezar a si propio por iso. Se este concepto o aplicamos ás linguas, falaremos de ‘autoodio lingüístico’, que é o que aquí nos interesa, e que definimos como un sentimento de vergoña que ten unha persoa por falar o seu propio idioma, o cal lle provoca desprezo por ela mesma e ansias de o substituír por outro (Freixeiro Mato 2014: 118).

Precisamente polo mero feito de se sentir avergoñada da súa propia lingua, a mocidade decide mudar o galego como a súa lingua habitual polo castelán. Con todo, a fin de se incrementar o emprego da lingua galega entre a mocidade na Galiza, considerouse eficaz a creación dun espazo onde se solidarice o uso do galego, nomeadamente, seguíndose os sentimentos contrarios ao autoodio: afectividade e emotividade2. Alén disto, algunhas consecuencias do autoodio lingüístico áchanse, como xa referimos previamente, no proceso de substitución da lingua minorizada (galego) pola lingua de máis prestixio (castelán). Así, a transmisión interxeracional do galego romperase e, por tanto, os galegofalantes entre a mocidade serán escasos: Como lóxica consecuencia da súa deslealdade lingüística, unha vez instalados na nova lingua após o problemático e dificultoso proceso de adaptación, van transmitir ese novo idioma á súa descendencia, a romperen así a cadea de transmisión interxeracional do galego de que seus pais e avós fixeran parte. E esta é, ben o sabemos, a principal causa que explica a grande perda de falantes da lingua galega nos últimos tempos, nomeadamente entre a xente nova (Freixeiro Mato 2014: 130).

2

Para máis información, véxase a noticia en: .

5

2. ACTITUDE DA MOCIDADE (GALEGA) PERANTE O EMPREGO DO GALEGO - Causas e consecuencias dos preconceptos lingüísticos sobre o galego na mocidade O primeiro que podemos sinalar é que a actitude da mocidade galega perante o uso do galego é, con todo, positiva. Así e todo, os preconceptos sobre o galego non pasan desapercibidos entre as xeracións máis novas, mais eles/as mesmos/as son os/as que teñen nas súas mans a posibilidade de mudaren a situación e impulsaren o emprego do galego3. Co obxectivo de pesquisar as actitudes da mocidade sobre o uso do galego e a situación sociolingüística nesa parte da populación, o Consello da Cultura Galega levou a cabo un informe, tanto cuantitativo como cualitativo, publicado neste mesmo ano, en que se entrevistaron mozos e mozas con idades comprendidas entre 15 e 25 anos no período transcorrido entre decembro de 2015 e febreiro de 2016. Este informe toma como punto de partida unha entrevista en que participa mocidade galega da idade que acabamos de mencionar. Para iso, preguntouse sobre a lingua inicial dos/das participantes, a lingua dominante na familia, no traballo, nos estudos, nas relación sociais, nas relacións de parella etc. Finalmente, temas como a ausencia do galego falado e escrito pola mocidade fecharon a entrevista. Canto ás opinións sobre o uso do galego, o informe levado a cabo polo Consello da Cultura Galega4 presentou os resultados atendendo a tres grupos de discusión, os cales foron configurados de acordo con tres hábitats de residencia: a zona costeira de Vigo para representar un núcleo densamente poboado, a vila de Viveiro para estudar un segmento de residencia intermedio, e un concello rural, Frades, para representar un núcleo pouco poboado. O que se constatou neste estudo foi a forte presenza do galego entre a mocidade pertencente ao concello de Frades, mais dun xeito favorábel e positivo para a lingua. Porén, nese grupo de falantes mozos e monolingües en galego está presente a idea dun galego que carece de calidade. De feito, afirman que o ‘castrapo’ é a variedade lingüística coa cal se senten identificados/as, mais tamén se albisca neste grupo de falantes un certo

3

Para máis información, véxase a noticia en: . 4

Consultar Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia, Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela), disponíbel en (pp. 6-48).

6

consenso da existencia dun galego auténtico, que eles cualifican como “do bo”, “do país”, “Buah!... así do bo” (Álvarez Blanco 2017: 16). Deteñámonos agora no concepto do castrapo, o cal non goza de ser protagonista de numerosos estudos; é un termo bastante pouco estudado, mais o que si podemos constatar é que leva o galego face ao castelán e está asociado ás persoas con pouca ou ningunha alfabetización. Así, de acordo con Freixeiro Mato: O ‘castrapo’ é un termo tan popular e estendido como pouco definido e mal estudado. Freitas (2008: 706) equipara o concepto de castrapo co de mestura de linguas e defíneo como “variedade do castelán impregnada de galeguismos, lato sensu, que nace da falta de instrución e de formación lingüística de moitos galegofalantes”. Estaría movido polo afán de falar nunha lingua xulgada como superior e propia de xente importante e viría sendo unha amálgama de dúas linguas, utilizadas ambas incorrectamente (Freixeiro Mato, en Sánchez Rei 2014: 41).

Con todo, achamos que non é a falta de formación lingüística a causa de a mocidade recoñecer que o castrapo é a lingua con que se identifican. Aliás, seguindo coa mocidade que habita no rural, está presente un distanciamento do castelán e un achegamento face ao galego, nomeadamente por unha falta de seguridade ao tentar falar unha lingua allea á materna. Se focalizarmos agora na lectura e na escritura, esta mesma mocidade asume que o castelán é a lingua máis escollida con respecto do galego, esencialmente porque o galego ‘normativo’ resulta para eles/as unha lingua allea afastada da lingua empregada polos falantes tradicionais. Canto aos medios de comunicación, os/as mozos/as valorizan de xeito negativo o galego empregado, sostendo que é de má calidade e próximo ao galego popular. En conclusión, os preconceptos lingüísticos na mocidade do concello rural de Frades carecen de importancia, pois a visión de conxunto presenta unha clara identificación co galego por parte dos/das mozos/as cuxa lingua habitual é o galego. Esta mocidade está plenamente consciente do proceso de substitución lingüística que se vive nas zonas urbanas: “Eu non sei se ten que ver, pero aghora, que cada vez hai menos xente no rural…, xa non ves… Van todos máis contra o pueblo. Xa empezan a falar máis castellano. O gallego penso que xa foi máis do pueblo que é”, “Ao mellor a xente que está no rural e se vai, ao mellor, vai para unha ciudá e xa empeza a falar castelán, e non entendo por que: porque ti, que te vaias do rural e te vaias pa Santiago, ou pa Coruña, eu non entendo por que tes que cambiar de galego ao castelán, se segue sendo Galicia” (Álvarez Blanco 2017: 22).

7

O outro grupo de discusión empregado neste estudo pertence á vila de Viveiro, e caracterízase por ser un grupo máis novo e máis cualificado do que o de Frades. Neste caso, ao tratarse dunha vila mediana, tanto o galego como o castelán teñen usos similares, mais case todos/as na súa totalidade aprenderon a falar o galego na casa: -Onde aprendestes o galego? - Na casa. - En mi casa se habla gallego y castellano. - Na miña, igual. - En mi casa se habla gallego, y yo no sé el porqué de que hablo castellano. - Na casa toda a vida se falou gallego, pero no colegio, en Primaria, pois… obligábanos a falar en castellano!; non sei por que. Despois xa… fun pa o instituto; era todo gallego, gallego, gallego…, e, eu que sei! Se me falas gallego, fáloche gallego, e se me falas castellano, fáloche castellano (Álvarez Blanco 2017: 25).

Para alén diso, importa mencionarmos as causas que propiciaron o proceso de substitución lingüística do galego polo castelán, mais tamén os feitos co obxectivo de se manter a lingua. Non hai recuperación posíbel do idioma cando estamos perante unha ruptura da transmisión xeracional, preconcepto evidente e favorecido polos máis vellos: Eso é algo mui característico parece que de todas as casas, porque os meus avós tamén sempre falaron galego i a min eles sempre me falaron en castelán. - Por ejemplo, en mi casa mi madre sí que se habla castellano; mi padre, gallego, pero gallego cerrado, que tú lo escuchas hablar y dices: “¿Qué dices?”, pero… sí; mis abuelos también hablan gallego. Lo que pasa es que yo tiro más por mi madre, más el castellano y... - Pues mis padres hablan en gallego, pero, yo no sé por qué, me pasa como a ti, hablo castellano. (Álvarez Blanco 2017: 26).

Deste xeito, están a se fomentar os preconceptos lingüísticos na mocidade ao decidiren os pais/nais/avós/avoas falárenlle aos fillos/as e netos/as nunha lingua diferente á familiar. Perante esta situación, a conclusión que podemos tirar é a presenza dun bilingüismo, mais bastante próximo ao monolingüismo en castelán: Eu sempre falo galego, menos na casa, cos familiares, unicamente. Igual…, e igual eu estou contigo e estou falando galego, e, de repente, chega meu irmao e a el contéstolle en castellano,

8

sabes? E non sei…: cos familiares, castellano, sempre; non sei, unha manía ou… o que queiras chamarlle (Álvarez Blanco 2017: 27).

Alén do máis, o castrapo está tamén presente nos falares desta mocidade, igual que no caso de Frades. No entanto, a mocidade viveirense valoriza dun xeito máis positivo o castelán do que o galego: […] creo que me sinto máis cómoda, ás veces, falando en castelán, porque teño bastante máis vocabulario. O sea, si quero ter unha conversación máis extensa i falar de temas…, non sei, un pouco específicos, si recurriría un pouco ao castelán, porque, a verdá, gústame ler i leo moitas máis cousas en castelán que en galego i todo eso, pero non teño un problema en falar… galego; de aí a que póidoche dicir tamén que non falo ningún dos dous idiomas perfectamente, porque sería… (Álvarez Blanco 2017: 28).

Canto ao nivel de lingua escrita, esta mocidade declara ser deficiente tanto en galego como en castelán, cando realmente o que se traballa no sistema educativo é a escritura, deixando nun segundo plano a oralidade. Outra preocupación destes mozos e mozas é o facto de non teren un modelo lingüístico de calidade que lles poida servir de guía, mais como van gozar dun referente para usaren un bo galego cando se está a romper a transmisión xeracional? É inevitábel, xa que logo, que a mocidade non sinta preconceptos face á lingua, pois, tal e como advirte Iglesias Álvarez: [...] Estes non son innatos, senón aprendidos, e unha das súas principais vías de transmisión é o discurso dos denominados axentes de socialización (pais, profesores, mass media e grupo de iguais). De acordo con isto, comprobaremos como os mesmos preconceptos aparecen ao longo de varias xeracións, formulados e expresados, ademais, de xeito moi semellante. Polo tanto, neste caso, a xuventude limítase a reproducir os preconceptos aprendidos dos seus maiores (Iglesias Álvarez 2007: 167).

No que respecta aos usos lingüísticos, o galego está presente en maior medida nas aldeas e parroquias do concello; no entanto, o castelán é o dominante no núcleo urbano. Alén disto, resulta ben curioso destacarmos que existe un grupo de mozos e mozas que, malia seren castelanfalantes, non mostran ningunha clase de rexeitamento face ao galego: Yo hablo castellano, pero no desprecio ni muchísimo menos el gallego. A mí me gusta escuchar hablar gallego. Lo que yo veo en mí, por ejemplo, que voy a hablar gallego y… ¡tengo que pensar las cosas antes de decirlas! ¡Tardo un montón y me siento como un poco… imbécil!, por decirlo de alguna manera, antes de hablarlo; pero a mí me gusta que la gente hable gallego y… (Iglesias Álvarez 2007: 30).

9

Outro preconcepto que xorde cara ao galego na mocidade é froito da imposición lingüística5 que as novas xeracións din que viviron, a cal provocará un afastamento pleno da lingua, e mesmo pode correr perigo de desaparecer. Así, Iglesias Álvarez sostén: Baixo o argumento de que os intentos de normalizar o galego supoñen a «imposición» desta lingua, rexéitase calquera medida destinada a aumentar a súa presenza. Curiosamente, para defender este discurso recórrese de novo ao valor da liberdade, que, xunto co da igualdade, a democracia situou nun lugar incuestionable. Hai acordo en que se debe conservar o galego, pero ao mesmo tempo insístese en que o camiño non é a imposición, nin a obrigación. A «imposición» considérase negativa porque atenta contra a liberdade individual (Iglesias Álvarez 2007: 173).

Como xa sinalabamos na introdución, o preconcepto procura isolar os grupos máis vulnerábeis dunha sociedade, entre os cales se inclúe a mocidade, unha mocidade que mostra sensibilidade pola mudanza lingüística que leva consigo un monte de consecuencias para quen a ten de vivir, nomeadamente para os máis novos. Entre elas destácase unha que é chave para que se poida chegar a producir o preconcepto: unha reconstrucción da propia identidade. Porén, a mocidade viveirense afirma que non chega a haber un menosprezo pola lingua como consecuencia do cambio lingüístico. Aliás, este grupo de mozos e mozas declara non facer uso dos medios de comunicación en galego. Finalmente, esta mocidade prevé un futuro negro para a nosa lingua, que será empregada soamente nos núcleos rurais, ficando o castelán como lingua dominante nos territorios urbanos. Así e todo, albíscase un sentimento esperanzador por parte da mocidade, nomeadamente atendendo ao uso do galego nas relacións persoais e nas situacións de lecer: Pero xa o fala menos xente! Se te das de cuenta fálao menos xente! A ver, si fala máis xente, pero ao mismo tempo… hai xente que non o fala xa! É que… vivindo aquí de toda a vida! Entonces eu creo que se acabará…, a ver, non como decía antes coma o latín, eso é un pouco esagerado, pero si, perderase! (Álvarez Blanco 2017: 33).

Finalmente, o outro grupo de discusión pertence á zona costeira de Vigo, por tanto, núcleo urbano. O primeiro que debemos sinalar é o alto grao de castelanización presente nesta zona por se tratar dun núcleo urbano. Xa que logo, o contacto co galego na mocidade é

5

Para máis información, véxase a noticia en: .

10

practicamente nulo. Con todo, aumentan os neofalantes co obxectivo de protexeren a lingua, mais o galego aparece como unha lingua asociada á populación avellentada: Yo pienso que… Cuando pienso en el gallego lo asocio a personas, pues…, de tercera edad, más que a adolescentes, y cuando lo escucho, pues, suele ser ¡eh!… muy cerrado; entonces como que es algo [...] es muy… es propio de una determinada zona y que no… y el castellano es más para…, pues, para… las ciudades (Álvarez Blanco 2017: 38).

A cuestión ideolóxica é algo que tamén preocupa a mocidade viguesa, especialmente en relación co ámbito académico, e trae con ela un preconcepto bastante absurdo polo mero feito de se cuestionar a posibilidade de adquisición de coñecementos e a dificultade na aprendizaxe dunha determinada materia por ser impartida en galego: En bioloxía é bastante incómodo ter que aprenderse todas as cousas en galego porque iso é algo bastante obxectivo, porque por moito amor que lle teñas á lingua, ti, á hora de exercer unha profesión importante, aprenderte todo en galego, en galego ou en calquera outro idioma co que non te sintas familiarizado!, dá igual si é galego ou inglés…; a min non me gustaría dar bioloxía en inglés, por exemplo. Se eu vou usar o que aprendo en bioloxía nun ámbito de castelanfalantes, paréceme un pouco absurda a idea de ter que aprender todo, dende os nomes dos ríos, que é o “Tajo” e ti…, sabes... Non sei, paréceme un pouco máis práctico, non nin mellor nin peor, máis práctico, o feito de aprender a bioloxía, que son termos bastante específicos i que moitas veces cambian bastante en galego (Álvarez Blanco 2017: 39).

Emporiso, a mocidade non se ve condicionada a empregar o galego nin nos exames, nin nas aulas, aínda que haxa a obriga de se impartir certas materias en galego. Achamos aquí outro preconcepto que coloca o galego nunha situación de desvantaxe con respecto ao español, pois mesmo habendo a obriga de se daren algunhas materias en galego, existe a liberdade para o estudantado escoller a lingua en que se quixer expresar, ben por escrito nos exames, ben oralmente nas aulas. No entanto, non goza o galego desa plena liberdade. Para alén diso, a mocidade ten claro que o papel das familias é chave canto á conservación das linguas: A ver…, realmente en ese caso, si tú lo que quieres hacer es que todo el mundo hable gallego… Vale, pues, simplemente lo que tienes que…, lo que tendrías que educar es…, sería a la gente para que enseñe a sus hijos en gallego, y les enseñe a hablar español y gallego (Álvarez Blanco 2017: 44).

Se falarmos sobre os produtos culturais, a mocidade viguesa decántase por ler en castelán e raramente en galego; len en galego de xeito obrigado. E o mesmo ocorre coa música: prefiren ouvila en castelán do que en galego. Así, a situación sociolingüística na zona 11

costeira de Vigo, e nas zonas urbanas en xeral, está intimamente ligada cunha ideoloxía política nacionalista6, nomeadamente porque a maioría do galego que se ouve no núcleos urbanos é o falado por neofalantes e, precisamente por seren neofalantes, tratan de imitar o modelo de lingua estándar: “E esto ten un porqué. Estamos en Vigo. En Vigo o idioma dominante é o castelán. Se alguén fala galego é porque ten unha militancia para cun idioma que representará i que…” (Álvarez Blanco 2017: 47). Ben certo é que o futuro do galego non está garantido, o feito de non ser unha lingua normalizada é onde achamos esa explicación, mais non se vai normalizar nunca se non se acaban por disolver os preconceptos face a ela, tanto por parte da mocidade como da sociedade en xeral, preconceptos que non van desaparecer se se rompe coa transmisión xeracional, pois o rapaz e a rapaza asumirán que a lingua en que se lles fala no ámbito familiar é a mellor para eles/as porque lles vai abrir máis portas no futuro etc. 3. CONCLUSIÓN(S) Após realizarmos este estudo, podemos concluír con certo sentimento de negativismo por mor da cantidade de preconceptos lingüísticos que foron aparecendo entre a sociedade, nomeadamente entre a mocidade. Para evitar esta situación, débese vencer o inimigo: o autoodio que impide que floreza un sentimento de afectividade, pois o feito de se renegar da propia lingua supón renegarse dun mesmo. Se se superar o autoodio non haberá a necesidade de procurar unha substitución da propia lingua por outra considerada de máis prestixio e, deste xeito, as crianzas non medrarán nun ambiente castelanizado, co cal, os preconceptos lingüísticos que xeraría a mocidade sobre o galego serían practicamente inexistentes. Como xa foi referido, a mocidade constitúe un ámbito débil na sociedade, e os preconceptos procuran precisamente isolar eses ámbitos, por tanto, a actuación dos pais, nais e docentes sobre o emprego da lingua galega será chave para que unha crianza e un/unha mozo/a non xere preconceptos. Non esquezamos que é na mocidade onde realmente está o futuro da nosa lingua.

Ver Iglesias Álvarez, Ana (2007): “Os preconceptos lingüísticos segundo a idade”, en Méndez López, Iván / Amelia Sánchez Pérez (eds.): Lingua e Idade. III Xornadas sobre Lingua e Usos, pp. 176-177. 6

12

4. REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS 4.1. Bibliografía citada Manuais Bagno, Marcos (2003) [1999]: Preconceito lingüístico. O que é, como se faz (São Paulo: Loyola). Freixeiro Mato, Xosé Ramón: “A lingua tiveran por lingua d’escravos. O autoodio como concepto sociolingüístico”, Estudos de lingüística galega, 6, Santiago de Compostela, 2014, pp. 117-137. Freixeiro Mato, Xosé Ramón: “Lingua galega e preconcepto”, Revista Galega de Filoloxía, 10, 2009, pp. 115-144. Freixeiro Mato, Xosé Ramón: “Lingua oral, calidade da lingua e futuro do galego”, en Xosé Manuel Sánchez Rei (ed.): Modelos de lingua e compromiso, A Coruña, Baía Edicións, 2014, pp. 13-84. González González, Manuel (2008): “Algunhas observacións sobre a evolución da lingua inicial en Galicia entre 1992 e 2004”, en A mi dizen quantos amigos ey. Homenaxe ao profesor Xosé Luís Couceiro, 469-478 (Santiago de Compostela: USC). Iglesias Álvarez, Ana (2003) [2002]: Falar galego: “No veo por qué”. Aproximación cualitativa á situación sociolingüística de Galicia (Vigo: Galaxia). Páxinas web (última consulta: 14 de abril de 2017). (última consulta: 11 de abril de 2017). (última consulta: 18 de abril de 2017). Outros recursos disponíbeis na web Álvarez Blanco, Rosario (coord.) (2017): Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia, Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela), disponíbel en 13



(última

consulta: 17 de abril de 2017). Iglesias Álvarez, Ana (2007): “Os preconceptos lingüísticos segundo a idade”, en Méndez López, Iván / Amelia Sánchez Pérez (eds.): Lingua e Idade. III Xornadas sobre Lingua e Usos, 165-182 (A Coruña: Servizo de Normalización Lingüística / Servizo de Publicacións da UDC),

disponíbel

en

(última consulta: 18 de abril de 2017). 4.2. Bibliografía consultada Seminario de Sociolingüística da RAG (2003): O galego segundo a mocidade (A Coruña: RAG), disponíbel

en

(última consulta: 16 de abril de 2017).

14

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.