Safo: Os doce versos. Punto e final (2014)

June 9, 2017 | Autor: Lúa García Sánchez | Categoria: Classics, Greek Literature, Ancient Greek Literature, Sapho, Safo
Share Embed


Descrição do Produto

Os doce versos. Punto e final? Despois de ir deixando caer durante estes meses os versos do poema de Titono como pingas preguiceiras, chegou o momento de reunilos aquí todos e ler de seguido esta composición de Safo; Vos, os fermosos agasallos das Musas de seos de violetas, rapazas, desexade e a melodiosa lira amante da canción; Pero da miña pel que antes era delicada a vellez xa se me apoderou, e por brancos trocaron os cabelos que eran negros; Pesado fíxoseme o meu corazón, e os xeonllos non me sosteñen, os que hai un tempo eran áxiles para bailar iguais a cervos. isto lamento a miúdo; mais, que vou facer? que o ser humano non avellente resulta imposible. Pois din que tamén un día a Aurora de brazos rosados por amor levou a Titono cara os confíns da terra, cando era fermoso e novo, mais a el igualmente atrapou ao final a canosa vellez, aínda tendo unha muller inmortal.

Se consideramos que o poema de Titono está completo (e non que puido ser máis longo como suxire o P.Oxy.), debemos entón concluír que a composición remata cunha referencia mitolóxica. Este tipo de relatos reciben a denominación de exempla e son narracións dun mito ou parte dunha historia tradicional sobre deuses ou heroes. O estudo doutros poemas arcaicos gregos que empreguen un exemplum mítico como peche é un argumento para defender a teoría de que o poema remata dese xeito no v. 12. Algúns estudos falan dunha conclusión aberta como característica estilística dos poemas arcaicos gregos, mais dentro da monodia arcaica parece que só atopamos unha testemuña completa da recorrencia ao exemplum como final (este é Alceo fr.44 que trata unha escena da Ilíada). Outros poemas deste autor que empregan o mito e son fr.38a (onde aparece a figura de Sísifo) e fr.298 (sobre Casandra), nos cales Alceo despois desas referencias volve á situación presente. E por último, o fr.42, de doce

versos como o de Titono e que se o consideramos completo pode ser un paralelo deste, mais igualmente presenta problemas en canto ao seu final. Fóra da lírica monódica, atópanse exempla míticos na lírica coral en autores como Simónides e o seu sobriño Baquílides, e en Píndaro ou Horacio, pero as diferenzas entre estes e Safo (época, lugar, dialecto, métrica…) son demasiadas como para afirmar que o emprego deste recurso ten a mesma finalidade. Nas odas, como na traxedia, é frecuente acudir ao mito, mais como historia relacionada dun xeito complexo co que se está a narrar. Así nos epinicios pindáricos é sinxelo enlazar o mito co vencedor que recibe a oda ou co pasado heroico da súa familia ou rexión. Para o profesor Lowell Edmunds (The new Sappho on old age, Tithonus in the “New Sappho” and the Narrated Mythical Exemplum in Archaic Greek Poetry, 58-70), os que si manteñen fortes similitudes coa natureza do exemplum mítico en Safo son os discursos en Homero, onde son máis coñecidos como paradeigmata. Defende que comparten elementos introdutorios, pertencen a unha serie de xéneros retóricos (comúns a monodia, elexía e épica) e ademais son narrativas que serán presentadas publicamente, como farían os oradores. O principal punto en común é para Lowell Edmunds que despois da narración do mito vólvese á situación que xustificaba o relato. Isto coñécese como estrutura en anel (do termo inglés ring-composition) e é moi frecuente en Homero. Mentres, volvendo á oposición con outro tipo de emprego do mito, en Píndaro, contaxiase a técnica anular da elección dos momentos máis evocadores. Deixando a un lado estas diferenzas entre Píndaro e Simónides con Safo, veremos máis adiante algunha similitude, especialmente no “Poema dos irmáns” desta poeta, pois este ten certo aspecto dun poema laudatorio dunha familia prominente feito por ela mesma (o que despois se profesionalizaría con figuras como as dos autores que citei antes). Lúa García Sánchez [email protected]

Lihat lebih banyak...

Comentários

Copyright © 2017 DADOSPDF Inc.